Amosando publicacións coa etiqueta Despedida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Despedida. Amosar todas as publicacións

16/06/22

VOLVEMOS RECOLLER PREMIO EN FIN DE CURSO

 Se case por estas mesmas datas o curso pasado marchabamos a Compostela a recoller un premio, este curso repetimos a xogada: hoxe recollimos o 2º premio do Concurso Odisea, que lles foi entregado a Belén Agra, Brais Lugrís e Diego Pintor na Facultade de Filoloxía. Belén, Brais e Diego eran os compoñentes do equipo Apeles, nome moi axeitado este ano no concurso Odisea, que tiña a Arte nas antigas Grecia e Roma como tema central.

Aproveitamos estes días nos que a maioría ten aprobada a materia para pasr todo o día en Compostela e facer un pequeno itinerario mitolóxico pola zona momunmental. Percorrimos o Hostal dos Reis Católicos, a Catedral, a casa dos Fonseca, a Facultade de Historia e rematamos contemplando o Atlas da praza do Toural. Tamén aproveitamos para visitar outros lugares como a Praza de Abastos ou a libraría Couceiro, onde nos mostraron o traballo artesanal de encadernación.

Esta viaxe modesta será a última co IES de Melide, despois de vintenove anos con viaxes a todas partes: viaxamos a moitas as cidades e vilas galegas repetidas veces, fomos a Andalucía en dúas ocasións, a Tarragona e Sagunt outras dúas veces, a Grecia unhas quince veces polo menos (ou máis?), a Sicilia e a Berlín. Quedounos pendente unha última viaxe a Grecia que estaba totalmente organizada e pagada en 2020 e a pandemia impediunos facer.

Agora, dende o meu novo destino, o IES Eduardo Pondal de Compostela, seguirei programando viaxes a Grecia co meu querido IES de Melide.


Recollemos o 2º premio de Odisea 2022

11/05/21

Χαίρετε, παιδιά! ADEUS, RAPACES

 


Despois de despedir ao alumnado do ano pasado, estaba convencida que me ía tocar un tempada de sequía. O curso fora complicado e as cousas non saíron como me gustaría. Estaba resignada a non ter alumnado en 2º de BAC, e tiña como consolo o marabilloso recordo da promoción 2016-2020.

Comezou o curso e en 2º de BAC tiña dous alumnos matriculados, Pablo Quintela Sesar e Iago García Carregal, a miña alegría foi inmensa. Só dous, pero que dous! Pasei todo o curso vendo só as súas miradas por riba da máscara e con iso abondoume. Pablo, sempre atento, cunha mirada cálida e agarimosa, sempre de bo humor e tranquilo, aínda que o forno non estivese para bolos. Iago, coa súa mirada de sorpresa ante cada descubrimento dunha etimoloxía, dun texto...iluminaba a nosa minúscula aula. Ese asombro, ese marabillarse ante o que se aprende, ante a natureza, θαυμάζειν en grego,  foi o que provocou o nacemento da filosofía na Antiga Grecia. Esta alegría por aprender, que eu tiven a sorte de ver neste dous pares de ollos cada día, foron as pilas que me deron a enerxía necesaria para afrontar este ano difícil.

Foi un ano difícil, pero non só pola situación de pandemia que nos atenaza a todos, que non nos permite facer case ningunha das cousas que nos gustan e coas que se aprende de verdade: obradoiros, saídas, viaxes... Paradoxicamente este curso, no que as cousas deberían ser máis fáciles, tivemos que afrontar un traballo maior que o de outros anos, porque os textos propostos pola CIUG para as ABAU de Grego II tiñan un alto nivel de dificultade. Pero Pablo e Iago estiveron a altura e traballaron duro. Aínda nos quedan días de esforzo, presentarémonos a VI Olímpíada de Tradución de Textos Clásicos e despois a ABAU, que Atenea nos axude!

Quédame unha mágoa inmensa de non poder ter feito a nosa viaxe a Grecia, que xa estaba preparada para marzo de 2020 e na que Iago e Pablo ían participar con case 30 rapazas e rapaces máis. Coa declaración do estado de alarma adiámola a setembro, pero a situación sanitaria obrigounos despois a anulala. Cantas veces na clase, explicando calquera cousa, acordábame de todo o que podíamos ter visto en directo! Pero non quero que isto pareza un Diario dun mal ano, como a novela do meu admirado J.M. Coetzee. Con todas as restricións que nos impuxo a pandemia, este foi un curso estupendo grazas a Iago a Pablo. Foi un auténtico pracer ir a clase, facer textos, etimoloxías, explicar literatura... e acabar falando de libros, de películas ou simplemente da vida. Nunca escoitei unha mala palabra, nin sequera apreciei unha mirada cansa. Se algún día Iago ou Pablo fosen profes desexaríalles que tivesen tan bos alumnos como eles mesmos o foron para min.

 Si, xa sei que me repito, que outros anos dixen o mesmo ou parecido, pero é que son unha persona moi afortunada polo feito mesmo de poder repetirme. Só me queda desexarlle esa mesma fortuna, da que eu disfrutei ata agora, a Pablo, Iago e todas as compañeiras e compañeiros da súa promoción.

10/06/20

ADEUS Á PROMOCIÓN 2014-2020

Se todos os anos despedir a unha promoción de alumnado que marcha é un momento agridoce, este ano de confinamento o sentimento amargo parece que predomina sobre o doce, pasamos moito tempo sen vernos fisicamente e, de momento, non podemos despedilos como se merecen.
Eu nunca fun amiga de festas de graduación, sempre me pareceron (e me siguen parecendo) un elemento importado dunha cultura allea, como tantas outras festas que non consigo nin quero asimilar. Aínda así, este ano apetecíame acompañalos na súa despedida. Queda pendente, farémola en canto nos deixen!
Parece que me repito todos os anos por estas datas, este curso adiadas por culpa deste terrible virus, e sempre solto un repertorio de gabanzas dos que marchan. É a sorte que teño co alumnado que escolle grego. Pero este curso non quero reducirme aos meus seis alumnos de 2º de BAC, quero despedirme de toda a promoción, porque o noso percorrido nestes seis anos foi moi intenso, cheo de fermosas mercancías nácaras e corais, ámbares e ébanos, e perfumes deliciosos de todo tipo... como di Kavafis no seu poema Ítaca.
Recordo aquelas nenas e nenos, ávidas de lectura, que se apuntaron en 2014 ao club de lectura, un auténtico batallón. Moit@s delas foron alumnas miñas en 3º de ESO. Aquel ano, o 2016-2017, tiven un curso moi numeroso de cultura clásica, cheo de xente entusiasta, fixemos mil actividades. A pouco que dixese, tod@s se apuntaban. Non esquezo aqueles contos mitolóxicos que fixemos no cole nº 3 para os cativos e logo na biblioteca para os nosos rapaces de 1º e 2º de ESO. Eu estaba exultante, a penas fixera nada, todo foi cousa daquela rapazada que tiña recursos para todo e era quen de preparar un espectáculo marabilloso nun tempo récord. Logo concurso Odisea, obradoiros, Ludi, colaboración co Museo Terra de Melide... un sen parar.
Pero o mellor de todo foron as nosas viaxes. En 2018 nove días en Grecia: Atenas, Micenas, Epidauro, Olimpia, Kalávrita, Santorini... alí forxamos o "ritmo Grecia", que en 2019 convertiuse en "ritmo Sicilia" unha viaxe na que tod@s estábamos sintonizados, facendo todo xunt@s, sen cansarnos, cantando a todas horas o "Bella, Ciao". En 2020 lanzamos case en broma un órdago para ir a Berlín nunha ponte. Os profes que organizabamos estabamos convencidos de que non iamos conseguir grupo porque en 2º de BAC a xente está só a estudar... Sorpresa! Estabamos tan desbordados de xente que tivemos que restrinxir a viaxe á alumnado só de 2º de BAC. Viaxamos a Berlín só 15 días antes do confinamento, foi unha fermosa despedida da "vida normal". Con esta xente marabillosa eu iría ao fin do mundo, sen dubidalo, todos os esforzos deste ano, no que organizábamos dúas viaxes de longa duración, pagaron a pena.
E xa para rematar falo da miña aula de 2º de BAC. Que sorte a miña ter clase con eles os venres a 6ª hora, a mellor despedida da semana que podería ter. Nunca tiven unha mala palabra, nin sequera unha mirada desagradable. Paula Cordero, tan madura e desexando aprender máis, Alba Regueiro, absorbendo todo o que escoita e ve e conectando todo rapidamente, Aroa Mosteiro con esa mirada que iluminaba a clase, Carlos sempre ocurrente e feliz, Laura Puga, que conserva todo o agarimo daquela pequena que coñecín en 1º de ESO, Mabel, co seu sorriso tranquilo... Xa volo dixen na clase, se algún día sodes profes, deséxovos alumn@s como vós o fostes para min. Que fortuna tan gande tervos coñecido e percorrer con vós este tramo de viaxe. Feliz viaxe a Ítaca!

25/06/19

DESPEDINDO O CURSO CON EMILIO DEL RÍO

Para despedir o curso desta volta decidimos pasar a tarde do mércores 19 de xuño en Compostela, aproveitando que Emilio del Río se achegaba a Compostela para presentar o seu libro Latín Lovers.
Emilio del Río é un coñecido latinista e divulgador que conta cun autentico clubs de fans no IES de Melide. Nas clases de latín de Eva Vilariño en 4º de ESO e, sobre todo, en 1º BAC sempre se dedica un momento da semana para escoitar o seu programa Verba Volant, dentro do espazo No es un día cualquiera, que presenta Pepa Fernández en RNE 1.
Para recibir a Emilio como se merece, as alumnas de 1º de BAC de latín prepararon unha pancarta cunha magnífica caligrafía con letra capitalis rustica -que de algo nos valeron os obradoiros de escritura!- que rezaba: SAPERE AVDE CVM MAGISTRO AEMILIO ("Atrévete a saber co mestre Emilio", para @s que non tedes a sorte de saber latín). A verdade é que a pancarta deu o campanazo e tiraron un montón de fotos. Emilio incluso levouna como recordo. A hora e pico que durou a conferencia pasou voando e despois, nas dedicatorias, Del Río, coa amabilidade e simpatía que o caracterizan, dedicou un tempo máis que xeneroso a tod@s os que acudimos á mesa a pedirlle unha dedicatoria do libro.

Antes da conferencia aproveitamos para coñecer a Sala Númax, un local de promoción cultural que funciona como sala de cine, libraría e laboratorio. Alí pudimos ver Elisa e Marcela, a interesante película de Isabel Coixet baseada na historia real de dúas mulleres que a principios do s. XX se atreveron a ter unha relación amorosa.
Un día redondo na mellor das compañas, o alumnado de humanidades e o noso querido compañeiro Fernando López, profe de madeira que está a punto xa de integrarse no departamento de clásicas, despois de viaxar con nós a Sicila e Grecia, deseñarnos mobles clásicos e un sinfín de cousas máis. Botamos moi en falta a Eva Vilariño, que desgrazadamente non puido acompañarnos nesta tarde e mandámoslle todo o noso agarimo.

Desámosvos un feliz verán e deixamos aquí a ligazón ao último programa de Verba Volant, no que Emilio del Río menciona ao IES de Melide.


Emilio del Río e Sala Númax

19/05/19

OUTRA VEZ TOCA DESPEDIDA

Este ano, se cadra algo antes que os anteriores, despedimos unha vez máis ao alumnado de 2º de BAC. Seis anos xuntos é moito tempo, e sobre todo tempo de grandes cambios. Recordo a aquelas nenas e nenos que empezaron no club de lectura polo 2013, que foron pasando da adolescencia en cultura clásica a (case) idade adulta, polo menos iso é o que podo dicir das miñas alumnas e alumnos de bacharelato. Fago un repaso deste tempo, saídas ao cine, teatro clásico en Lugo, os primeiros Ludi Compostellani que organizamos, canto traballo e canto medo!. O concurso Odisea e ese primeiro premio de Galicia que gañaron Yara, Adrián e Ainhoa, a viaxe a Grecia á que so viñeron uns poucos... Pero o máis importante de todo, a convivencia do día a día nas aulas que me permitiu coñecer mellor a unhas persoas marabillosas que me engaiolaron. Subscribo todo o que di a profe de filosofía, Marga Quintela, e mesmo lle roubo (ou reciclo) a súa frase "seguinde namorando a xente como me namorastes a min".
Yara, que aínda que en 2º de BAC escolleu outras optativas máis axeitadas aos seus futuros estudos, deixoume o recordo dunha mente lúcida e da súa honestidade. Uxía, aquela calada alumna de cultura clásica que se convertiu nunha brillante estudante de 2º de BAC, talvez con vocación filolóxica, coa súa mirada atenta e aguda, e doce como non, para non perderse nada. Marta co seu bo humor, sempre disposta a buscar a distensión do grupo e alegrarnos a clase, igual que Nuria, que neste curso aprendeu a ver a vida con tranquilidade e a disfrutar do momento (carpe diem!), que non está rifado con tomarse as cousas en serio. Ainhoa, sempre preocupándose polos demais, sensible e chea de empatía. Por que será que se convertiu en Santa Rela de Toques? por suposto que Marta está detrás desta beatificación. Adrián, o único rapaz da clase, o noso experto en temas de Historia, aparentemente máis serio, coa súa discreción característica, a súa constancia e boa organización.
Fixestes que as clases de bacharelato fosen unha terapia para min. Se entraba cansada, desanimada, ou enfadada ás veces, cinco pares de ollos atentos e sorrisos serenos facían que me esquecese de todo, que disfrutase do pracer que para min é dar clase de grego. Fostes os meus coelliños de indias, sen a vosa confianza e seguridade non sería quen de experimentar un novo método, seguindo a Santi Carbonell, menos baseado na gramática e máis na intuición, e de cambiar a pronunciación erasmiana pola histórica. Espero con ansia que os resultados das ABAU sexan bos para acabar de testar este cambio metodolóxico.
Pola miña parte, eu só agardo ter estado a vosa altura e ter contribuído un pouco a dotarvos de ferramentas para o futuro, non só para triunfar nos estudos e na vida, senón tamén para ser felices, que é o máis importante e sen dúbida o maior triunfo de todos.
Só me queda desexarvos que a vosa "viaxe a Ítaca" sexa longa, como di o poeta, chea e coñecemento, e que vos enriqueza como vos me enriquecestes a min.

Promoción 2013-2018

10/05/18

ADEUS Á PROMOCIÓN 2012-2018

Despedir a promocións que marchan é xa un clásico neste blog. Nesta ocasión ocorréuseme xuntar imaxes deses anos a modo de memoria visual e velaí o resultado. Seis anos lendo, viaxando, aprendendo e soñando xunt@s. Sei que me repito, que digo cousas semellantes todos os anos, pero é que cada ano teño a sorte de seguir disfrutando nas aulas co alumnado que me toca, que sempre é o mellor de casa.
Este curso digo adeus a Lucía Cagide, Mariña Ferreiro, Azul Grasso, Marcos Lodeiro, Virginia Mosteiro, Hilda Mosteiro e Ángela Prado con quen tiven a sorte de compartir estes seis anos, pois a case tod@s coñézoas ben dende que chegaron ao instituto en 1º de ESO. Volvo dicir que foi un pracer darlles clases e que debería pagar eu por facelo en vez de recibir un soldo. Grazas por deixarme aprender con vos. Se algunha vez vos toca estar do outro lado, ensinando, oxalá teñades alumn@s como vos o sodes comigo.
Como di o poeta, Se vas emprender a viaxe cara Ítaca, pide que o teu camiño sexa longo, cheo de aventuras, cheo de coñecementos. Gustaríame que no IES de Melide durante estes anos conseguísemos fornecervos de ferramentes útiles para esa viaxe. Deséxovos unha viaxe apaixoante, recalade en fermosos portos e adquiride fermosas mercadorías e por favor, seguide sendo vos mesmas, seguide escribindo, danzando, facendo música, pintando... BERRADE, LOITADE, CONQUISTADE... o futuro ten que ser voso.


  Promoción 2012-2018 IES DE MELIDE

22/05/17

SUMANDO ADEUSES

É xa un post habitual neste blog por estas datas despedir ao alumnado de 2º de BAC, pero sempre é un momento especial que dificilmente pode caer na rutina.
Este curso foi un pouco distinto aos anteriores por un par de circunstancias. Nos primeiros días de clase se nos apuntaron Sara e Nadia, que sin ter dado Grego I foron quen de poñerse rapidamente a día e obter un resultado máis que aceptable. O feito de que estas sete alumnas, que finalmente conformaron a aula, fosen mulleres reivindicativas e transgresoras creou unha complicidade e unha óptica feminista coa que avaliabamos todo aquilo que se nos cruzaba no camiño. Moito arranxamos o
mundo nas nosas clases entre aoristos complicados e lecturas de Homero!!
Pasamos xuntas moitas horas na nosa pequena, pero xeitosa, aula 308, que case se está convertindo nunha aula materia de clásicas. Algunhas coñecémonos dende primeiro de ESO no club de lectura, xa que as inquedanzas moitas veces maniféstanse cedo. Compartimos lecturas, sesións de cine, teatro, viaxes, traballamos duramente nos obradoiros, vestíndonos de gregas e do que fixese falta. Algunhas como Nadia, María Vázquez, Sara e María Mato déixannos como agasallo magníficos papiros cunha fermosísima caligrafía... mentres Sarai, Naomy e Carlota se inclinaban máis polo obradoiro de moda clásica.
Aínda que me repita, non podo deixar de dicir unha vez máis o moito que aprendín con elas e que traballar nestas circunstancias é un privilexio. Sigo a pensar que sempre escolle grego o mellor de cada casa... Carlota, crítica e xestora musical, observadora aguda, reivindicativa, boa lectora. Sara, tamén observadora, discreta, pero decidida e valiente, que, ao igual que Nadia, non se arredou polo feito de non facer grego en 1º. Naomy,  sempre alegre e cariñosa, co seu pelo tan rizo que me facía recordar á minoica parisina. María Mato, que despois dun pasado zascandil convertiuse nunha responsable alumna de Bac, co seu eterno despiste... (Non podo esquecer o día que, por erro meu, lle fixen tragar unha clase completa nunha das súas horas de psicoloxía e non rechistou porque tampouco se percatou do erro). Nadia, creativa, un espírito libre, capaz de facer ben varias cousas a un tempo... Sarai, doce, pero con moito coraxe baixo a súa duzura, sempre co sorriso posto e cunha palabra amable na boca. María Vázquez, que aínda que decidiu abandonar a tradución, seguiu con nós na aula, responsable no que de verdade importa... todas elas valientes, decididas e, por suposto, feministas.
A todas vos repito as palabras de Kavafis: Se vas facer a viaxe cara Ítaca, pide que o teu camiño sexa longo, cheo de aventuras, cheo de coñecementos. Seguide sendo inconformistas, transgresoras, seguide buscando sempre... e non temades ao fero Poseidón. O meu maior desexo sería que o voso paso polo instituto vos servise para adquirir ferramentas coas que poder desenvolvervos nesa gran viaxe que vos agarda. E remato dicindo o mesmo que Safo cando algunha alumna marchaba da súa escola: "Non me esquezas e marcha alegre, sabes da ansia coa que te agarimei..."

18/05/16

COMO A XERACIÓN DAS FOLLAS, ASÍ SOMOS A XERACIÓN DOS HOMES...

Parafraseando uns versos que limos no canto VI da Ilíada, os homes somos como as follas das árbores, o vento espalla no chan as secas para reverdecer de novo en cada primavera. Así, cada mes de maio volvemos a ver partir a unha xeración máis, que marcha buscando outros portos, como dí o poeta, nesa viaxe a Ítaca.
A nosa viaxe en grego comezou cunha tripulación maior, Andrea, Adrián, Lucía Sesar e Raquel baixaron en portos anteriores para adquirir fermosas mercancías, na busca de rutas máis axeitadas. No barco continuaron Antía, Cristina, Dani, Jose e Lucía Varela. E aínda que, chegadas estas datas, sempre digo o mesmo do alumnado que marcha, o certo é que non podería ter atopado mellores compañeiros de viaxe. Será que sempre escolle esta materia o mellor de cada casa? ou será que a propia aprendizaxe nos fai mellores a todos? Neste curso, no que persoalmente comecei a notar o cansanzo de todos estes anos e a cobizar unha xubiliación imposible, compartir remo case cada día co alumnado de 2º de BAC foi unha táboa de salvación. Para máis fortuna, con eles empezaba e remataba a semana, nunca tan levadeira foi a 6ª hora dos venres.
Endexamais vin unha mala cara, se cadra algo de lóxico cansanzo ou ganas de atender a cousas máis interesantes que as parasangas de Xenofonte. Antía, reivindicativa, pero tan cálida... sempre atenta, coa súa sensibilidade para aprezar a poesía e esa habilidade plasmada nun fermoso poema de Safo, copiado sobre papiro, co que nos agasallou (unha auténtica Mulier habilis!). Cristina, auténtica, sen medo a manifestar os seus sentimentos, a personificación da sensatez, do apego, do cariño polos seus, nos que nos inclúe. Dani, "non te raies", que con ese sentido seu do humor e esa tendencia a escurrirse de todo agocha tanto afecto e traballo sistemático. Jose, que foi reducindo distancias e soubo compartir con nós as súas observacións e inquedanzas e algunha que outra paixón. Lucía, cun sorriso e mirada que iluminan a aula, sempre de bo humor, pasando dos vaciles pola súa teima de ter todo controlado... Viaxamos física e mentalemente, vestímonos de gregas e romanos, traballamos en equipoescribimos con cálamos, fixemos concursos, vimos teatro... a ate vimos as estrelas nunha fría noite de inverno. Grazas por apuntarvos a todo, grazas por ensinarme a vosa música, por deixarme entrar no voso mundo.

Houbo momentos duros na viaxe, nos que nos pareceu ver ao alporizado Poseidón, compartimos kleenex e palabras de acougo, sobre todo neste curso, 2º de BAC, que se acaba convertindo nunha carreira contra o reloxo. E aquí paramos a pensar. Imaxinades varios "2º de BAC" repartidos ao longo da vosa vida escolar, en 3º e 6º de primaria e, ao rematar a ESO, con carácter eliminatorio? Niso é no que quere convertir a LOMCE o sistema educativo, nun continuo salto de obstáculos que vai deixando xente nas cunetas, en lugar de ser un instrumento para limar as desigualdades.
O meu soño, o soño de calquera docente, penso, sería poder ter aportado ás miñas alumnas e alumnos durante estes anos ferramentas útiles para acadar outros coñecementos, para defenderse na vida, para realizarse coma persoas, para ser, en definitiva, máis felices. Gustaríame ter contribuído a formar boa xente, xente honesta, pero firme e comprometida, xente que non se conforme con ese futuro mediocre que lles ofrecemos, xente que se rebele e queira cambiar o mundo...
Outra vez máis, volvendo ao poeta, só me queda desexar que a viaxe sexa longa, chea de aventuras e coñecementos. Καλό ταξίδι!

22/05/15

DE NOVO DESPEDINDO A SEGUNDO DE BAC

Como soe ser habitual por estas datas, toca despedir ao alumnado de 2º de BAC que, parafraseando a Kavafis, continúa a súa viaxe a Ítaca na busca de novos portos nos que recalar. En ocasións coma esta escollo a primeira persoa de singular, algo pouco frecuente neste blog, para non enmascarar os propios sentimentos, e dun tempo a esta parte, talvez debilidades da idade, axúdome de poemas ou textos de outros e outras que escribiron moito mellor ca min. O texto seleccionado este ano é un fragmento de Kazanzakis que nos fala da forza e a inconsciencia da xuventude, que non se decata do tesouro que posúe até que o perde na vellez. Se cadra isto é algo moi manido, case convertido nun tópico, pero compre facer unha relectura nestes tempos que corren. Hai pouco lía en El País, un artigo de Elvira Lindo do que destaco un par de párrafos:
"Estamos silenciando a los que vienen detrás, a los que tienen la edad de ser nuestros hijos, a fuerza de pagarles sueldos miserables, de mantenerlos como eternos becarios, de impedir que se independicen, de negarles el derecho a ser madres o padres cuando toca serlo y no cuando las hormonas comienzan a fallar. No es sólo que la población española esté envejeciendo, es que la vida pública destila un sabor a rancio. Incluso aquello que nos venden como novedad es algo que tenemos muy visto. Los partidos no han entendido que no habrá regeneración real si los que llevan años en primera línea no pasan a la retaguardia"
"Hay toda una generación que corre el peligro de entrar en la madurez sin que le hayamos permitido alcanzar los logros de una vida plenamente adulta. No mandan, no publican, no lideran, no tienen hijos, no tienen casa o han de compartirla, viven subvencionados por sus padres, y lo terrible es que nosotros los educamos para que aspiraran a todo".
Xa que, afortunadamente, os profes que impartimos optativas nunca somos seleccionados para dar discursos nas glamourosas (e xa inevitables) festas de graduación, aproveito este humilde blog para lanzar a miña mensaxe ás mozas e mozos que rematan segundo de BAC. Como profesora, o meu maior desexo sería que a vosa etapa no instituto vos servise para adquirir ferramentas coas que poder enfrontarvos ao mundo e poder seguir completando a vosa formación. Gustaríame ter contribuído a formar persoas responsables e comprometidas, activas na defensa dos seus dereitos e da súa identidade. Persoas que loiten por un ensino público de calidade, cidadáns do mundo que non renuncien a súa cultura, militantes da xustiza e da igualdade que impidan que ninguén lles roube o seu  futuro. Gustaríame que cando vos vexa pola rúa dentro duns anos non teña que forzar a miña conversa, como fago agora, para non preguntar se estades no paro. Saíde a rúa, loitade, facede vosa esa fera da que fala Kazanzakis.

E deixando a arenga, quero despedirme dunha espléndida xeración de rapazas e rapaces, comezando polas alumnas de 2º de BAC de grego. Empezamos sendo cinco, pero xa no primeiro trimestre Irene non puido soportar a presión dun curso que remataba nunha selectividade e no que se xogaba o futuro. O noso alento non foi suficiente e Irene preferiu seguir a outro ritmo, moito ánimo, princesa!. En que se convertirá o ensino cando teñamos unha reválida a cada pouco?
As clases seguiron con Patricia, Cristina, Melani e María que só faltaron a clase por causas de forza maior e, con moito ánimo e algo de desesperación ás veces, foron quen de traducir textos de Xenofonte, controlar o temario e obter bos resultados. Pero máis que ser boas alumnas, foron excelentes persoas, nunca houbo malas caras nin mal humor, a pesares do pouco que se durmira pola noite ou da angustia por algún exame. Era entrar na nosa aula pequeniña e topar o seu sorriso en primeira liña, aínda que despois compartíramos algunha pena e liberasemos adrenalina, sempre respectando o tempo do traballo. Grazas a Cristina, polo seu sentido crítico e análise da realidade, xa lle gostaría a moitos adultos (que saen pola tele e todo), a Patricia, pola súa sensatez e discreción, a Melani polo seu agarimo e a María, polo seu sentido do humor e por facernos rir tantas veces. Grazas por tantas horas agradables, grazas por ensinarme tanto coa vosa honestidade e espontaneidade. Se  algunha de vos chega a ser profe algún día só lle desexo alumnas coma vos.
Quero recordar ao alumnado de humanidades que fixo Grego I o ano pasado. É inesquecible esa foto na que estamos a bailar un sirtaki no entroido, que ben o pasamos!, como foi tan fácil convencervos desa tolemia? Álex, que tamén nos deixou a principio de curso, Jose, Diego, Cynthia, Alba, Marta, Uxía, Aroa, Nuria, Miriam, Manuel e Lorena grazas por ese ano tan estupendo, boteivos moito de menos este curso!
E por último, a todas as alumnas e alumnos de ciencias e ciencias sociais, especialemente aos meus exalumnos de cultura clásica, á xente de club de lectura e a todos aqueles cos que tantas veces falei na biblioteca e corredores ou compartimos viaxes: Belén, María, Alba, Cristina, Uxía, Alberto, Brais, Adrián, Diego, Marta, Rocío, Carlos, Manuel, Naiara, Pablo, Laura... e tantos e tantas que me esquecen... Que a sorte vos acompañe e, seguindo con Kavafis, que cheguedes a portos que vedes por primeira vez, adquiride fermosas mercadorías, facede que a vosa viaxe sexa longa, chea de aventuras, chea de coñecemento.

26/05/14

Χαίρετε!... de novo o adeus

Este luns de maio despois da resaca da glamourosa "gala" de graduación, xa sen focos, peiteados de perruquería e traxes para a ocasión... estamos aquí de novo, co noso mono de traballo e coas preocupacións de todos os días (aínda non están postas as notas!!)
Chega o momento polo que unha servidora pasa todos os anos, despedir a unhas alumnas e alumnos cos que compartín centos de horas durante dous, tres o incluso catro anos. Moitas máis horas das que paso con algúns amigos queridos e mesmo con  membros da miña familia, máis queridos aínda. Primeiras horas da mañá medio dormidos, horas angustiosas previas a un exame, sextas horas desexando marchar, explicacións interminables, traducións que non dan arrincado... moitas risas ás veces, algún sermón (que cae en baleiro) de cando en vez... Pero sempre co diálogo, co sorriso, co respecto, co entendemento.
No paso polo instituto cambiaron moitas das nosas vidas.Algúns perderon aos seus seres queridos e tiveron a valentía de sobrepoñerse, de tirar para diante e seguir estudando. Déronnos unha lección de dignidade ao non utilizar a súa desgrazada para obter certas vantaxes. Vai por vos, Noelia e Denís, sodes grandes porque fostes quen de medrar e ser mellores persoas ante as adversidades. Outros, como María, son capaces de estar en primeira liña a pesares de ter unha saúde delicada. Celtia, sempre querendo deixar todo ben atado e pobre dela que quede algo sen entender, sempre de bo humor a pesares dos vaciles múltiples. Aitana e Alba, grazas polo voso sonsriso de primeira fila, pola vosa mirada tranquila, doce. Eva sempre tratando de superarse e sendo boa compañeira sen pensar nos riscos que iso trae ás veces. Yanira, Lorena e Sara co sorriso de última fila e sen enfadarse nunca cando lles boto algunha bronca.
Se cadra non me enterei, pero nestes dous anos nunca percebín un mal rollo entre vós. Creo que soubestes arranxar as vosas diferencias falando. Grazas por ser boa xente. O meu maior desexo sería tervos ensinado algo como compensación ao moito que aprendín con vós.
Viaxamos xuntos a Grecia, a Andalucía, a Valladolid e Segovia... Agora eu fico neste porto ao que podedes voltar sempre, pero a vos agárdavos a viaxe máis importante, a viaxe a Itaca da que fala o gran Kavafis. Desexo que recaledes en fermosos portos, que adquirades "fermosas mercancías, nácaras e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo".

16/05/12

Viaxando a Itaca de novo

Como é habitual nesta época do ano, comezamos as despedidas en 2º de bacharelato. É certo que aínda nos queda traballo por facer e, ademais duns textiños de Xenofonte para redondear a nota, temos as clases de preparación de selectividade (si, imos todas a selectividade, a poder ser en xuño!).
Como dábamos conta a principio de curso, este ano cinco alumnas cursaron Grego II no IES de Melide: Cristina Corral, Ángeles Santos, Lorena Labandeira, Cristina Conde e Raquel Vázquez. Compartimos  moitas horas no departamento, pelexándonos con verbos, textos de Xenofonte, temas de literatura e historia... pero tamén momentos de agobio, cansanzo dos venres (ou dos luns), problemas e problemiñas, alegrías esperadas e inesperadas e, sobre todo, bo humor. Ademais desta convivencia do día a día, o noso achegamento viña currado do ano anterior coa titoría de 1º B de BAC.
Á parte de grego, aprendimos a tolerarnos, repectarnos, valorarnos e, como é lóxico, coñecernos e querernos.
A boa sintonía  nunha aula pode facela propensa a convertirse nun caixón de satre, no que se fala de todo un pouco, incluída a materia que se imparte. Non foi este o noso caso, xa que en todo momento estas cinco alumnas souberon respectar sempre os tempos de clase e buscar momentos para arranxar o mundo ou o que cadrase.
Que máis pode pedir unha profesora a quen, ademais, encántalle impartir a súa materia? Unha considérase privilexida por poder traballar nestas condicións e case lle dan ganas de pagar por traballar. Eu vou calar xa, que isto de pagar por traballar pode ser o seguinte recorte que nos apliquen... O certo é que por moito que saqueen o ensino público, nunca poderán recortar satisfaccións coma estas. Que será de nós o próxmo ano? poderemos ter un grupo de cinco alumnas?
Agárdannos tempos difíciles, pero máis aínda para os que se embarcan para Itaca, como ás dúas Cristinas, Lorena, Raquel e Ángeles. Grazas por compartir tantas cousas, grazas pola frescura, atención, sinceiridade, grazas polo voso afecto. Espero que partades con forzas e que a noite de pedra que temos por diante non sexa tan longa e cheguedes a bo porto, que os deuses vos proporcionen unha viaxe favorable!

24/05/10

FELIZ VIAXE A ITACA


Se vas emprender a viaxe cara Itaca
pide que o teu camiño sexa longo,
cheo de aventuras, cheo de coñecementos...


Así comeza o famoso poema de Kavafis que nos fala da viaxe concibida coma unha metáfora da vida, un continuo percorrido por camiños que nos leva á aprendizaxe. Dende hai uns anos ven sendo unha tradición (pouco orixinal, por certo) despedir con este poema aos nosos alumnos/as que van deixar o instituto, para recalar noutros portos.
Sempre é un momento emotivo despedir a aqueles cos que compartimos moitas horas ao longo destes anos. Neste curso, ademais das alumnas de GREGO II, o departamento de grego impartiu Atención Educativa en dous cursos de 2º, de BAC. O feito de que esta materia non fose avaliable non impediu que non aproveitásemos o tempo, vendo películas interesantes, falando de temas de actualidade relacionados coas películas (e de paso repasando algo de historia contemporánea...), de temas cotiás que nos preocupan... A resposta xeral do alumnado foi moi boa, se ben a materia, polas súas características, podía prestarse ao abandono e ao desinterese. Grazas a todos eles por todas estas horas en común.
Pero, personalizando xa, quero despedir de xeito moi especial a Alba, Xisela, Lorena e Fátima, as alumnas de Grego II con quen pasei moitas horas no departamento de grego e, en anos anteriores, nas aulas. Hai pouco lin nunha novela de Coetzee algo sobre a paradoxa de ser profesor, xa que é el quen aprende e quen non é capaz de ensinar nada. No meu caso teño que darlles as grazas por ensinarme tantas cousas, e oxalá que non se cumpra a segunda parte da paradoxa e eu pudese aportar algo á esa súa viaxe. Considérome moi afortunada por poder "gañar o pan" facendo algo que me gusta tanto e recibindo tanto das miñas alumnas... (ás veces penso que son eu a que debería pagar...)
Só me queda desexarlles que cheguen a portos novos e "adquiran fermosas mercancías, nácaras e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo". Grazas por este cachiño de camiño xuntas.