30/04/13

A ASASINA, NOVELA DE ALEXANDROS PAPADIAMANDIS

A editorial Hugin e Munin ven de publicar A Asasina, de A. Papadiamandis, autor grego que viviu o final
do s. XIX e comezos do XX. Esta editorial ten como obxectivo as traducións ao galego de obras en todas as linguas (agás portugués e castelán), primando as literaturas minorizadas. Neste senso podemos dicir a A Asasina ten perfecta cabida neste proxecto, pois a literatura grega moderna é unha gran descoñecida para unha a maioría de lectores e son practicamente inexistentes as traducións ao galego, exceptuando a Kavafis, traducido e editado en Rinoceronte.

Alexandros Papadiamandis pertenceu a xeración de 1880 ou a Nova Escola Ateniense, que se caracterizou pola súa reacción ao romanticismo anterior. Era natural de Skiathos, fillo dun sacerdote ortodoxo, viviu sempre na escaseza, non puidendo rematar os seus estudos en Atenas por motivos económicos. Tiña un carácter introvertido, gostaba da soidade e aínda que o seu coñecemento do mundo feminino parecía limitarse á súa familia, foi quen de percibir as penalidades da condición feminina que deixaban a muller no eslabón máis baixo da miseria. Nesta novela denúnciase o inxusto costume do dote que debían aportar as mulleres ao matrimonio da Grecia da súa época. Este dote era desorbitado e inalcanzable para moitas familias, condenando á soltería a aquelas mulleres que non podían aportalo (tres das catro irmáns do propio Papadiamandis quedaron solteiras...)
A Asasina (1903) desenvólvese na illa grega de Skiathos, onde Khadula Frangoianú, unha viúva duns sesenta anos, trata de sobrevivir coidando a outros nunha sociedade pobre, dura e miserenta. Nas súas propias palabras "recapitulando a súa vida, vía que non fixera nada máis que servir aos demais". A nosa protagonista, nun intento de rebelarse contra a miseria, que oprimía sobre todo as mulleres, levará a cabo accións terribles e extremas, entrando nunha voráxine homicida que ao mesmo tempo a atormenta. Frangoianú pronto levantará sospeitas e verase obrigada a fuxir. Tenta tamén a fuxida física, imposible nuhna illa, pero tenta escapar dos seus remorsos. Ao igual que na traxedia grega a nosa "heroína" excédese e sofre por elo un castigo, o que non sabemos e se este castigo consegue restablecer a harmonía.
Podemos considerar A Asasina como obra cume do naturalismo grego. O narrador expón os feitos de manera aséptica, non xulga, escolle a personaxes rudos, de baixa extracción social, como protagonistas; sitúa a súa acción nunha terra de beleza abraiante, pero ingrata e inhóspita para o home, unha terra que acaba converténdose en cárcere e tumba da protagonista.
Quen quera coñecer máis de cerca as terribles andanzas de Frangoianú e as fermosas paisaxes da illa de Skiathos, pode consultar esta presentación. Tedes varios exemplares á vosa disposición nos andeis da nosa biblioteca.


21/04/13

LAS ÁGUILAS DE ROMA

O primeiro volume da serie en cómic Las Águilas de Roma,  foi a lectura escollida por Mariano e un dos poucos libros comentados na clase de Cultutra Clásica de 3º de ESO até o de agora. Dado que o noso presentador non seguiu os consellos que publicamos hai algúns meses, imos completar algúns datos e tratar de resumir e comentar a exposición.
A serie Las Águilas de Roma consta até o momento de tres volumes publicados pola Editorial Norma. O seu autor é E. Marini, autor tamén de El Escorpión, unha serie de "capa e espada" ben coñecida por algúns lectores de cómic do IES de Melide.
Las Águilas de Roma está ambientada no tempo do emperador Augusto, recén inaugurado o Imperio, e ten por escenario Roma e Xermania. Despois de conseguer unha vitoria sobre os pobos xermanos, o xeneral romano Druso sela alianzas cos vencidos levando fillos dos seus caudillos como reféns a Roma para garantir a paz. Entre eles está Ermanamer, fillo do príncipe querusco Sigmar, que é entregado a Tito Valerio Falco, un severo xeneral retirado, para ser educado coma un romano. Arminio, nome romanizado de Ermanamer, educarase xunto con Marco, fillo de Falco e a súa esposa xermana Albinia. Arminio e Marco enfrontaranse á dureza da educación imposta por Falco e iniciaranse na vida adulta, propia dun noble romano, nunha relación de rivalidade nun principio e de amizade e irmandade de sangue máis tarde.
Un dos apectos máis valorados neste cómic é a perfección do debuxo que nos ilustra de diferentes aspectos da cultura romana: as guerras contra os xermanos, a vida nas villae, a vida na gran urbe romana... Sorprenderon  e fixeron as delicias de algúns/as o explícito das imaxes eróticas e de acción (doma dun cabalo, cacería dun oso...).
A outras/os gustounos especialmente a recreación do foro romano, a vida nunha villa: o triclinium e outras partes da domus, o traballo dos escravos, o labor do paedagogus, a instrución física dos mozos, as panorámicas de Roma, dun campamento romano...

E non remata aquí a historia, os volumes II e III están agardando por vos na biblioteca.