26/02/13

CADRO XENEALÓXICO DOS ATRIDAS

Seguimos preparando a nosa asistencia ao Agamenón de Esquilo o próximo día 4 de marzo en Lugo. Por si a alguén lle resulta longa a historia da casa de Atreo en formato cómic, aquí vai un cadro xenealóxico da familia dos Atridas, tamén chamados Pelópidas ou Tantálidas.
A particularidade deste cadro xenealóxico é que nel reflectimos a cadea de crimes desta familia maldita que continuou até Orestes e rematou grazas a intervención de Atenea, deusa da sabiduría.
Empregamos os aneis para sinalar matrimonios, os corazóns para as unións extramatrimoniais e o coitelo coas frechas vermellas para os asasinatos.


19/02/13

A CASA DE ATREO, UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA

Neste curso temos como lectura obrigatoria o Agamenón de Esquilo, tanto en 3º de ESO (aos que lles custará algo máis) como en 1º de BAC. Ao igual que en anos anteriores, as nosas lecturas coinciden coas obras que imos ver representadas a Lugo, dentro do XIII Festival de Teatro Grecolatino.
Agamenón forma parte da Orestíada, triloxía de Esquilo que se centra na cadea de crimes e vinganzas que sofre a familia maldita dos Atridas, descendentes de Tántalo. Agamenón regresa ao seu reino de Argos (ou Micenas) despois de conseguir a victoria guiando aos gregos contra Troia. Pero no seu palacio a súa esposa Clitemnestra tenlle preparado un recibimento moi especial. Sabemos que a traxedia grega céntrase na dor humana e non cabe final feliz. Agamenón pagará polos crimes cometidos, pero os seus asasinos tamén pagarán por este novo crime.
Na última obra desta triloxía Esquilo propón unha solución para romper esa cadea viciada de violencia: a razón e persuasión da deusa Atenea serán quen de restablecer a xustiza e harmonía para os habitantes de Atenas. Ofrecemos aquí unha pequena crónica dos crimes da Casa de Atreo, que ben podía pasar por un terrible "culebrón", baseándonos en dous cómics que temos na biblioteca:

14/02/13

A NOSA ODISEA 2013

Despois de ver as imaxes podemos facernos unha idea de como foi a nosa semana de Odisea 2013. A pesares da convocatoria de folga durante tres días (5,6 e 7 de febreiro) conseguimos ambiente de concurso e encher a aula de informática que o instituto nos tiña reservada. Certo é que algúns grupos xa abandonaron na segunda xornada, pero a maioría continuou pelexando até o final, sen redirse, como auténticos espartanos.
O IES de Melide participaba con 10 equipos:
  1. Set: Sarai, Eva e Tamara de 3º de ESO
  2. La teletienda: Álex, Mario e Sergio, de 3º de ESO
  3. Αἱ Χάριτες: Aitana, Alba e María de 1º de BAC
  4. As Danaides:Lucía Sesar, Yaiza e Raquel (+ Lucía Rodríguez) de 3º de ESO
  5. Circes: Nerea Ramos, Lucía G. Mella e Cristina, de 3º de ESO
  6. Furia de Titáns: Nerea Quintás, Alexis e Xoel, de 3º de ESO
  7. Hefarto: Andrés, Miriam e Andrea, de 3º de ESO
  8. Helénicas: Noelia e Montse de 1º de BAC
  9. Los Churecus: Denís, Diego e Yuri, de 1º de BAC
  10. Dríades: Eva, Lorena e Celtia, de 1º de BAC
Aquí tedes a clasificación xeral dos equipos. Se case todos os grupos teñen un mérito incrible, non queremos deixar de mencionar aos de 3º de ESO, que tiveron que superar moitas máis dificultades que os de 1º de BAC. De 3º de ESO destacamos en particular ao grupo Circes, que traballaron duro e até quedaron a comer algún día, á parte do día do preguntón, para poder responder ben as preguntas. Tamén estiveron en primeira liña de combate as Danaides e SET. Seguro que estes "aprendices" de 3º arrasan dentro dun ano ou dous nos próximos concursos Odisea.
Αἱ Χάριτες tamén son dignas de mención, porque a pesares de ter un erro xa o primeiro día continuaron con todo o seu entusiasmo até o final.
E non podemos deixar de felicitar ás Dríades e aos Churecus, que estiveron a puntiño de quedar clasificados e decidiron traballar xuntos, aínda que sabían que só un deles podería ir ao desempate no caso de conseguir a máxima puntuación.

Como todos os anos, ademai de divertirnos aprendemos un montón, este ano en particular tomamos nota dos seguintes erros, algúsn dso cales vimos arrastando todos estes anos:
- Non lemos ben o enunciado e ás veces non buscamos o que se nos pregunta.
- Danos perguiza ler un texto longo con atención, moitas veces temos a resposta na pantalla do ordenador, pero non a vemos.
- Seguimos sen saber usar os índices dos libros, os glosarios... e xa nos decatamos de que algúns manuais son de moita axuda neste concurso.
- NON LEMOS BEN AS BASES!! e cometemos erros como poñer unha palabra en latín cando non se nos pide ou ao revés.
O ano que ven melloraremos aspectos organizativos e tácticas de búsqueda de información. Copiaremos algunhas boas ideas como chamar á prensa e estableceremos algún premio internos para os equipos do IES de Melide. Ou por que non xa dar premios este ano? Estade atentos/as