11/03/18

TEATRO CLÁSICO EN LUGO 2018

Teatro Clásico Lugo 2018

Un ano máis O IES de Melide acudiu fiel a súa cita co Festival de Teatro Grecolatino que, na súa 18ª edición organiza a sección galega da SEEC. Este ano as obras elixidas foron Edipo Rei, de Sófocles, por ser lectura obrigatoria en grego de 2º de BAC, e a Cásina de Plauto. Dende hai un par de anos o alumnado de clásicas está acompañado das alumnas e alumnos de artes escénicas, que imparte o departamento de música, e das de literatura universal, a cargo do departamento de lingua e lit. castelá.
Para aproveitar ben a xornada comezamos visitando Santalla de Bóveda, esa marabilla de santuario tardorromano tan pouco coñecida por moit@s. Grazas a amabilidade de Montse, unha das persoas encargadas do recinto, puidemos visitar o templo un luns, día que normalmente está pechado ao público.
Antes do comezo da representación de Edipo Rei, o equipo Η ΤΑΝ Η ΕΠΙ ΤΑΣ do IES de Melide, formado por Ainhoa García Simón, Yara González Barral e Adrián Iglesias Campos tivo a honra de recoller o 1º premio de Galicia do Concurso Odisea de mans de Ricardo Martín, unha das persoas que xunto con Teresa Amado fan posible este Festival de Teatro. Os nosos campións quedaron no 5º posto na clasificación estatal, esperamos que en breve reciban o seu pequeno premio.
A posta en escena do Edipo Rei estivo a altura da grandeza desta obra maestra de Sófocles. Edipo conseguiu transmitir o seu πάθος ou angustia ao público cun clímax intenso e pleno, apoiado por un brillante Creonte e un magnífico coro rebosante de plasticidade. O corifeo e Iocasta estiveron un tanto comedidos, talvez algo faltos da intensidade que inunda a traxedia. Pero, con todo, o resultado foi un éxito total, conseguindo chegar e emocionar ao público escolar e adulto.
Pola tarde a representación de Cásina non cumpriu as espectativas desexadas. Nada máis comezar a comedia, supoñemos que nun intento de actualizar o humor plautino, un dos actores utilizou o xa manido recurso de imitación do acento galego para inducir á risa, pero sen conseguir o seu obxectivo. Se cadra este mecanismo funciona noutros lugares, pero en Galicia xa non nos fai graza a ridiculización do noso propio acento. Por simpático que nos poida parecer o acento arxentino, non semella unha boa idea usalo, por exemplo, nun teatro de Buenos Aires.
Tampouco nos gustou moito a manipulación do argumento de Plauto. Se ben unha das características dos clásicos é que se prestan a múltiples revisións, interpretacións e versións, un cambio importante na esencia da obra non nos parece axeitado nun festival de teatro escolar no que gran parte do profesorado e alumnado traballamos coas obras que se nos facilitan con antelación. Elíminase o papel protagonista do escravo, que en lugar dun servus callidus parece un pailanciño. Así vemos a un Lisidamo, o senex, absorvendo o protagonismo que debía ter Calino, que é quen realmente resolve o conflito. Creánse personaxes innecesarios como ese fillo tonto, o tal Racleto (?), que coas súas trangalladas despista ao público do diálogo que de por si é rico en xogos de palabras e dobres sentidos, a base do humor plautino. O personaxe de Pardalisca resultou excesivamente badoco e pola suma destes detalles o alumnado, en xeral, gustou moito máis da traxedia que da comedia.
Por que as directoras e directores de escena teñen tanto medo a usar ese humor intelixente, tan presente en Plauto? Acaso desconfían das capacidades do seu público? Se consiguen que unha traxedia tan complexa como Edipo chegue a un público novo, por favor, non dubiden en mostrarnos a un Plauto xenuino, seguro que nos gusta máis.
Seguimos a botar de menos aquelas comedias do grupo Sardiña, que sen renunciar a actualizar recursos cómicos, respectaban a esencia de Plauto sen necesidade de recurrir a un humor tan facilón e basto.