Parafraseando uns versos que limos no canto VI da Ilíada, os homes somos como as follas das árbores, o vento espalla no chan as secas para reverdecer de novo en cada primavera. Así, cada mes de maio volvemos a ver partir a unha xeración máis, que marcha buscando outros portos, como dí o poeta, nesa viaxe a Ítaca.
A nosa viaxe en grego comezou cunha tripulación maior, Andrea, Adrián, Lucía Sesar e Raquel baixaron en portos anteriores para adquirir fermosas mercancías, na busca de rutas máis axeitadas. No barco continuaron Antía, Cristina, Dani, Jose e Lucía Varela. E aínda que, chegadas estas datas, sempre digo o mesmo do alumnado que marcha, o certo é que non podería ter atopado mellores compañeiros de viaxe. Será que sempre escolle esta materia o mellor de cada casa? ou será que a propia aprendizaxe nos fai mellores a todos?
Neste curso, no que persoalmente comecei a notar o cansanzo de todos estes anos e a cobizar unha xubiliación imposible, compartir remo case cada día co alumnado de 2º de BAC foi unha táboa de salvación. Para máis fortuna, con eles empezaba e remataba a semana, nunca tan levadeira foi a 6ª hora dos venres.
Endexamais vin unha mala cara, se cadra algo de lóxico cansanzo ou ganas de atender a cousas máis interesantes que as parasangas de Xenofonte. Antía, reivindicativa, pero tan cálida... sempre atenta, coa súa sensibilidade para aprezar a poesía e esa habilidade plasmada nun fermoso poema de Safo, copiado sobre papiro, co que nos agasallou (unha auténtica Mulier habilis!). Cristina, auténtica, sen medo a manifestar os seus sentimentos, a personificación da sensatez, do apego, do cariño polos seus, nos que nos inclúe. Dani, "non te raies", que con ese sentido seu do humor e esa tendencia a escurrirse de todo agocha tanto afecto e traballo sistemático. Jose, que foi reducindo distancias e soubo compartir con nós as súas observacións e inquedanzas e algunha que outra paixón. Lucía, cun sorriso e mirada que iluminan a aula, sempre de bo humor, pasando dos vaciles pola súa teima de ter todo controlado... Viaxamos física e mentalemente, vestímonos de gregas e romanos, traballamos en equipo, escribimos con cálamos, fixemos concursos, vimos teatro... a ate vimos as estrelas nunha fría noite de inverno. Grazas por apuntarvos a todo, grazas por ensinarme a vosa música, por deixarme entrar no voso mundo.
Houbo momentos duros na viaxe, nos que nos pareceu ver ao alporizado Poseidón, compartimos kleenex e palabras de acougo, sobre todo neste curso, 2º de BAC, que se acaba convertindo nunha carreira contra o reloxo. E aquí paramos a pensar. Imaxinades varios "2º de BAC" repartidos ao longo da vosa vida escolar, en 3º e 6º de primaria e, ao rematar a ESO, con carácter eliminatorio? Niso é no que quere convertir a LOMCE o sistema educativo, nun continuo salto de obstáculos que vai deixando xente nas cunetas, en lugar de ser un instrumento para limar as desigualdades.
O meu soño, o soño de calquera docente, penso, sería poder ter aportado ás miñas alumnas e alumnos durante estes anos ferramentas útiles para acadar outros coñecementos, para defenderse na vida, para realizarse coma persoas, para ser, en definitiva, máis felices. Gustaríame ter contribuído a formar boa xente, xente honesta, pero firme e comprometida, xente que non se conforme con ese futuro mediocre que lles ofrecemos, xente que se rebele e queira cambiar o mundo...
Outra vez máis, volvendo ao poeta, só me queda desexar que a viaxe sexa longa, chea de aventuras e coñecementos. Καλό ταξίδι!
Fenomenal el trabajo que realizas con tus alumnos gallegos. Ahora a esperar una generación más... Feliz y merecido verano!
ResponderEliminar