Amosando publicacións coa etiqueta Cine. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cine. Amosar todas as publicacións

18/06/15

PERCY JACKSON E A MITOLOXÍA

Andrea Rivadulla, de 1º B de Bac fixo un interesante traballo no que investiga os referentes clásicos na película Percy Jackson e o ladrón do raio.

17/06/15

INCENDIES, UNHA TRAXEDIA CLÁSICA

Como traballo complementario ás nosas lecturas deste curso, Edipo Rei e Lisístrata, Jose V. Pudelko, de 1º BAC B, fixo e expuxo este magnífico traballo no que analiza a película Incendies (Canadá, 2010) e o seu tratamento dun coñecido mito clásico. Non queremos contar máis para no facer spoiler e mesmo recomendamos que se vexan só a tres primeiras diapositivas antes de ver a película, a ver se sodes quen de descubrir o mito que late baixo esta historia de dous irmáns, que seguindo as últimas vontades da súa nai, teñen que atopar ao seu pai e ao seu irmán nun país de Oriente Medio (Líbano, talvez) que aínda non cerrou as súa feridas de guerra.

26/01/14

Xaneiro no noso ano de película

Tal como dábamos conta hai uns meses, a nosa clase maxistral de Hipatía de Alexandría serviu para ilustrar o mes de xaneiro do calendario de 2014 que fixemos no IES de Melide como unha das actividades coordinadas pola Biblioteca, dentro do noso tema monográfico de traballo Un ano de película. Moitos departamentos didácticos tratamos de facer o noso cartel de cine para ilustrar un mes e nós eleximos, como non unha película de tema clásico, Ágora, a superprodución española dirixida por Alejandro Amenábar. Outros departamentos ou titorías escolleron películas como Rebeldes, Casablanca, Gandhi, A Lingua das Bolboretas, Harry Potter... Se queredes ver o calendario completo, tédelo aquí, en Biblomelide, o blog da nosa biblioteca. O calendario é gratis para os participantes e para os demais venderase a un prezo que non superará os 3 €.
O cine seguirá sendo fonte de inspiración e xa nos está rondando algo na cabeza para o entroido... pero non podemos adiantar nada polo de agora.

29/11/13

HIPATÍA DE ALEXANDRÍA EN MELIDE

Hoxe, en lugar da nosa clase habitual de cultura clásica na aula 205, tivemos a sorte de recibir unha das leccións maxistrais de Hipatía, a famosa matemática, astrónoma, filósofa... que viviu na Alexandría dos s. III-IV d. C.
Para poder asistir a esta clase tivemos que prepararnos antes. En primeiro lugar, o alumnado de 3º ESO de física e química  investigou coa súa profe Raquel sobre esta científica e redactou unha pequena biografía. As alumnas e alumnos  de 3º A e parte de B continuamos na clase de cultura clásica estudiando o vestido antigo  e aprendimos a facernos traxes en cinco minutos con telas e imperdibles. Vimos  tamén un fragmento da película Ágora, de A. Amenábar, onde se recrea algunha das clases de Hipatía cos seus alumnos e tomamos nota de como eran os libros ou volumenes e que material "escolar" se usaban naquela época. O ciclo de madeira colaborou con nós aportando as taboiñas (tabellae ceratae) para poder tomar apuntes de tan ilustre mestra. O noso fotógrafo excepcional foi David Canoura, o profe de música e "retratista" oficial deste tipo de eventos.
E a que se debe semellante acontencemento? No presente curso, o tema de traballo monográfico do noso IES, coordinado pola biblioteca, céntrase no cine, baixo o lema Un ano de película. Unha das moitas actividades que realizamos os departamentos didácticos é a elaboración dun calendario para 2014 onde en cada mes recreamos unha película, os actores son as nosas alumnas e alumnos e os escenarios o instituto ou a vila de Melide. Anticipamos que algunas destas películas son Casablanca, A lingua das bolboretas, Braveheart, A lista de Schindler, Os nenos do coro, Men in black, Evasión o victoria, Harry Potter, O exorcista...
Nós, como é natural, escollimos unha película de tema clásico,  Ágora, de A. Amenábar, e fixemos unha versión da clase na que Hipatía trata de explicar aos seus discípulos a gravidade terreste mediante un pano. Decidimos que as escaleiras de Calvo, no centro de Melide, poderían transformarse nunha estancia da famosa Biblioteca de Alexandría. Aínda que aproveitamos o sol desta última semana de novembro, moito frío pasaron algúns/as mentres posaban. Arriba tedes o resultado e abaixo un fotograma da película.

16/10/09

ÁGORA E HIPATÍA

Tal como prometíamos na nosa primera entrada deste curso no blog, o próximo xoves 22 de outubro imos ver Ágora a Santiago. Para poder disfrutar máis proxección e entender un pouco mellor o que se nos conta, Xabier Garabal, o profe de mates, preparounos esta presentación sobre Hipatía, que como xa sabedes é a filósofa e matemática grega que inspira a película de Amenábar. Na presentación hai unha serie de datos imprescindibles para un bo coñecemento deste personaxe, pero dende aquí queremos propoñerte que investigues sobre a época e o lugar no que se centran os acontecementos. Para elo elaboramos un cuestionario, que está debaixo da presentación e que podes enviar unha vez cuberto. Xa sabes que todas estas actividades sirven para subir nota...
Prepárate, logo, para disfrutar da película e aproveitala ao máximo. Por certo, despois do cine, todas e todos os que queirades podedes vir comer un "kebaq", especie de bocata típico turco que tamén se come moito en Grecia (alí chámanlle gyros), para ir preparando o padal.