Despois de dous anos sen facer obradoiros por mor da pandemia, puidemos pro fin este curso retomar esta actividade que tanto nos divirte.
Estas semanas, nas que a maioría do alumnado xa ten aprobada a materia foron as ideais para facer obradoiros de moda e escritura.
En 3º de ESO, como só temos dúas horas semanais, só puidemos facer o obradoiro de moda, pero en 1º de BAC, deunos tempo a probar un pouco os dous. Incluso hoxe tivemos convidados de outras materias que non puideron resistir a tentación de vestirse de hoplitas e simular unha loita. Velaí.
Se case por estas mesmas datas o curso pasado marchabamos a Compostela a recoller un premio, este curso repetimos a xogada: hoxe recollimos o 2º premio do Concurso Odisea, que lles foi entregado a Belén Agra, Brais Lugrís e Diego Pintor na Facultade de Filoloxía. Belén, Brais e Diego eran os compoñentes do equipo Apeles, nome moi axeitado este ano no concurso Odisea, que tiña a Arte nas antigas Grecia e Roma como tema central.
Aproveitamos estes días nos que a maioría ten aprobada a materia para pasr todo o día en Compostela e facer un pequeno itinerario mitolóxico pola zona momunmental. Percorrimos o Hostal dos Reis Católicos, a Catedral, a casa dos Fonseca, a Facultade de Historia e rematamos contemplando o Atlas da praza do Toural. Tamén aproveitamos para visitar outros lugares como a Praza de Abastos ou a libraría Couceiro, onde nos mostraron o traballo artesanal de encadernación.
Esta viaxe modesta será a última co IES de Melide, despois de vintenove anos con viaxes a todas partes: viaxamos a moitas as cidades e vilas galegas repetidas veces, fomos a Andalucía en dúas ocasións, a Tarragona e Sagunt outras dúas veces, a Grecia unhas quince veces polo menos (ou máis?), a Sicilia e a Berlín. Quedounos pendente unha última viaxe a Grecia que estaba totalmente organizada e pagada en 2020 e a pandemia impediunos facer.
Agora, dende o meu novo destino, o IES Eduardo Pondal de Compostela, seguirei programando viaxes a Grecia co meu querido IES de Melide.
Dende que celebramos a Semana da Poesía na biblioteca Xaquín Yebra, o alumnado de grego non falta a esta cita, pois non en van Grecia é berce da poesía. A semana inaugurouse o propio Día da poesía, o luns 21 de marzo, e rematou o venres 25. En todos os recreos desta semana alumnado do IES de Melide, dende 1º de ESO a 2º de BAC, recitou poemas de autoras e autores a antigüidade clásica até os nosos días, incluídas nesta lista alumnas de literatura galega, que recitaron os seus propios poemas. Os idiomas dos nosos poemas foron o galego, castelá, inglés, portugués, latín, grego, rumano... e non podía faltar a lingua de signos, a cargo de Lola Corzo.
O venres 25 de marzo as alumnas de grego de 2º de BAC recitaron dous poemas de poetas líricos gregos que limos e estudamos na clase. Candela Miguélez recitou un poema de Safo, O que unha ama, onde a autora define o seu innovador concepto da beleza. Raquel Miguélez leunos un poema de Anacreonte no que o poeta invoca ao deus Dioniso para que interceda ante o seu amando Cleobulo.
Como todos os anos dende que comezou, e só interrompida en 2021 pola pandemia, o pasado 8 de marzo acudimos á nosa cita do Festival de Teatro Grecolatino de Lugo, nesta ocasión para asistir ás representacións de Bacantes de Eurípides e de Anfitrión de Plauto.
Foi un día estupendo porque, como sempre, as representacións a cargo dodo grupo Noite Bohemia non nos defraudaron. Se pola mañá gozamos dun fermosísimo espectáculo visual con Bacantes de Eurípides, pola tarde o Anfitrión de Plauto gañou ao público facendo que o teatro estoupase en gargalladas.
Antes da representación da mañá, non perdemos o tempo e puidemos visitar a Casa dos Mosaicos e ver o mural de Xulio César de Diego As, que vén de gañar importantes premios. Diante deste mural fixemos unha foto coa pancarta que vedes en varias destas fotos e inauguramos así a campaña SOS Clásicas, na que alumnado e profesorado estamos en pé de loita para que as clásicas recuperen no ensino e na vida cotiá o espazo que lles corresponde.
Pero o "pistoletazo" oficial de comezo da nosa campaña foi a lectura dun Manifesto en Defensa das Clásicas que leron tres alumnas do IES Eduardo Pondal de Compostela e a súa profesora, Noelia Cendán.
Pola tarde tivemos unha entrevista no programa da RTVG Fun polo vento onde informamos brevemente da nosa campaña. E a partir de aquí as nosas redes sociais están que fumegan. Únete a nosa campaña!
Fieles ao Concurso Odisea dende a súa creación, as alumnas e alumnos do IES de Melide non faltaron a convocaoria deste ano.
Nesta ocasión o tema era a Arte nas antigas Grecia e Roma, un tema precioso, pero amplísimo. Adestramos duramente con este material, elaborado polos departamentos de latín e grego e practicamos facendo un montón de preguntas na aula virtual.
Pasamos unha semana moi emocionante e nada menos que catro equipos de Melide, conseguiron a puntuación máxima, 73 puntos. O equipo que empregou menos tempo o día do preguntón, o equipo Apeles de 1º B de BAC, pasou ao desempate autonómico.
O pasado mércores 9, o equipo APELES, formado por Belén Agra Parrado, Brais Lugrís e Diego Pintor Barallobre, conseguiu clasificarse como 2º campeón de Galicia, na fase desempate local que tivo lugar en varias sedes, unha delas o IES Eduardo Pondal de Compostela. Recollerán o seu premio o vindeiro martes 8 de marzo durante o Festival de Teatro de Lugo.
Bravísimo por Belén, Brais e Diego e por todas e todos os participantes. Pasámolo estupendamente e aprendimos un montón, e iso é o mellor premio.
Deixamos aquí a clasificación dos equipos do IES de Melide entre case 200 de toda Galicia.
A Noite de Estrelas de 2021, que anunciabamos máis abaixo, foi todo un éxito de afluencia de xente e poidemos superar o aforo permitido, 100 persoas, porque a actividade desenvolveuse totalmente no exterior.
Despois dun fermoso día de Veraniño de San Martiño, o ceo cubriuse de nubes ao anoitecer, polo que o astrónomo que dirixía a actividade, Pedro Pablo Campo, decidiu comezar directamente coa observación. Mentres agardábamos a nosa quenda no telescopio, Pedro Pablo explicounos cousas relacionadas co que iamos ver: Xúpiter e tres dos seus satélites, Saturno, a Lúa, Albireo, unha estrela dobre, e as Pléiades. A medida que avanzaba a noite, o ceo foi despexando e a observación mellorou moito. Avistamos tamén moitas constelacións a simple vista.
O público maioritario foron rapazas e rapaces do instituto e dos colexios que acudiron ao centro coas súas familias. Descubrimos entre eles un grupiño de auténticos astrónomos amateurs que sabían distinguir moitas constelacións e que fixeron preguntas moi interesnates a Pedro Pablo Campo.
Deixamos aquí fotografías do evento, cedidas por xentileza de Rodrigo Vázquez, de Turismo Melide.
O club de ciencias, do que forma parte activa o departamento de grego, como non podería ser de outro xeito, organiza esta noite unha actividade de observación de estrelas, coa colaboración do OARMA (Observatorio Astronómico Ramón María Aller) da USC. Esta actividade xa se realizou en ocasións anteriores e está aberta a calquera persoa da Terra de Melide que quera achegarse. Con ela inauguramos as actividades estraescolares do curso 21-22 e tentamos recuperar un pouco o ritmo anterior a pandemia (crucemos os dedos para que sexa posible unha relativa normalidade).
Por que nos interesan tanto as estrelas? Á parte do pracer de contemplalas, están estreitamente ligadas á mitoloxía clásica. Bota unha ollada.
O pasado martes 22 de xuño un pequeno grupo de alumnado de 3º de ESO acudimos á Facultade de Filoloxía a recoller un pequeno premio, un accésit do Concurso A máscara que inspira, dentro da modalidade de podcast, polo noso programa de radio Hécuba, a raíña do Ilión, do que dábamos noticia máis abaixo.
No acto fixéronse tamén entrega dos premios do Concurso Odisea e da VI Olimpíada de tradución, concursos nos que tamén participou o IES de Melide. Durante o acto poidemos ver e escoitar os outros traballos premiados en todas as modalidades e disfrutar da súa calidade.
No pouco tempo que nos quedou libre, dimos un pequeno paseo pola zona monumental, facendo un pequeno roteiro mitolóxico e disfrutando das vistas da catedral sen andamios e coas súas fachadas limpas e restauradas.
Foi unha pequena viaxe que nos resultou moi apeticible nun ano de "sequía" de actividade extraescolares.
O alumnado de 3º de Cultura Clásica rematou o curso este mércores 16 cunha visita ao Museo Terra de Melide. Nestas dous últimas semanas no Museo houbo unha actividade frenética, con visitas de escolares todos os días, e non é de estrañar, non só porque nel gardemos os nosos tesouros, o patrimonio da Terra de Melide, senón tamén porque a amabilidade e o bo facer de Cristina convidan a a elo.
O noso percorrido foi rápido porque non tiñamos moito tempo. Centrámonos na época castrexa e na romanización, que era o que máis nos interesaba. Así vimos bifaces, puntas de lanza, moitos pondera ou pondus e fusaiolas, pezas singulares como un protector de arqueiro o unha pequena ara de Mercurio. Á vista de todos os castros da nosa comarca, reparamos unha vez na inmensa riqueza arqueolóxica da terra de Melide.
Rematamos cunha rápida ollada ao telar tradicional que está na última planta, que nos recordou bastante ao telar de Penélope que o día anterior nos caeu no exame, nunha famosa representación en cerámica. Despedímonos recitando o fermoso poema de J. M. Díaz Castro:
Penélope
Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move. A espranza nos teus ollos se esperguiza. Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mol como unha uva. Pro ti envólveste en sabas de mil anos, i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, Xesús María!, e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
O departamento de grego xunto co alumnado de grego 1º de BAC formaron parte do Club de Ciencias
durante este curso e o pasado. Estamos no club de ciencias porque pensamos que o saber non se divide en ciencias e letras e precisamos de todo para a nosa formación.
Cremos no traballo interdisciplinar e pensamos que dende a nosa materia, grego, podemos aportar cousas interesantes en calquera campo de traballo. Na confección desta táboa periódica partiparon os departamentos de física e química, matemáticas, bioloxía e xeoloxía, plástica, inglés e grego.
A semana pasada o alumnado de 3º de ESO de cultura clásica tivo a sorte de poder facer un curso express de radio no IES de Melide, dentro do programa Radio na Biblio, que impulsa Bibiotecas Escolares. A nosa formación estivo a cargo de Luis Pardo, xornalista da Cadea SER, que nos introduciu no mundo da radio, falándonos dos principais elementos dunha emisón radiofónica e das súas características.
Aínda que no IES de Melide somos pioneiros en radio escolar, tendo en funcionamento a nosa emisora FALAMELIDE dende 1993, unha parte significativa das nosas rapazas e rapaces non coñece este medio e non o escoita salvo contadas excepcións, cando van no coche cos pais, no bus do transporte escolar, ou na casa dos avós... como moi ben di Luis Pardo, cando están "secuestrados".
Despois de explicarnos os principais elementos dunha emisión -voz, música, silencio e sons- e compartir con nós ligazóns onde podemos atopar recursos, Luís amosounos diferentes tipos de podcasts onde descubrimos as inmensas posibilidades que ten a radio como medio de comunicación.
Unha parte fundamental no proceso de creación dun podcast ou programa de radio é o guión. Luís explicounos as características dunha mensaxe radiofónica e entre todos fomos capaces de transformar un texto, máis ou menos complexo, nunha noticia de radio.
Por último, acabamos facendo prácticas de locución. Probamos con noticias deportivas e cun guión de radio que tiñamos medio amañado para presentar no concurso A máscara que inspira, organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos). Cos bos consellos de Luís, fomos capaces de gravar o podcast Hécuba, a raíña do Ilión, inspirada na traxedia Hécuba de Eurípides, coas voces de Carmen Bitelmal, Xana Castro, Erick Conde e José Luís Otero, de 3º C de ESO, que se revelaron como auténticos artistas. Algunha delas descubriu unha posible vocación ao facer este programiña. Aquí volo deixamos, a ver que vos parece.
Despois de despedir ao alumnado do ano pasado, estaba convencida que me ía tocar un tempada de sequía. O curso fora complicado e as cousas non saíron como me gustaría. Estaba resignada a non ter alumnado en 2º de BAC, e tiña como consolo o marabilloso recordo da promoción 2016-2020.
Comezou o curso e en 2º de BAC tiña dous alumnos matriculados, Pablo Quintela Sesar e Iago García Carregal, a miña alegría foi inmensa. Só dous, pero que dous! Pasei todo o curso vendo só as súas miradas por riba da máscara e con iso abondoume. Pablo, sempre atento, cunha mirada cálida e agarimosa, sempre de bo humor e tranquilo, aínda que o forno non estivese para bolos. Iago, coa súa mirada de sorpresa ante cada descubrimento dunha etimoloxía, dun texto...iluminaba a nosa minúscula aula. Ese asombro, ese marabillarse ante o que se aprende, ante a natureza, θαυμάζειν en grego, foi o que provocou o nacemento da filosofía na Antiga Grecia. Esta alegría por aprender, que eu tiven a sorte de ver neste dous pares de ollos cada día, foron as pilas que me deron a enerxía necesaria para afrontar este ano difícil.
Foi un ano difícil, pero non só pola situación de pandemia que nos atenaza a todos, que non nos permite facer case ningunha das cousas que nos gustan e coas que se aprende de verdade: obradoiros, saídas, viaxes... Paradoxicamente este curso, no que as cousas deberían ser máis fáciles, tivemos que afrontar un traballo maior que o de outros anos, porque os textos propostos pola CIUG para as ABAU de Grego II tiñan un alto nivel de dificultade. Pero Pablo e Iago estiveron a altura e traballaron duro. Aínda nos quedan días de esforzo, presentarémonos a VI Olímpíada de Tradución de Textos Clásicos e despois a ABAU, que Atenea nos axude!
Quédame unha mágoa inmensa de non poder ter feito a nosa viaxe a Grecia, que xa estaba preparada para marzo de 2020 e na que Iago e Pablo ían participar con case 30 rapazas e rapaces máis. Coa declaración do estado de alarma adiámola a setembro, pero a situación sanitaria obrigounos despois a anulala. Cantas veces na clase, explicando calquera cousa, acordábame de todo o que podíamos ter visto en directo! Pero non quero que isto pareza un Diario dun mal ano, como a novela do meu admirado J.M. Coetzee. Con todas as restricións que nos impuxo a pandemia, este foi un curso estupendo grazas a Iago a Pablo. Foi un auténtico pracer ir a clase, facer textos, etimoloxías, explicar literatura... e acabar falando de libros, de películas ou simplemente da vida. Nunca escoitei unha mala palabra, nin sequera apreciei unha mirada cansa. Se algún día Iago ou Pablo fosen profes desexaríalles que tivesen tan bos alumnos como eles mesmos o foron para min.
Si, xa sei que me repito, que outros anos dixen o mesmo ou parecido, pero é que son unha persona moi afortunada polo feito mesmo de poder repetirme. Só me queda desexarlle esa mesma fortuna, da que eu disfrutei ata agora, a Pablo, Iago e todas as compañeiras e compañeiros da súa promoción.
Coincidindo coa chegada da primavera, celebramos o día da poesía o 21 de marzo. Como no IES de Melide son tantas os e as poetas que nos gustaría ler, fixemos recitais nos recreos de toda esta semana de marzo. Limos poesía en galego, en castelán, en inglés, en portugués, en francés, en rumano, en árabe e como non podía ser menos, en grego antigo.
Aproveitamos que en 2º de BAC estamos a estudar a poesía lírica e así Pablo Quintela recitou en grego antigo o famoso poema de Safo Parece un deus ese home que senta fronte a ti..., soando como fondo a versión musicada deste mesmo poema a cargo do grupo Trinovox. Iago García Carregal recitou o tamén famoso Ítaca de Cavafis en grego moderno, un dos seus poemas favoritos cun fondo musical da coñecida versión deste poema de Luís Llach. Por suposto, despois do recitado en grego viñeron as traducións ao galego de ambos poemas.
O broche de ouro da semana foi o recitado de Os Pinos, o famoso poema de Eduardo Pondal que serviu de letra ao noso himno galego, ao tempo que Lola Corzo o interpretaba en lingua de signos, mentres sonaba a versión interpretada por Lucía Pérez. Pura poesía.
Unha das poucas actividades que podemos facer nestes tempos de pandemia é o sempre tan agardado e desexado Concurso Odisea, organizado por SEEC Galicia.
Este ano, como non podía ser de outro xeito, o tema foi "A saúde e a enfermidade en Grecia e Roma". Non o traballamos tanto como outros anos porque coincidiu xusto co final da avaliación e cos exames. Aínda así, contamos cunha sinxela presentación nas aulas virtuais, e que agora compartimos, que puido ser de gran axuda a quen soubo consultala e ler. Cometimos erros, que xa veñen de vello, como non ler ben as bases e sobre todo, o erro máis importante é non ler e entender correctamente as preguntas, que son ben retortas e se asemellan bastante aos oráculos de Delfos.
Hoxe foi o día máis duro, comezamos ás 9.30 co preguntón e a iso das 14.00 horas casi todos os grupos conseguiran enviar as súas respostas. Houbo equipos que traballaron moito e fixeron un gran esforzo, que será recompensado na nota da 3ª avaliación. Agora só nos queda agardar a clasificación, Que os deuses repartan sorte!!
Por fin as nosas máscaras en grego, máis vale tarde... Así é como me gustaría inaugurar este curso, pero o que foi unha idea relámpago converteuse en algo máis laborioso. O primeiro día levei a clase as máscaras de "Sentidiño" que nos dera a consellería, pero alí non había xeito de pintar nada. Por outra banda, eran máscaras dun só uso, que xa non ían quedar moi alá despois do grafiteo en grego. Chus Pintor, a nosa modista, fíxonos unhas máscaras con filtro de 25 lavados, en manualidades Creati mercamos os rotus para poder decoralas. O resto do traballo é responsabilidade d@s artistas de 1º de Bac,Diego Enjamio Rouco,Candela Miguélez, Raquel Miguélez, Alba Ramos, Antía Ramos, Noemí Vázquez e María Vázquez Prieto. Estas máscaras son un produto artesanal producido e fabricado na Terra de Melide.
Se todos os anos despedir a unha promoción de alumnado que marcha é un momento agridoce, este ano de confinamento o sentimento amargo parece que predomina sobre o doce, pasamos moito tempo sen vernos fisicamente e, de momento, non podemos despedilos como se merecen.
Eu nunca fun amiga de festas de graduación, sempre me pareceron (e me siguen parecendo) un elemento importado dunha cultura allea, como tantas outras festas que non consigo nin quero asimilar. Aínda así, este ano apetecíame acompañalos na súa despedida. Queda pendente, farémola en canto nos deixen!
Parece que me repito todos os anos por estas datas, este curso adiadas por culpa deste terrible virus, e sempre solto un repertorio de gabanzas dos que marchan. É a sorte que teño co alumnado que escolle grego. Pero este curso non quero reducirme aos meus seis alumnos de 2º de BAC, quero despedirme de toda a promoción, porque o noso percorrido nestes seis anos foi moi intenso, cheo de fermosas mercancías nácaras e corais, ámbares e ébanos, e perfumes deliciosos de todo tipo... como di Kavafis no seu poema Ítaca.
Recordo aquelas nenas e nenos, ávidas de lectura, que se apuntaron en 2014 ao club de lectura, un auténtico batallón. Moit@s delas foron alumnas miñas en 3º de ESO. Aquel ano, o 2016-2017, tiven un curso moi numeroso de cultura clásica, cheo de xente entusiasta, fixemos mil actividades. A pouco que dixese, tod@s se apuntaban. Non esquezo aqueles contos mitolóxicos que fixemos no cole nº 3 para os cativos e logo na biblioteca para os nosos rapaces de 1º e 2º de ESO. Eu estaba exultante, a penas fixera nada, todo foi cousa daquela rapazada que tiña recursos para todo e era quen de preparar un espectáculo marabilloso nun tempo récord. Logo concurso Odisea, obradoiros, Ludi, colaboración co Museo Terra de Melide... un sen parar.
Pero o mellor de todo foron as nosas viaxes. En 2018 nove días en Grecia: Atenas, Micenas, Epidauro, Olimpia, Kalávrita, Santorini... alí forxamos o "ritmo Grecia", que en 2019 convertiuse en "ritmo Sicilia" unha viaxe na que tod@s estábamos sintonizados, facendo todo xunt@s, sen cansarnos, cantando a todas horas o "Bella, Ciao". En 2020 lanzamos case en broma un órdago para ir a Berlín nunha ponte. Os profes que organizabamos estabamos convencidos de que non iamos conseguir grupo porque en 2º de BAC a xente está só a estudar... Sorpresa! Estabamos tan desbordados de xente que tivemos que restrinxir a viaxe á alumnado só de 2º de BAC. Viaxamos a Berlín só 15 días antes do confinamento, foi unha fermosa despedida da "vida normal". Con esta xente marabillosa eu iría ao fin do mundo, sen dubidalo, todos os esforzos deste ano, no que organizábamos dúas viaxes de longa duración, pagaron a pena.
E xa para rematar falo da miña aula de 2º de BAC. Que sorte a miña ter clase con eles os venres a 6ª hora, a mellor despedida da semana que podería ter. Nunca tiven unha mala palabra, nin sequera unha mirada desagradable. Paula Cordero, tan madura e desexando aprender máis, Alba Regueiro, absorbendo todo o que escoita e ve e conectando todo rapidamente, Aroa Mosteiro con esa mirada que iluminaba a clase, Carlos sempre ocurrente e feliz, Laura Puga, que conserva todo o agarimo daquela pequena que coñecín en 1º de ESO, Mabel, co seu sorriso tranquilo... Xa volo dixen na clase, se algún día sodes profes, deséxovos alumn@s como vós o fostes para min. Que fortuna tan gande tervos coñecido e percorrer con vós este tramo de viaxe. Feliz viaxe a Ítaca!
Este ano ao pracer de volver ver teatro clásico en Lugo engadiuse a novidade e a emoción de poder escoitar por vez primeira heroes tráxicos falar na nosa lingua. Non foi sen tempo despois de vinte anos de existencia deste festival de teatro, organizado por SEEC Galicia.
Este soño, poder escoitar a Ifixenia falando galego, non podería cumprirse se non fose pola xenerosidade de Susana Crespo e dos compoñentes do seu grupo de teatro El Ruiseñor.
A posta en escena de Ifixenia en Áulide foi fermosísima, solemne, grandiosa até o punto de ser quen de manter en silencio e recollimento a un auditorio cheo de estudantes de secundaria. Unha Ifixenia coa forza propia da xuventude e da inocencia, unha Clitemnestra desgarrada que loita como unha leoa até o final para salvar a súa filla. Un Agamenón que se debate entre o seu amor filial e a propia ambición, un Aquiles nobre e valiente, pero temeroso da multitude, un vello escravo máis cordo e coherente que os seus amos... todo eles son personaxes característicos de Eurípides, máis humanos, con luces e sombras, con medos e dúbidas.
Que marabilla poder escoitalos na nosa lingua e poder preparar o texto nas aulas coa impecable tradución de Ánxela Vidal Triñáns.
Pola tarde, O Persa de Plauto superou con moito as nosas espectativas. O Persa non é unha das principais obras de Plauto, é unha comedia que nos amosa un mundo do revés onde os escravos actúan como donos e señores, organizan banquetes e dispoñen da facenda do amo ausente.
O bo facer de El Ruiseñor e a magnífica adaptación de Ricardo Martín foron capaces de converter un texto simple, baseado no enredo e no equívoco, nunha comedia redonda e hilarante coa que disfrutamos moito pola tarde.
Pola mañá, antes da representación de Ifixenia, Javier Carreira, Najwa Daki e Iratxe López de Armentia, alumnos de 1º de BAC do IES de Melide que conformaban o equipo Synoris, recolleron o 2º premio do Concurso Odisea na súa fase autónomica, cousa que nos enche de orgullo, como é lóxico.
Ademais de teatro, sempre aproveitamos a nosa visita a Lugo para coñecer o patrimonio romano. Este ano tocoulle á necrópole de San Roque, un recinto arqueolóxico moi interesante no que destaca un impresionante estanque ritual con representación dos deuses exipcios Isis e Amón. Alégranos ver como nestes anos o Concello de Lugo foise esforzando por preservar o seu patrimonio romano e aumentou considerablemente os seus espazos museísticos.
E como sempre, só queda dicir que ao pracer de disfrutar de teatro e patrimonio clásico engádese o de pasar unha xornada acompañados por un alumnado de clásicas e artes escénicas que sabe estar, disfrutar e valorar toda esta herdanza clásica.
Este ano os departamentos de latín e grego embarcámonos en dúas viaxes: unha viaxe a Berlín no Entroido para alumnado de 2º de BAC e a xa institucionalizada viaxe a Grecia, na semana anterior a Semana Santa.
Por que Berlín? Pois porque o patrimonio clásico non está só en Grecia ou Italia, senón en moitos países europeos que formaron parte do Imperio Romano ou en países que nos séculos XIX e XX conseguiron levar ao seu territorio inxentes restos arqueolóxicos e coleccións de antigüidades por métodos que, na súa maioría, hoxe calificaríamos como expolio. Tal é o caso de Alemaña, que amosa en museos de Berlin edificios como o Altar de Pérgamo, que non puidemos visitar por estar en reformas, a porta do mercado de Mileto e unha importante colección de antigüidades clásicas entre as que destacamos o Tesouro de Príamo, atopado en Troia polo arqueólogo H. Schliemann e moitas marabillas máis, repartidas entre o Neues Museum, o Altes Museum e Pergamonmuseum.
Pero no só vimos ver antigüidades a Berlín, senón tamén a estudar historia recente, xa que Berlín aínda amosa as súas feridas como escenario do III Reich, da II Guerra Mundial e cidade emblématica da Guerra Fría, co famoso muro que a partiu en dous durante case trinta anos.
Unha viaxe estupenda grazas ao alumnado participante, que na súa maioría viaxou a Sicilia o ano pasado e a Grecia hai dous anos. Con xente como esta, disposta a ver e aprender en todo momento, paga a pena o esforzo de organizar dúas viaxes e quedar sen vacacións de Entroido.
Velaí a nosa guía de viaxe á que lle faltan algunhas cousas importantes.
Aquí van unhas cantas fotografías. Outras podedes velas nesta ligazón, creada por Ander Varela.
No IES de Melide estamos a celebrar a nosa boa racha no Concurso Odisea. Esta ano dous equipos conseguiron clasificarse: Synoris, formado por Nawja Daki, Javier Carreira e Iratxe López de Armentia, de 1º de BAC B e o equipo Coraxe, con Iago García e Pablo Quintela, tamén de 1º B. Por tempo Synoris foi ao desempate e conseguiron o segundo posto na clasificación autonómica!!
E son xa tres anos, o pasado o IES de Melide quedou de terceiro e hai dous anos nade menos que o primeiro posto.
Rogamos aos deuses e deusas que @s organizadores non se cansen de seguir traballando para que poidamos seguir desfrutando deste concurso, no que tan ben o pasamos e tanto aprendemos.
Velaí a clasificación dos 16 equipos que participaron no IES Melide, nun total de 243 que participaron en Galicia.
Clasificación
dos Grupos que participaron no desempate
Como Aspasia, a muller de Pericles, somos un grupo estudantes de clásicas que queremos saír da sombra. Gústanos a mitoloxía e o mundo clásico en xeral e queremos amosarcho a ti.
ROMA
-
A.- CONOCER ITALIA/ROMA...
- Sicilia (españoles por el mundo).
- Roma (españoles por el mundo).
- Nápoles -1 (españoles por el mundo) [22.03]
B.- HISTORIA D...
3º. E.S.O.-Proyecto 1ª. Evaluación
-
1-NORMAS Y PAUTAS Se trata, como ya saben, de realizar dos vídeos
divulgativos independientes: uno sobre el dios o la diosa de la mitología
clásica y otro ...
Visita ao Vigo Romano
-
Hoxe, mércores 27 de novembro, os alumnos de Latín, Grego e Cultura
Clásica, visitaron o museo do Mar de Vigo (onde participaron nun obradoiro
de "*Lucerna...
Unos saberes útiles y desinteresados (y VI)
-
Por último, desearía subrayar algunas ideas que nos hacen entender mejor la
validez, hoy, del estudio de la antigüedad.
*El mundo clásico es tal porque t...
Nou curs d’estiu de la SCEC
-
Bon dia, avui comença el curs d’estiu de formació del professorat de la
SCEC. El curs enguany es fa en memòria de Margarida Capellà i, a partir
d’ara, aque...
Rumbo a Roma Parte III
-
Honorio se quedó muy sorprendido al decirle las palabras "De un lugar muy
lejano". Su cara expresaba emoción y nos dijo que nos reuniéramos solos
para habl...
Bacchanalia posa música als clàssics a la UAB
-
El grup Bacchanalia farà una actuació en el marc de la jornada professional
del grau d’Humanitats aquest divendres 22 de maig, a les 12,40 h. El grup,
form...
Lectura do abecedario latino
-
Picando nesta práctica de lectura podedes prepararvos para a proba oral.
Aquí vedes os exercicios de lectura do libro para os que non o teñades
aínda. Para...
“Orfeo serás tú”, de Jester
-
ORFEO SERÁS TÚ forma part de l’últim EP Es solo el principio del grup de
Sant Andreu “Jester”. És una cançó que ja amb el títol denota el seu
referent dire...
CUPIDO ENAMORADO
-
Este es el título de la conferencia que impartiré el próximo viernes, 24 de
julio, 2026, en Torrebaja. Será a las 19 horas, en el ci...
Linguas clásicas e medicamentos: Tranxilium.
-
Imaxe do autor. O seguinte medicamento é o Tranxilium, pertencente ao grupo
dos ansiolíticos. Estas pastillas están indicadas para tratar
manifestacións ...
Lo intentamos un año más
-
Empezamos nuevo curso y otra vez con buenos propósitos, entre ellos,
volver a tener actualizado este espacio que nos ha sido tan útil a lo largo
de tantos...
Expoclàssica 25
-
Un any més els i les alumnes del Batxillerat Humanístic (Llatí i Grec) i de
4rt d'ESO (Llatí) han exposat al hall del nostre centre els tallers duts a
te...
Llegint George Steiner
-
M'ha vingut a les mans un llibret d'aquest gran estudiós de la literatura i
cultura europea. El títol, naturalment, no és casual, *La idea d'Europa*. I
el ...
OLIMPIADES DE TRADUCCIÓ DE GREC
-
Ens sentim molt orgullosos de Sergi Martín, de 2n B de batxillerat, per
haver guanyat el 1r premi de les Olimpiades de Traducció de Grec
organitzades per ...