01/03/20

VIAXE A BERLÍN

Este ano os departamentos de latín e grego embarcámonos en dúas viaxes: unha viaxe a Berlín no Entroido para alumnado de 2º de BAC e a xa institucionalizada viaxe a Grecia, na semana anterior a Semana Santa.
Por que Berlín? Pois porque o patrimonio clásico non está só en Grecia ou Italia, senón en moitos países europeos que formaron parte do Imperio Romano ou en países que nos séculos XIX e XX conseguiron levar ao seu territorio inxentes restos arqueolóxicos e coleccións de antigüidades por métodos que, na súa maioría, hoxe calificaríamos como expolio. Tal é o caso de Alemaña, que amosa en museos de Berlin edificios como o Altar de Pérgamo, que non puidemos visitar por estar en reformas, a porta do mercado de Mileto e unha importante colección de antigüidades clásicas entre as que destacamos o Tesouro de Príamo, atopado en Troia polo arqueólogo H. Schliemann e moitas marabillas máis, repartidas entre o Neues Museum, o Altes Museum e Pergamonmuseum.
Pero no só vimos ver antigüidades a Berlín, senón tamén a estudar historia recente, xa que Berlín aínda amosa as súas feridas como escenario do III Reich, da II Guerra Mundial e cidade emblématica da Guerra Fría, co famoso muro que a partiu en dous durante case trinta anos.
Unha viaxe estupenda grazas ao alumnado participante, que na súa maioría viaxou a Sicilia o ano pasado e a Grecia hai dous anos. Con xente como esta, disposta a ver e aprender en todo momento, paga a pena o esforzo de organizar dúas viaxes e quedar sen vacacións de Entroido.

Velaí a nosa guía de viaxe á que lle faltan algunhas cousas importantes.

Aquí van unhas cantas fotografías. Outras podedes velas nesta ligazón, creada por Ander Varela.

  Berlín 2020

Ningún comentario: