25/01/17

CONCURSO ODISEA OUTRA VEZ. ESTA VEZ FALAMOS DE POLÍTICA

Xa falta pouco para que comece unha das actividades máis esperadas do curso, o Concurso Odisea, no que o IES de Melide leva inscribíndose dende hai doce anos, sen faltar a ningunha edición. Como algúns xa son veteranos, non explicaremos as bases con detalle, pero podedes consultalas aquí ou na web de Odisea. Só aclarar que as nosas naves zarpan o luns 6 de febreiro, avanzando un pouco cada día ata chegar ao xoves 6, no que tentaremos pasar as rochas Simplégades, tentando resolver o preguntón. Se tivésemos a sorte de clasificarnos para o desempate autonómico, o equipo gañador do centro tería unha proba máis o mércores 15 de febreiro e se xa a deusa a deusa Fortuna acudise na nosa axuda e nos clasificásemos para a fase nacional, o último desempate sería o mércores 22 de febreiro. Pero mellor centrémonos na viaxe, sen deixarnos levar polo canto das sereas.


Este ano o tema escollido é a "Política en Grecia e Roma", un tema que aínda que de entrada poida parecer menos atractivo, dá moito xogo, pois non debemos esquecer que Grecia e despois Roma forxaron os modelos políticos de Occidente.

Para preparar un poco o tema e facer músculo para o remo, adestraremos con algúns Kahoot!:
- A Política no mundo clásico I. Grecia
- A Política no mundo clásico II. Grecia
- A Política no mundo clásico III. Roma
- A Política no mundo clásico IV. Roma

Por certo, gustaríanos que entre os idiomas de Kahoot figurase o noso, ao igual que o catalán e o euskera. (E de paso, que funcionase un chisco mellor nalgúns dispositivos móbiles, que se non temos móbil ou tablet á última, pétasenos)
A ver se nos dá tempo de colgar algún material máis e veña, a remar e que os deuses nos acompañen!!