Un evento inescusable na nosa axenda é a asistencia ao festival de teatro grecolatino que organiza a SEEC, agora en diferentes cidades galegas. Por motivos de proximidades xeográfica, sempre eliximos Lugo onde onte, luns 29 de febreiro, poidemos disfrutar dunha poderosa Medea de Eurípides e uns divertidos Xemelgos de Plauto.
Comezamos a nosa xornada visitando a Domus do Mitreo, onde vimos restos de peristilo, in pozo, un muíño de man, habitacións con canalizacións de auga e outras dependencias da casa que logo quedou partida coa construción da muralla. Pero o máis importante deste recinto é o templo de Mitra, único en Europa, onde vimos, en perfecto estado, a ara que lle dedicou un centurión a este deus persa.
Pola mañá, xa no auditorio, tocounos a traxedia. Unha Medea de Eurípides a cargo do grupo "El Ruiseñor" cun texto ben adaptado e unha dicción clarísima e moi traballada que permitiron unha perfecta comprensión e seguimento por parte do público. Na posta en escena destaca a interpretación dunha Medea implacable, presa pola paixón e na que apenas hai lugar para a dúbida, xunto cun tratamento libre do coro, no que as mulleres de Corinto interveñen individualmente e un grupo de danza asume actuación coral, de gran beleza plástica. Cabe destacar tamén a impecable interpretación do elenco de actores, na que sobrease a nodriza,capaz de transmitir ese πάθος ou paixón dramática.
Despois de xantar tocou algo máis lixeiro, uns Xemelgos interpretados pola compañía "Noite Bohemia" que, en esencia, conservaban ese espírito plautino: chistes adaptados ás circunstancias actuais, cantica (neste caso danza) para os entreactos e, sobre todo, moitas ganas de facer rir ao público. Actuación brillante de todos os actores e actrices, pero talvez sacrificio excesivo do texto orixinal en aras dun riso fácil, con algún chiste (de dubidosos tintes) evitable.
En resumo, unha xornada completa e estupenda, que seguiremos repetindo mentres a SEEC siga organizando coa eficacia e o bo facer que a caracteriza.
Despedímonoss facendo unha reivindicación, xa de vello, importante. Cando poderemos disfrutar dun espectáculo teatral na nosa lingua? Despois de tantos anos sen faltar a esta cita, é algo necesario que botamos de menos no IES de Melide. Dende aquí queremos animar á organizacion a que incentive os clásicos en galego, a ver se no 2017 podemos escoitar a Plauto, Aristófanes, Sóflocles ou Eurípides na nosa lingua.
Moi boa crónica, Susana. A nosa experiencia na Coruña foi similar. Con Electra, pola mañá, tivemos a oportunidade de contemplar unha traxedia moi ben interpretada, sobre todo polas mulleres protagonistas, moi arroupadas polo coro. Pola tarde déixamonos levar pola comedia de Plauto (Asinaria), na que tamén puido sobrar algún chiste actual que, non obstante, entusiasmou a bancada adolescente. Por outra banda, estou completamente de acordo contigo na suxestión respecto da necesidade de actuar por fin en galego. A ver se os astros se conxugan ao noso favor...
ResponderEliminar