25/01/20

V LVDI COMPOSTELLANI

O pasado mércores 22 de xaneiro tivemos a nosa quinta edición dos LVDI COMPOSTELLANI, a gran festa da cultura clásica que, atrevémonos a dicir, está xa ben consolidada na Gallaecia.
Este día acudimos varios centros de secundaria a impartir e recibir obradoiros á facultade de filoloxía da USC que estaba engalanada para a ocasión con mobles de inspiración clásica fabricados polo Ciclo de Madeira do IES de Melide, un mural cun magnífico cortexo de Dioniso realizado polas profesoras Margarita Olivar e Eva Garea, un simpático romano de Xosé Tomás... que nos axudaban a trasladarnos ao mundo antigo. Neste marco clásico un equipo de mozas e mozos do IES de Melide agasallaba aos visitantes con tattos en grego e latín.
 O IES de Melide, ao igual que en anos anteriores, impartiu os obradoiros de danza grega, escritura antiga e moda clásica cun alumnado cada vez máis afianzado e seguro que soubo expor ante outras alumnas e alumnos o que aprendera nas aulas. Este ano o obradoiro de moda contou coa colaboración de Hugo López, modisto e deseñador melidense, alumno de cultura clásica de 4º de ESO, que enriqueceu o noso catálogo cun espectacular traxe de grega minoica e outros deseños máis clásicos que luciron as súas compañeiras e profesoras.
O IES de Elviña estreouse este ano cun brillante obradoiro sobre hixiene e cosmética, onde puidemos ver unha réplica de letrina romana e facer un delicioso perfume. Fernando Lillo, magister maximus do IES de Santo Tomé de Freixido, ensinounos a facer graffiti pompepianos e a combatir como auténticos hoplitas gregos. O alumnado da filoloxía clásica da USC fíxonos xogar como antigos gregos e romanos. Fóra da Facultade, outros grupos de estudantes facían unha xincana de tema clásico pola zona monumental compostelá, guiados pola profesora Ana Suárez, especializada en Historia de Roma.
A media mañá puidiemos disfrutar dun espectáculo excepcional a cargo da Asociación cultural Gallaecia Viva que nos fixo vivir unha loita de gladiadores ao igual que na antiga Roma.
Unha xornada magnífica que nos ensinou a traballar en equipo e aprender divertíndonos.


V LVDI COMPOSTELLANI

Ningún comentario: