Amosando publicacións coa etiqueta Ciclo Troiano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciclo Troiano. Amosar todas as publicacións

14/05/21

FACEMOS RADIO NA BIBLIO

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO de cultura clásica tivo a sorte de poder facer un curso express de radio no IES de Melide, dentro do programa Radio na Biblio, que impulsa Bibiotecas Escolares. A nosa formación estivo a cargo de Luis Pardo, xornalista da Cadea SER, que nos introduciu no mundo da radio, falándonos dos principais elementos dunha emisón radiofónica e das súas características.

Aínda que no IES de Melide somos pioneiros en radio escolar, tendo en funcionamento a nosa emisora FALAMELIDE dende 1993, unha parte significativa das nosas rapazas e rapaces non coñece este medio e non o escoita salvo contadas excepcións,  cando van no coche cos pais, no bus do transporte escolar, ou  na casa dos avós... como moi ben di Luis Pardo, cando están "secuestrados".

Despois de explicarnos os principais elementos dunha emisión -voz, música, silencio e sons- e compartir con nós ligazóns onde podemos atopar recursos, Luís amosounos diferentes tipos de podcasts onde descubrimos as inmensas posibilidades que ten a radio como medio de comunicación.

Unha parte fundamental no proceso de creación dun podcast ou programa de radio é o guión. Luís explicounos as características dunha mensaxe radiofónica e entre todos fomos capaces de transformar un texto, máis ou menos complexo, nunha noticia de radio.

Por último, acabamos facendo prácticas de locución. Probamos con noticias deportivas e cun guión de radio que tiñamos medio amañado para presentar no concurso A máscara que inspira, organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos). Cos bos consellos de Luís, fomos capaces de gravar o podcast Hécuba, a raíña do Ilión, inspirada na traxedia Hécuba de Eurípides, coas voces de Carmen Bitelmal, Xana Castro, Erick Conde e José Luís Otero, de 3º C de ESO, que se revelaron como auténticos artistas. Algunha delas  descubriu unha posible vocación ao facer este programiña. Aquí volo deixamos, a ver que vos parece.

12/03/19

TEATRO EN LUGO: ELECTRA de Eurípides e XEMELGOS de Plauto

Teatro Clásico Lugo 2019

Un ano máis acudimos fielmente á nosa cita co teatro clásico, como sempre posible grazas ao traballo de SEEC Galicia e, en concreto,  á dedicación e esforzo de persoas como Ricardo Martín e Teresa Amado. Este ano asistimos á Electra de Eurípidese a Gemelos de Plauto a cargo da compañía El Ruiseñor.
Desta volta tivemos a oportunidade de visitar a Domus do Mitreo antes da representación da mañá e dar o noso acostumado paseo pola muralla, a xoia do noso patrimonio romano. Queremos agradecer as xestións da Oficina de Cultura da USC, que nos permitiron visitar a Domus nun día e nun horario no que normalmente está pechado, ofrecéndonos unha visita gratuíta cunha guía estupenda. Foi un auténtico luxo visitar un recinto arqueolóxico en intimidade cunha explicación moi didáctica e amena que nos fixo entender perfectamente a estrutura e evolución do edificio.

Na clases de hoxe, martes, tanto en 3º de ESO como en 1º de BAC, fixemos unha posta en común da nosa experiencia nas representacións de onte e chegamos as conclusións que expoñemos a continuación.
Como soemos acostumar, na aula fixemos un traballo previo das obras que, sen dúbida, nos permitiu disfrutar moito máis do espectáculo.

A posta en escena da Electra foi impecable, conseguiu comunicar ese πάθος ou paixón, sufrimento... inherente á traxedia grega. Unha Electra grandiosa que absorbía case todo o demais, incluído o propio Orestes, foi quen de crear un clímax que culmina coa desesperación final. A acertada supresión do deus ex machina, esa solución conciliadora invención de Eurípides, acentúa o sentimento tráxico: o drama remata cuns heroes que conseguen o seu obxectivo inicial, a vinganza, pero non acadan a paz interior, ese anticlímax tamén característico da traxedia. O conflito e a traxedia continúan, non teñen fin. Os irmáns abandonan a escena cada un polo seu lado: Orestes, torturado, co convencemento de ter actuado impiamente e Electra, desesperada, privada do amor e comprensión do irmán polo que  agardou con tanta ansia.
A coreografía e vestiario fan un xogo espectacular de cores, luces e simboloxías: coro en branco, Clitemnestra en vermello, Electra e Orestes en negro, posuídos por un coro de danzantes tamén en negro, a modo de Furias ou Erinias, divindades torturadoras dos parricidas que serán as protagonistas do final desta historia, que conservamos na versión de Esquilo coas súas Euménides.
Só un espectáculo da calidade desta Electra consegue o impensable, cautivar a un público tan xoven e conseguir un silencio case absoluto durante a representación, polo menos na zona de adiante, onde estivo sentado o IES de Melide. Aínda diría máis, a xulgar polo estado do alumnado no IES de Melide nas clases de hoxe, creo que a representación logrou no público esa catarse ou liberación das paixóns que acadaba a traxedia grega.

Despois da grandiosidade da mañá, os Gemelos de Plauto non nos souberon a tanto. É certo que para nós supuxo un grande alivio comprobar que foi unha representación moi digna e coidada que non caeu no humor fácil e simplón que vimos en anos anteriores. A vis cómica recaeu máis nos Menecmos que nos habituais servus ou parasitus das comedias plautinas. A diferenza do ano pasado, a comprensión do argumento foi boa polos máis pequenos e a posta en escena, ao igual que na traxedia, impecable. Grazas a teatro El Ruiseñor por confiar na "intelixencia" do seu público e non ofrecernos un espectáculo paifoco, aos que últimamente xa nos estabamos acostumando.

Polo demais, só engadir que este luns 11 de marzo pasamos un estupendo día primaveral en Lugo: atopamos a vell@s e moi querid@s compañeir@s e disfrutamos da mellor das compañas, o alumnado do IES de Melide, que sabe estar á altura e desfrutar tanto cun recinto arqueolóxico como cunha traxedia grega ou comedia romana. Mil primaveiras máis para as clásicas!

25/02/17

Helena, xuízo a unha lurpia

O pasado xoves 23 de febreiro alumnado de cultura clásica e artes escénicas do IES de Melide asistitu á representación de Helena, xuízo a unha Lurpia, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra é unha tradución ao galego de Juício a una zorra, de Miguel del Arco, que se estreou o pasado ano en Madrid, protagonizada por Carmen Machi.
A nosa Helena, a actriz María Barcala dirixida por Xulio Lago na compañía Teatro do Atlántico, ofreceunos un estupendo monólogo no que se analiza e cuestiona a figura de Helena como prototipo de muller culpable e fatal, que leva a desgraza aos homes, pero que non é libre e está mercé deles.
Foi un estupendo paso e repaso pola mitoloxía que rematou cun coloquio co director e a actriz, que ademais de aclararnos algúns aspectos concretos da obra, permitiunos coñecer de primeira man a situación do teatro en Galicia.

  Helena, xuízo a unha lurpia

29/01/16

ENTRENANDO CON KAHOOT PARA A GUERRA

Descubrimos Kahoot grazas a Álvaro P. Vilariño, Dives Gallaecia, que compartiu xenerosamente este Kahoot sobre a guerra de Troia:

Concurso sobre a guerra de Troia


E agora engadimos outro xogo máis sobre a Guerra no mundo antigo:

Concurso sobre a Guerra no mundo clásico


Pero para poder gañar neste xogo, bota un vistazo antes á presentación da Guerra de Troia e a unidade didáctica a Guerra no mundo antigo que tes no artigo de abaixo. Sorte e a xogar!

07/06/15

ULISES, SÓCRATES EL SEMI-PERRO

O cómic Ulises da serie “Sócrates el semi-perro” de Johan Sfar de edicións Sins Entido, ten como
eixe da trama a historia dunha segunda viaxe de Ulises despois da Odisea, pero o punto novidoso é que o narrador é Sócrates un semi-can propiedade do divino Heracles. Este can observa toda a historia dende un segundo plano e vainos narrando todas as súas impresións.
A primeira cousa que o sorprende é que o seu amo Heracles sucumba ante a paixón de Penélope e acabe matando a Telémaco, o fillo desta. Neste cómic mestúranse mitoloxías posto que tamén aparece a fábula xudeo-cristiá de Xonás e a balea. Toda a obra está sazonada cunha fina ironía e sarcasmo por parte do can, por exemplo na escena do barco cando fan ao espeto os piratas para comelos ou cando o can escolle como esposa a unha das sacerdotisas do templo de Corinto, a relación homosexual entre Ulises e Heracles...
Outro dos elementos que impregnan de sentido humorístico este libro é a linguaxe empregada escollendo termos mal soantes e inesperados nunha historia clásica.
Finalmente, comprendemos que a ensinanza desta historia é que o poder átanos a unha serie de responsabilidades para as que as veces non estamos preparados, pero cando somos líderes acabamos exercendo cargos nun ou outro lugar, como lle ocorreu ao bo de Ulises que quixo escapar das responsabilidades que implicaba ser rei e acabou sendo xefe do seu poboado. Por outro lado, os seres de espírito libre como Sócrates atópanse felices vagando polo mundo na busca de aventuras sen atarse a ninguén.

Lucía Sesar Miguélez 1ºBac B

29/05/15

LA ODISEA, VERSIÓN EN CÓMIC DE R. THOMAS & G. TOCCINI

Esta obra es una adaptación a cómic del poema épico de Homero, La Odisea. Homero es un clásico de la literatura universal, sus poemas marcan el inicio de la literatura griega y tuvieron enorme influencia en la literatura occidental.
La acción en la que se desenvuelve la historia transcurre en los años posteriores a la Guerra de Troya, que enfrentó a troyanos y griegos, en el siglo XII-XI a.C. Al transcurrir varios años tras la victoria sobre Troya la familia de Odiseo, nuestro protagonista, está desolada ya que no tienen noticias del rey de Ítaca. Penélope, mujer de Odiseo, llora día y noche por la falta de su marido y se ve obligada a elegir a uno de sus pretendientes. Su hijo, Telémaco, decide partir en busca de noticias de sobre el paradero de su padre, él al igual que Odiseo es ayudado por la diosa Atenea.
Ajeno a todo lo que ocurre en su casa, Odiseo se encuentra atrapado en la isla de la ninfa Calipso que finalmente le deja partir por orden de Zeus. Pero su vuelta a casa no será fácil ya que la furia de Poseidón acecha en cada paso que Odiseo da con su navío. Finalmente, el hijo de Laertes consigue regresar a su isla con la ayuda de los faecios mandados por el Rey Alcino; último reino al que llega Odiseo antes de su regreso a Ítaca. Allí es recibido hospitalariamente y relata en un banquete celebrado en su honor, los obstáculos que había conseguido superar a lo largo de su viaje.
Tras desembarcar en su patria, con la ayuda de Atenea logra adentrarse en la isla con la apariencia de un mendigo, con la que engaña a todos, exceptuando al porquero real y a Telémaco que ya sabían sus artimañas. Con este atuendo Odiseo, consigue hablar con su esposa y darle una buena noticia diciéndole que su marido está vivo y vendrá pronto, aunque la triste Penélope ya duda de todo. La bella mujer decide convocar un concurso de arco que determine su destino sin alargar más la espera de sus pretendientes. El concurso consiste en encordar el arco de Odiseo y disparar una flecha por cada uno de los doce aros que tiene cada hacha encima. Ninguno de los allí presentes, incluido Telémaco, consiguen ese propósito. La única persona que queda por probar es el anciano mendigo, al que muchos tratan de impedir que lo intente y que para sorpresa general consigue tensar el arco y realizar la prueba. Atenea devuelve a Odisea su aspecto, que con ayuda de su hijo mata a todos aquellos que atentaron contra él o su familia, consiguiendo recuperar su casa y su trono y concluyendo su regreso después de diez años de viaje.
Esta versión en cómic de Roy Thomas y Greg Tocchini, editada por Marvel, resulta una lectura amena, llevando al lector a viajar por la Antigua Grecia. Aparte de entretener, a mi parecer enseña entre otras cosas, la mitología griega que sigue teniendo vigencia en las diferentes exprsiones artísticas enla actualidad. En relación a los dibujos que ilustran al texto bajo mi punto de vista son increíbles, como se suele decir: "Una imagen vale más que mil palabras".
Recomiendo este cómic a todo el mundo, tanto a las personas que busquen pasar un buen rato como las que quieran aprender mitología. 

Antia Freire Seoane, 1º BAC B

20/06/14

PENÉLOPE E AS DOCE CRIADAS, DE MARGARET ATWOOD

Esta obra ten lugar en Ítaca, onde Penélope espera a chegada de Ulises. A historia transcorre antes, durante e despois da guerra de Troia. Penélope, a protagonista, conta a súa versión do acontecido durante este período, o que sabemos da súa vida e da e Ulises, engadindo novidades. Recorda a súa espera con tristeza, desengano, arrepentimento, usando un ton compasivo. De cando en vez interveñen as súas doce criadas, quen fan mais desgarrador o argumento a historia.
Esta historia cóntanos o mito da Odisea dun xeito diferente ao que estamos acostumados a escoitar. Penélope conta todo o que sabe unha vez xa morta, non pensa gardar ningún segredo. Comeza contando a súa infancia, a sombra do seu pai, e de seguido pasa a contar como chegou Ulises a ser o seu marido, ao parecer el gañaría a carreira coa axuda da súa prima Helena, a que a nosa protagonista odia. Así, unha vez que os dous están vivindo en Ítaca, Ulises terá que marchar a guerra de Troia, onde o seu bando quedará vencedor grazas a súa idea de meter o cabalo en Troia, enganando os troianos.
Na súa espera á chegada de Ulises de novo a Ítcaca, a xente comezará a dalo por morto, desta maneira comezarán a chegar novos pretendentes de Penélope, interesados nas riquezas das que esta dispón. Para alargar a elección do seu novo marido enganará os pretendentes coa axuda das súas doce criadas, das que algunhas se acaban namorando dalgún dos admiradores. Ao cabo dun tempo, Ulises chega facéndose pasar por un señor maior e así entérase de todo o que acontecera mentres el estivera fora, aínda así, a súa muller deuse conta de que era el. Acabará collendo a xustiza pola súa man matando a todos os pretendentes de Penélope, ademais mandará ao seu fillo matar as doce criadas debido ao insultos e demais cousas que lle contaría a muller que o coidara de neno. O que esta non sabía é que fora Penélope quen lle pedira que actuaran así para enganar os seus pretendentes e enterarse do que este falaban e planeaban.
Así, as doce criadas acabarán aforcadas. É durante toda a obra cando vemos o sufrimento das criadas, intervindo na historia a modo de coro. Nestas intervencións desafogaranse, contarannos dun xeito cruel todo o que viviron de pequenas ata ser criadas, sempre tratadas como se non fosen nada, dando igual que foran vendidas ou que lles pasase algo, non eran persoas das que a xente se preocupara. Así, tamén transmite o odio que lle teñen a Ulises por mandalas matar despois de sufriren violacións, insultos e demais situacións non agradables.
A propia autora dinos ao final da obra que está basada no mito da Odisea de Homero. Así é, aínda que neste caso é Penélope quen nos conta a súa versión do que todos falan pero ninguén realmente coñece. A autora tomase a liberdade de falar pola boca de Penélope contando a súa propia historia.
Aínda que lin poucos libros de mitoloxía, podo afirmar que este paréceme un excelente libro para coñecer o mito da Odisea dun xeito innovador, non segundo a tradición, onde podemos ver outra versión con outros puntos de vista, o de Penélope e as criadas, e outros sentimentos diferentes dos que normalmente estamos acostumados a escoitar na Odisea. Paréceme incrible como a autora toma a voz de Penélope con toda a liberdade e fai que nos metamos na historia, vivindo o sufrimento dela e das súas criadas intensamente.
Miriam Mellid Fernánde, 1º Bach. A
 

19/06/14

A ODISEA DA EDITORIAL MARVEL

Esta adaptación do poema épico de Homero de Roy Thomas e Greg Tocchini relata o acontecido uns anos despois da guerra de Troia entre troianos e gregos.
O cómic comeza describíndonos a situación na que se atopan os parentes máis próximos a Odiseo, como a súa muller, Penélope e o seu fillo Telémaco, despois de varios anos sen ter noticias del. Despois de tanto tempo todos o dan por morto, porén, lonxe da realidade que os rodaba, Odiseo segue vivo, aínda que por mor de todos os obstáculos que lle impuxera Poseidón, o deus do mar, non conseguira chegar á súa casa. Coa axuda de Atenea, deusa da sabiduría, logrará sobrevivir a todos eles.
Logo de pasar diferentes perigos no mar, Odiseo atopábase nunha illa ao carón da ninfa Calipso. Con ela estivo durante sete anos sen poder escapar do seu lado, facéndolle esquecer ao seu país natal. Mais iso rematou no día no que Atenea lle pediu a Zeus que o liberase dela.
Por outra parte, Telémaco decidirá ir na busca de seu pai, xa que non podía seguir sen novas del. Asemade, o seu fogar estábase a converter nunha casa de tolos, xa que estaba chea de pretendentes da súa nai. Penélope, para non ter que casar con ningún deles fixera a promesa de que cando rematase de tecer unha enorme tea, escollería marido. Porén a muller de Odiseo tecía polo día e pola noite desfacíao. Durante tres anos puido enganalos, pero a súa mentira non permaneceu máis e un pretendente descubriuna.
Mentres lle acontecía isto a Penélope e Telémaco, Odiseo tivo que vivir aínda máis aventuras na viaxe de volta ao seu fogar, pero coa axuda de personaxes como o rei Alcinoo e raíña Arete foi máis doado sobrevivilas. Na corte destes reis Odiseo refire algunhas desas peripecias como a do do cíclope, na que perderon a vida moitos dos seus compañeiros, a da illa Eea ou a casa de Hades e Proserpin, onde puido informarse de que súa nai morrera a causa do sufrimento que lle causara a súa ausencia.
Despois de todo isto, Odiseo conseguiu chegar a Ítaca. Disfrazado de vello, comunicoulle ás agachadas o seu regreso a Telémaco e, cando este lle contou todo o que estaba a acontecer na súa casa, planificaron e levaron a cabo un plan para desfacerse de todos os pretendentes de Penélope e deste xeito volveron ser felices como o eran antes.
Por último, dicir que o autor desta adaptación, Roy Thomas, un guionista e editor de cómics
estadounidenses, fixo unha gran labor nesta obra xa que reflicte todo o acontecido na Odisea de Homero sen alterar o contido e facendo que a lectura sexa un pracer e non unha tortura, xa que emprega vocabulario moi axeitado as nosas capacidades. Asemade a colaboración de Greg Tocchini, fai que a lectura sexa moito máis amena, levando ao lector polos mundos da antiga Grecia. Aínda que un aspecto negativo, dende o meu punto de vista, é que os debuxos son demasiado exuberantes, tanto nas mulleres coma nos homes, creando unha figura un tanto irreal. Aínda así, recomendaría este libro, xa que aparte de aprender sobre mitoloxía, tamén podes divertirte e nunca está demais probar cun cómic e deixar de lado por un momento a tradicional novela ou conto narrativo.
Patricia Amboage Santo, 1º Bach A

26/06/13

ARTE PARA REMATAR O CURSO


Despois da nosa "performance" co canto das sereas, o departamento de grego foi agasallado con esta magnífica obra de arte, realizada por Sarai Segade e Tamara Rguez Vila, de 3º de ESO C e A respectivamente. Nela represéntase a Caribdis, o terrible remuíño marino que engulía naves e no que Ulises destrozou a súa, a pesares de ser advertido polo adiviño Tiresias. Este óleo encántanos pola súa temática e, sobre todo, pola súa calidade. O vórtice consegue tan ben o efecto de profundidade, que parece que nos vai tragar a nós. Como ano dedicado ás viaxes, non saímos da viaxe estrela, a Odisea. Feliz verán, cheo de viaxes de todo tipo.

21/06/13

DESPEDIMOS O CURSO ESCOITANDO O CANTO DAS SEREAS



Así como algún ano despedimos o curso cantando, nesta ocasión en grego de 1º de BAC preferimos escoitar o canto das sereas. Dado que este foi un ano dedicado ás viaxes e dende a biblioteca fixemos un traballo interdisciplinar titulado A viaxe e a migración, entre búsqueda e a necesidade, pareceunos de necesidade recrear algunha escena da Odisea, a viaxe das viaxes.
Velaí a famosa escena na que Ulises (Yuri), resiste como un campeón. As nosas sereas, Iris e Montse, tratan de engaiolar ao héroe, pero canto máis se remexe este, máis apreta as cordas a comandante Lorena. Os remeiros, Wellington, Diego, Celtia, Eva, Sara, Aitana, María, Denís e Noelia, reman inmunes ao fetizo, pois o sabio adiviño Tiresias aconsellara a Ulises tapar os oídos con cera.
Esta escena non sería posible sen a estupenda instalación que temos montada este ano no xardín do IES de Melide. Que pinta este veleiro en terra firme? Todo foi idea de Xosé Couso, profe de educación física do noso IES e auténtico experto nos grandes veleiros do s. XVIII, tal como nos demostrou na charla que nos impartiu na biblioteca. Pero o noso contramestre non podería facer o seu traballo se non contase coa man de obra do alumnado e profesorado do ciclo de madeira, que traballaron nesta ocasión como carpinteiros da ribeira, a pesares de ser de interior. Gloria, a nosa capitana da biblioteca, encargouse de tinxir con té as sabas vellas que lle levamos para darlles un aspecto envellecido (aínda que foi máis ben a nosa climatoloxía de inverno perpetuo a que deu esa pátina). Velaí ao alumando de madeira termando do mastro, nunha pose que a algúns nos trae a memoria outra famosa escena da Odisea, na que Ulises e os seu homes cegan ao Cíclope.
O departamento de música non foi capaz de reconstruír o máxico canto das sereas, pero prestounos estes estupendos remos, que eles utilizan para facer magníficas percusións.
Grazas a todas estas axudas poidemos revivir este archicoñecido episodio e dende o noso barco desexámosvos un bo verán, aínda que chova.
(E ollo co canto das sereas, que algún/a aínda ten pendente unha recuperación de grego...)

18/06/13

La Odisea, adaptación ao cómic de Pérez Navarro con debuxos de Martín Saurí.

Aitana Castro Coego, 1º BAC A
Esta obra é unha adaptación ao cómic de A Odisea o poema épico composto por Homero no s. VII a. C., unha das obras máisimportantes da literatura universal.Normalmente nas adaptacións de calquera clásico o autor pode darlle á súa obra o carácter que el mesmo queira, polo que debe documentarse ben, xa que ás veces confúndese realidade e ficción, historia con mitoloxía e, na miña opinión, Pérez Navarro soubo facer un bo traballo.
O texto orixinal da Odisea, estruturado en 24 cantos,é moi extenso xa que conta a historia dos dez anos de viaxe do heroe Ulises,nesta adaptación a acción é moi fluída, condensada en tan só sesenta páxinas. O tema central é o regreso de Ulises a Ítaca, volvendo da longa guerra de Troia, tras o naufragar o seu barco pola furia de Poseidón, que cargou contra Ulises porque este deixou cego a un dos seus innumerables fillos.
Poderiamos dicir que a acción comeza in media res, é dicir, cando Ulises chega á corte do rei Alcinoo, xa case ó final da súa viaxe. A acción comeza mentres Nausicaa, filla de Alcinoo, descansa e xoga coas súas escravas nun río. Entre xuncos, atópase o noso viaxeiro que é axudado polas mozas que lle indican que vaia xunto o rei. Ulises así o fai, é convidado a un banquete na corte durante o cal Demódoco, canta historias sobre a guerra dos dez anos. Ulises non pode conter a emoción, rompe a chorar, desvela a súa identidade e comeza a narrar a súa historia.
Ulises inicia o seu relato cos Lotófagos, un pobo que se alimentaba de flores, até chegar ao seu encontro co cíclope Polifemo ó que debeu cegar para poder escapar del. Como consecuencia, este feito enfurece ao seu pai Poseidón, que castiga a Ulises facendo que se perda polos mares. Unha vez reuniron todas as naves tras o incidente co cíclope, Ulises e a súa tripulación chegaron á isla de Eolia, onde vive Eolo, deus dos ventos. Este deulle a Ulises unha bolsa que contiña todos os ventos, coa condición de que non a abrira até chegar á casa. Pero os seus camaradas tiñan moita curiosidade por saber qué contiña a bolsa e un día durante a travesía abrírona, os ventos desatados pola bolsa fixeron que se afastasen máis aínda da súa patria. A continuación chegan á illa dos Lestrigóns, uns xigantes que se comeron a case toda a tripulación. Escapando de alí chegan á illa de Eea, onde vive Circe unha meiga que transformaba en animais ós seus inimigos. A muller namórase de Ulises e reteno durante un ano, até que un día os seus compañeiros comezan a querer volver para a casa. Circe enténdeo, pero advirte a Ulises que debe baixar ós infernos xa que Tiresias, o adiviño que lles pode indicar o camiño de regreso, atópase alí. Cando por fin chegan ao Hades, atopan a Tiresias,que tras beber sangue dun sacrificio, profetiza que Ulises terá un longo regreso á casa e que a súa familia está ben. Volveron xunto a Circe, como despedida, e de volta no mar o viaxeiro ten que enfrontarse a unhas sereas atándose ó mastro do barco para non sucumbir ás voces dos fermosos híbridos de muller e paxaro. Máis tarde, tivo que enfrontarse a Caribdis e Escila, dous monstros mariños que vivían nun paso de rochas no mar. Moitos mariñeiros morreron, pero Ulises conseguiu chegar á illa do deus Sol onde tiñan unha soa condición, non matar animais. Tras moitos días sen comer, os mariñeiros remataron por matar unha vaca, provocando a furia de Helios, quen de novo no mar desatou unha tormenta á que tan só sobreviviu Ulises. Tras dez días agarrado a uns táboas de madeira, Ulises chegou ante Calipso, onde estivo sete años. Durante este tempo, Ulises e a filla de Atlante tiveron dous fillos, pero chegado o momento Ulises partiu de novo.
A acción sitúase de novo no palacio dos feacios, onde Ulises é axudado para volver á casa. Unha vez na terra, a deusa Atenea disfraza a Ulises de vagabundo para que se poida vingar dos pretendentes da súa muller sen ser descuberto. Conta coa axuda de Eumeo, fiel criado e amigo seu. Mentres o noso viaxeiro estaba na casa deste amigo,entra o seu fillo Telémaco, a quen lle revela a súa verdadeira identidade. Xa ao final do relato, Ulises entra no palacio como mendigo e por orde de Penélope, é bañado pola esclava Euriclea que o recoñece por unha cicatriz feita durante a infancia cun xabaril, pero esta non di nada para que o rei poida levar a cabo a súa vinganza. De novo na sala, Penélope anuncia que casará co home que tense e dispare o arco de Ulises pero ninguén o logra. Ulises, disfrazado aínda de mendigo, tamén o intenta e ante o asombro de todos lógrao e prepárase para derrotalos. Tras unha sanguenta matanza na que Ulises mata a todos os seus opoñentes, a súa muller recoñéceo cando este lle conta como e onde se fixo a súa habitación. En conclusión, tanto o guión coma o debuxo fan que este cómic reflicta a esencia da verdadeira Odisea.

26/02/13

CADRO XENEALÓXICO DOS ATRIDAS

Seguimos preparando a nosa asistencia ao Agamenón de Esquilo o próximo día 4 de marzo en Lugo. Por si a alguén lle resulta longa a historia da casa de Atreo en formato cómic, aquí vai un cadro xenealóxico da familia dos Atridas, tamén chamados Pelópidas ou Tantálidas.
A particularidade deste cadro xenealóxico é que nel reflectimos a cadea de crimes desta familia maldita que continuou até Orestes e rematou grazas a intervención de Atenea, deusa da sabiduría.
Empregamos os aneis para sinalar matrimonios, os corazóns para as unións extramatrimoniais e o coitelo coas frechas vermellas para os asasinatos.


19/02/13

A CASA DE ATREO, UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA

Neste curso temos como lectura obrigatoria o Agamenón de Esquilo, tanto en 3º de ESO (aos que lles custará algo máis) como en 1º de BAC. Ao igual que en anos anteriores, as nosas lecturas coinciden coas obras que imos ver representadas a Lugo, dentro do XIII Festival de Teatro Grecolatino.
Agamenón forma parte da Orestíada, triloxía de Esquilo que se centra na cadea de crimes e vinganzas que sofre a familia maldita dos Atridas, descendentes de Tántalo. Agamenón regresa ao seu reino de Argos (ou Micenas) despois de conseguir a victoria guiando aos gregos contra Troia. Pero no seu palacio a súa esposa Clitemnestra tenlle preparado un recibimento moi especial. Sabemos que a traxedia grega céntrase na dor humana e non cabe final feliz. Agamenón pagará polos crimes cometidos, pero os seus asasinos tamén pagarán por este novo crime.
Na última obra desta triloxía Esquilo propón unha solución para romper esa cadea viciada de violencia: a razón e persuasión da deusa Atenea serán quen de restablecer a xustiza e harmonía para os habitantes de Atenas. Ofrecemos aquí unha pequena crónica dos crimes da Casa de Atreo, que ben podía pasar por un terrible "culebrón", baseándonos en dous cómics que temos na biblioteca:

29/06/10

A ODISEA NUNHA IMAXE


Se unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí podemos ver un magnífico resumo dos miles de versos da Odisea de Homero. César Fdez, o autor do debuxo, cursa 2º de Primaria no CEIP A Barquiña, de Noia (A Coruña) e será, supoñemos, un futuro alumno de cultura clásica nalgún instituto de Noia. Ademais da pintura, a César encántalle a mitoloxía clásica e aos seus oito anos coñece moitas historias e mitos con detalles que non saben os maiores.
Velaí este debuxo, que aínda que se titula "La Ilíada y La Odisea", refírese a Odisea. Por si nos pasa como ao autor do Principiño que facía debuxos que os maiores non entendían, explicamos algún pequeno detalle. O Cíclope á esquerda e Odiseo en pe no seu barco, aguantando coma un campeón o canto das sereas, non necesitan moita explicación (nótese que as Sereas adquiren forma de diferentes aves e seres alados). Seguramente a resistencia de Odiseo explícase polo seu pensamento, recorda a Penélope e Telémaco e no medio pululan tamén os recordos de Circe (frasco de pócima e variña máxica) e de Calipso (flocos dourados, que seguramente formaban parte dalgún fabuloso vestido seu). Un pouco máis á dereita, enriba dunha onda, temos a Ino ou Leucotea que co seu velo salvou ao noso heroe de non morrer afogado na tempestade que provocou Poseidón cando marchou da illa de Calipso. Enriba do monte pace tranquilamente unha vaca de Helios, o Sol, que os famentos homes de Odiseo mataron, causando deste xeito a súa morte. E, á dereita, as terribles Escila e Caribdis agardan a súa quenda para causar aínda máis desgrazas ao noso heroe.
Con esta imaxe desexámosvos un bo verán, con tantas viaxes e aventuras coma as de Odiseo (aforramos as tempestades e naufraxios, que estamos en crise). A César desexámoslle que lea moitos libros de mitoloxía, de Gerónimo Stilton e do que lle cadre, que xogue moito e que pinte moitos debuxos coma este.

21/12/09

Héroes da Ilíada

Case rematando o ano, os de 4º poñémonos as pilas e sacamos o noso primeiro artigo. Xa que na clase estivemos vendo a guerra de Troia, fixemos un mapa en Google situando aos heroes da Ilíada nos seus reinos. Este foi o resultado.

Ver Heroes da Ilíada en un mapa más grande

21/06/09

Rapto de Helena

Ola a todos de novo. Por aquí andamos outra vez, pero non para falarvos de Poseidón, se non da causa da guerra de Troia, o rapto de Helena, a esposa de Menelao. O rapto de Helena foi realizado en Esparta por Paris, príncipe troiano. Existen varias versións sobre isto, e unha de elas é que Helena non foi obrigada, senon que se deixou levar por Paris.
Helena era filla de Zeus e Leda, e era moi famosa pola súa grande beleza. Dise que antes de ser raptada por Paris, xa fora raptada de pequena por Teseo, coa intención de contraer matrimonio con ela, pero deixouna coa súa nai Etra mentres el ía a por Perséfone que estava no inframundo. Logo, Helena foi salvada polos seus irmans, os Dióscuros, que fixeron prisioneira a Etra. Déixovos este video con imaxes dalgunha escea da guerra de Troia.

Rodrigo_(3º D)

08/05/09

Eneas e a súa viaxe.

Para ir pechando o ciclo Troiano e os contidos de mitoloxía deste ano presentamos a Eneas, un heroe máis ligado a mitoloxía romana que á grega. Eneas, fillo dun mortal e da deusa Afrodita, é un dos poucos troianos que consigue escapar á destrucción de Troia. Cuns poucos homes homes embárcase cara a Occidente e acabará fundando unha cidade no Lacio (centro de Italia). O seu fillo, Ascanio ou Iulo, fundará Alba Longa, da que varias xeracións máis tarde sairán Rómulo e Remo para fundar Roma.
Coñecemos as aventuras de Eneas a trevés de distintas fontes, pero a principal é Virxilio. Este foi un poeta romano do s. I a. C., que por encargo do emperador Augusto escribiu un poema épico para enxalzar as orixes de Roma. O poema, titulado a Eneida, entroncaba aos romanos co pasado heroico dos gregos por medio de Eneas e outorgaba ascendencia divina e prestixio á cidade facéndoos descender dos deuses Venus e Marte. Ademais, a familia Iulia, á que pertencía Augusto, aparecía como descendente do mesmo Iulo ou Ascanio. Virxilio quiso destruír o poema antes de morrer porque non estaba revisado, pero Augusto conseguiu salvalo e fíxoo publicar, chegando ata nós.

24/03/09

A Odisea

Xusto a piques de iniciar a nosa propia Odisea en Grecia (mañá marchamos!!) paréceunos oportuno publicar este post. Aínda que esteamos lonxe, tentaremos mandar noticias ao blog e non esquezades tampouco vos facer o mesmo... recordade que con internet estamos a un paso. Ai si os deuses do Olimpo tivesen Internet...! Imaxinades que sería do pobre Hermes?
Imos agora coa auténtica Odisea. Despois da guerra de Troia, os gregos regresan á súa patria, pero non todos o fan con igual fortuna. Ulises ou Odiseo, rei de Itaca, tardará dez anos máis en regresar debido á enemistade de Poseidón, que axitará os mares cada vez que se embarque e o fará naufragar mil veces. Aínda que son varias as fontes sobre Ulises, sobre todas elas destaca a Odisea de Homero. O Odiseo homérico é un heroe que se caracteriza pola súa intelixencia e que conta coa protección de Atenea, que se fará máis sabio coa súa viaxe e gañará os epítetos de "o moi prudente", "o home de moitos enganos" ou "o home de moitos camiños". A viaxe convírtese con Homero nunha metáfora da búsqueda da sabiduría, sendo máis importante o camiño que a meta. Así nolo canta o poeta Kavafis no seu poema Itaca:

Se has de facer a viaxe cara Itaca,

pide que o teu camiño sexa longo,

cheo de aventuras, cheo de coñecementos...


A guerra de Troia

Un dos mitos máis importantes na mitoloxía clásica é a guerra de Troia e todo o ciclo de lendas e cantos épicos que xurde arredor dela, o que denominamos ciclo troiano. Segundo a lenda, o troiano Paris raptou á fermosa Helena, esposa do rei de Esparta Menelao, provocando deste xeito o ataque dos gregos á cidade de Troia e a conseguinte guerra que duraría dez anos. Troia, no estreito dos Dardanelos, chamábase en grego Ilión (Ἰλιόν), e de aquí deriva Ilíada, o poema de Homero que ven sendo a testemuña literaria más antiga en lingua grega e na literatura europea. Pero a Ilíada de Homero non nos conta toda a guerra de Troia, senón só nove días do noveno ano de guerra, cando o famoso Aquiles (o dos pes lixeiros, o do talón...) se enfada co rei Agamenón e decide retirarse da loita. Así comprendemos que Homero comece a súa obra pedíndolle inspiración a musa "Canta, musa, a cólera do Pélida Aquiles"...
Coa Ilíada e a Odisea (a outra obra de Homero) educáronse incontables xeracións de homes gregos e occidentais en xeral, que vían nos seus heroes un modelo de comportamento.
Cando estudiamos mitoloxía sempre insistimos na idea de que a mitoloxía era un xeito de ver a vida, de explicar cousas que nese momento non tiñan unha explicación racional: os fenómenos naturais, a orixe do mundo, o comportamento humano, etapas do pasado... Disto último trata precisamente o ciclo troiano, pois a partir dos libros de Homero os arqueólogos descubriron as cidades de Troia, Micenas, Tirinto, Esparta... e puderon probar que si houbo unha guerra alá polo 1200 a.C. As causas de esta guerra histórica serían menos románticas e máis materialistas, os intentos dos gregos por controlar as rutas comerciais do Mar Negro levaríanos a enfrontarse cos pobos asiáticos que controlaban os estreitos.
Bota unha ollada a esta historia resumida e completa información cos enlaces e a bibliografía vista en clase.