17/03/17

FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO DE LUGO

O pasado 14 de marzo, acudimos unha vez máis a nosa cita anual co teatro clásico en Lugo. Desta vez asistimos á representación Bacantes de Eurípides e Pseudolus de Plauto, ambas a cargo do grupo coruñés Noite Bohemia. Non é a primeira vez que vemos a esta compañía e podemos afirmar que é un grupo ben consolidado, pero aínda así queremos facer un par de comentarios críticos sobre as obras representadas.
Bacantes de Eurípides tivo unha posta en escena de gran beleza plástica nun ambiente de penumbra con tonos vermellos, como o viño, para amosarnos e ese deus Dioniso da desmesura, escuro e vingativo que nos presenta Eurípides. Magnífico ese coro de Bacantes, mulleres salvaxes e libres que seguen a Dioniso, ben ataviadas con tirsos e aspecto silvestre cunha coreografía que nos recorda as danzas primitivas. Un Penteo con forza dramática, que comete a súa hybris desafiando a un Dioniso poderoso, seguro de si e excesivo. En resumo, unha representación soberbia que soubo comunicar ese pathos da traxedia grega.
Sen embargo, da posta en escena do Pseudolus de Plauto non podemos dicir tantas cousas positivas. Se ben os actores e actrices no carecen de vis cómica, as postas en escena que vén facendo este grupo das comedias de Plauto cada vez gustan menos a alumn@s e profes. Reclamos fáciles como o reggaetón constante, chistes badocos, deformación excesiva de personaxes e textos acaban cansando ao público, á vez que transforman unha comedia de Plauto en algo demasiado vulgar, que ás máis vellas nos recordaba aqueles números de variedades de Lina Morgan. Aínda que nos parece estupendo adaptar chistes á situación actual, como faría o propio Plauto se levantase cabeza, certas actualizacións non teñen graza ningunha e resultan demasiado facilonas. Algunhas e algúns  veteranos asistentes a este festival temos uns cantos Plautos no noso haber, moitos deles magníficos, como as adaptacións do grupo Sardiña, e pensamos que un Plauto divertido e moderno non ter porque ser paifoco.

Completamos a nosa xornada en Lugo cunha visita as salas de romanización e castrexa do Museo Arqueolóxico de Lugo. En conxunto foi un día estupendo onde o mellor de todo foi a compaña, o alumnado de clásicas e artes escénicas do IES de Melide, que "sabe estar" ao tempo que o pasa ben, como dan fe as fotos, e fai que sexa unha gozada organizar actividades.
Festival de teatro grecolatino. Lugo 2017