30/09/18

VOLTA AO COLE

Con dúas semanas de clase, unha vez superada a pereza do regreso ás aulas, imos facer un balance, adiantamos que positivo, deste novo curso que se nos presenta.
Nos tempos que corren moit@s profes de clásicas temos a nosa crise de setembro, terei alumn@s? en que niveis? respectarían a elección do alumnado? Cal é materia que compite coa miña? que rabia que non poidan escoller grego con lit. universal ou con historia, economía... Por sorte, para min este foi un ano de vacas gordas en grego: D@s seis alumn@s de grego I do curso pasado que podían matricularse en Grego II, cinco escollérono este ano, co cal o grupo está garantido. Pero para miña sorpresa, dezaseis rapaz@s escolleron Grego en 1º de Bacharelato, cantidade que non está nada mal se temos en conta que o total da matrícula en 1º de Bac ronda @s cincuenta alumn@s, dun total de catrocentos e pouco estudantes que ten o IES de Melide.
Pola contra, só temos catorce matrículas en Cultura Clásica de 3º de ESO e, un ano máis, non conseguimos curso en 4º. Esta é a tarefa pendente de cara o curso que vén. QUEREMOS VOLVER TER CUCA EN 4º!! E recuperar alumnado en cultura clásica de 3º.
E volvendo ao grego de 1º de Bac, xorden as preguntas. Por que tanta xente? Boa racha? os marabillosos días que pasamos en Grecia o curso pasado? o cambio de plantexamento didáctico na materia, aprendendo co gran Santi Carbonell?
O caso é que na aula de Grego I atopo dezaseis pares de ollos e orellas abertos de par en par, desexando aprender.  Caras e marmurios de sorpresa que me recordan o θαυμάζειν, esa actidude de admiración dos primeiros filósofos gregos ante a natureza que fixo xurdir o λόγος, o pensamento racional, a ciencia. Canta razón tiña Teresa Amado cando nos dicía nunha conferencia o curso pasado que co grego pasaba o contrario do principio socrático Só sei que non sei nada. E que sorte a miña, que podo participar na gran aventura de aprender e ensinar.
Velaí a estes valentes compañeiros de viaxe estreándose co grego. Estes son os seus nomes, uns traballos magníficos, orixinais, creativos e perfectos dende o punto de vista lingüístico. Parabéns!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario