Este soño, poder escoitar a Ifixenia falando galego, non podería cumprirse se non fose pola xenerosidade de Susana Crespo e dos compoñentes do seu grupo de teatro El Ruiseñor.
A posta en escena de Ifixenia en Áulide foi fermosísima, solemne, grandiosa até o punto de ser quen de manter en silencio e recollimento a un auditorio cheo de estudantes de secundaria. Unha Ifixenia coa forza propia da xuventude e da inocencia, unha Clitemnestra desgarrada que loita como unha leoa até o final para salvar a súa filla. Un Agamenón que se debate entre o seu amor filial e a propia ambición, un Aquiles nobre e valiente, pero temeroso da multitude, un vello escravo máis cordo e coherente que os seus amos... todo eles son personaxes característicos de Eurípides, máis humanos, con luces e sombras, con medos e dúbidas.
Que marabilla poder escoitalos na nosa lingua e poder preparar o texto nas aulas coa impecable tradución de Ánxela Vidal Triñáns.
Pola tarde, O Persa de Plauto superou con moito as nosas espectativas. O Persa non é unha das principais obras de Plauto, é unha comedia que nos amosa un mundo do revés onde os escravos actúan como donos e señores, organizan banquetes e dispoñen da facenda do amo ausente.
O bo facer de El Ruiseñor e a magnífica adaptación de Ricardo Martín foron capaces de converter un texto simple, baseado no enredo e no equívoco, nunha comedia redonda e hilarante coa que disfrutamos moito pola tarde.
Pola mañá, antes da representación de Ifixenia, Javier Carreira, Najwa Daki e Iratxe López de Armentia, alumnos de 1º de BAC do IES de Melide que conformaban o equipo Synoris, recolleron o 2º premio do Concurso Odisea na súa fase autónomica, cousa que nos enche de orgullo, como é lóxico.
Ademais de teatro, sempre aproveitamos a nosa visita a Lugo para coñecer o patrimonio romano. Este ano tocoulle á necrópole de San Roque, un recinto arqueolóxico moi interesante no que destaca un impresionante estanque ritual con representación dos deuses exipcios Isis e Amón. Alégranos ver como nestes anos o Concello de Lugo foise esforzando por preservar o seu patrimonio romano e aumentou considerablemente os seus espazos museísticos.
E como sempre, só queda dicir que ao pracer de disfrutar de teatro e patrimonio clásico engádese o de pasar unha xornada acompañados por un alumnado de clásicas e artes escénicas que sabe estar, disfrutar e valorar toda esta herdanza clásica.
