01/03/16

MEDEA E XEMELGOS, DE NOVO VENDO TEATRO CLÁSICO EN LUGO

Un evento inescusable na nosa axenda é a asistencia ao festival de teatro grecolatino que organiza a SEEC, agora en diferentes cidades galegas. Por motivos de proximidades xeográfica, sempre eliximos Lugo onde onte, luns 29 de febreiro, poidemos disfrutar dunha poderosa Medea de Eurípides e uns divertidos Xemelgos de Plauto.
Comezamos a nosa xornada visitando a Domus do Mitreo, onde vimos restos de peristilo, in pozo, un muíño de man, habitacións con canalizacións de auga e outras dependencias da casa que logo quedou partida coa construción da muralla. Pero o máis importante deste recinto é o templo de Mitra, único en Europa, onde vimos, en perfecto estado, a ara que lle dedicou un centurión a este deus persa.
Pola mañá, xa no auditorio, tocounos a traxedia. Unha Medea de Eurípides a cargo do grupo "El Ruiseñor" cun texto ben adaptado e unha dicción clarísima e moi traballada que permitiron unha perfecta comprensión e seguimento por parte do público. Na posta en escena destaca a interpretación dunha Medea implacable, presa pola paixón e na que apenas hai lugar para a dúbida, xunto cun tratamento libre do coro, no que as mulleres de Corinto interveñen individualmente e un grupo de danza asume actuación coral, de gran beleza plástica. Cabe destacar tamén a impecable interpretación do elenco de actores, na que sobrease a nodriza,capaz de transmitir ese πάθος ou paixón dramática.
Despois de xantar tocou algo máis lixeiro, uns Xemelgos interpretados pola compañía "Noite Bohemia" que, en esencia, conservaban ese espírito plautino: chistes adaptados ás circunstancias actuais, cantica (neste caso danza) para os entreactos e, sobre todo, moitas ganas de facer rir ao público. Actuación brillante de todos os actores e actrices, pero talvez sacrificio excesivo do texto orixinal en aras dun riso fácil, con algún chiste (de dubidosos tintes) evitable.
En resumo, unha xornada completa e estupenda, que seguiremos repetindo mentres a SEEC siga organizando coa eficacia e o bo facer que a caracteriza.
Despedímonoss facendo unha reivindicación, xa de vello, importante. Cando poderemos disfrutar dun espectáculo teatral na nosa lingua? Despois de tantos anos sen faltar a esta cita, é algo necesario que botamos de menos no IES de Melide. Dende aquí queremos animar á organizacion a que incentive os clásicos en galego, a ver se no 2017 podemos escoitar a Plauto, Aristófanes, Sóflocles ou Eurípides na nosa lingua.