03/04/17

CONTACONTOS MITOLÓXICOS NO CEIP MESTRE PASTOR BARRAL

Os pasados 30 e 31 de marzo o alumnado de cultura clásica de 3º B e C do IES de Melide visitou o CEIP Mestre pastor Barral de Melide para contar contos mitolóxicos ao alumnado, convidados polo equipo de biblioteca que coordina Luísa Martínez.
Organizados en seis equipos, de dúas a catro persoas cada un, as alumnas e alumnos de clásicas prepararon os mitos de Teseo e o Minotauro, Perseo e a Medusa, Orfeo e Eurídice, os Doce Traballos de Heracles, a Odisea e a Guerra de Troia adaptados aos diferentes niveis de primaria. Estes contacontos, concebidos en orixe como actividade de biblioteca e club de lectura, foron un procedemento máis de avaliación mediante unha especie de rúbrica que guiase ao alumnado nos aspectos se ían valorar.
Era a primeira vez que nos embarcábamos en algo semellante e tivemos moi pouco tempo para preparalo, só unha clase para facer un esbozo dos guións e dúas tardes de ensaio en horario extraescolar, porque as dúas horas semanais da cultura clásica de 3º non dan para moito.
Aínda que houbo erros varios, o resultado foi espectacular. Usáronse recursos escénicos variados como música, monicreques, indumentaria e accesorios varios e, sobre todo, unha gran forza narrativa que case tod@s conseguiron sacar e empregar. Foi unha actividade sinxela que nos serviu para aprender a traballar en equipo e organizarse, botar man da creatividade, aprender a falar en público e tratar de empatizar cos receptores da nosa mensaxe. Tamén foi unha boa oportundidade para descubir o potencial de cada quen, por fin saíron a luz un montón de talentos ocultos!
Pero o mellor de todo foi o noso público, as nenas e nenos do colexio Mestre Pastor Barral e as súas profesoras e profesores que nos deron unha acollida tan cálida e agarimosa. Non tedes máis que mirar as súas caras nas fotos. Grazas de corazón e, se nos convidades para o ano que vén, volvemos con máis e mellor!!
Contacontos mitolóxicos