23/11/20

APRENDEMOS O ALFABETO DECORANDO MÁSCARAS

Por fin as nosas máscaras en grego, máis vale tarde... Así é como me gustaría inaugurar este curso, pero o que foi unha idea relámpago converteuse en algo máis laborioso.
O primeiro día levei a clase as máscaras de "Sentidiño" que nos dera a consellería, pero alí non había xeito de pintar nada. Por outra banda, eran máscaras dun só uso, que xa non ían quedar moi alá despois do grafiteo en grego.
Chus Pintor, a nosa modista, fíxonos unhas máscaras con filtro de 25 lavados, en manualidades Creati mercamos os rotus para poder decoralas. O resto do traballo é responsabilidade d@s artistas de 1º de Bac,Diego Enjamio Rouco,Candela Miguélez, Raquel Miguélez, Alba Ramos, Antía Ramos, Noemí Vázquez e María Vázquez Prieto.
Estas máscaras son un produto artesanal producido e fabricado na Terra de Melide.

 


10/06/20

ADEUS Á PROMOCIÓN 2014-2020

Se todos os anos despedir a unha promoción de alumnado que marcha é un momento agridoce, este ano de confinamento o sentimento amargo parece que predomina sobre o doce, pasamos moito tempo sen vernos fisicamente e, de momento, non podemos despedilos como se merecen.
Eu nunca fun amiga de festas de graduación, sempre me pareceron (e me siguen parecendo) un elemento importado dunha cultura allea, como tantas outras festas que non consigo nin quero asimilar. Aínda así, este ano apetecíame acompañalos na súa despedida. Queda pendente, farémola en canto nos deixen!
Parece que me repito todos os anos por estas datas, este curso adiadas por culpa deste terrible virus, e sempre solto un repertorio de gabanzas dos que marchan. É a sorte que teño co alumnado que escolle grego. Pero este curso non quero reducirme aos meus seis alumnos de 2º de BAC, quero despedirme de toda a promoción, porque o noso percorrido nestes seis anos foi moi intenso, cheo de fermosas mercancías nácaras e corais, ámbares e ébanos, e perfumes deliciosos de todo tipo... como di Kavafis no seu poema Ítaca.
Recordo aquelas nenas e nenos, ávidas de lectura, que se apuntaron en 2014 ao club de lectura, un auténtico batallón. Moit@s delas foron alumnas miñas en 3º de ESO. Aquel ano, o 2016-2017, tiven un curso moi numeroso de cultura clásica, cheo de xente entusiasta, fixemos mil actividades. A pouco que dixese, tod@s se apuntaban. Non esquezo aqueles contos mitolóxicos que fixemos no cole nº 3 para os cativos e logo na biblioteca para os nosos rapaces de 1º e 2º de ESO. Eu estaba exultante, a penas fixera nada, todo foi cousa daquela rapazada que tiña recursos para todo e era quen de preparar un espectáculo marabilloso nun tempo récord. Logo concurso Odisea, obradoiros, Ludi, colaboración co Museo Terra de Melide... un sen parar.
Pero o mellor de todo foron as nosas viaxes. En 2018 nove días en Grecia: Atenas, Micenas, Epidauro, Olimpia, Kalávrita, Santorini... alí forxamos o "ritmo Grecia", que en 2019 convertiuse en "ritmo Sicilia" unha viaxe na que tod@s estábamos sintonizados, facendo todo xunt@s, sen cansarnos, cantando a todas horas o "Bella, Ciao". En 2020 lanzamos case en broma un órdago para ir a Berlín nunha ponte. Os profes que organizabamos estabamos convencidos de que non iamos conseguir grupo porque en 2º de BAC a xente está só a estudar... Sorpresa! Estabamos tan desbordados de xente que tivemos que restrinxir a viaxe á alumnado só de 2º de BAC. Viaxamos a Berlín só 15 días antes do confinamento, foi unha fermosa despedida da "vida normal". Con esta xente marabillosa eu iría ao fin do mundo, sen dubidalo, todos os esforzos deste ano, no que organizábamos dúas viaxes de longa duración, pagaron a pena.
E xa para rematar falo da miña aula de 2º de BAC. Que sorte a miña ter clase con eles os venres a 6ª hora, a mellor despedida da semana que podería ter. Nunca tiven unha mala palabra, nin sequera unha mirada desagradable. Paula Cordero, tan madura e desexando aprender máis, Alba Regueiro, absorbendo todo o que escoita e ve e conectando todo rapidamente, Aroa Mosteiro con esa mirada que iluminaba a clase, Carlos sempre ocurrente e feliz, Laura Puga, que conserva todo o agarimo daquela pequena que coñecín en 1º de ESO, Mabel, co seu sorriso tranquilo... Xa volo dixen na clase, se algún día sodes profes, deséxovos alumn@s como vós o fostes para min. Que fortuna tan gande tervos coñecido e percorrer con vós este tramo de viaxe. Feliz viaxe a Ítaca!

05/03/20

POR FIN UNHA TRAXEDIA CLÁSICA EN GALEGO, BRAVO!!

Este ano ao pracer de volver ver teatro clásico en Lugo engadiuse a novidade e a emoción de poder escoitar por vez primeira heroes tráxicos falar na nosa lingua. Non foi sen tempo despois de vinte anos de existencia deste festival de teatro, organizado por SEEC Galicia.
Este soño, poder escoitar a Ifixenia falando galego, non podería cumprirse se non fose pola xenerosidade de Susana Crespo e dos compoñentes do seu grupo de teatro El Ruiseñor.
A posta en escena de Ifixenia en Áulide foi fermosísima, solemne, grandiosa até o punto de ser quen de manter en silencio e recollimento a un auditorio cheo de estudantes de secundaria. Unha Ifixenia coa forza propia da xuventude e da inocencia, unha Clitemnestra desgarrada que loita como unha leoa até o final para salvar a súa filla. Un Agamenón que se debate entre o seu amor filial e a propia ambición, un Aquiles nobre e valiente, pero temeroso da multitude, un vello escravo máis cordo e coherente que os seus amos... todo eles son personaxes característicos de Eurípides, máis humanos, con luces e sombras, con medos e dúbidas.
Que marabilla poder escoitalos na nosa lingua e poder preparar o texto nas aulas coa impecable tradución de Ánxela Vidal Triñáns.
Pola tarde, O Persa de Plauto superou con moito as nosas espectativas. O Persa non é unha das principais obras de Plauto, é unha comedia que nos amosa un mundo do revés onde os escravos actúan como donos e señores, organizan banquetes e dispoñen da facenda do amo ausente.
O bo facer de El Ruiseñor e a magnífica adaptación de Ricardo Martín foron capaces de converter un texto simple, baseado no enredo e no equívoco, nunha comedia redonda e hilarante coa que disfrutamos moito pola tarde.
Pola mañá, antes da representación de Ifixenia, Javier Carreira, Najwa Daki e Iratxe López de Armentia, alumnos de 1º de BAC do IES de Melide que conformaban o equipo Synoris, recolleron o 2º premio do Concurso Odisea na súa fase autónomica, cousa que nos enche de orgullo, como é lóxico.
Ademais de teatro, sempre aproveitamos a nosa visita a Lugo para coñecer o patrimonio romano. Este ano tocoulle á necrópole de San Roque, un recinto arqueolóxico moi interesante no que destaca un impresionante estanque ritual con representación dos deuses exipcios Isis e Amón. Alégranos ver como nestes anos o Concello de Lugo foise esforzando por preservar o seu patrimonio romano e aumentou considerablemente os seus espazos museísticos.
E como sempre, só queda dicir que ao pracer de disfrutar de teatro e patrimonio clásico engádese o de pasar unha xornada acompañados por un alumnado de clásicas e artes escénicas que sabe estar,  disfrutar e valorar toda esta herdanza clásica.


Teatro Lugo 2020

01/03/20

VIAXE A BERLÍN

Este ano os departamentos de latín e grego embarcámonos en dúas viaxes: unha viaxe a Berlín no Entroido para alumnado de 2º de BAC e a xa institucionalizada viaxe a Grecia, na semana anterior a Semana Santa.
Por que Berlín? Pois porque o patrimonio clásico non está só en Grecia ou Italia, senón en moitos países europeos que formaron parte do Imperio Romano ou en países que nos séculos XIX e XX conseguiron levar ao seu territorio inxentes restos arqueolóxicos e coleccións de antigüidades por métodos que, na súa maioría, hoxe calificaríamos como expolio. Tal é o caso de Alemaña, que amosa en museos de Berlin edificios como o Altar de Pérgamo, que non puidemos visitar por estar en reformas, a porta do mercado de Mileto e unha importante colección de antigüidades clásicas entre as que destacamos o Tesouro de Príamo, atopado en Troia polo arqueólogo H. Schliemann e moitas marabillas máis, repartidas entre o Neues Museum, o Altes Museum e Pergamonmuseum.
Pero no só vimos ver antigüidades a Berlín, senón tamén a estudar historia recente, xa que Berlín aínda amosa as súas feridas como escenario do III Reich, da II Guerra Mundial e cidade emblématica da Guerra Fría, co famoso muro que a partiu en dous durante case trinta anos.
Unha viaxe estupenda grazas ao alumnado participante, que na súa maioría viaxou a Sicilia o ano pasado e a Grecia hai dous anos. Con xente como esta, disposta a ver e aprender en todo momento, paga a pena o esforzo de organizar dúas viaxes e quedar sen vacacións de Entroido.

Velaí a nosa guía de viaxe á que lle faltan algunhas cousas importantes.

Aquí van unhas cantas fotografías. Outras podedes velas nesta ligazón, creada por Ander Varela.

  Berlín 2020

20/02/20

TRES ANOS SEGUIDOS CLASIFICADOS EN ODISEA!!!!


No IES de Melide estamos a celebrar a nosa boa racha no Concurso Odisea. Esta ano dous equipos conseguiron clasificarse: Synoris, formado por Nawja Daki, Javier Carreira e Iratxe López de Armentia, de 1º de BAC B e o equipo Coraxe, con Iago García e Pablo Quintela, tamén de 1º B. Por tempo Synoris foi ao desempate e conseguiron o segundo posto na clasificación autonómica!!
E son xa tres anos, o pasado o IES de Melide quedou de terceiro e hai dous anos nade menos que o primeiro posto.
Rogamos aos deuses e deusas que @s organizadores non se cansen de seguir traballando para que poidamos seguir desfrutando deste concurso, no que tan ben o pasamos e tanto aprendemos.
Velaí a clasificación dos 16 equipos que participaron no IES Melide, nun total de 243 que participaron en Galicia.







Clasificación dos Grupos que participaron no desempate
Orde
Nome do Grupo
Centro
Localidade
Tempo empregado no desempate
Puntuación Total
SYNORIS
IES DE MELIDE
MELIDE
1 horas, 17 minutos e 26 segundos
105
Clasificación dos Grupos restantes
Orde
Nome do Grupo
Centro
Localidade
Tempo empregado en preguntón
Puntuación Total
CORAXE
IES DE MELIDE
MELIDE
4 horas, 46 minutos e 15 segundos
79
25º
AMANTES DE ZEUS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 40 minutos e 15 segundos
75
26º
OS TITÁNS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 42 minutos e 30 segundos
75
27º
TRES GRATIAE
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 44 minutos e 50 segundos
75
41º
CHURIS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 38 minutos e 51 segundos
73
42º
MILLÍXPALAS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 46 minutos e 6 segundos
73
53º
AS TRES GRACIAS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 22 minutos e 32 segundos
71
70º
MOIRAS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 35 minutos e 12 segundos
67
71º
AA MAMÁ
IES DE MELIDE
MELIDE
4 horas, 46 minutos e 22 segundos
67
75º
FANSES EMILIO DEL RÍO
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 58 minutos e 13 segundos
66
97º
ATALANTA
IES DE MELIDE
MELIDE
4 horas, 42 minutos e 25 segundos
61
100º
AS DÚAS AFRODITAS
IES DE MELIDE
MELIDE
3 horas, 42 minutos e 38 segundos
60
108º
PÍNDARO
IES DE MELIDE
MELIDE
4 horas, 14 minutos e 24 segundos
58
117º
ESCUDO E ESPADA
IES DE MELIDE
MELIDE
4 horas, 14 minutos e 46 segundos
55
134º
BAKUDEKU HARD
IES DE MELIDE
MELIDE
4 horas, 8 minutos e 3 segundos
45

27/01/20

CONCURSO DE ODISEA

Por fin chega o concurso Odisea, unha das actividades favoritas do alumnado de clásicas do IES de Melide. Este ano toca un tema moi interesante e importante, O deporte en Grecia e Roma. A proximidade cos V LVDI COMPOSTELLANI deixounos pouco tempo para adestrar, pero como boas atletas, nesta semaniña que nos queda faremos un esforzo case olímpico e tenteramos estar a altura.
A ver se este ano tamén a sorte nos acompaña. Comezamos vendo con calma esta presentación.
E non perdas esta interesante conferencia en vídeo sobre Xogos Olímpicos a partir do minuto 8.




Agora toca facer este Kahoot. Ten en conta que algunha pregunta pode ter máis de unha resposta.

25/01/20

V LVDI COMPOSTELLANI

O pasado mércores 22 de xaneiro tivemos a nosa quinta edición dos LVDI COMPOSTELLANI, a gran festa da cultura clásica que, atrevémonos a dicir, está xa ben consolidada na Gallaecia.
Este día acudimos varios centros de secundaria a impartir e recibir obradoiros á facultade de filoloxía da USC que estaba engalanada para a ocasión con mobles de inspiración clásica fabricados polo Ciclo de Madeira do IES de Melide, un mural cun magnífico cortexo de Dioniso realizado polas profesoras Margarita Olivar e Eva Garea, un simpático romano de Xosé Tomás... que nos axudaban a trasladarnos ao mundo antigo. Neste marco clásico un equipo de mozas e mozos do IES de Melide agasallaba aos visitantes con tattos en grego e latín.
 O IES de Melide, ao igual que en anos anteriores, impartiu os obradoiros de danza grega, escritura antiga e moda clásica cun alumnado cada vez máis afianzado e seguro que soubo expor ante outras alumnas e alumnos o que aprendera nas aulas. Este ano o obradoiro de moda contou coa colaboración de Hugo López, modisto e deseñador melidense, alumno de cultura clásica de 4º de ESO, que enriqueceu o noso catálogo cun espectacular traxe de grega minoica e outros deseños máis clásicos que luciron as súas compañeiras e profesoras.
O IES de Elviña estreouse este ano cun brillante obradoiro sobre hixiene e cosmética, onde puidemos ver unha réplica de letrina romana e facer un delicioso perfume. Fernando Lillo, magister maximus do IES de Santo Tomé de Freixido, ensinounos a facer graffiti pompepianos e a combatir como auténticos hoplitas gregos. O alumnado da filoloxía clásica da USC fíxonos xogar como antigos gregos e romanos. Fóra da Facultade, outros grupos de estudantes facían unha xincana de tema clásico pola zona monumental compostelá, guiados pola profesora Ana Suárez, especializada en Historia de Roma.
A media mañá puidiemos disfrutar dun espectáculo excepcional a cargo da Asociación cultural Gallaecia Viva que nos fixo vivir unha loita de gladiadores ao igual que na antiga Roma.
Unha xornada magnífica que nos ensinou a traballar en equipo e aprender divertíndonos.


V LVDI COMPOSTELLANI