Amosando publicacións coa etiqueta lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta lectura. Amosar todas as publicacións

11/03/18

TEATRO CLÁSICO EN LUGO 2018

Teatro Clásico Lugo 2018

Un ano máis O IES de Melide acudiu fiel a súa cita co Festival de Teatro Grecolatino que, na súa 18ª edición organiza a sección galega da SEEC. Este ano as obras elixidas foron Edipo Rei, de Sófocles, por ser lectura obrigatoria en grego de 2º de BAC, e a Cásina de Plauto. Dende hai un par de anos o alumnado de clásicas está acompañado das alumnas e alumnos de artes escénicas, que imparte o departamento de música, e das de literatura universal, a cargo do departamento de lingua e lit. castelá.
Para aproveitar ben a xornada comezamos visitando Santalla de Bóveda, esa marabilla de santuario tardorromano tan pouco coñecida por moit@s. Grazas a amabilidade de Montse, unha das persoas encargadas do recinto, puidemos visitar o templo un luns, día que normalmente está pechado ao público.
Antes do comezo da representación de Edipo Rei, o equipo Η ΤΑΝ Η ΕΠΙ ΤΑΣ do IES de Melide, formado por Ainhoa García Simón, Yara González Barral e Adrián Iglesias Campos tivo a honra de recoller o 1º premio de Galicia do Concurso Odisea de mans de Ricardo Martín, unha das persoas que xunto con Teresa Amado fan posible este Festival de Teatro. Os nosos campións quedaron no 5º posto na clasificación estatal, esperamos que en breve reciban o seu pequeno premio.
A posta en escena do Edipo Rei estivo a altura da grandeza desta obra maestra de Sófocles. Edipo conseguiu transmitir o seu πάθος ou angustia ao público cun clímax intenso e pleno, apoiado por un brillante Creonte e un magnífico coro rebosante de plasticidade. O corifeo e Iocasta estiveron un tanto comedidos, talvez algo faltos da intensidade que inunda a traxedia. Pero, con todo, o resultado foi un éxito total, conseguindo chegar e emocionar ao público escolar e adulto.
Pola tarde a representación de Cásina non cumpriu as espectativas desexadas. Nada máis comezar a comedia, supoñemos que nun intento de actualizar o humor plautino, un dos actores utilizou o xa manido recurso de imitación do acento galego para inducir á risa, pero sen conseguir o seu obxectivo. Se cadra este mecanismo funciona noutros lugares, pero en Galicia xa non nos fai graza a ridiculización do noso propio acento. Por simpático que nos poida parecer o acento arxentino, non semella unha boa idea usalo, por exemplo, nun teatro de Buenos Aires.
Tampouco nos gustou moito a manipulación do argumento de Plauto. Se ben unha das características dos clásicos é que se prestan a múltiples revisións, interpretacións e versións, un cambio importante na esencia da obra non nos parece axeitado nun festival de teatro escolar no que gran parte do profesorado e alumnado traballamos coas obras que se nos facilitan con antelación. Elíminase o papel protagonista do escravo, que en lugar dun servus callidus parece un pailanciño. Así vemos a un Lisidamo, o senex, absorvendo o protagonismo que debía ter Calino, que é quen realmente resolve o conflito. Creánse personaxes innecesarios como ese fillo tonto, o tal Racleto (?), que coas súas trangalladas despista ao público do diálogo que de por si é rico en xogos de palabras e dobres sentidos, a base do humor plautino. O personaxe de Pardalisca resultou excesivamente badoco e pola suma destes detalles o alumnado, en xeral, gustou moito máis da traxedia que da comedia.
Por que as directoras e directores de escena teñen tanto medo a usar ese humor intelixente, tan presente en Plauto? Acaso desconfían das capacidades do seu público? Se consiguen que unha traxedia tan complexa como Edipo chegue a un público novo, por favor, non dubiden en mostrarnos a un Plauto xenuino, seguro que nos gusta máis.
Seguimos a botar de menos aquelas comedias do grupo Sardiña, que sen renunciar a actualizar recursos cómicos, respectaban a esencia de Plauto sen necesidade de recurrir a un humor tan facilón e basto.

09/06/17

CANDO AS ALUMNAS SON AS MELLORES PROFES

Hai un par de meses o alumnado de cultura clásica de 3º de ESO acudía ao CEIP Mestre Pastor Barral a contar contos mitolóxicos as nenas e nenos de primaria. Despois desta exitosa estrea, algunhas titoras e titores de 1º de ESO nos pediron que repetísemos esta actividade para o público de 1º de ESO. En concreto, Gloria Rguez Íñiguez solicitou a noxa axuda para poder explicar ao alumnado o tema de lenda e tradición oral cun exemplo, que sempre é a mellor maneira de entender as cousas.
Despois de facer axustes na nosa "apretadísima axenda" (isto da fama e o fin de curso son cousas terribles!) conseguimos facer un oco e na tarde deste mércores presentamos na biblioteca "Perseo" a cargo de Dolores Mouriño, Ana Prieto e Carla Rivadulla e "Orfeo", con Xanaia Varela e Inés e Elisa Pampín, que como sempre deixaron o pavillón ben alto.
Aos poucos días, o alumnado de 1º de ESO C, que tomou boa nota do bo facer das súas compañeiras de 3º de ESO, presentou na aula o mito de Poseidón, con Melissa Rodríguez e Cristina Penas, e "O enfrontamento de Atenea e Posidón", a cargo de Hugo López Casal e María Vázquez Prieto, magníficamente ataviados. Bravo por tod@s el@s!! Isto é un auténtico feedback, agardávosmos en cultura clásica dentro de dous cursos!


Contamitos no instituto

03/04/17

CONTACONTOS MITOLÓXICOS NO CEIP MESTRE PASTOR BARRAL

Os pasados 30 e 31 de marzo o alumnado de cultura clásica de 3º B e C do IES de Melide visitou o CEIP Mestre pastor Barral de Melide para contar contos mitolóxicos ao alumnado, convidados polo equipo de biblioteca que coordina Luísa Martínez.
Organizados en seis equipos, de dúas a catro persoas cada un, as alumnas e alumnos de clásicas prepararon os mitos de Teseo e o Minotauro, Perseo e a Medusa, Orfeo e Eurídice, os Doce Traballos de Heracles, a Odisea e a Guerra de Troia adaptados aos diferentes niveis de primaria. Estes contacontos, concebidos en orixe como actividade de biblioteca e club de lectura, foron un procedemento máis de avaliación mediante unha especie de rúbrica que guiase ao alumnado nos aspectos se ían valorar.
Era a primeira vez que nos embarcábamos en algo semellante e tivemos moi pouco tempo para preparalo, só unha clase para facer un esbozo dos guións e dúas tardes de ensaio en horario extraescolar, porque as dúas horas semanais da cultura clásica de 3º non dan para moito.
Aínda que houbo erros varios, o resultado foi espectacular. Usáronse recursos escénicos variados como música, monicreques, indumentaria e accesorios varios e, sobre todo, unha gran forza narrativa que case tod@s conseguiron sacar e empregar. Foi unha actividade sinxela que nos serviu para aprender a traballar en equipo e organizarse, botar man da creatividade, aprender a falar en público e tratar de empatizar cos receptores da nosa mensaxe. Tamén foi unha boa oportundidade para descubir o potencial de cada quen, por fin saíron a luz un montón de talentos ocultos!
Pero o mellor de todo foi o noso público, as nenas e nenos do colexio Mestre Pastor Barral e as súas profesoras e profesores que nos deron unha acollida tan cálida e agarimosa. Non tedes máis que mirar as súas caras nas fotos. Grazas de corazón e, se nos convidades para o ano que vén, volvemos con máis e mellor!!
Contacontos mitolóxicos

17/03/17

FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO DE LUGO

O pasado 14 de marzo, acudimos unha vez máis a nosa cita anual co teatro clásico en Lugo. Desta vez asistimos á representación Bacantes de Eurípides e Pseudolus de Plauto, ambas a cargo do grupo coruñés Noite Bohemia. Non é a primeira vez que vemos a esta compañía e podemos afirmar que é un grupo ben consolidado, pero aínda así queremos facer un par de comentarios críticos sobre as obras representadas.
Bacantes de Eurípides tivo unha posta en escena de gran beleza plástica nun ambiente de penumbra con tonos vermellos, como o viño, para amosarnos e ese deus Dioniso da desmesura, escuro e vingativo que nos presenta Eurípides. Magnífico ese coro de Bacantes, mulleres salvaxes e libres que seguen a Dioniso, ben ataviadas con tirsos e aspecto silvestre cunha coreografía que nos recorda as danzas primitivas. Un Penteo con forza dramática, que comete a súa hybris desafiando a un Dioniso poderoso, seguro de si e excesivo. En resumo, unha representación soberbia que soubo comunicar ese pathos da traxedia grega.
Sen embargo, da posta en escena do Pseudolus de Plauto non podemos dicir tantas cousas positivas. Se ben os actores e actrices no carecen de vis cómica, as postas en escena que vén facendo este grupo das comedias de Plauto cada vez gustan menos a alumn@s e profes. Reclamos fáciles como o reggaetón constante, chistes badocos, deformación excesiva de personaxes e textos acaban cansando ao público, á vez que transforman unha comedia de Plauto en algo demasiado vulgar, que ás máis vellas nos recordaba aqueles números de variedades de Lina Morgan. Aínda que nos parece estupendo adaptar chistes á situación actual, como faría o propio Plauto se levantase cabeza, certas actualizacións non teñen graza ningunha e resultan demasiado facilonas. Algunhas e algúns  veteranos asistentes a este festival temos uns cantos Plautos no noso haber, moitos deles magníficos, como as adaptacións do grupo Sardiña, e pensamos que un Plauto divertido e moderno non ter porque ser paifoco.

Completamos a nosa xornada en Lugo cunha visita as salas de romanización e castrexa do Museo Arqueolóxico de Lugo. En conxunto foi un día estupendo onde o mellor de todo foi a compaña, o alumnado de clásicas e artes escénicas do IES de Melide, que "sabe estar" ao tempo que o pasa ben, como dan fe as fotos, e fai que sexa unha gozada organizar actividades.
Festival de teatro grecolatino. Lugo 2017

12/02/17

BREVE LISTADO DE CÓMICS CLÁSICOS, BOTA UN OLLO

Para aqueles que gozamos coa lectura, e máis concretamente, para os amantes da novena arte, deixamos aquí un pequeno listado de títulos de tema clásico. Afortunadamente, é tal a auxe da banda deseñada que nos agasalla con continuas publicacións de gran calidade, que se fai complicado estar ao día. Bota a un ollo a esta lista e elixe lectura, están todas na nosa biblioteca agardando por ti.

Cómics de tema clásico. Recomendacións by Susana Losada on Scribd

29/04/16

OBRADOIRO DE ESCRITURA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Os departamentos de latín e grego estamos a desenvolver unha nova actividade que até o de agora só practicaramos cando viaxabamos a Sagunt, un obradoiro de escritura antiga cos dous alfabetos, latino e grego.
Despois de dúas visitas á Domus Baebia Saguntina, en 2010 e 2015, o empuxón definitivo para que nos animásemos a tentar facelo por nós mesm@s, foi o obradoiro que de xeito altruísta Fernando Lillo impartiu no outono de 2015 para un pequeno grupo de profesores e alumn@s da USC na facultade de filoloxía.
Para poder realizar este obradoiro contamos co apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos.
E como Audentis Fortuna iuvat, embarcámonos a participar e preparar os I Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola SEEC, e estreámonos na nosa biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide, que o martes 26 e abril quedou convertida en biblioteca de Alexandría por un día. Velaí o resultado:

E como queremos compartir o noso traballo, deixamos aquí as seguintes ligazóns:
- Plantilla para escritura grega antiga
- Plantilla para escritura latina antiga
- Antoloxía de textos gregos para paleografía
- Antoloxía de textos latinos para paelografía
Animadevos a probar

29/05/15

LA ODISEA, VERSIÓN EN CÓMIC DE R. THOMAS & G. TOCCINI

Esta obra es una adaptación a cómic del poema épico de Homero, La Odisea. Homero es un clásico de la literatura universal, sus poemas marcan el inicio de la literatura griega y tuvieron enorme influencia en la literatura occidental.
La acción en la que se desenvuelve la historia transcurre en los años posteriores a la Guerra de Troya, que enfrentó a troyanos y griegos, en el siglo XII-XI a.C. Al transcurrir varios años tras la victoria sobre Troya la familia de Odiseo, nuestro protagonista, está desolada ya que no tienen noticias del rey de Ítaca. Penélope, mujer de Odiseo, llora día y noche por la falta de su marido y se ve obligada a elegir a uno de sus pretendientes. Su hijo, Telémaco, decide partir en busca de noticias de sobre el paradero de su padre, él al igual que Odiseo es ayudado por la diosa Atenea.
Ajeno a todo lo que ocurre en su casa, Odiseo se encuentra atrapado en la isla de la ninfa Calipso que finalmente le deja partir por orden de Zeus. Pero su vuelta a casa no será fácil ya que la furia de Poseidón acecha en cada paso que Odiseo da con su navío. Finalmente, el hijo de Laertes consigue regresar a su isla con la ayuda de los faecios mandados por el Rey Alcino; último reino al que llega Odiseo antes de su regreso a Ítaca. Allí es recibido hospitalariamente y relata en un banquete celebrado en su honor, los obstáculos que había conseguido superar a lo largo de su viaje.
Tras desembarcar en su patria, con la ayuda de Atenea logra adentrarse en la isla con la apariencia de un mendigo, con la que engaña a todos, exceptuando al porquero real y a Telémaco que ya sabían sus artimañas. Con este atuendo Odiseo, consigue hablar con su esposa y darle una buena noticia diciéndole que su marido está vivo y vendrá pronto, aunque la triste Penélope ya duda de todo. La bella mujer decide convocar un concurso de arco que determine su destino sin alargar más la espera de sus pretendientes. El concurso consiste en encordar el arco de Odiseo y disparar una flecha por cada uno de los doce aros que tiene cada hacha encima. Ninguno de los allí presentes, incluido Telémaco, consiguen ese propósito. La única persona que queda por probar es el anciano mendigo, al que muchos tratan de impedir que lo intente y que para sorpresa general consigue tensar el arco y realizar la prueba. Atenea devuelve a Odisea su aspecto, que con ayuda de su hijo mata a todos aquellos que atentaron contra él o su familia, consiguiendo recuperar su casa y su trono y concluyendo su regreso después de diez años de viaje.
Esta versión en cómic de Roy Thomas y Greg Tocchini, editada por Marvel, resulta una lectura amena, llevando al lector a viajar por la Antigua Grecia. Aparte de entretener, a mi parecer enseña entre otras cosas, la mitología griega que sigue teniendo vigencia en las diferentes exprsiones artísticas enla actualidad. En relación a los dibujos que ilustran al texto bajo mi punto de vista son increíbles, como se suele decir: "Una imagen vale más que mil palabras".
Recomiendo este cómic a todo el mundo, tanto a las personas que busquen pasar un buen rato como las que quieran aprender mitología. 

Antia Freire Seoane, 1º BAC B

20/06/14

PENÉLOPE E AS DOCE CRIADAS, DE MARGARET ATWOOD

Esta obra ten lugar en Ítaca, onde Penélope espera a chegada de Ulises. A historia transcorre antes, durante e despois da guerra de Troia. Penélope, a protagonista, conta a súa versión do acontecido durante este período, o que sabemos da súa vida e da e Ulises, engadindo novidades. Recorda a súa espera con tristeza, desengano, arrepentimento, usando un ton compasivo. De cando en vez interveñen as súas doce criadas, quen fan mais desgarrador o argumento a historia.
Esta historia cóntanos o mito da Odisea dun xeito diferente ao que estamos acostumados a escoitar. Penélope conta todo o que sabe unha vez xa morta, non pensa gardar ningún segredo. Comeza contando a súa infancia, a sombra do seu pai, e de seguido pasa a contar como chegou Ulises a ser o seu marido, ao parecer el gañaría a carreira coa axuda da súa prima Helena, a que a nosa protagonista odia. Así, unha vez que os dous están vivindo en Ítaca, Ulises terá que marchar a guerra de Troia, onde o seu bando quedará vencedor grazas a súa idea de meter o cabalo en Troia, enganando os troianos.
Na súa espera á chegada de Ulises de novo a Ítcaca, a xente comezará a dalo por morto, desta maneira comezarán a chegar novos pretendentes de Penélope, interesados nas riquezas das que esta dispón. Para alargar a elección do seu novo marido enganará os pretendentes coa axuda das súas doce criadas, das que algunhas se acaban namorando dalgún dos admiradores. Ao cabo dun tempo, Ulises chega facéndose pasar por un señor maior e así entérase de todo o que acontecera mentres el estivera fora, aínda así, a súa muller deuse conta de que era el. Acabará collendo a xustiza pola súa man matando a todos os pretendentes de Penélope, ademais mandará ao seu fillo matar as doce criadas debido ao insultos e demais cousas que lle contaría a muller que o coidara de neno. O que esta non sabía é que fora Penélope quen lle pedira que actuaran así para enganar os seus pretendentes e enterarse do que este falaban e planeaban.
Así, as doce criadas acabarán aforcadas. É durante toda a obra cando vemos o sufrimento das criadas, intervindo na historia a modo de coro. Nestas intervencións desafogaranse, contarannos dun xeito cruel todo o que viviron de pequenas ata ser criadas, sempre tratadas como se non fosen nada, dando igual que foran vendidas ou que lles pasase algo, non eran persoas das que a xente se preocupara. Así, tamén transmite o odio que lle teñen a Ulises por mandalas matar despois de sufriren violacións, insultos e demais situacións non agradables.
A propia autora dinos ao final da obra que está basada no mito da Odisea de Homero. Así é, aínda que neste caso é Penélope quen nos conta a súa versión do que todos falan pero ninguén realmente coñece. A autora tomase a liberdade de falar pola boca de Penélope contando a súa propia historia.
Aínda que lin poucos libros de mitoloxía, podo afirmar que este paréceme un excelente libro para coñecer o mito da Odisea dun xeito innovador, non segundo a tradición, onde podemos ver outra versión con outros puntos de vista, o de Penélope e as criadas, e outros sentimentos diferentes dos que normalmente estamos acostumados a escoitar na Odisea. Paréceme incrible como a autora toma a voz de Penélope con toda a liberdade e fai que nos metamos na historia, vivindo o sufrimento dela e das súas criadas intensamente.
Miriam Mellid Fernánde, 1º Bach. A
 

19/06/14

A ODISEA DA EDITORIAL MARVEL

Esta adaptación do poema épico de Homero de Roy Thomas e Greg Tocchini relata o acontecido uns anos despois da guerra de Troia entre troianos e gregos.
O cómic comeza describíndonos a situación na que se atopan os parentes máis próximos a Odiseo, como a súa muller, Penélope e o seu fillo Telémaco, despois de varios anos sen ter noticias del. Despois de tanto tempo todos o dan por morto, porén, lonxe da realidade que os rodaba, Odiseo segue vivo, aínda que por mor de todos os obstáculos que lle impuxera Poseidón, o deus do mar, non conseguira chegar á súa casa. Coa axuda de Atenea, deusa da sabiduría, logrará sobrevivir a todos eles.
Logo de pasar diferentes perigos no mar, Odiseo atopábase nunha illa ao carón da ninfa Calipso. Con ela estivo durante sete anos sen poder escapar do seu lado, facéndolle esquecer ao seu país natal. Mais iso rematou no día no que Atenea lle pediu a Zeus que o liberase dela.
Por outra parte, Telémaco decidirá ir na busca de seu pai, xa que non podía seguir sen novas del. Asemade, o seu fogar estábase a converter nunha casa de tolos, xa que estaba chea de pretendentes da súa nai. Penélope, para non ter que casar con ningún deles fixera a promesa de que cando rematase de tecer unha enorme tea, escollería marido. Porén a muller de Odiseo tecía polo día e pola noite desfacíao. Durante tres anos puido enganalos, pero a súa mentira non permaneceu máis e un pretendente descubriuna.
Mentres lle acontecía isto a Penélope e Telémaco, Odiseo tivo que vivir aínda máis aventuras na viaxe de volta ao seu fogar, pero coa axuda de personaxes como o rei Alcinoo e raíña Arete foi máis doado sobrevivilas. Na corte destes reis Odiseo refire algunhas desas peripecias como a do do cíclope, na que perderon a vida moitos dos seus compañeiros, a da illa Eea ou a casa de Hades e Proserpin, onde puido informarse de que súa nai morrera a causa do sufrimento que lle causara a súa ausencia.
Despois de todo isto, Odiseo conseguiu chegar a Ítaca. Disfrazado de vello, comunicoulle ás agachadas o seu regreso a Telémaco e, cando este lle contou todo o que estaba a acontecer na súa casa, planificaron e levaron a cabo un plan para desfacerse de todos os pretendentes de Penélope e deste xeito volveron ser felices como o eran antes.
Por último, dicir que o autor desta adaptación, Roy Thomas, un guionista e editor de cómics
estadounidenses, fixo unha gran labor nesta obra xa que reflicte todo o acontecido na Odisea de Homero sen alterar o contido e facendo que a lectura sexa un pracer e non unha tortura, xa que emprega vocabulario moi axeitado as nosas capacidades. Asemade a colaboración de Greg Tocchini, fai que a lectura sexa moito máis amena, levando ao lector polos mundos da antiga Grecia. Aínda que un aspecto negativo, dende o meu punto de vista, é que os debuxos son demasiado exuberantes, tanto nas mulleres coma nos homes, creando unha figura un tanto irreal. Aínda así, recomendaría este libro, xa que aparte de aprender sobre mitoloxía, tamén podes divertirte e nunca está demais probar cun cómic e deixar de lado por un momento a tradicional novela ou conto narrativo.
Patricia Amboage Santo, 1º Bach A

21/06/13

DESPEDIMOS O CURSO ESCOITANDO O CANTO DAS SEREAS



Así como algún ano despedimos o curso cantando, nesta ocasión en grego de 1º de BAC preferimos escoitar o canto das sereas. Dado que este foi un ano dedicado ás viaxes e dende a biblioteca fixemos un traballo interdisciplinar titulado A viaxe e a migración, entre búsqueda e a necesidade, pareceunos de necesidade recrear algunha escena da Odisea, a viaxe das viaxes.
Velaí a famosa escena na que Ulises (Yuri), resiste como un campeón. As nosas sereas, Iris e Montse, tratan de engaiolar ao héroe, pero canto máis se remexe este, máis apreta as cordas a comandante Lorena. Os remeiros, Wellington, Diego, Celtia, Eva, Sara, Aitana, María, Denís e Noelia, reman inmunes ao fetizo, pois o sabio adiviño Tiresias aconsellara a Ulises tapar os oídos con cera.
Esta escena non sería posible sen a estupenda instalación que temos montada este ano no xardín do IES de Melide. Que pinta este veleiro en terra firme? Todo foi idea de Xosé Couso, profe de educación física do noso IES e auténtico experto nos grandes veleiros do s. XVIII, tal como nos demostrou na charla que nos impartiu na biblioteca. Pero o noso contramestre non podería facer o seu traballo se non contase coa man de obra do alumnado e profesorado do ciclo de madeira, que traballaron nesta ocasión como carpinteiros da ribeira, a pesares de ser de interior. Gloria, a nosa capitana da biblioteca, encargouse de tinxir con té as sabas vellas que lle levamos para darlles un aspecto envellecido (aínda que foi máis ben a nosa climatoloxía de inverno perpetuo a que deu esa pátina). Velaí ao alumando de madeira termando do mastro, nunha pose que a algúns nos trae a memoria outra famosa escena da Odisea, na que Ulises e os seu homes cegan ao Cíclope.
O departamento de música non foi capaz de reconstruír o máxico canto das sereas, pero prestounos estes estupendos remos, que eles utilizan para facer magníficas percusións.
Grazas a todas estas axudas poidemos revivir este archicoñecido episodio e dende o noso barco desexámosvos un bo verán, aínda que chova.
(E ollo co canto das sereas, que algún/a aínda ten pendente unha recuperación de grego...)

18/06/13

La Odisea, adaptación ao cómic de Pérez Navarro con debuxos de Martín Saurí.

Aitana Castro Coego, 1º BAC A
Esta obra é unha adaptación ao cómic de A Odisea o poema épico composto por Homero no s. VII a. C., unha das obras máisimportantes da literatura universal.Normalmente nas adaptacións de calquera clásico o autor pode darlle á súa obra o carácter que el mesmo queira, polo que debe documentarse ben, xa que ás veces confúndese realidade e ficción, historia con mitoloxía e, na miña opinión, Pérez Navarro soubo facer un bo traballo.
O texto orixinal da Odisea, estruturado en 24 cantos,é moi extenso xa que conta a historia dos dez anos de viaxe do heroe Ulises,nesta adaptación a acción é moi fluída, condensada en tan só sesenta páxinas. O tema central é o regreso de Ulises a Ítaca, volvendo da longa guerra de Troia, tras o naufragar o seu barco pola furia de Poseidón, que cargou contra Ulises porque este deixou cego a un dos seus innumerables fillos.
Poderiamos dicir que a acción comeza in media res, é dicir, cando Ulises chega á corte do rei Alcinoo, xa case ó final da súa viaxe. A acción comeza mentres Nausicaa, filla de Alcinoo, descansa e xoga coas súas escravas nun río. Entre xuncos, atópase o noso viaxeiro que é axudado polas mozas que lle indican que vaia xunto o rei. Ulises así o fai, é convidado a un banquete na corte durante o cal Demódoco, canta historias sobre a guerra dos dez anos. Ulises non pode conter a emoción, rompe a chorar, desvela a súa identidade e comeza a narrar a súa historia.
Ulises inicia o seu relato cos Lotófagos, un pobo que se alimentaba de flores, até chegar ao seu encontro co cíclope Polifemo ó que debeu cegar para poder escapar del. Como consecuencia, este feito enfurece ao seu pai Poseidón, que castiga a Ulises facendo que se perda polos mares. Unha vez reuniron todas as naves tras o incidente co cíclope, Ulises e a súa tripulación chegaron á isla de Eolia, onde vive Eolo, deus dos ventos. Este deulle a Ulises unha bolsa que contiña todos os ventos, coa condición de que non a abrira até chegar á casa. Pero os seus camaradas tiñan moita curiosidade por saber qué contiña a bolsa e un día durante a travesía abrírona, os ventos desatados pola bolsa fixeron que se afastasen máis aínda da súa patria. A continuación chegan á illa dos Lestrigóns, uns xigantes que se comeron a case toda a tripulación. Escapando de alí chegan á illa de Eea, onde vive Circe unha meiga que transformaba en animais ós seus inimigos. A muller namórase de Ulises e reteno durante un ano, até que un día os seus compañeiros comezan a querer volver para a casa. Circe enténdeo, pero advirte a Ulises que debe baixar ós infernos xa que Tiresias, o adiviño que lles pode indicar o camiño de regreso, atópase alí. Cando por fin chegan ao Hades, atopan a Tiresias,que tras beber sangue dun sacrificio, profetiza que Ulises terá un longo regreso á casa e que a súa familia está ben. Volveron xunto a Circe, como despedida, e de volta no mar o viaxeiro ten que enfrontarse a unhas sereas atándose ó mastro do barco para non sucumbir ás voces dos fermosos híbridos de muller e paxaro. Máis tarde, tivo que enfrontarse a Caribdis e Escila, dous monstros mariños que vivían nun paso de rochas no mar. Moitos mariñeiros morreron, pero Ulises conseguiu chegar á illa do deus Sol onde tiñan unha soa condición, non matar animais. Tras moitos días sen comer, os mariñeiros remataron por matar unha vaca, provocando a furia de Helios, quen de novo no mar desatou unha tormenta á que tan só sobreviviu Ulises. Tras dez días agarrado a uns táboas de madeira, Ulises chegou ante Calipso, onde estivo sete años. Durante este tempo, Ulises e a filla de Atlante tiveron dous fillos, pero chegado o momento Ulises partiu de novo.
A acción sitúase de novo no palacio dos feacios, onde Ulises é axudado para volver á casa. Unha vez na terra, a deusa Atenea disfraza a Ulises de vagabundo para que se poida vingar dos pretendentes da súa muller sen ser descuberto. Conta coa axuda de Eumeo, fiel criado e amigo seu. Mentres o noso viaxeiro estaba na casa deste amigo,entra o seu fillo Telémaco, a quen lle revela a súa verdadeira identidade. Xa ao final do relato, Ulises entra no palacio como mendigo e por orde de Penélope, é bañado pola esclava Euriclea que o recoñece por unha cicatriz feita durante a infancia cun xabaril, pero esta non di nada para que o rei poida levar a cabo a súa vinganza. De novo na sala, Penélope anuncia que casará co home que tense e dispare o arco de Ulises pero ninguén o logra. Ulises, disfrazado aínda de mendigo, tamén o intenta e ante o asombro de todos lógrao e prepárase para derrotalos. Tras unha sanguenta matanza na que Ulises mata a todos os seus opoñentes, a súa muller recoñéceo cando este lle conta como e onde se fixo a súa habitación. En conclusión, tanto o guión coma o debuxo fan que este cómic reflicta a esencia da verdadeira Odisea.

26/02/13

CADRO XENEALÓXICO DOS ATRIDAS

Seguimos preparando a nosa asistencia ao Agamenón de Esquilo o próximo día 4 de marzo en Lugo. Por si a alguén lle resulta longa a historia da casa de Atreo en formato cómic, aquí vai un cadro xenealóxico da familia dos Atridas, tamén chamados Pelópidas ou Tantálidas.
A particularidade deste cadro xenealóxico é que nel reflectimos a cadea de crimes desta familia maldita que continuou até Orestes e rematou grazas a intervención de Atenea, deusa da sabiduría.
Empregamos os aneis para sinalar matrimonios, os corazóns para as unións extramatrimoniais e o coitelo coas frechas vermellas para os asasinatos.


19/02/13

A CASA DE ATREO, UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA

Neste curso temos como lectura obrigatoria o Agamenón de Esquilo, tanto en 3º de ESO (aos que lles custará algo máis) como en 1º de BAC. Ao igual que en anos anteriores, as nosas lecturas coinciden coas obras que imos ver representadas a Lugo, dentro do XIII Festival de Teatro Grecolatino.
Agamenón forma parte da Orestíada, triloxía de Esquilo que se centra na cadea de crimes e vinganzas que sofre a familia maldita dos Atridas, descendentes de Tántalo. Agamenón regresa ao seu reino de Argos (ou Micenas) despois de conseguir a victoria guiando aos gregos contra Troia. Pero no seu palacio a súa esposa Clitemnestra tenlle preparado un recibimento moi especial. Sabemos que a traxedia grega céntrase na dor humana e non cabe final feliz. Agamenón pagará polos crimes cometidos, pero os seus asasinos tamén pagarán por este novo crime.
Na última obra desta triloxía Esquilo propón unha solución para romper esa cadea viciada de violencia: a razón e persuasión da deusa Atenea serán quen de restablecer a xustiza e harmonía para os habitantes de Atenas. Ofrecemos aquí unha pequena crónica dos crimes da Casa de Atreo, que ben podía pasar por un terrible "culebrón", baseándonos en dous cómics que temos na biblioteca:

09/01/13

COMO EXPOÑER UN LIBRO

Feliz aninovo a todas e todos!!. Para comezar ben o ano, algúns temos como traballo pendente facer unha exposición das lecturas que escollemos para Nadal. Na seguinte presentación tedes unha serie de ideas e pequenos consellos para poder facelo correctamente. Botade unha ollada.
 

13/12/12

12 do 12 do 12 ás 12.12 h.

Por fin chegou o día D e alí estábamos, na biblioteca do IES de melide, as alumnas e alumnos de 1º de BAC, preparados para a lectura de texos clásicos, atendendo á convocatoria do Facebook "Yo conozco mi herencia. ¿Y tu?" Apuntámonos tarde e ás presas, xa que este mesmo día á mesma hora, o noso instituto participaba noutra iniciativa igual de interesante: Recitando a Celso Emilio, que commemoraba o centenario do nacemento do poeta e reivindicaba o dereito a usar a nosa lingua. Xa que ás 12.00 estabamos logo ocupados, comezamos o noso acto, Eu coñezo a miña herdanza. E ti?, ás 12.12 h. (máis ou menos). Non tivemos moito tempo para ensaiar, pero aínda así conseguimos participar no evento con moita ilusión e público. Limos unha selección pequena de textos: O comezo da Odisea de Homero, o famoso poema de Safo Paréceme semellante a un deus, as palabras de Eurípides sobre a nefasta situación da muller na antiga Grecia postas en boca do seu xenial personaxe Medea, os distintos tipos de amos que nos mostra Platón no Banquete, a descripción dos habitantes da lúa que nos fai Luciano de Samósata e, para rematar, a Viaxe a Itaca de Kavafis. Gustounos tanto esta experiencia que seguramente repitiremos, pero con máis ensaios. Mil grazas á organización e noraboa a Lorena Lorente, organizadora do evento, unha auténtica Praxágora. Con este acto queremos reinvincar o noso dereito a unha fomación integral, humanística e completa, que non exclúa a esinanza da tradición clásica. No artigo de abaixo tedes máis información sobre a LOMCE e ligazóns para súa retirada.

07/10/11

De paseo por Atenas lendo Grego

Para practicar o recén aprendido alfabeto grego, imos dar un paseo polas rúas de Atenas. Algúns recordarán a viaxe que hai poucos meses fixeron a Grecia e todas e todos poderemos poñer a proba a nosa cultura xeral e tomar nota dalgúns datos.

29/09/09

APRENDENDO A LER

Non, non somos de infantil... pero si que é certo que estes días estamos aprendendo a ler en grego e acordámonos de cando deletreabamos "mi ma-má me mi-ma...". Para axudar un pouco nesta tarefa botamos man dunha estupenda presentación de Ana Ovando, esa "mega-profe" de Valencia que fai cousas tan chulas.

Leer griego - Watch more Videos at Vodpod.