Como xa só nos faltan dúas semaniñas para a nosa viaxe a Sicilia, deixamos aquí a nosa unidade didáctica, para ir facendo boca e informándos un pouquiño das marabillas que imos ver.
Ademais de unidade didáctica, é un caderno de viaxe: actividades breves para facer (que serán recompensadas) e unha pequena bitácora, para escribir, debuxar...
Ide botando un ollo
12/03/19
TEATRO EN LUGO: ELECTRA de Eurípides e XEMELGOS de Plauto
Un ano máis acudimos fielmente á nosa cita co teatro clásico, como sempre posible grazas ao traballo de SEEC Galicia e, en concreto, á dedicación e esforzo de persoas como Ricardo Martín e Teresa Amado. Este ano asistimos á Electra de Eurípidese a Gemelos de Plauto a cargo da compañía El Ruiseñor.
Desta volta tivemos a oportunidade de visitar a Domus do Mitreo antes da representación da mañá e dar o noso acostumado paseo pola muralla, a xoia do noso patrimonio romano. Queremos agradecer as xestións da Oficina de Cultura da USC, que nos permitiron visitar a Domus nun día e nun horario no que normalmente está pechado, ofrecéndonos unha visita gratuíta cunha guía estupenda. Foi un auténtico luxo visitar un recinto arqueolóxico en intimidade cunha explicación moi didáctica e amena que nos fixo entender perfectamente a estrutura e evolución do edificio.
Na clases de hoxe, martes, tanto en 3º de ESO como en 1º de BAC, fixemos unha posta en común da nosa experiencia nas representacións de onte e chegamos as conclusións que expoñemos a continuación.
Como soemos acostumar, na aula fixemos un traballo previo das obras que, sen dúbida, nos permitiu disfrutar moito máis do espectáculo.
A posta en escena da Electra foi impecable, conseguiu comunicar ese πάθος ou paixón, sufrimento... inherente á traxedia grega. Unha Electra grandiosa que absorbía case todo o demais, incluído o propio Orestes, foi quen de crear un clímax que culmina coa desesperación final. A acertada supresión do deus ex machina, esa solución conciliadora invención de Eurípides, acentúa o sentimento tráxico: o drama remata cuns heroes que conseguen o seu obxectivo inicial, a vinganza, pero non acadan a paz interior, ese anticlímax tamén característico da traxedia. O conflito e a traxedia continúan, non teñen fin. Os irmáns abandonan a escena cada un polo seu lado: Orestes, torturado, co convencemento de ter actuado impiamente e Electra, desesperada, privada do amor e comprensión do irmán polo que agardou con tanta ansia.
A coreografía e vestiario fan un xogo espectacular de cores, luces e simboloxías: coro en branco, Clitemnestra en vermello, Electra e Orestes en negro, posuídos por un coro de danzantes tamén en negro, a modo de Furias ou Erinias, divindades torturadoras dos parricidas que serán as protagonistas do final desta historia, que conservamos na versión de Esquilo coas súas Euménides.
Só un espectáculo da calidade desta Electra consegue o impensable, cautivar a un público tan xoven e conseguir un silencio case absoluto durante a representación, polo menos na zona de adiante, onde estivo sentado o IES de Melide. Aínda diría máis, a xulgar polo estado do alumnado no IES de Melide nas clases de hoxe, creo que a representación logrou no público esa catarse ou liberación das paixóns que acadaba a traxedia grega.
Despois da grandiosidade da mañá, os Gemelos de Plauto non nos souberon a tanto. É certo que para nós supuxo un grande alivio comprobar que foi unha representación moi digna e coidada que non caeu no humor fácil e simplón que vimos en anos anteriores. A vis cómica recaeu máis nos Menecmos que nos habituais servus ou parasitus das comedias plautinas. A diferenza do ano pasado, a comprensión do argumento foi boa polos máis pequenos e a posta en escena, ao igual que na traxedia, impecable. Grazas a teatro El Ruiseñor por confiar na "intelixencia" do seu público e non ofrecernos un espectáculo paifoco, aos que últimamente xa nos estabamos acostumando.
Polo demais, só engadir que este luns 11 de marzo pasamos un estupendo día primaveral en Lugo: atopamos a vell@s e moi querid@s compañeir@s e disfrutamos da mellor das compañas, o alumnado do IES de Melide, que sabe estar á altura e desfrutar tanto cun recinto arqueolóxico como cunha traxedia grega ou comedia romana. Mil primaveiras máis para as clásicas!