28/04/18

VIAXE A GRECIA 2018

Por fin contamos algo case tres semanas despois do noso regreso. Máis que contar imos deixar que as imaxes falen por si soas. Foi unha viaxe longa e intensa, pero inesquecible, que realizmos xunto con IES de Ames (A Coruña)
Chegamos na tarde do 3 de abril a Atenas, pero pouco máis puidemos que dar un paseo por Plaka e tomar un giro no Areópago, xa que a mañá seguinte saímos rumbo ao Peloponeso. En Epidauro, centro medinal da antigüidade, visitamos o santuario de Asclepio e, como non, o famoso teatro, onde puidemos comprobar a súa magnífica acústica. Continuamos ata Micenas, onde subimos ao pazo-fortaleza do mítico Agamenón, quen dirixira aos gregos contra Troia, visitamos o museo e o tesouro de Atreo. Fixemos noite en Olimpia.
No museo de Olimpia puidemos disfrutar, entre outras cousas, do Hermes con Dioniso de Práxiteles. O recinto arqueolóxico estaba en todo o seu esplendor primaveral, foi unha delicia percorrer a palestra, o ximnasio, os restos do templo de Zeus, o Hereo... e, como non, o estadio olímpico cunha temperatura ideal baixo a sombra das árbores.
De Olimpia saímos dirección Kalávrita, enclave montañoso no norte do Peloponeso, tristemente célebre pola matanza que os nazis fixeron en 1943, durante a II Guerra mundial. Cando íamos de camiño fíxose silencio no bus ante a fermosura abraiante da paisaxe, a garganta do río Vuraikós e o parque natural de Khelmós. Encantounos este lugar, tan acolledor na montaña, un hotel estupendo e unha cea aínda mellor. Ao día seguinte visitamos a Cova dos Lagos, chea de estalactitas e estalagmitas e percorrimos a garganta do Vuraikós no lendario tren de cremalleira ata Diakoptó. Inesquecible.
Volvimos durmir en Atenas, pero só de paso, para coller a mañá seguinte, moi moi cedo, un barco con destino a Santorini, a perla das Cícladas. Alucinamos coa arquitectura branquísima sobre os cantís de Fira e Ía contrastando coas cores volcánicas. Moitxs non esquecerán o "paseíño" de Karterados a Ía. Unha boa camiñata e un fin de xornada na praia de Perissa. O último día foi un tanto apurado, por mor da Pascua Ortodoxa tivemos que concentrar as nosas visitas o luns de pascua. Visitamos Akrotiri, unha esplendorosa cidade que que quedou sepultada pola violenta erupción do volcán sobre o 1500 a. C. A continuación baixamos ao porto antigo a toda présa para coller un barquiño e visitar as pequenas illas que nun pasado moi remoto formaban parte da illa de Sanorini, Palea Kaimeni, onde os máis valentes se bañaron nas súas augas termais ferruxinosas, e Nea Kaimeni, onde puidemos visitar o cráter do volcán.
Por fin, de regreso en Atenas, puidemos dar conta da cidade. Nunha xornada moi completa visitamos o Museo Arqueolóxico Nacional, a Ágora, o Museo da Acrópole e a tan esperada Acrópole, que xa nos tardaba.
Despois de tantos días xuntos, xa parecíamos unha familia numerosa. Os profes, Fernando e Susana, queremos agradecer ao alumnado a súa actititude, o seu saber estar e aproveitar que fixeron que a viaxe fose na mellor das compañas. Tamén queremos agradecer as familias a confianza depositada e os esforzos de todo tipo para que as súas fillas e fillos puidesen realizar esta viaxe, esperemos que foxe unha viaxe proveitosa, longa e chea de aventuras e coñecementos, como di o poeta.
Para o ano dicíamos Sicilia, non?

Viaxe a Grecia 2018

Ningún comentario: