Amosando publicacións coa etiqueta Homo Habilis. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Homo Habilis. Amosar todas as publicacións

18/05/16

COMO A XERACIÓN DAS FOLLAS, ASÍ SOMOS A XERACIÓN DOS HOMES...

Parafraseando uns versos que limos no canto VI da Ilíada, os homes somos como as follas das árbores, o vento espalla no chan as secas para reverdecer de novo en cada primavera. Así, cada mes de maio volvemos a ver partir a unha xeración máis, que marcha buscando outros portos, como dí o poeta, nesa viaxe a Ítaca.
A nosa viaxe en grego comezou cunha tripulación maior, Andrea, Adrián, Lucía Sesar e Raquel baixaron en portos anteriores para adquirir fermosas mercancías, na busca de rutas máis axeitadas. No barco continuaron Antía, Cristina, Dani, Jose e Lucía Varela. E aínda que, chegadas estas datas, sempre digo o mesmo do alumnado que marcha, o certo é que non podería ter atopado mellores compañeiros de viaxe. Será que sempre escolle esta materia o mellor de cada casa? ou será que a propia aprendizaxe nos fai mellores a todos? Neste curso, no que persoalmente comecei a notar o cansanzo de todos estes anos e a cobizar unha xubiliación imposible, compartir remo case cada día co alumnado de 2º de BAC foi unha táboa de salvación. Para máis fortuna, con eles empezaba e remataba a semana, nunca tan levadeira foi a 6ª hora dos venres.
Endexamais vin unha mala cara, se cadra algo de lóxico cansanzo ou ganas de atender a cousas máis interesantes que as parasangas de Xenofonte. Antía, reivindicativa, pero tan cálida... sempre atenta, coa súa sensibilidade para aprezar a poesía e esa habilidade plasmada nun fermoso poema de Safo, copiado sobre papiro, co que nos agasallou (unha auténtica Mulier habilis!). Cristina, auténtica, sen medo a manifestar os seus sentimentos, a personificación da sensatez, do apego, do cariño polos seus, nos que nos inclúe. Dani, "non te raies", que con ese sentido seu do humor e esa tendencia a escurrirse de todo agocha tanto afecto e traballo sistemático. Jose, que foi reducindo distancias e soubo compartir con nós as súas observacións e inquedanzas e algunha que outra paixón. Lucía, cun sorriso e mirada que iluminan a aula, sempre de bo humor, pasando dos vaciles pola súa teima de ter todo controlado... Viaxamos física e mentalemente, vestímonos de gregas e romanos, traballamos en equipoescribimos con cálamos, fixemos concursos, vimos teatro... a ate vimos as estrelas nunha fría noite de inverno. Grazas por apuntarvos a todo, grazas por ensinarme a vosa música, por deixarme entrar no voso mundo.

Houbo momentos duros na viaxe, nos que nos pareceu ver ao alporizado Poseidón, compartimos kleenex e palabras de acougo, sobre todo neste curso, 2º de BAC, que se acaba convertindo nunha carreira contra o reloxo. E aquí paramos a pensar. Imaxinades varios "2º de BAC" repartidos ao longo da vosa vida escolar, en 3º e 6º de primaria e, ao rematar a ESO, con carácter eliminatorio? Niso é no que quere convertir a LOMCE o sistema educativo, nun continuo salto de obstáculos que vai deixando xente nas cunetas, en lugar de ser un instrumento para limar as desigualdades.
O meu soño, o soño de calquera docente, penso, sería poder ter aportado ás miñas alumnas e alumnos durante estes anos ferramentas útiles para acadar outros coñecementos, para defenderse na vida, para realizarse coma persoas, para ser, en definitiva, máis felices. Gustaríame ter contribuído a formar boa xente, xente honesta, pero firme e comprometida, xente que non se conforme con ese futuro mediocre que lles ofrecemos, xente que se rebele e queira cambiar o mundo...
Outra vez máis, volvendo ao poeta, só me queda desexar que a viaxe sexa longa, chea de aventuras e coñecementos. Καλό ταξίδι!

11/05/16

I OBRADOIROS DE CULTURA CLÁSICA. LUDI COMPOSTELLANI

O pasado 3 de maio, un super equipo de alumnas e alumnos de cultura clásica, latín e grego do IES de Melide impartiu na Facultade de Filoloxía un obradoiro de moda clásica e outro de escritura antiga, nesta primeira edición de Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola sección Galega da SEEC. Esta actividade, que pretende ter continuidade e consolidatrese, foi bautizada como Ludi Compostellani, como recoñecemento aos veteranos Ludi Saguntini, evento imprescindible na comunidade educativa das clásicas.
Aínda que a idea inicial era facer unha xornada festiva que acompañase a entrega de premios da II Olimpíada de Tradución, os obradoiros adquiriron un protagonismo capaz de servir de reclamo a uns 20 centros que acudiron con arredor de 200 alumnos e alumnas, que ademais dos obradoiros de moda e escritura, participaron nun obradoiro de cociña, a cargo do alumnado do IES Xelmírez II, e nun obradoiro de xogos e outro de música a cargo do alumnado de filoloxía clásica da USC. O alumnado do IES de Ames encargouse de facer un precioso fotocoll que representaba ao deus Dioniso co seu séquito de sátiros e ménades. Estas actividades completábanse cun Itinerario Mitolóxico dunha hora de duración polo casco histórico compostelán, que partía da Praza do Obradoiro guiado por alumnas da USC e pola profesora Ana Suárez.
Para ser a primeira edición, a xornada festiva foi todo un éxito grazas ao traballo de todos os centros que participaron e da directiva da SEEC, en especial de Teresa Amado, alma mater do proxecto que estivo en todo momento apoiando e animando aos centros, pendente de que non faltase nada. Grazas, Teresa!

Pola nosa parte, contamos coa inestimable axuda do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos construío unha cadeira klismos, cálamos, transformáronnos unha capsa.... e no IES de Melide estivemos traballando nas aulas duramente ao longo do mes de abril, preparamos o material, distribuímos o traballo e velaí o resultado.  É certo que hai algunhas cousas que debemos mellorar: ensaiar mellor a exposición, coordinarnos máis, ser máis responsables co traballo individual... que tentaremos levar á práctica o próximo curso se conseguimos que esta actividade teña continuidade. Quen se apunta para o curso que vén? Sabedes que agora podedes volver a escoller cultura clásica en 4º de ESO?

I LVDI COMPOSTELLANI

30/04/16

OBRADOIRO DE MODA CLÁSICA

Estamos a punto de estrear o noso obradoiro de moda clásica nos I Obradoiros de Cultura Clásica, que, organizados por SEEC Galicia, terán lugar na Facultade de Filoloxía de Compostela o vindeiro martes 3 maio.
Para dar unha maior plasticidade aos nosos modelos, decidimos inspirarnos na arte e na mitoloxía clásica e para elo contamos, como tantas veces, coa imprescindible colaboración do ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos fabricou esta marabillosa cadeira klismos. Grazas pola vosa implicación, compañeiros!!


E, se queres saber algo máis sobre moda clásica, velaí este material que xa leva un tempiño no noso blog:

29/04/16

OBRADOIRO DE ESCRITURA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Os departamentos de latín e grego estamos a desenvolver unha nova actividade que até o de agora só practicaramos cando viaxabamos a Sagunt, un obradoiro de escritura antiga cos dous alfabetos, latino e grego.
Despois de dúas visitas á Domus Baebia Saguntina, en 2010 e 2015, o empuxón definitivo para que nos animásemos a tentar facelo por nós mesm@s, foi o obradoiro que de xeito altruísta Fernando Lillo impartiu no outono de 2015 para un pequeno grupo de profesores e alumn@s da USC na facultade de filoloxía.
Para poder realizar este obradoiro contamos co apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos.
E como Audentis Fortuna iuvat, embarcámonos a participar e preparar os I Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola SEEC, e estreámonos na nosa biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide, que o martes 26 e abril quedou convertida en biblioteca de Alexandría por un día. Velaí o resultado:

E como queremos compartir o noso traballo, deixamos aquí as seguintes ligazóns:
- Plantilla para escritura grega antiga
- Plantilla para escritura latina antiga
- Antoloxía de textos gregos para paleografía
- Antoloxía de textos latinos para paelografía
Animadevos a probar

26/04/16

DIA DO LIBRO, A BILIOTECA DE ALEXANDRÍA EN MELIDE

Botamos man dun material antigo, levemente reciclado, para conmemorar o día do libro. Se o ano pasado estábamos por estas datas a facer un obradoiro na Domus Baebia Saguntina, este ano atrevímonos a facelo nós mesmos, grazas as magníficas/os calígrafas/os que son quen de convertir a biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide en biblioteca de Alexandría por un día.
Pero todo isto non sería posible sen as ensinanzas de Salvador Muñoz, recibidas na Domus Baebia, e Fernando Lillo, o pioneiro galego en obradoiros, e a instimable colaboración do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos fabricou os cálamos, unha magnífica cadeira Klismos e nos transformou unha capsa. Gratias Plurimas!!
 

26/04/15

DÍA DO LIBRO NA DOMUS BAEBIA

Así celebramos o día do libro o alumnado de clásicas de viaxe en Tarragona e Valencia, asistindo a un taller de escritura impartido na Domus Baebia Saguntina, nesta semana de Ludi á que asistimos. Escollemos este taller por ser a escritura unha faceta imoi importante do Homo Habilis,o noso tema de traballo deste ano na biblioteca do IES de Melide. Todo un luxo, volver a estar nas estancias desta domus escribindo cun calamus nun papiro, rodeados de obxectos que nos trasladan ao mundo antigo.

23/04/15

DÍA DO LIBRO

Para conmemorar o día do libro, esta ano decidimos traballar co alumnado de 2º e 3º de ESO a escritura, como unha unha manifestación evidente do Homo Habilis, o nos tema de traballo de bibloteca para este curso. O alumnado de reforzo traballou os distintos sistema de escritura e tipos soportes, o de matemáticas os distintos sistemas numéricos e o de música a evolución da anotación musical. Deixamos aquí o traballiño sobre o alfabeto grego que fixo o alumnado de reforzo de 2º A de ESO. Nos outros curos de 1º e 2º de ESO estamos a aprender o alfabeto grego para ser capaces de escribir o noso nome en cartolinas de cores.

24/10/14

HOMO HABILIS

Por fin comezamos a nosa andaina no blog este curso, máis retrasados que outras veces, talvez por perguiza, talvez por desánimo... O caso é que dende que comezou o curso fomos collendo forzas e xa estamos outra vez con ganas de facer cousas, aínda que o alumnado de grego descendese sensiblemente con respecto ao curso anterior.
Este curso o tema da biblioteca é Homo Habilis, que co seu toque clásico pretende centrar o noso traballo arredor da importancia da habilidade manual na nosa cultura. Reflexionaremos non só sobre o que o dominio das ferramentas supuxo para a mellora das condicións de vida do home, senón sobre como esa capacidade manual permitiu desenvolver a creatividade e fantasía mediante as artes plásticas, a música, e como non, a literatura a través da escritura. Non sen motivo dicía o filósofo grego Anaxágoras que o home é o máis intelixente dos animais por ter mans.
Aproveitando logo o noso necesario período de práctica de escritura en grego de 1º de BAC, elaboramos unha pancarta en grego coa súa tradución ao galego desta frase de Anaxágoras e colocámola nas inmediacións da biblioteca, como pauta primeira do noso traballo. Velaí o noso traballo