29/11/17

VIOLENCIA MACHISTA NA MITOLOXÍA CLÁSICA

Se, por desgraza, a violencia machista é un feito universal, está claro que o mundo clásico non está libre dela. Moito poderíamos falar da situación da muller nas antigas Grecia e Roma, pero nesta ocasión só imos centrarnos na mitoloxía, en casos que coñecemos ben.
A violencia machista está tan presente nos mitos clásicos que tivemos que elixir os casos máis rechamantes, inclinándonos por aqueles que, ademais, inspiraron representacións plásticas coñecidas  que fan máis patente aínda esa violencia. Case tod@s coñecemos o famoso grupo escultórico de Apolo e Dafne de Bernini ou o Rapto de Porsepina do mesmo autor, e non podemos deixar de admirar a súa beleza extraordinaria, delicada, perfecta, sutil... que nos pode facer esquecer que o que de verdade se representa é un acto de brutalidade contra mulleres.
Decidimos seguir a estética da campaña Compostela en Negro, que se extendeu a moitos concellos de Galicia e, ademais de imaxes, ilustrar os nosos carteis con textos de Ovidio, Homero, Eurípides e a nosa escritora Marilar Aleixandre.


Violencia machista na mitoloxía

17/11/17

ROTULANDO O INSTITUTO

Por fin rematamos o noso traballo de rotulación como práctica de escritura co alfabeto grego, Esta vez, para practicar, escollimos os departamentos e moitas dependencias do centro que teñen ademais nome grego: filosofía, música, economía, matemáticas, tecnoloxía, o ximnasio, a bilioteca... E como os departamentos de linguas non queríamos quedar sen rótulo fixemos unha adaptación xogando co grego moderno, pois está claro  que en grego antigo é difícil atopar un nome para a nosa lingua, Γαλικιανά, ou para linguas modernas que daquela non se formaran: francés, inglés, castelá...
Usamos materiais sinxelos e moita imaxinación e, por suposto, non falta a mestría dalgunha especialista.
Agora case podemos dicir que o noaso centro é auténticamente plurilingüe con rótulos en galego inglés e grego. Rótulos Departamentos

15/11/17

POLO SAN MARTIÑO, PEÓNS AO CAMIÑO

Esta é a aportación que o alumnado de grego de 1º de BAC fixo para a celebración do Día do Peón no IES de Melide, que este ano tivo que ser o venres 10 de novembro, xa que o San Martiño caeu en sábado. Escolleron breves frases famosas e aforismos gregos que explicamos:

εὕρηκα! “Atopeino” (Eureka!) Cando Arquímedesdispúñase a bañarse, decatouse de que el nivel del auga subía ao meterse dentro da bañeira, co que descubriuo chamado Principio de Arquímedes, é dicir, que o volume de auga que ascendía debía ser igual ao volume del corpo que se mergullaba nela. Deste xeito podía medir o volume dos corpos irregulares con precisión, e resolver así o encargo que lle fixera o tirano de Siracusa Hierón II, descubrir se a coroa que lle encargara a un ourive estaba feita de ouro puro (ao calcular a súa densidade partindo dunha masa xa coñecida, o ouro que o rei entregara). Púxose tan contento que saíu á rúa correndo espido e berrando “Eureka!". A autora foi Yara Gez Barral e encántame particularmente a coroíña arredor do ferrón.

θάλαττα, θάλαττα. “O mar, O mar!“ O berro dos soldados mercenarios gregos que, comandados por Xenofonte, participaron na Expedición dos 10.000 en axuda do príncipe persa Ciro para destronar ao seu irmán Artaxerxes. Segundo nos conta o propio Xenofonte na Anábase IV, 7, 24, o exército veu o Mar Negro dende o monte Teques, en Trapezunta, no ano 401 a. C, despois de percorrer case 4.000 km. A artista é Marta Prado.

καλλίστῃ "Para a máis fermosa". Inscrición da famosa Mazá da discordia, que se disputaban as deusas Hera, Atenea e Afrodita no xuízo de Paris, que deu orixe a guerra de Troia. O peón é obra de Uxía Cordido.

μολὼν λαβέ “Vén collelas!”a famosa resposta do rei Espartano Leónidas cando o rei persa Xerxes lle pediu que depuxese as armas na Batalla das Termópilas. O autor non podía ser outro que Adrián Iglesias, un gran amante da historia.

οἶνοψ πόντος "Mar de cor viño" Fermoso epíteto de Homero para o mar no momento do solpor. A autora é Nuria Fociños

σπεῦδε βραδέως "Bule a modo", como no latín Festina lente ou o famoso refrán “vísteme despacio que teño presa", elaborado primorosamente por Ainhoa García Simón.
Velaí o magnífico resultado destes artistazos!!

  Día do Peón 2017

02/11/17

A MORTE NO MUNDO CLÁSICO

Nin Halloween nin Samaín, hoxe é o Día de Difuntos de toda a vida e os costumes que recordamos algunhas non eran andar por aí disfrazadas de seres horripilantes, senón ir ao cemitario armadas de caldeiros, estropallos e flores e arranxar as sepulturas dos nosos familiares.
Aproveitamos logo este día para recordar como eran os ritos funeraios na antigua Grecia e Roma, xa que este ano este vai ser o tema do concurso Odisea. Colgamos aquí unha presentación a medio facer que iremos completando pouco a pouco.

26/10/17

NOITE DE ESTRELAS

Estreamos nova tempada no noso blog para anunciar que hoxe, xoves 26 deoutubro, poderemos observar estrelas no IES de Melide a partir das 19.30 a través de potentes telescopios, da man de astrónomos profesionais do OARMA (Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC), dentro do programa TODOCOSMOS, subvencionado polo FECYT (fundación Española para a Ciencia y la Tecnología) e a USC. Agardamos unha noite espléndida na que e, á diferenza da noite de mal tempo do curso pasado, poidamos disfrutar das estrelas. Como é innegable a relación da astronomía coa mitoloxía, deixamos aquí unha presentación feita polo alumnado de cultura Clásica do curso pasado e completada co que estamos vendo estes días na clase de 3º de Cultura Clásica.

25/06/17

Ciclo de Madeira do IES de Melide e Museo Terra de Melide, dous grandes colaboradores

Seguimos a traballar nos nosos obradoiros, deixando listo material para o curso que vén. Nesta ocasión queríamos incorporar á nosa colección de recreacións de cerámica grega a nova cadeira difros (banqueta) que nos fabricou este curso o ciclo de madeira do IES de Melide. Xunto coa cadeira klismos do ano pasado, o Ciclo de madeira do IES de Melide está a facernos todo un conxunto de mobiliario da antiga Grecia. O curso que vén falar de facernos unha cama, kliné ou triclinium, a este paso imos ter que construír un oikos, unha casa da antiga grecia, par meter todo este mobiliario.
 Pero o mellor de todo é que este ano, ademais do Ciclo de Madeira, o noso aliado natural, contamos coa colaboración do Museo Da Terra de Melide e puidemos reproducir a famosa escena na que un pretendente (Diego) descubre o truco de Penélope (Xanaia) no tear e unha escena típica de mulleres (Ainhoa, Carla, Elisa, Xanaia, Dolores e Olalla) tecendo grazas ao magnífico telar co que conta o museo, aínda que non é vertical como na antiga Grecia. Tamén puidemos usar unha balanza romana e madeixas de liño para a foto. Na outra imaxe, feita na entrada do instituto temos unha escena típica dun xineceo, as mulleres entretéñense con flores e paxariños (Lucía, Ánxela, Hilda e Mariña) acompañando a unha posible noiva (Virxinia).
Grazas a Cristina Vázquez Neira, a arquéologa encargada do museo, que nos axudou con entusiasmo e nos explicou cousas importantes sobre o tecido e o mundo castrexo, a todas estas rapazas/es, a Carlos, o fotógrafo, e a todos os que non se ven polo voso etraballo e paciencia.
Rematamos a nosa sesión cun merecido chocolate con churros. Para o ano, seguimos. Feliz verán!! Moda clásica + cadeiras ciclo de madeira

09/06/17

CANDO AS ALUMNAS SON AS MELLORES PROFES

Hai un par de meses o alumnado de cultura clásica de 3º de ESO acudía ao CEIP Mestre Pastor Barral a contar contos mitolóxicos as nenas e nenos de primaria. Despois desta exitosa estrea, algunhas titoras e titores de 1º de ESO nos pediron que repetísemos esta actividade para o público de 1º de ESO. En concreto, Gloria Rguez Íñiguez solicitou a noxa axuda para poder explicar ao alumnado o tema de lenda e tradición oral cun exemplo, que sempre é a mellor maneira de entender as cousas.
Despois de facer axustes na nosa "apretadísima axenda" (isto da fama e o fin de curso son cousas terribles!) conseguimos facer un oco e na tarde deste mércores presentamos na biblioteca "Perseo" a cargo de Dolores Mouriño, Ana Prieto e Carla Rivadulla e "Orfeo", con Xanaia Varela e Inés e Elisa Pampín, que como sempre deixaron o pavillón ben alto.
Aos poucos días, o alumnado de 1º de ESO C, que tomou boa nota do bo facer das súas compañeiras de 3º de ESO, presentou na aula o mito de Poseidón, con Melissa Rodríguez e Cristina Penas, e "O enfrontamento de Atenea e Posidón", a cargo de Hugo López Casal e María Vázquez Prieto, magníficamente ataviados. Bravo por tod@s el@s!! Isto é un auténtico feedback, agardávosmos en cultura clásica dentro de dous cursos!


Contamitos no instituto

22/05/17

SUMANDO ADEUSES

É xa un post habitual neste blog por estas datas despedir ao alumnado de 2º de BAC, pero sempre é un momento especial que dificilmente pode caer na rutina.
Este curso foi un pouco distinto aos anteriores por un par de circunstancias. Nos primeiros días de clase se nos apuntaron Sara e Nadia, que sin ter dado Grego I foron quen de poñerse rapidamente a día e obter un resultado máis que aceptable. O feito de que estas sete alumnas, que finalmente conformaron a aula, fosen mulleres reivindicativas e transgresoras creou unha complicidade e unha óptica feminista coa que avaliabamos todo aquilo que se nos cruzaba no camiño. Moito arranxamos o
mundo nas nosas clases entre aoristos complicados e lecturas de Homero!!
Pasamos xuntas moitas horas na nosa pequena, pero xeitosa, aula 308, que case se está convertindo nunha aula materia de clásicas. Algunhas coñecémonos dende primeiro de ESO no club de lectura, xa que as inquedanzas moitas veces maniféstanse cedo. Compartimos lecturas, sesións de cine, teatro, viaxes, traballamos duramente nos obradoiros, vestíndonos de gregas e do que fixese falta. Algunhas como Nadia, María Vázquez, Sara e María Mato déixannos como agasallo magníficos papiros cunha fermosísima caligrafía... mentres Sarai, Naomy e Carlota se inclinaban máis polo obradoiro de moda clásica.
Aínda que me repita, non podo deixar de dicir unha vez máis o moito que aprendín con elas e que traballar nestas circunstancias é un privilexio. Sigo a pensar que sempre escolle grego o mellor de cada casa... Carlota, crítica e xestora musical, observadora aguda, reivindicativa, boa lectora. Sara, tamén observadora, discreta, pero decidida e valiente, que, ao igual que Nadia, non se arredou polo feito de non facer grego en 1º. Naomy,  sempre alegre e cariñosa, co seu pelo tan rizo que me facía recordar á minoica parisina. María Mato, que despois dun pasado zascandil convertiuse nunha responsable alumna de Bac, co seu eterno despiste... (Non podo esquecer o día que, por erro meu, lle fixen tragar unha clase completa nunha das súas horas de psicoloxía e non rechistou porque tampouco se percatou do erro). Nadia, creativa, un espírito libre, capaz de facer ben varias cousas a un tempo... Sarai, doce, pero con moito coraxe baixo a súa duzura, sempre co sorriso posto e cunha palabra amable na boca. María Vázquez, que aínda que decidiu abandonar a tradución, seguiu con nós na aula, responsable no que de verdade importa... todas elas valientes, decididas e, por suposto, feministas.
A todas vos repito as palabras de Kavafis: Se vas facer a viaxe cara Ítaca, pide que o teu camiño sexa longo, cheo de aventuras, cheo de coñecementos. Seguide sendo inconformistas, transgresoras, seguide buscando sempre... e non temades ao fero Poseidón. O meu maior desexo sería que o voso paso polo instituto vos servise para adquirir ferramentas coas que poder desenvolvervos nesa gran viaxe que vos agarda. E remato dicindo o mesmo que Safo cando algunha alumna marchaba da súa escola: "Non me esquezas e marcha alegre, sabes da ansia coa que te agarimei..."

08/05/17

II LVDI COMPOSTELLANI

O mércores 3 de maio celebráronse na Facultade de Filoxía, en Compostela, os II LVDI COMPOSTELLANI, organizados pola sección galega da SEEC con motivo da entrega de premios da III Olimpíada de Tradución de textos clásicos.
Ao igual que o ano pasado por estas datas, metimos no bus todos os nosos trastos, os cestóns de moda e escritura, a magnífica cadeira klismos que nos fabricou o ciclo de Madeira, lanzas, escudos, espadas... e 50 persoas máis para pasar toda unha xornada de traballo en Santiago.
Nesta ocasión, o alumnado de filosofía de 4º de ESO coa súa profe Marga Quintela acompañáronnos para representar "A Academia de Platón", un superéxito que comeza dando vida ao famoso cadro de Rafael "A Escola de Atenas" e remata facendo un alegato en defensa da filosofía como ferramenta indispensable para vivir nun mundo mellor.
Montamos os nosos tenderetes nos vestíbulos da 1ª e 3ª pranta da facultade e atendimos varias sesións de obradoiros en todo o día. Ao principio costou un pouco, pero logo as cousas rodaron soas e ao final da xornada as alumnas e alumnos de 3º de ESO e 1º de BAC eran xa expertos comunicadores. Tamén tivemos a sorte de asistir a outros obradoiros como o de taboiñas micénicas e hoplitas, ambos impartidos por Fernando Lillo, mestre veterano e pioneiro de todo tipo de actividades. No obradoiro de ciencia, impartido polo IES e Ames, aprendimos a manexar unha escítala laconia e fixemos un reloxio de sol. No obradoiro de xogos, a cargo do alumnado de clásicas da facultade, competimos e atnamos algunhas resposta do pasapalabra e probamos con xogos tradicionasi, que son como os da AGXPT que temos no instituto. Non puiemos participar no obradoiro de cociña nin na xincana mitolóxica polas rúas de Compostela, outra vez será.
Esta xornada non sería posible sin a axuda de Davide Canoura, o noso musicus xa experto en escritura, e Marga Quintela, magistra maxima de filosofía e artes escénicas. Moitas grazas pola vosa sensibilidade co mundo clásico (e con outras moits cousas...). Tampouco sería posible montar semellante "feira" en filoloxía sin a imprescindible Teresa Amado e o apoio de toda a xente da SEEC.
Foi un día longo no que traballamos en equipo alumnado e profes e demostramos que o mundo clásico segue vivo e é necesario coñecelo para entender quen somos.

  Deixámosvos aquí unha ligazón a Dives Galllecia, onde poderedes ver un vídeo realizado por Álvaro P. Vilariño e toda unha morea de fotos que fixeron os nosos reporteiros oficiais Carlos e Elisa Pampín.
  II LVDI COMPOSTELLANI

27/04/17

ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO @S CLÁSIC@S

Ao igual que o curso pasado, a biblioteca Xaquín Yebra volveu convertirse na Biblioteca de Alexandría por un día durante a conmemoración da Semana do Libro no IES de Melide. O alumnado de clásicas copiou textos clásicos en papiro cos fabulosos cálamos que nos fabricou o ciclo de madeira. Así na nosa pequena colección de volumes hai textos de Homero, Safo, Arquíloco, Xenofonte, Tucídides, Estrabón, Virxilio, Cicerón, Ovidio, Fedro... e toda unha colección de máximas en latín e grego para aqueles escribas menos osados.
Ata tal punto aumenta a nosa biblioteca de papiros, que estamos preparar unha nova capsa, esa caixa cilíndrica na que se gardaban os rolos, porque a que temos non da abasto. Velaí parte da nosa actividade.

  Día do libro 2017

03/04/17

CONTACONTOS MITOLÓXICOS NO CEIP MESTRE PASTOR BARRAL

Os pasados 30 e 31 de marzo o alumnado de cultura clásica de 3º B e C do IES de Melide visitou o CEIP Mestre pastor Barral de Melide para contar contos mitolóxicos ao alumnado, convidados polo equipo de biblioteca que coordina Luísa Martínez.
Organizados en seis equipos, de dúas a catro persoas cada un, as alumnas e alumnos de clásicas prepararon os mitos de Teseo e o Minotauro, Perseo e a Medusa, Orfeo e Eurídice, os Doce Traballos de Heracles, a Odisea e a Guerra de Troia adaptados aos diferentes niveis de primaria. Estes contacontos, concebidos en orixe como actividade de biblioteca e club de lectura, foron un procedemento máis de avaliación mediante unha especie de rúbrica que guiase ao alumnado nos aspectos se ían valorar.
Era a primeira vez que nos embarcábamos en algo semellante e tivemos moi pouco tempo para preparalo, só unha clase para facer un esbozo dos guións e dúas tardes de ensaio en horario extraescolar, porque as dúas horas semanais da cultura clásica de 3º non dan para moito.
Aínda que houbo erros varios, o resultado foi espectacular. Usáronse recursos escénicos variados como música, monicreques, indumentaria e accesorios varios e, sobre todo, unha gran forza narrativa que case tod@s conseguiron sacar e empregar. Foi unha actividade sinxela que nos serviu para aprender a traballar en equipo e organizarse, botar man da creatividade, aprender a falar en público e tratar de empatizar cos receptores da nosa mensaxe. Tamén foi unha boa oportundidade para descubir o potencial de cada quen, por fin saíron a luz un montón de talentos ocultos!
Pero o mellor de todo foi o noso público, as nenas e nenos do colexio Mestre Pastor Barral e as súas profesoras e profesores que nos deron unha acollida tan cálida e agarimosa. Non tedes máis que mirar as súas caras nas fotos. Grazas de corazón e, se nos convidades para o ano que vén, volvemos con máis e mellor!!
Contacontos mitolóxicos

17/03/17

FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO DE LUGO

O pasado 14 de marzo, acudimos unha vez máis a nosa cita anual co teatro clásico en Lugo. Desta vez asistimos á representación Bacantes de Eurípides e Pseudolus de Plauto, ambas a cargo do grupo coruñés Noite Bohemia. Non é a primeira vez que vemos a esta compañía e podemos afirmar que é un grupo ben consolidado, pero aínda así queremos facer un par de comentarios críticos sobre as obras representadas.
Bacantes de Eurípides tivo unha posta en escena de gran beleza plástica nun ambiente de penumbra con tonos vermellos, como o viño, para amosarnos e ese deus Dioniso da desmesura, escuro e vingativo que nos presenta Eurípides. Magnífico ese coro de Bacantes, mulleres salvaxes e libres que seguen a Dioniso, ben ataviadas con tirsos e aspecto silvestre cunha coreografía que nos recorda as danzas primitivas. Un Penteo con forza dramática, que comete a súa hybris desafiando a un Dioniso poderoso, seguro de si e excesivo. En resumo, unha representación soberbia que soubo comunicar ese pathos da traxedia grega.
Sen embargo, da posta en escena do Pseudolus de Plauto non podemos dicir tantas cousas positivas. Se ben os actores e actrices no carecen de vis cómica, as postas en escena que vén facendo este grupo das comedias de Plauto cada vez gustan menos a alumn@s e profes. Reclamos fáciles como o reggaetón constante, chistes badocos, deformación excesiva de personaxes e textos acaban cansando ao público, á vez que transforman unha comedia de Plauto en algo demasiado vulgar, que ás máis vellas nos recordaba aqueles números de variedades de Lina Morgan. Aínda que nos parece estupendo adaptar chistes á situación actual, como faría o propio Plauto se levantase cabeza, certas actualizacións non teñen graza ningunha e resultan demasiado facilonas. Algunhas e algúns  veteranos asistentes a este festival temos uns cantos Plautos no noso haber, moitos deles magníficos, como as adaptacións do grupo Sardiña, e pensamos que un Plauto divertido e moderno non ter porque ser paifoco.

Completamos a nosa xornada en Lugo cunha visita as salas de romanización e castrexa do Museo Arqueolóxico de Lugo. En conxunto foi un día estupendo onde o mellor de todo foi a compaña, o alumnado de clásicas e artes escénicas do IES de Melide, que "sabe estar" ao tempo que o pasa ben, como dan fe as fotos, e fai que sexa unha gozada organizar actividades.
Festival de teatro grecolatino. Lugo 2017

25/02/17

Helena, xuízo a unha lurpia

O pasado xoves 23 de febreiro alumnado de cultura clásica e artes escénicas do IES de Melide asistitu á representación de Helena, xuízo a unha Lurpia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra é unha tradución ao galego de Juício a una zorra, de Miguel del Arco, que se estreou o pasado ano en Madrid, protagonizada por Carmen Machi.
A nosa Helena, a actriz María Barcala dirixida por Xulio Lago na compañía Teatro do Atlántico, ofreceunos un estupendo monólogo no que se analiza e cuestiona a figura de Helena como prototipo de muller culpable e fatal, que leva a desgraza aos homes, pero que non é libre e está mercé deles.
Foi un estupendo paso e repaso pola mitoloxía que rematou cun coloquio co director e a actriz, que ademais de aclararnos algúns aspectos concretos da obra, permitiunos coñecer de primeira man a situación do teatro en Galicia.

  Helena, xuízo a unha lurpia

22/02/17

ENTREGA DE PREMIOS CONCURSO ODISEA 2017

Aínda que nesta XII edición do concurso Odisea ningún dos equipos do IES de Melide conseguiu clasificarse para o desempate final, ao igual que anos anteriores, procedimos a facer unha entrega de premios, moi doces eles, con toda a pompa e circunstancia que nos foi posible nun recreo.
Aquí podedes ver ás gañadoras e gañadores cunha coroa de loureiro e un diploma en latín e grego que eloxia a constancia, a paciencia e o esforzo, "Gloria victis et victoribus" Gloria aos vencidos e vencedores, tamén. Pero en toda ceremonia que se prece, sempre ten que haber algún erro, véxase a entrega dos premios Óscar deste ano, polo que as fotografías non se corresponden cos premiados, que podedes ver a continuación:
1º Clasificado IES Melide: Equipo ῾Ημεῖς
ADRIÁN MIGUÉLEZ GONZÁLEZ
LAURA SÁNCHEZ BLANCO
MARIÑA FERREIRO VILARIÑO
1º clasificado, 4 h., 22 mm, 48s con 75 puntos

2º Clasificado IES Melide: Equipo PUELLAE MELLITENSES
NURIA FOCIÑOS FUCIÑOS
 MARTA PRADO MARIÑO
 13º clasificado, 4 h, 25 mm, 3 s con 75 puntos

3º Clasificado IES Melide: Equipo AS DEUSAS DO OLIMPO
ANA MARÍA PRIETO RODRÍGUEZ
CARLA RIVADULLA FOCIÑOS
DOLORES MOURIÑO RODRÍGUEZ
16º clasificado, 5 h, 49 mm, 27 s con 75 puntos

4º Clasificado IES Melide: Equipo XD
ELISA PAMPÍN GONZÁLEZ
INÉS PAMPÍN GONZÁLEZ
XANAIA VARELA LÓPEZ
37º clasificado, 3 horas, 4 mm, 39 s, 71 puntos

5º Clasificado IES Melide: Equipo 20 EN BASTOS
JOSÉ CARLOS MEJUTO LÓPEZ
VICENTE PARRADO VILLASANTE
ASIER ASOREY PRADO
38º clasificado, 3 horas, 10 mm, 7 ss, 71 puntos

6º Clasificado IES Melide: Equipo Νικήσομεν ἡμεῖς
ÁNGELA PRADO SÁNCHEZ
HILDA MOSTEIRO QUINTELA
VIRGINA MOSTEIRO CAGIDE
39º clasificado, 3 horas, 43 mm, 40 s, 71 puntos
  Entrega de premios Odisea 2017

12/02/17

BREVE LISTADO DE CÓMICS CLÁSICOS, BOTA UN OLLO

Para aqueles que gozamos coa lectura, e máis concretamente, para os amantes da novena arte, deixamos aquí un pequeno listado de títulos de tema clásico. Afortunadamente, é tal a auxe da banda deseñada que nos agasalla con continuas publicacións de gran calidade, que se fai complicado estar ao día. Bota a un ollo a esta lista e elixe lectura, están todas na nosa biblioteca agardando por ti.

Cómics de tema clásico. Recomendacións by Susana Losada on Scribd

09/02/17

ANIMAIS POLÍTICOS NO CONCURSO ODISEA

Hoxe, xoves 9 de febreiro, este era o aspecto das aulas de informática do IES de Melide, repletas de alumnado de cultura Clásica, Latín e Grego que buscaba avidamente resposta ao preguntón e ás (difíciles) pistas do día de hoxe do Concurso Odisea.
Unha vez máis, o alumnado de clásicas pasou unha xornada apaixoante que foi a envexa de moit@s (si, si ... envexa!) como amosan estas fotos tan chulas feitas polo noso dire, Ramiro Oliveira.

  Odisea 2017

25/01/17

CONCURSO ODISEA OUTRA VEZ. ESTA VEZ FALAMOS DE POLÍTICA

Xa falta pouco para que comece unha das actividades máis esperadas do curso, o Concurso Odisea, no que o IES de Melide leva inscribíndose dende hai doce anos, sen faltar a ningunha edición. Como algúns xa son veteranos, non explicaremos as bases con detalle, pero podedes consultalas aquí ou na web de Odisea. Só aclarar que as nosas naves zarpan o luns 6 de febreiro, avanzando un pouco cada día ata chegar ao xoves 6, no que tentaremos pasar as rochas Simplégades, tentando resolver o preguntón. Se tivésemos a sorte de clasificarnos para o desempate autonómico, o equipo gañador do centro tería unha proba máis o mércores 15 de febreiro e se xa a deusa a deusa Fortuna acudise na nosa axuda e nos clasificásemos para a fase nacional, o último desempate sería o mércores 22 de febreiro. Pero mellor centrémonos na viaxe, sen deixarnos levar polo canto das sereas.


Este ano o tema escollido é a "Política en Grecia e Roma", un tema que aínda que de entrada poida parecer menos atractivo, dá moito xogo, pois non debemos esquecer que Grecia e despois Roma forxaron os modelos políticos de Occidente.

Para preparar un poco o tema e facer músculo para o remo, adestraremos con algúns Kahoot!:
- A Política no mundo clásico I. Grecia
- A Política no mundo clásico II. Grecia
- A Política no mundo clásico III. Roma
- A Política no mundo clásico IV. Roma

Por certo, gustaríanos que entre os idiomas de Kahoot figurase o noso, ao igual que o catalán e o euskera. (E de paso, que funcionase un chisco mellor nalgúns dispositivos móbiles, que se non temos móbil ou tablet á última, pétasenos)
A ver se nos dá tempo de colgar algún material máis e veña, a remar e que os deuses nos acompañen!!