25/06/19

DESPEDINDO O CURSO CON EMILIO DEL RÍO

Para despedir o curso desta volta decidimos pasar a tarde do mércores 19 de xuño en Compostela, aproveitando que Emilio del Río se achegaba a Compostela para presentar o seu libro Latín Lovers.
Emilio del Río é un coñecido latinista e divulgador que conta cun autentico clubs de fans no IES de Melide. Nas clases de latín de Eva Vilariño en 4º de ESO e, sobre todo, en 1º BAC sempre se dedica un momento da semana para escoitar o seu programa Verba Volant, dentro do espazo No es un día cualquiera, que presenta Pepa Fernández en RNE 1.
Para recibir a Emilio como se merece, as alumnas de 1º de BAC de latín prepararon unha pancarta cunha magnífica caligrafía con letra capitalis rustica -que de algo nos valeron os obradoiros de escritura!- que rezaba: SAPERE AVDE CVM MAGISTRO AEMILIO ("Atrévete a saber co mestre Emilio", para @s que non tedes a sorte de saber latín). A verdade é que a pancarta deu o campanazo e tiraron un montón de fotos. Emilio incluso levouna como recordo. A hora e pico que durou a conferencia pasou voando e despois, nas dedicatorias, Del Río, coa amabilidade e simpatía que o caracterizan, dedicou un tempo máis que xeneroso a tod@s os que acudimos á mesa a pedirlle unha dedicatoria do libro.

Antes da conferencia aproveitamos para coñecer a Sala Númax, un local de promoción cultural que funciona como sala de cine, libraría e laboratorio. Alí pudimos ver Elisa e Marcela, a interesante película de Isabel Coixet baseada na historia real de dúas mulleres que a principios do s. XX se atreveron a ter unha relación amorosa.
Un día redondo na mellor das compañas, o alumnado de humanidades e o noso querido compañeiro Fernando López, profe de madeira que está a punto xa de integrarse no departamento de clásicas, despois de viaxar con nós a Sicila e Grecia, deseñarnos mobles clásicos e un sinfín de cousas máis. Botamos moi en falta a Eva Vilariño, que desgrazadamente non puido acompañarnos nesta tarde e mandámoslle todo o noso agarimo.

Desámosvos un feliz verán e deixamos aquí a ligazón ao último programa de Verba Volant, no que Emilio del Río menciona ao IES de Melide.


Emilio del Río e Sala Númax

05/06/19

VIAXE A SICILIA 2019. POR FIN!!

Cando xa van alá dous meses da nosa fantástica viaxe a Sicilia, publicamos por fin unha selección de fotos. Se o ideal é facer as cousas en fresco e dar noticia inmediata das nosas actividades, nesta ocasión as circunstancias fixeron que tras este paréntese de dous meses volvamos a soborear algo que xa tiñamos esquecido.
É difícil facer síntese: Catania co seu barroco siciliano, unha vila de amplas avenidas e xardíns amable para pasear. O monte Etna, onde Hefesto tiña a súa fragua, nevadísimo. Taormina coa súa espectacular ubicación que permitía que os espectadores do teatro disfrutasen das máis fermosas paisaxes. Siracusa co seu poderoso pasado grego, onde aínda nos parece ver paseando polas súas rúas a Platón, Dión ou Arquímedes. A luxosa Villa del Casale cos seus centos de metros cadrados de mosaicos nun incrible estado de conservación. O Val dos Templos en Girgenti (Agrigento) onde dalgún xeito seguen morando os deuses gregos. Murriale (Monreale) coa súa catedral árabe-normanda que deixa sen respiración. Cifalù (Cefalù), a perla da costa norte, coa súa gran rocha coronado a paisaxe. Palermo, señorial e decandente berce de fenicios, gregos, normandos...

Lugares máxicos na mellor das compañas: Laura Cabo, Paula Cordero, Sara Folgueira, Anita e María Fuciños, Saray, Lara, Zaira, Dolores, Carlota, Elisa, Inés, Lucia Peón, Alberto, Carla, Mabel, Teresa, Sara Sánchez, Carolina, María Valcárcel, Paula Valiño, Xanaia, Marta e Lucía Rizos. Moitas son repetidoras de Grecia, con todas elas pódese ir ao fin do mundo. Elas co seu interese constante, coas súas ganas de aprender, co seu saber estar e as súas calidades humanas fixeron que esta viaxe sexa inesquecible para Fernando López (Ferni), Eva Vilariño e quen suscribe, Susana Losada (Susilosi). Arrivederci, ragazze!

  Viaxe a Sicilia 2019

19/05/19

OUTRA VEZ TOCA DESPEDIDA

Este ano, se cadra algo antes que os anteriores, despedimos unha vez máis ao alumnado de 2º de BAC. Seis anos xuntos é moito tempo, e sobre todo tempo de grandes cambios. Recordo a aquelas nenas e nenos que empezaron no club de lectura polo 2013, que foron pasando da adolescencia en cultura clásica a (case) idade adulta, polo menos iso é o que podo dicir das miñas alumnas e alumnos de bacharelato. Fago un repaso deste tempo, saídas ao cine, teatro clásico en Lugo, os primeiros Ludi Compostellani que organizamos, canto traballo e canto medo!. O concurso Odisea e ese primeiro premio de Galicia que gañaron Yara, Adrián e Ainhoa, a viaxe a Grecia á que so viñeron uns poucos... Pero o máis importante de todo, a convivencia do día a día nas aulas que me permitiu coñecer mellor a unhas persoas marabillosas que me engaiolaron. Subscribo todo o que di a profe de filosofía, Marga Quintela, e mesmo lle roubo (ou reciclo) a súa frase "seguinde namorando a xente como me namorastes a min".
Yara, que aínda que en 2º de BAC escolleu outras optativas máis axeitadas aos seus futuros estudos, deixoume o recordo dunha mente lúcida e da súa honestidade. Uxía, aquela calada alumna de cultura clásica que se convertiu nunha brillante estudante de 2º de BAC, talvez con vocación filolóxica, coa súa mirada atenta e aguda, e doce como non, para non perderse nada. Marta co seu bo humor, sempre disposta a buscar a distensión do grupo e alegrarnos a clase, igual que Nuria, que neste curso aprendeu a ver a vida con tranquilidade e a disfrutar do momento (carpe diem!), que non está rifado con tomarse as cousas en serio. Ainhoa, sempre preocupándose polos demais, sensible e chea de empatía. Por que será que se convertiu en Santa Rela de Toques? por suposto que Marta está detrás desta beatificación. Adrián, o único rapaz da clase, o noso experto en temas de Historia, aparentemente máis serio, coa súa discreción característica, a súa constancia e boa organización.
Fixestes que as clases de bacharelato fosen unha terapia para min. Se entraba cansada, desanimada, ou enfadada ás veces, cinco pares de ollos atentos e sorrisos serenos facían que me esquecese de todo, que disfrutase do pracer que para min é dar clase de grego. Fostes os meus coelliños de indias, sen a vosa confianza e seguridade non sería quen de experimentar un novo método, seguindo a Santi Carbonell, menos baseado na gramática e máis na intuición, e de cambiar a pronunciación erasmiana pola histórica. Espero con ansia que os resultados das ABAU sexan bos para acabar de testar este cambio metodolóxico.
Pola miña parte, eu só agardo ter estado a vosa altura e ter contribuído un pouco a dotarvos de ferramentas para o futuro, non só para triunfar nos estudos e na vida, senón tamén para ser felices, que é o máis importante e sen dúbida o maior triunfo de todos.
Só me queda desexarvos que a vosa "viaxe a Ítaca" sexa longa, como di o poeta, chea e coñecemento, e que vos enriqueza como vos me enriquecestes a min.

Promoción 2013-2018

22/03/19

ULTIMANDO A NOSA VIAXE A SICILIA

Como xa só nos faltan dúas semaniñas para a nosa viaxe a Sicilia, deixamos aquí a nosa unidade didáctica, para ir facendo boca e informándos un pouquiño das marabillas que imos ver.
Ademais de unidade didáctica, é un caderno de viaxe: actividades breves para facer (que serán recompensadas) e unha pequena bitácora, para escribir, debuxar...
Ide botando un ollo

12/03/19

TEATRO EN LUGO: ELECTRA de Eurípides e XEMELGOS de Plauto

Teatro Clásico Lugo 2019

Un ano máis acudimos fielmente á nosa cita co teatro clásico, como sempre posible grazas ao traballo de SEEC Galicia e, en concreto,  á dedicación e esforzo de persoas como Ricardo Martín e Teresa Amado. Este ano asistimos á Electra de Eurípidese a Gemelos de Plauto a cargo da compañía El Ruiseñor.
Desta volta tivemos a oportunidade de visitar a Domus do Mitreo antes da representación da mañá e dar o noso acostumado paseo pola muralla, a xoia do noso patrimonio romano. Queremos agradecer as xestións da Oficina de Cultura da USC, que nos permitiron visitar a Domus nun día e nun horario no que normalmente está pechado, ofrecéndonos unha visita gratuíta cunha guía estupenda. Foi un auténtico luxo visitar un recinto arqueolóxico en intimidade cunha explicación moi didáctica e amena que nos fixo entender perfectamente a estrutura e evolución do edificio.

Na clases de hoxe, martes, tanto en 3º de ESO como en 1º de BAC, fixemos unha posta en común da nosa experiencia nas representacións de onte e chegamos as conclusións que expoñemos a continuación.
Como soemos acostumar, na aula fixemos un traballo previo das obras que, sen dúbida, nos permitiu disfrutar moito máis do espectáculo.

A posta en escena da Electra foi impecable, conseguiu comunicar ese πάθος ou paixón, sufrimento... inherente á traxedia grega. Unha Electra grandiosa que absorbía case todo o demais, incluído o propio Orestes, foi quen de crear un clímax que culmina coa desesperación final. A acertada supresión do deus ex machina, esa solución conciliadora invención de Eurípides, acentúa o sentimento tráxico: o drama remata cuns heroes que conseguen o seu obxectivo inicial, a vinganza, pero non acadan a paz interior, ese anticlímax tamén característico da traxedia. O conflito e a traxedia continúan, non teñen fin. Os irmáns abandonan a escena cada un polo seu lado: Orestes, torturado, co convencemento de ter actuado impiamente e Electra, desesperada, privada do amor e comprensión do irmán polo que  agardou con tanta ansia.
A coreografía e vestiario fan un xogo espectacular de cores, luces e simboloxías: coro en branco, Clitemnestra en vermello, Electra e Orestes en negro, posuídos por un coro de danzantes tamén en negro, a modo de Furias ou Erinias, divindades torturadoras dos parricidas que serán as protagonistas do final desta historia, que conservamos na versión de Esquilo coas súas Euménides.
Só un espectáculo da calidade desta Electra consegue o impensable, cautivar a un público tan xoven e conseguir un silencio case absoluto durante a representación, polo menos na zona de adiante, onde estivo sentado o IES de Melide. Aínda diría máis, a xulgar polo estado do alumnado no IES de Melide nas clases de hoxe, creo que a representación logrou no público esa catarse ou liberación das paixóns que acadaba a traxedia grega.

Despois da grandiosidade da mañá, os Gemelos de Plauto non nos souberon a tanto. É certo que para nós supuxo un grande alivio comprobar que foi unha representación moi digna e coidada que non caeu no humor fácil e simplón que vimos en anos anteriores. A vis cómica recaeu máis nos Menecmos que nos habituais servus ou parasitus das comedias plautinas. A diferenza do ano pasado, a comprensión do argumento foi boa polos máis pequenos e a posta en escena, ao igual que na traxedia, impecable. Grazas a teatro El Ruiseñor por confiar na "intelixencia" do seu público e non ofrecernos un espectáculo paifoco, aos que últimamente xa nos estabamos acostumando.

Polo demais, só engadir que este luns 11 de marzo pasamos un estupendo día primaveral en Lugo: atopamos a vell@s e moi querid@s compañeir@s e disfrutamos da mellor das compañas, o alumnado do IES de Melide, que sabe estar á altura e desfrutar tanto cun recinto arqueolóxico como cunha traxedia grega ou comedia romana. Mil primaveiras máis para as clásicas!

14/02/19

3º PREMIO CONCURSO ODISEA FASE AUTONÓMICA!!!

Este ano o IES de Melide volveu quedar finalista no concurso Odisea, obtendo o 3º posto no desempate autonómico. O equipo gañador é MOIRAS de 4º C de ESO, formado por Najwa Daki, Noa Glez Mejuto e Idaria del Pino Rouco. Durante unhas horas vivimos a ilusión de ter o 2º posto, pero coa corrección de erros descendimos un posto. De todos xeitos o traballo feito por Najwa, Noa e Idaira foi fantástico, foron quen de resolver preguntas moi difíciles e superar a outros equipos de cursos superiores, 1º e 2º de BAC.
Mañá, venres 15 de febreiro, faremos unha entrega de premios na biblioteca á que estades todos convidados. Serán premiados o equipo que quedaron en 2º e 3º lugar dentro do IES de Melide: PLVS VLTRA, formado por Abel Espiño e Iago García Carregal e RÓMULO E REMO con Pablo Quintela e Diego Tarrío Vide, será moi doce!




11/02/19

CONCURSO ODISEA

Unha vez máis acabamos de pasar uns días emocionantes co Concurso Odisea. Ademais de adquirir coñecementos sobre a Ciencia e a Tecnoloxía nas antigas Grecia e Roma, o tema deste ano, aprendimos a traballar en equipo, a buscar información non só en páxinas web, senón tamén en libros, a manexar índices... e sobre todo, a pensar.

Os resultados foron bos para o IES de Melide, xa que conseguimos clasificarnos para o desempate. Estos son os nosos equipos mellor clasificados, segundo puntos e tempo empregado:

1. Moiras, formado por Najwa Daki, Noa Glez Mejuto, Idaira del Pino Rouco de S4C con 77 puntos
2. Plus Ultra, de S4C, con 77 puntos
3. Rómulo e Remo, de S4C con 75 puntos
4. Albores, formado por Alba López, Dolores Mouriño e Pablo Villamor de B1B, con 73 puntos
5. Ctesibio de Alexandría, formado por Naiara Gómez, Aldara leiva e Brais Vázquez, con 71 puntos.

Dende este blog desexamos moita sorte ás nosas representantes do equipo MOIRAS,  Najwa Daki, Noa Glez Mejuto e Idaira del Pino Rouco de S4C, no desempate que terá lugar o mércores 13 de febreiro en Compostela. FORZA, CAMPIOAS!!!

  Concurso Odisea 2019

31/01/19

CONCURSO ODISEA 2019

Un ano máis estamos a punto de comezar unha das actividades máis divertidas (e instrutivas) do curso, O Concurso Odisea, que este ano ten como tema central A Ciencia e A Tecnoloxía en Grecia e Roma.
Aínda que apenas tivemos tempo por estar moi atarefad@s cos IV Ludi Compostellani, as profes de latín e grego preparamos a toda presa unha presentación para ter un punto de partida antes de comezar o concurso e como xa acostumamos ultimamente, un kahoot de entranamento.
Bota un ollo á presentación e prepara o teu móbil para o Kahoot. Se queres saber máis mira a esta presentación na aula virtual de latín do IES Pontepedriña, realizada pola profesora Gloria Rguez Leal.



E agora fai o kahoot

 

29/01/19

IV LVDI COMPOSTELLANI

Un ano máis SEEC Galicia vén de celebrar os LVDI COMPOSTELLANI, xa na súa cuarta edición. Se en anos anteriores os LVDI celebrábanse a finais de abril, coincidindo coa entrega de premios das Olimpíadas de Tradución, neste curso decidimos desligalos deste concurso e adiantar a data a xaneiro, para aproveitar a maior disponibilidade de espazo na Facultade de Filoloxía da USC. Esta nova data, ademais, permitiunos gozar dos Ludi sen os apremios de fin de curso.
Así, o pasado martes 22 de xaneiro, acudiron á cita arredor de 200 estudantes de secundaria do IES de Melide, CPR Ntra Sra de los Remedios, I.E.S. nº1 O Carballiño, IES de Curtis, Colexio la Salle de Santiago, IES Xelmírez II, IES nº 1 do Carballiño, IEs Antón Fraguas, IES Menéndez Pidal e o IES Moncho Valcárcel. Realizamos obradoiros de moda clásica, danza grega, cociña, escritura antiga, grafitos, hoplitas, xogos clásicos, unha xincana mitolóxica pola zona monumental.
Como novidade este ano disfrutamos dunha magnífica sesión do Club Falcata de Vigo onde aprendimos aspectos fundamentais da lexión romana e o día a día dos lexionarios.
No IES de Melide, como en anos anteriores, as alumnas e alumnos de cultura clásica, latín e grego impartiron os obradoiros de Danza, Moda e Escritura con moito siso e gran mestría, hai que dicilo. Pero é de xustiza engadir que o alumnado e profesorado participante, coa súa actitude positiva e colaborativa, axudou moito a que todo saíse ben.
Tod@s @s asistentes foron agasallados por SEEC Galicia cunha pulseira que reza "Eu💗Clásicas" e tiveron a oportunidade de facer un tattoo clásico. As pulseiras e os tattoos foron unha idea orixinal do departamento de filosofía do IES de Melide e a profe Marga Quintela, da que nós, como bos clásicos, fixemos imitatio.
Todo un éxito grazas ao traballo en equipo de SEEC Galicia, do alumnado e profesorado que realizou os obradoiros e participou neles. Parabéns a tod@s e a por uns V LVDI COMPOSTELLANI con máis obradoiros.

  IV LVDI COMPOSTELLANI