22/05/17

SUMANDO ADEUSES

É xa un post habitual neste blog por estas datas despedir ao alumnado de 2º de BAC, pero sempre é un momento especial que dificilmente pode caer na rutina.
Este curso foi un pouco distinto aos anteriores por un par de circunstancias. Nos primeiros días de clase se nos apuntaron Sara e Nadia, que sin ter dado Grego I foron quen de poñerse rapidamente a día e obter un resultado máis que aceptable. O feito de que estas sete alumnas, que finalmente conformaron a aula, fosen mulleres reivindicativas e transgresoras creou unha complicidade e unha óptica feminista coa que avaliabamos todo aquilo que se nos cruzaba no camiño. Moito arranxamos o
mundo nas nosas clases entre aoristos complicados e lecturas de Homero!!
Pasamos xuntas moitas horas na nosa pequena, pero xeitosa, aula 308, que case se está convertindo nunha aula materia de clásicas. Algunhas coñecémonos dende primeiro de ESO no club de lectura, xa que as inquedanzas moitas veces maniféstanse cedo. Compartimos lecturas, sesións de cine, teatro, viaxes, traballamos duramente nos obradoiros, vestíndonos de gregas e do que fixese falta. Algunhas como Nadia, María Vázquez, Sara e María Mato déixannos como agasallo magníficos papiros cunha fermosísima caligrafía... mentres Sarai, Naomy e Carlota se inclinaban máis polo obradoiro de moda clásica.
Aínda que me repita, non podo deixar de dicir unha vez máis o moito que aprendín con elas e que traballar nestas circunstancias é un privilexio. Sigo a pensar que sempre escolle grego o mellor de cada casa... Carlota, crítica e xestora musical, observadora aguda, reivindicativa, boa lectora. Sara, tamén observadora, discreta, pero decidida e valiente, que, ao igual que Nadia, non se arredou polo feito de non facer grego en 1º. Naomy,  sempre alegre e cariñosa, co seu pelo tan rizo que me facía recordar á minoica parisina. María Mato, que despois dun pasado zascandil convertiuse nunha responsable alumna de Bac, co seu eterno despiste... (Non podo esquecer o día que, por erro meu, lle fixen tragar unha clase completa nunha das súas horas de psicoloxía e non rechistou porque tampouco se percatou do erro). Nadia, creativa, un espírito libre, capaz de facer ben varias cousas a un tempo... Sarai, doce, pero con moito coraxe baixo a súa duzura, sempre co sorriso posto e cunha palabra amable na boca. María Vázquez, que aínda que decidiu abandonar a tradución, seguiu con nós na aula, responsable no que de verdade importa... todas elas valientes, decididas e, por suposto, feministas.
A todas vos repito as palabras de Kavafis: Se vas facer a viaxe cara Ítaca, pide que o teu camiño sexa longo, cheo de aventuras, cheo de coñecementos. Seguide sendo inconformistas, transgresoras, seguide buscando sempre... e non temades ao fero Poseidón. O meu maior desexo sería que o voso paso polo instituto vos servise para adquirir ferramentas coas que poder desenvolvervos nesa gran viaxe que vos agarda. E remato dicindo o mesmo que Safo cando algunha alumna marchaba da súa escola: "Non me esquezas e marcha alegre, sabes da ansia coa que te agarimei..."

08/05/17

II LVDI COMPOSTELLANI

O mércores 3 de maio celebráronse na Facultade de Filoxía, en Compostela, os II LVDI COMPOSTELLANI, organizados pola sección galega da SEEC con motivo da entrega de premios da III Olimpíada de Tradución de textos clásicos.
Ao igual que o ano pasado por estas datas, metimos no bus todos os nosos trastos, os cestóns de moda e escritura, a magnífica cadeira klismos que nos fabricou o ciclo de Madeira, lanzas, escudos, espadas... e 50 persoas máis para pasar toda unha xornada de traballo en Santiago.
Nesta ocasión, o alumnado de filosofía de 4º de ESO coa súa profe Marga Quintela acompañáronnos para representar "A Academia de Platón", un superéxito que comeza dando vida ao famoso cadro de Rafael "A Escola de Atenas" e remata facendo un alegato en defensa da filosofía como ferramenta indispensable para vivir nun mundo mellor.
Montamos os nosos tenderetes nos vestíbulos da 1ª e 3ª pranta da facultade e atendimos varias sesións de obradoiros en todo o día. Ao principio costou un pouco, pero logo as cousas rodaron soas e ao final da xornada as alumnas e alumnos de 3º de ESO e 1º de BAC eran xa expertos comunicadores. Tamén tivemos a sorte de asistir a outros obradoiros como o de taboiñas micénicas e hoplitas, ambos impartidos por Fernando Lillo, mestre veterano e pioneiro de todo tipo de actividades. No obradoiro de ciencia, impartido polo IES e Ames, aprendimos a manexar unha escítala laconia e fixemos un reloxio de sol. No obradoiro de xogos, a cargo do alumnado de clásicas da facultade, competimos e atnamos algunhas resposta do pasapalabra e probamos con xogos tradicionasi, que son como os da AGXPT que temos no instituto. Non puiemos participar no obradoiro de cociña nin na xincana mitolóxica polas rúas de Compostela, outra vez será.
Esta xornada non sería posible sin a axuda de Davide Canoura, o noso musicus xa experto en escritura, e Marga Quintela, magistra maxima de filosofía e artes escénicas. Moitas grazas pola vosa sensibilidade co mundo clásico (e con outras moits cousas...). Tampouco sería posible montar semellante "feira" en filoloxía sin a imprescindible Teresa Amado e o apoio de toda a xente da SEEC.
Foi un día longo no que traballamos en equipo alumnado e profes e demostramos que o mundo clásico segue vivo e é necesario coñecelo para entender quen somos.

  Deixámosvos aquí unha ligazón a Dives Galllecia, onde poderedes ver un vídeo realizado por Álvaro P. Vilariño e toda unha morea de fotos que fixeron os nosos reporteiros oficiais Carlos e Elisa Pampín.
  II LVDI COMPOSTELLANI