15/03/22

COMEZAMOS A CAMPAÑA SOS CLÁSICAS VENDO TEATRO EN LUGO



Como todos os anos dende que comezou, e só interrompida en 2021 pola pandemia, o pasado 8 de marzo acudimos á nosa cita do Festival de Teatro Grecolatino de Lugo, nesta ocasión para asistir ás representacións de Bacantes de Eurípides e de Anfitrión de Plauto.
Foi un día estupendo porque, como sempre, as representacións a cargo dodo grupo Noite Bohemia non nos defraudaron. Se pola mañá gozamos dun fermosísimo espectáculo visual con Bacantes de Eurípides, pola tarde o Anfitrión de Plauto gañou ao público facendo que o teatro estoupase en gargalladas.
Antes da representación da mañá, non perdemos o tempo e puidemos visitar a Casa dos Mosaicos e ver o mural de Xulio César de Diego As, que vén de gañar importantes premios. Diante deste mural fixemos unha foto coa pancarta que vedes  en varias destas fotos e inauguramos así a campaña SOS Clásicas, na que alumnado e profesorado estamos en pé de loita  para que as clásicas recuperen no ensino e na vida cotiá o espazo que lles corresponde.

Pero o "pistoletazo" oficial de comezo da nosa campaña foi a lectura dun Manifesto en Defensa das Clásicas que leron tres alumnas do IES Eduardo Pondal de Compostela e a súa profesora, Noelia Cendán.
Pola tarde tivemos unha entrevista no programa da RTVG Fun polo vento onde informamos brevemente da nosa campaña. E a partir de aquí as  nosas redes sociais están que fumegan. Únete a nosa campaña!

Aquí podes ver e descargar as fotos da xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario