Amosando publicacións coa etiqueta Vida cotiá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vida cotiá. Amosar todas as publicacións

29/01/19

IV LVDI COMPOSTELLANI

Un ano máis SEEC Galicia vén de celebrar os LVDI COMPOSTELLANI, xa na súa cuarta edición. Se en anos anteriores os LVDI celebrábanse a finais de abril, coincidindo coa entrega de premios das Olimpíadas de Tradución, neste curso decidimos desligalos deste concurso e adiantar a data a xaneiro, para aproveitar a maior disponibilidade de espazo na Facultade de Filoloxía da USC. Esta nova data, ademais, permitiunos gozar dos Ludi sen os apremios de fin de curso.
Así, o pasado martes 22 de xaneiro, acudiron á cita arredor de 200 estudantes de secundaria do IES de Melide, CPR Ntra Sra de los Remedios, I.E.S. nº1 O Carballiño, IES de Curtis, Colexio la Salle de Santiago, IES Xelmírez II, IES nº 1 do Carballiño, IEs Antón Fraguas, IES Menéndez Pidal e o IES Moncho Valcárcel. Realizamos obradoiros de moda clásica, danza grega, cociña, escritura antiga, grafitos, hoplitas, xogos clásicos, unha xincana mitolóxica pola zona monumental.
Como novidade este ano disfrutamos dunha magnífica sesión do Club Falcata de Vigo onde aprendimos aspectos fundamentais da lexión romana e o día a día dos lexionarios.
No IES de Melide, como en anos anteriores, as alumnas e alumnos de cultura clásica, latín e grego impartiron os obradoiros de Danza, Moda e Escritura con moito siso e gran mestría, hai que dicilo. Pero é de xustiza engadir que o alumnado e profesorado participante, coa súa actitude positiva e colaborativa, axudou moito a que todo saíse ben.
Tod@s @s asistentes foron agasallados por SEEC Galicia cunha pulseira que reza "Eu💗Clásicas" e tiveron a oportunidade de facer un tattoo clásico. As pulseiras e os tattoos foron unha idea orixinal do departamento de filosofía do IES de Melide e a profe Marga Quintela, da que nós, como bos clásicos, fixemos imitatio.
Todo un éxito grazas ao traballo en equipo de SEEC Galicia, do alumnado e profesorado que realizou os obradoiros e participou neles. Parabéns a tod@s e a por uns V LVDI COMPOSTELLANI con máis obradoiros.

  IV LVDI COMPOSTELLANI

02/11/17

A MORTE NO MUNDO CLÁSICO

Nin Halloween nin Samaín, hoxe é o Día de Difuntos de toda a vida e os costumes que recordamos algunhas non eran andar por aí disfrazadas de seres horripilantes, senón ir ao cemitario armadas de caldeiros, estropallos e flores e arranxar as sepulturas dos nosos familiares.
Aproveitamos logo este día para recordar como eran os ritos funeraios na antigua Grecia e Roma, xa que este ano este vai ser o tema do concurso Odisea. Colgamos aquí unha presentación a medio facer que iremos completando pouco a pouco.

11/05/16

I OBRADOIROS DE CULTURA CLÁSICA. LUDI COMPOSTELLANI

O pasado 3 de maio, un super equipo de alumnas e alumnos de cultura clásica, latín e grego do IES de Melide impartiu na Facultade de Filoloxía un obradoiro de moda clásica e outro de escritura antiga, nesta primeira edición de Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola sección Galega da SEEC. Esta actividade, que pretende ter continuidade e consolidatrese, foi bautizada como Ludi Compostellani, como recoñecemento aos veteranos Ludi Saguntini, evento imprescindible na comunidade educativa das clásicas.
Aínda que a idea inicial era facer unha xornada festiva que acompañase a entrega de premios da II Olimpíada de Tradución, os obradoiros adquiriron un protagonismo capaz de servir de reclamo a uns 20 centros que acudiron con arredor de 200 alumnos e alumnas, que ademais dos obradoiros de moda e escritura, participaron nun obradoiro de cociña, a cargo do alumnado do IES Xelmírez II, e nun obradoiro de xogos e outro de música a cargo do alumnado de filoloxía clásica da USC. O alumnado do IES de Ames encargouse de facer un precioso fotocoll que representaba ao deus Dioniso co seu séquito de sátiros e ménades. Estas actividades completábanse cun Itinerario Mitolóxico dunha hora de duración polo casco histórico compostelán, que partía da Praza do Obradoiro guiado por alumnas da USC e pola profesora Ana Suárez.
Para ser a primeira edición, a xornada festiva foi todo un éxito grazas ao traballo de todos os centros que participaron e da directiva da SEEC, en especial de Teresa Amado, alma mater do proxecto que estivo en todo momento apoiando e animando aos centros, pendente de que non faltase nada. Grazas, Teresa!

Pola nosa parte, contamos coa inestimable axuda do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos construío unha cadeira klismos, cálamos, transformáronnos unha capsa.... e no IES de Melide estivemos traballando nas aulas duramente ao longo do mes de abril, preparamos o material, distribuímos o traballo e velaí o resultado.  É certo que hai algunhas cousas que debemos mellorar: ensaiar mellor a exposición, coordinarnos máis, ser máis responsables co traballo individual... que tentaremos levar á práctica o próximo curso se conseguimos que esta actividade teña continuidade. Quen se apunta para o curso que vén? Sabedes que agora podedes volver a escoller cultura clásica en 4º de ESO?

I LVDI COMPOSTELLANI

29/04/16

OBRADOIRO DE ESCRITURA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Os departamentos de latín e grego estamos a desenvolver unha nova actividade que até o de agora só practicaramos cando viaxabamos a Sagunt, un obradoiro de escritura antiga cos dous alfabetos, latino e grego.
Despois de dúas visitas á Domus Baebia Saguntina, en 2010 e 2015, o empuxón definitivo para que nos animásemos a tentar facelo por nós mesm@s, foi o obradoiro que de xeito altruísta Fernando Lillo impartiu no outono de 2015 para un pequeno grupo de profesores e alumn@s da USC na facultade de filoloxía.
Para poder realizar este obradoiro contamos co apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos.
E como Audentis Fortuna iuvat, embarcámonos a participar e preparar os I Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola SEEC, e estreámonos na nosa biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide, que o martes 26 e abril quedou convertida en biblioteca de Alexandría por un día. Velaí o resultado:

E como queremos compartir o noso traballo, deixamos aquí as seguintes ligazóns:
- Plantilla para escritura grega antiga
- Plantilla para escritura latina antiga
- Antoloxía de textos gregos para paleografía
- Antoloxía de textos latinos para paelografía
Animadevos a probar

29/01/16

ENTRENANDO CON KAHOOT PARA A GUERRA

Descubrimos Kahoot grazas a Álvaro P. Vilariño, Dives Gallaecia, que compartiu xenerosamente este Kahoot sobre a guerra de Troia:

Concurso sobre a guerra de Troia


E agora engadimos outro xogo máis sobre a Guerra no mundo antigo:

Concurso sobre a Guerra no mundo clásico


Pero para poder gañar neste xogo, bota un vistazo antes á presentación da Guerra de Troia e a unidade didáctica a Guerra no mundo antigo que tes no artigo de abaixo. Sorte e a xogar!

27/01/16

CONCURSO ODISEA: A GUERRA NO MUNDO CLÁSICO

Unha vez máis o alumnado do IES de Melide acude ao concurso Odisea, que terá lugar os días 1, 2, 3 e 4 de febreiro. Pero esta vez facémolo en orde de batalla, pois este ano o tema central será a guerra nas antigas Grecia e Roma. Para ir adestrando un pouco, estes días estamos tratando na aula temas relacionados co mundo bélico na antigüidade. Como o primeiro día as preguntas serán sobre a guerra na mitoloxía, recuperamos unha antiga presentación sobre a guerra de Troia:


Os outros días o tema será a guerra na vida cotiá, a Historia e institucións e a literatura. Para elo, recuperamos unha antiga unidade didáctica do baúl dos recordos e a maqueamos un pouco para disimular, e aquí a compartimos por se pode servir de axuda:

A Guerra no Mundo Clásico by Susana Losada


Para finalizar deixamos aquí unha lista de reprodución de youtube, moi mellorable, por certo. Moito ánimo e ao ataque!!

14/02/14

PODEROSA AFRODITA

A Candeloria celébrase o 2 de febreiro e nela os cregos bendicen as candeas que os fieis deben ter accesas durante a misa e que logo levan as casas para que os protexan nas treboadas. A Candeloria é tamén unha festa que celebra a proximidade da primavera, Pola Candeloria a metade do inverno vai fóra, e o tempo no que as aves se aparean, Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola, polo que en Galicia celebramos o día dos namorados. Outro día xa consolidado no mundo occidental como día dos namorados é o 14 de febreiro, día de S. Valentiño. Aproveitamos esta data e rematamos esta "quincena amorosa" vendo como os antigos gregos e romanos entendían o amor, Ἔρως, esa poderosa forza que rixe o mundo.

08/04/10

MODA CLÁSICA: NOVA TEMPADA PRIMAVERA-VERÁN


A pesares de que o tempo se nos resiste e non da marchado o inverno, xa é primavera en Aspasia. Velaí toda unha ampla gamma de modelos que poderemos lucir proximamente nos Ludi Saguntini, na representación do Miles Gloriosus no teatro romano de Sagunt.
E que non queda case nada para a nosa viaxe a Sagunt e Tarraco!!!. Esta vai ser unha auténtica viaxe no tempo: escoitar unha obra en latín nun teatro romano e vestidos de romanos.
E para que a nosa participación estea á altura do acontecemento, estamos a estudar na aula como vestían os antigos gregos e romanos. Xa levamos un cantos "talleres" ensaiando diferentes modelos con teas, e a verdade é que non parecen complicados e son bastante lucidos.
Aínda que non imos todos a Sagunt, a gran maioría si imos usar o traxe de romano/a en máis ocasións, como na gran festa romana "Arde Lucus" a finais de xuño en Lugo.
Veña, conseguide xa a tela que non queda moito tempo e aínda temos moito que facer.