Tal como dábamos conta hai uns meses, a nosa clase maxistral de Hipatía de Alexandría serviu para ilustrar o mes de xaneiro do calendario de 2014 que fixemos no IES de Melide como unha das actividades coordinadas pola Biblioteca, dentro do noso tema monográfico de traballo Un ano de película. Moitos departamentos didácticos tratamos de facer o noso cartel de cine para ilustrar un mes e nós eleximos, como non unha película de tema clásico, Ágora, a superprodución española dirixida por Alejandro Amenábar. Outros departamentos ou titorías escolleron películas como Rebeldes, Casablanca, Gandhi, A Lingua das Bolboretas, Harry Potter... Se queredes ver o calendario completo, tédelo aquí, en Biblomelide, o blog da nosa biblioteca. O calendario é gratis para os participantes e para os demais venderase a un prezo que non superará os 3 €.
O cine seguirá sendo fonte de inspiración e xa nos está rondando algo na cabeza para o entroido... pero non podemos adiantar nada polo de agora.
12/01/14
NON DIGNE, OSCAR, CITO VITAM CARUISTI...
Con esta adaptación de epitafio latino, "Non é xusto, Óscar, que te privases da vida tan rápido", comezamos tristemente este ano 2014. No 2013 as Parcas foron especialmente crueles cos filólogos clásicos e nos últimos días levaron ao noso amigo Óscar Sánchez Vidal.
Óscar era profesor de latín no IES As Lagoas de Ourense, o mesmo instituto no que eu xa fora alumna da latín do seu pai, Julio Sánchez, quen tamén nos deixou prematuramente. Era autor do blog In proverbiis, veritas, que figura na nosa lista de blogs dende a súa creación. Gústaballe o seu traballo e facíao en silencio, a penas nos enterabamos dalgún premio de innovación pedagóxica e publicacións en diversas revistas. Atopábamonos moitos anos no Festival de Teatro de Lugo e, como moitos de nós, procurou sempre manter a súa formación ao día implicándose no uso das novas tecnoloxías. Na imaxe vémolo facendo o curso de Chiron en Compostela 2008.
Pero máis que méritos profesionais, Óscar distinguíase por ser un bo amigo, un excelente compañeiro e unha mellor persoa. Era simpático e divertido, moitos dos meus mellores recordos da facultade son compartindo con el un cacho de mesa na nosa cutre biblioteca de filoxoxía, na praza de Mazarelos, saíndo de viños polo Franco despois dos exames cargados de dicionarios ou, xa descargados, indo de copas polos pubs da zona vella con toda aquela panda de amigos da nosa promoción 1983-1988 e "adlateres". Seguiu conservando o seu bo humor a pesares das dificultades que lle foron xurdindo na vida e soubo desfrutar das cousas pequenas.
Aínda que Menandro di Ὅν οἱ θεοὶ φιλοῦσιν, ἀποθνήσκει νέος (A quen os deuses aman, morre novo), eu prefiro continuar o epitafio de arriba "vivere debueras, annis fere centum licebat", "deberías estar vivo, deberías vivir cen anos". A perda dunha persoa así é irreparable para todos seus amigo e compañeiros, pero, ao igual que os heroes clásicos, Óscar seguirá sempre vivo na nosa memoria.
Dende aquí queremos enviar unha forte aperta á súa familia,
especialmente a Eva, a súa muller e amiga nosa, e aos seus fillos.
Engadimos aquí outros comentarios de amigos que nos chegaron por correo:
Engadimos aquí outros comentarios de amigos que nos chegaron por correo:
Levamos unha semana en silencio, sen palabras. Á nosa memoria acoden aqueles anos que pasaron fugaces en medio de tanta alegría e amizade. Naquela biblioteca soterrada de Mazarelos, Oscar estaba sempre connosco para alegrarnos e darnos chispa. Que comentarios e bromas tan atinadas, que consellos e ánimos, que sonriso e mirada tan alegre e cómplice...que compañeiro...foi unha sorte terte coñecido. Grazas Oscar. A ti Eva unha gran aperta.
Flor e Suso
Non teño palabras, e menos, as palabras precisas... Só sei que sinto unha enorme pena. Unha desgraza brutal. Unha infinita pena. Agora pasa a habitarme Óscar para sempre nos mellores eidos da miña memoria, por tanto e tan bo que compartín con el... Foi un auténtico e imborrábel luxo telo coñecido, ter aprendido del, ter rido e sonrido, partillar vivencias...
Ata sempre compañeiro!!!
Abi.
Artigo de Serafín Váquez no seu blog Folerpas de luz.
Artigo na páxina da SEEC Galicia