15/03/22
COMEZAMOS A CAMPAÑA SOS CLÁSICAS VENDO TEATRO EN LUGO
14/05/21
FACEMOS RADIO NA BIBLIO
A semana pasada o alumnado de 3º de ESO de cultura clásica tivo a sorte de poder facer un curso express de radio no IES de Melide, dentro do programa Radio na Biblio, que impulsa Bibiotecas Escolares. A nosa formación estivo a cargo de Luis Pardo, xornalista da Cadea SER, que nos introduciu no mundo da radio, falándonos dos principais elementos dunha emisón radiofónica e das súas características.
Despois de explicarnos os principais elementos dunha emisión -voz, música, silencio e sons- e compartir con nós ligazóns onde podemos atopar recursos, Luís amosounos diferentes tipos de podcasts onde descubrimos as inmensas posibilidades que ten a radio como medio de comunicación.
Unha parte fundamental no proceso de creación dun podcast ou programa de radio é o guión. Luís explicounos as características dunha mensaxe radiofónica e entre todos fomos capaces de transformar un texto, máis ou menos complexo, nunha noticia de radio.
Por último, acabamos facendo prácticas de locución. Probamos con noticias deportivas e cun guión de radio que tiñamos medio amañado para presentar no concurso A máscara que inspira, organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos). Cos bos consellos de Luís, fomos capaces de gravar o podcast Hécuba, a raíña do Ilión, inspirada na traxedia Hécuba de Eurípides, coas voces de Carmen Bitelmal, Xana Castro, Erick Conde e José Luís Otero, de 3º C de ESO, que se revelaron como auténticos artistas. Algunha delas descubriu unha posible vocación ao facer este programiña. Aquí volo deixamos, a ver que vos parece.
05/03/20
POR FIN UNHA TRAXEDIA CLÁSICA EN GALEGO, BRAVO!!
Este soño, poder escoitar a Ifixenia falando galego, non podería cumprirse se non fose pola xenerosidade de Susana Crespo e dos compoñentes do seu grupo de teatro El Ruiseñor.
A posta en escena de Ifixenia en Áulide foi fermosísima, solemne, grandiosa até o punto de ser quen de manter en silencio e recollimento a un auditorio cheo de estudantes de secundaria. Unha Ifixenia coa forza propia da xuventude e da inocencia, unha Clitemnestra desgarrada que loita como unha leoa até o final para salvar a súa filla. Un Agamenón que se debate entre o seu amor filial e a propia ambición, un Aquiles nobre e valiente, pero temeroso da multitude, un vello escravo máis cordo e coherente que os seus amos... todo eles son personaxes característicos de Eurípides, máis humanos, con luces e sombras, con medos e dúbidas.
Que marabilla poder escoitalos na nosa lingua e poder preparar o texto nas aulas coa impecable tradución de Ánxela Vidal Triñáns.
Pola tarde, O Persa de Plauto superou con moito as nosas espectativas. O Persa non é unha das principais obras de Plauto, é unha comedia que nos amosa un mundo do revés onde os escravos actúan como donos e señores, organizan banquetes e dispoñen da facenda do amo ausente.
O bo facer de El Ruiseñor e a magnífica adaptación de Ricardo Martín foron capaces de converter un texto simple, baseado no enredo e no equívoco, nunha comedia redonda e hilarante coa que disfrutamos moito pola tarde.
Pola mañá, antes da representación de Ifixenia, Javier Carreira, Najwa Daki e Iratxe López de Armentia, alumnos de 1º de BAC do IES de Melide que conformaban o equipo Synoris, recolleron o 2º premio do Concurso Odisea na súa fase autónomica, cousa que nos enche de orgullo, como é lóxico.
Ademais de teatro, sempre aproveitamos a nosa visita a Lugo para coñecer o patrimonio romano. Este ano tocoulle á necrópole de San Roque, un recinto arqueolóxico moi interesante no que destaca un impresionante estanque ritual con representación dos deuses exipcios Isis e Amón. Alégranos ver como nestes anos o Concello de Lugo foise esforzando por preservar o seu patrimonio romano e aumentou considerablemente os seus espazos museísticos.
E como sempre, só queda dicir que ao pracer de disfrutar de teatro e patrimonio clásico engádese o de pasar unha xornada acompañados por un alumnado de clásicas e artes escénicas que sabe estar, disfrutar e valorar toda esta herdanza clásica.
12/03/19
TEATRO EN LUGO: ELECTRA de Eurípides e XEMELGOS de Plauto

Un ano máis acudimos fielmente á nosa cita co teatro clásico, como sempre posible grazas ao traballo de SEEC Galicia e, en concreto, á dedicación e esforzo de persoas como Ricardo Martín e Teresa Amado. Este ano asistimos á Electra de Eurípidese a Gemelos de Plauto a cargo da compañía El Ruiseñor.
Desta volta tivemos a oportunidade de visitar a Domus do Mitreo antes da representación da mañá e dar o noso acostumado paseo pola muralla, a xoia do noso patrimonio romano. Queremos agradecer as xestións da Oficina de Cultura da USC, que nos permitiron visitar a Domus nun día e nun horario no que normalmente está pechado, ofrecéndonos unha visita gratuíta cunha guía estupenda. Foi un auténtico luxo visitar un recinto arqueolóxico en intimidade cunha explicación moi didáctica e amena que nos fixo entender perfectamente a estrutura e evolución do edificio.
Na clases de hoxe, martes, tanto en 3º de ESO como en 1º de BAC, fixemos unha posta en común da nosa experiencia nas representacións de onte e chegamos as conclusións que expoñemos a continuación.
Como soemos acostumar, na aula fixemos un traballo previo das obras que, sen dúbida, nos permitiu disfrutar moito máis do espectáculo.
A posta en escena da Electra foi impecable, conseguiu comunicar ese πάθος ou paixón, sufrimento... inherente á traxedia grega. Unha Electra grandiosa que absorbía case todo o demais, incluído o propio Orestes, foi quen de crear un clímax que culmina coa desesperación final. A acertada supresión do deus ex machina, esa solución conciliadora invención de Eurípides, acentúa o sentimento tráxico: o drama remata cuns heroes que conseguen o seu obxectivo inicial, a vinganza, pero non acadan a paz interior, ese anticlímax tamén característico da traxedia. O conflito e a traxedia continúan, non teñen fin. Os irmáns abandonan a escena cada un polo seu lado: Orestes, torturado, co convencemento de ter actuado impiamente e Electra, desesperada, privada do amor e comprensión do irmán polo que agardou con tanta ansia.
A coreografía e vestiario fan un xogo espectacular de cores, luces e simboloxías: coro en branco, Clitemnestra en vermello, Electra e Orestes en negro, posuídos por un coro de danzantes tamén en negro, a modo de Furias ou Erinias, divindades torturadoras dos parricidas que serán as protagonistas do final desta historia, que conservamos na versión de Esquilo coas súas Euménides.
Só un espectáculo da calidade desta Electra consegue o impensable, cautivar a un público tan xoven e conseguir un silencio case absoluto durante a representación, polo menos na zona de adiante, onde estivo sentado o IES de Melide. Aínda diría máis, a xulgar polo estado do alumnado no IES de Melide nas clases de hoxe, creo que a representación logrou no público esa catarse ou liberación das paixóns que acadaba a traxedia grega.
Despois da grandiosidade da mañá, os Gemelos de Plauto non nos souberon a tanto. É certo que para nós supuxo un grande alivio comprobar que foi unha representación moi digna e coidada que non caeu no humor fácil e simplón que vimos en anos anteriores. A vis cómica recaeu máis nos Menecmos que nos habituais servus ou parasitus das comedias plautinas. A diferenza do ano pasado, a comprensión do argumento foi boa polos máis pequenos e a posta en escena, ao igual que na traxedia, impecable. Grazas a teatro El Ruiseñor por confiar na "intelixencia" do seu público e non ofrecernos un espectáculo paifoco, aos que últimamente xa nos estabamos acostumando.
Polo demais, só engadir que este luns 11 de marzo pasamos un estupendo día primaveral en Lugo: atopamos a vell@s e moi querid@s compañeir@s e disfrutamos da mellor das compañas, o alumnado do IES de Melide, que sabe estar á altura e desfrutar tanto cun recinto arqueolóxico como cunha traxedia grega ou comedia romana. Mil primaveiras máis para as clásicas!
11/03/18
TEATRO CLÁSICO EN LUGO 2018
Un ano máis O IES de Melide acudiu fiel a súa cita co Festival de Teatro Grecolatino que, na súa 18ª edición organiza a sección galega da SEEC. Este ano as obras elixidas foron Edipo Rei, de Sófocles, por ser lectura obrigatoria en grego de 2º de BAC, e a Cásina de Plauto. Dende hai un par de anos o alumnado de clásicas está acompañado das alumnas e alumnos de artes escénicas, que imparte o departamento de música, e das de literatura universal, a cargo do departamento de lingua e lit. castelá.
Para aproveitar ben a xornada comezamos visitando Santalla de Bóveda, esa marabilla de santuario tardorromano tan pouco coñecida por moit@s. Grazas a amabilidade de Montse, unha das persoas encargadas do recinto, puidemos visitar o templo un luns, día que normalmente está pechado ao público.
Antes do comezo da representación de Edipo Rei, o equipo Η ΤΑΝ Η ΕΠΙ ΤΑΣ do IES de Melide, formado por Ainhoa García Simón, Yara González Barral e Adrián Iglesias Campos tivo a honra de recoller o 1º premio de Galicia do Concurso Odisea de mans de Ricardo Martín, unha das persoas que xunto con Teresa Amado fan posible este Festival de Teatro. Os nosos campións quedaron no 5º posto na clasificación estatal, esperamos que en breve reciban o seu pequeno premio.
A posta en escena do Edipo Rei estivo a altura da grandeza desta obra maestra de Sófocles. Edipo conseguiu transmitir o seu πάθος ou angustia ao público cun clímax intenso e pleno, apoiado por un brillante Creonte e un magnífico coro rebosante de plasticidade. O corifeo e Iocasta estiveron un tanto comedidos, talvez algo faltos da intensidade que inunda a traxedia. Pero, con todo, o resultado foi un éxito total, conseguindo chegar e emocionar ao público escolar e adulto.
Pola tarde a representación de Cásina non cumpriu as espectativas desexadas. Nada máis comezar a comedia, supoñemos que nun intento de actualizar o humor plautino, un dos actores utilizou o xa manido recurso de imitación do acento galego para inducir á risa, pero sen conseguir o seu obxectivo. Se cadra este mecanismo funciona noutros lugares, pero en Galicia xa non nos fai graza a ridiculización do noso propio acento. Por simpático que nos poida parecer o acento arxentino, non semella unha boa idea usalo, por exemplo, nun teatro de Buenos Aires.
Tampouco nos gustou moito a manipulación do argumento de Plauto. Se ben unha das características dos clásicos é que se prestan a múltiples revisións, interpretacións e versións, un cambio importante na esencia da obra non nos parece axeitado nun festival de teatro escolar no que gran parte do profesorado e alumnado traballamos coas obras que se nos facilitan con antelación. Elíminase o papel protagonista do escravo, que en lugar dun servus callidus parece un pailanciño. Así vemos a un Lisidamo, o senex, absorvendo o protagonismo que debía ter Calino, que é quen realmente resolve o conflito. Creánse personaxes innecesarios como ese fillo tonto, o tal Racleto (?), que coas súas trangalladas despista ao público do diálogo que de por si é rico en xogos de palabras e dobres sentidos, a base do humor plautino. O personaxe de Pardalisca resultou excesivamente badoco e pola suma destes detalles o alumnado, en xeral, gustou moito máis da traxedia que da comedia.
Por que as directoras e directores de escena teñen tanto medo a usar ese humor intelixente, tan presente en Plauto? Acaso desconfían das capacidades do seu público? Se consiguen que unha traxedia tan complexa como Edipo chegue a un público novo, por favor, non dubiden en mostrarnos a un Plauto xenuino, seguro que nos gusta máis.
Seguimos a botar de menos aquelas comedias do grupo Sardiña, que sen renunciar a actualizar recursos cómicos, respectaban a esencia de Plauto sen necesidade de recurrir a un humor tan facilón e basto.
17/03/17
FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO DE LUGO
25/02/17
Helena, xuízo a unha lurpia
A nosa Helena, a actriz María Barcala dirixida por Xulio Lago na compañía Teatro do Atlántico, ofreceunos un estupendo monólogo no que se analiza e cuestiona a figura de Helena como prototipo de muller culpable e fatal, que leva a desgraza aos homes, pero que non é libre e está mercé deles.
Foi un estupendo paso e repaso pola mitoloxía que rematou cun coloquio co director e a actriz, que ademais de aclararnos algúns aspectos concretos da obra, permitiunos coñecer de primeira man a situación do teatro en Galicia.
01/03/16
MEDEA E XEMELGOS, DE NOVO VENDO TEATRO CLÁSICO EN LUGO
Comezamos a nosa xornada visitando a Domus do Mitreo, onde vimos restos de peristilo, in pozo, un muíño de man, habitacións con canalizacións de auga e outras dependencias da casa que logo quedou partida coa construción da muralla. Pero o máis importante deste recinto é o templo de Mitra, único en Europa, onde vimos, en perfecto estado, a ara que lle dedicou un centurión a este deus persa.
Pola mañá, xa no auditorio, tocounos a traxedia. Unha Medea de Eurípides a cargo do grupo "El Ruiseñor" cun texto ben adaptado e unha dicción clarísima e moi traballada que permitiron unha perfecta comprensión e seguimento por parte do público. Na posta en escena destaca a interpretación dunha Medea implacable, presa pola paixón e na que apenas hai lugar para a dúbida, xunto cun tratamento libre do coro, no que as mulleres de Corinto interveñen individualmente e un grupo de danza asume actuación coral, de gran beleza plástica. Cabe destacar tamén a impecable interpretación do elenco de actores, na que sobrease a nodriza,capaz de transmitir ese πάθος ou paixón dramática.
Despois de xantar tocou algo máis lixeiro, uns Xemelgos interpretados pola compañía "Noite Bohemia" que, en esencia, conservaban ese espírito plautino: chistes adaptados ás circunstancias actuais, cantica (neste caso danza) para os entreactos e, sobre todo, moitas ganas de facer rir ao público. Actuación brillante de todos os actores e actrices, pero talvez sacrificio excesivo do texto orixinal en aras dun riso fácil, con algún chiste (de dubidosos tintes) evitable.
En resumo, unha xornada completa e estupenda, que seguiremos repetindo mentres a SEEC siga organizando coa eficacia e o bo facer que a caracteriza.
Despedímonoss facendo unha reivindicación, xa de vello, importante. Cando poderemos disfrutar dun espectáculo teatral na nosa lingua? Despois de tantos anos sen faltar a esta cita, é algo necesario que botamos de menos no IES de Melide. Dende aquí queremos animar á organizacion a que incentive os clásicos en galego, a ver se no 2017 podemos escoitar a Plauto, Aristófanes, Sóflocles ou Eurípides na nosa lingua.
13/03/15
VENDO TEATRO CLÁSICO EN LUGO
As obras que escollemos este ano foronr Edipo Rei, de Sófocles, e A Cestiña, comedia de Plauto. A nosa escolla estivo motivada, como tantas veces, polo temario de selectividade, que inclúe estas lecturas obrigatorias nas materias de latín e grego. Hai varios anos, xa viramos estas mesmas obras representadas pola mesma compañía, SV Producciones, de Madrid e aínda que en xeral gustaron bastante, algunhas botamos de menos a forza drmática e o πάθος daquela Iocasta de hai uns cinco anos e segue sen convencernos moito ese escravo Lampadión que dá unha imaxe de amanerado algo parvo, cando o servus plautino é listo como un allo e é o que resolve con éxito os enredos.
Seguimos botando de menos unha mellor organización por parte do concello de Lugo, que non é quen de ampliar a súa oferta cultural e museística nunhas datas concretas nas que a cidade rebosa de estudantes de clásicas, con cousas tan sinxelas como abrir ao público cun amplo horario os seus momumentos romanos, saltándose durante tres dáis os seus propios horarios, xa de por si limitado, para poder pormocionarse e atraer aos amantes das clásicas.
O mellor da xornada, como sempre, a boa compaña do alumnaado do IES de Melide, que unha vez máis demostrou o seu saber estar nunha actividade cultural.
25/03/14
VISITA A SANTA OLALLA DE BÓVEDA E LUGO
Pero antes de chegar a Lugo, faremos unha paradiña polo camiño para ver a igrexa de Santa Olalla de Bóveda, edificada sobre un enigmático santuario de época romana, talvez dedicado á deusa Cibeles. O interior deste templo contén un dos mellores conxuntos de pintura da Hispania romana. No vídeo da parte superior pódese ver un fragmento extraído da magnífica serie Roma da cadea HBO, no que se explica en que consitía o taurobolium, ou bautismo de sangue que formaba parte dos ritos a Cibeles, deusa nai semellante á Rea grega. No documento de abiaxo tes unha explicación mási detallada deste rito e dos posibles usos deste edificio.
Despois completaremos a nosa visita cun breve paseo polo centro do Lugo antigo, vendo a muralla, catedral... e marcharemos ao auditorio Gustavo Freire para ver teatro clásico.
20/06/13
VIAXE A VALLADOLID E SEGOVIA
10/03/13
En Lugo, vendo teatro clásico un ano máis... e reflexionando.
Como todos os anos, non podíamos faltar a nosa cita co Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC. Asistimos o primeiro día ás representacións de Agamenón de Esquilo e As Tesmoforiantes de Aristófanes, a cargo do grupo El Ruiseñor. Como é costume no IES de Melide, estas obras son de lectura obrigatoria para os alumnos de Grego e os de Cultura clásica, contando sempre coa axudiña dunhas guías de lectura.
As representacións foron magníficas. Pola mañá os actores foron quen de facernos vivir o ambiente de crimes e violencia da casa de Atreo e as ansias de vinganza de Clitemnestra coa desaprobación dun coro ben sincronicado e cunha boa dición. Pola tarde, xa máis relaxados, rimos un bo cacho ante os apuros de Eurípides e o seu parente por librarse da vinganza das mulleres, sempre vilipendiadas nas obras do tráxico e de paso tamén nas de Aristófanes, que as utiliza constantemente como recurso cómico.
A actitude das rapazas e rapaces do IES de Melide foi, como sempre, excelente, o que anima a seguir realizando actividades extraescolares.
Sempre aproveitamos a xornada de teatro para visitar algún pequeno recinto arqueolóxico ou museo, pero este ano non foi posible, xa que o luns é o día universal de peche de tales lugares. Aproveitamos para dar un paseo pola magnífica muralla de Lugo e estudiar un pouco a súa historia.
Facendo un pequeno balance desta actividade ao longo destes trece anos de vida, podemos afirmar con rotundidade que é sumamente proveitosa, que seguiremos asistindo a este festival e queremos agraceder tanto a SEEC como ao Concello de Lugo a súa organización. Non obstante, imos facer un pouco de crítica construtiva:
- A SEEC pediríamoslle o esforzo de presentar, polo menos, o Festival na lingua do país, xa que parece que non temos posibilidade ningunha de ver algunha representación en galego. Nestes trece anos a presentación foi sempre en castelán e estamos seguros de que os profes de clásicas, expertos en non deixar morrer linguas e políglotas todos eles, son quen de non deixar falecer a súa propia.
- Ao Concello de Lugo pediríamoslle que faga un esforciño máis durante esta semaniña, ampliando horarios de recintos e museos que teñan que ver coa romanización para que os miles de escolares que pasan esa semana pola cidade podan aproveitala un pouco máis, sobre todo aqueles que veñen de máis lonxe.
Quen subscribe este artigo tivo a sorte de asistir aos Ludi Saguntini e non deixa de soñar cuns "Ludi Lucenses", nos que os nosos alumnos/as disfrutasen de talleres, xa non todo o ano como os afortunados valencianos que contan coa Domus Baebia Saguntina, senón só unha semaniña ao ano, a do teatro.
E xa postos a pedir, veña que é gratis. Cando organizamos viaxes a outras comunidas autónomas, observamos que nas páxinas de concellos e organismos oficiais impulsan o coñecemento do seu patrimonio e exhiben toda unha galería de material escolar para o seu aproveitamento. Non sería estupendo (e absolutamente necesario) contar con material didáctico, patrocinado polas nosas consellerías, para traballar mellor nas visitas culturais cos nosos alumnos? Moitos de nós, e xa non digamos o profesorado en paro, estamos dispostos a compartir o noso traballo, a correxilo e aumentalo... ás veces compartilo na rede cos compañeiros non é suficiente, é necesario que as institucións se impliquen e "oficialicen" o seu compromiso co patrimonio e cultura propias.
Aquí queda un humilde ofrecemento ou talvez unha proposta de traballo colectivo.
19/02/13
A CASA DE ATREO, UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA
Agamenón forma parte da Orestíada, triloxía de Esquilo que se centra na cadea de crimes e vinganzas que sofre a familia maldita dos Atridas, descendentes de Tántalo. Agamenón regresa ao seu reino de Argos (ou Micenas) despois de conseguir a victoria guiando aos gregos contra Troia. Pero no seu palacio a súa esposa Clitemnestra tenlle preparado un recibimento moi especial. Sabemos que a traxedia grega céntrase na dor humana e non cabe final feliz. Agamenón pagará polos crimes cometidos, pero os seus asasinos tamén pagarán por este novo crime.
Na última obra desta triloxía Esquilo propón unha solución para romper esa cadea viciada de violencia: a razón e persuasión da deusa Atenea serán quen de restablecer a xustiza e harmonía para os habitantes de Atenas. Ofrecemos aquí unha pequena crónica dos crimes da Casa de Atreo, que ben podía pasar por un terrible "culebrón", baseándonos en dous cómics que temos na biblioteca:
- La Edad de Bronce (vol. 2 e 6) de E. Shanower, ed. Azake
- Logicómix, de A. Doxiadis e Ch. Papadimitriu, ed. Sins Entido.
21/03/12
Teatro clásico en Lugo
Comezamos a nosa xornada visitando a exposición Romanorum Vita, que instalada nunha carpa simulaba unha cidade romana. As explicacións dos paneis e as montaxes visuais foron fantásticas, facendo dalgun xeito resucitar esa pequeña cidade de cartón pedra, ao proxectar escenas da vida cotiá nas paredes das casas. Pero sen dúbida o que máis nos impresionou foi o realismo olfativo, o cheiro das latrinas non era virtual. Tamén nos gustou moito o interior da casa romana co seu triclinium, tablinium, cociña... Esta exposición seranos de grande axuda na nosa viaxe a Mérida e Andalucía, onde veremos casas romanas reais.
Xa no auditorio Gustavo Freire, vimos Medea de Eurípides e o Miles Gloriosus de Plauto, a cargo do veterano grupo galego "Parrocha", herdeiros do quasi mítico grupo "Sardiña". Medea, pola mañá, soubo cautivarnos e dalgún xeito causou en nós ese πάθος ou paixón que sentía o espectador grego cando presenciaba unha traxedia. Estamos a estudiar esta obra na clase e despois da representación valoramos aínda máis a intemporalide desta obra, que nos retrata a unha muller humillada, dominada polo desexo de vinganza contra o seu marido. Tan absortos e concentrados estabamos que non nos percatamos das gamberradas que fixeron nalgún sector do público.
Pola tarde rimos un montón coa montaxe do Miles Gloriosus e aplaudimos as espléndida interpretación dos actores, especialmente da rapaza que interpretaba a Palestrión, ese escravo listiño que sempre apaña a situación nas comedias de Plauto.
En resumo, pasamos un día estupendo: bo clima, estupendas funcións e mellor compañía... e que con alumnas e alumnos coma estes o traballo parece máis ben un premio!
Buscando información sobre as nosas obras obras, gracias ao blog Filohelenismo, atopamos un vídeo moi interesante, no que un poema de Ch. G. Papadopoulos con música de fondo de M. Hatsidakis, compara á Grecia actual cunha Medea que mata aos seus propios fillos. Debaixo tedes o poema traducido ao galego.
MIÑA GRECIA
Grecia, Medea,
Virxe Santísima,
vida terrea
e celeste sabiduría,
fillos desherdados,
devóraos ou crucifícalos.
¿Onde non viaxei
que non me doas?*
Grecia de todo o pobo
e celeste Afrodita,
pequeno amor meu
e a miña vitoria pírrica
miña coroa de espiñas,
meu sucio cravo dourado,
miña ferida, meu sangue,
miña asasina e meu Xasón Grecia,
miña Grecia,
meu tesouro perdido,
meu lume e miña lava,
miña aguia sen cabeza,
oxalá poideses regresar,
Cariátide secuestrada,
anciá co miolo seco
e maquillada.
* Referencia a un verso de Iorgos Seferis que di: "Onde quiera que viaxe Grecia dóeme".

