Amosando publicacións coa etiqueta Roma. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roma. Amosar todas as publicacións

29/04/16

OBRADOIRO DE ESCRITURA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Os departamentos de latín e grego estamos a desenvolver unha nova actividade que até o de agora só practicaramos cando viaxabamos a Sagunt, un obradoiro de escritura antiga cos dous alfabetos, latino e grego.
Despois de dúas visitas á Domus Baebia Saguntina, en 2010 e 2015, o empuxón definitivo para que nos animásemos a tentar facelo por nós mesm@s, foi o obradoiro que de xeito altruísta Fernando Lillo impartiu no outono de 2015 para un pequeno grupo de profesores e alumn@s da USC na facultade de filoloxía.
Para poder realizar este obradoiro contamos co apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos.
E como Audentis Fortuna iuvat, embarcámonos a participar e preparar os I Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola SEEC, e estreámonos na nosa biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide, que o martes 26 e abril quedou convertida en biblioteca de Alexandría por un día. Velaí o resultado:

E como queremos compartir o noso traballo, deixamos aquí as seguintes ligazóns:
- Plantilla para escritura grega antiga
- Plantilla para escritura latina antiga
- Antoloxía de textos gregos para paleografía
- Antoloxía de textos latinos para paelografía
Animadevos a probar

25/03/14

VISITA A SANTA OLALLA DE BÓVEDA E LUGO

Como cada ano, o alumnado de grego e cultura clásica asistirá este mércores 26 de marzo ao festival de teatro grecolatino que organiza a SEEC de Galicia. Este ano volveremos a ver Troianas de Eurípides, un magnífico alegato contra a guerra onde o autor empatiza coas vítimas da guerra de Troia, e Asembleístas de Aristófanes, onde as mulleres de Atenas, colándose disfrazadas de homes na Asemblea, plantexarán unha solución para sacar á cidade da crise na que se atopa. Dous temas de absoluta actualidade plasmados en dúas obras escritas hai 2500 anos.
Pero antes de chegar a Lugo, faremos unha paradiña polo camiño para ver a igrexa de Santa Olalla de Bóveda, edificada sobre un enigmático santuario de época romana, talvez dedicado á deusa Cibeles. O interior deste templo contén un dos mellores conxuntos de pintura da Hispania romana. No vídeo da parte superior pódese ver un fragmento extraído da magnífica serie Roma da cadea HBO, no que se explica en que consitía o taurobolium, ou bautismo de sangue que formaba parte dos ritos a Cibeles, deusa nai semellante á Rea grega. No documento de abiaxo tes unha explicación  mási detallada deste rito e dos posibles usos deste edificio.
Despois completaremos a nosa visita cun breve paseo polo centro do Lugo antigo, vendo a muralla, catedral... e marcharemos ao auditorio Gustavo Freire para ver teatro clásico.

21/04/13

LAS ÁGUILAS DE ROMA

O primeiro volume da serie en cómic Las Águilas de Roma,  foi a lectura escollida por Mariano e un dos poucos libros comentados na clase de Cultutra Clásica de 3º de ESO até o de agora. Dado que o noso presentador non seguiu os consellos que publicamos hai algúns meses, imos completar algúns datos e tratar de resumir e comentar a exposición.
A serie Las Águilas de Roma consta até o momento de tres volumes publicados pola Editorial Norma. O seu autor é E. Marini, autor tamén de El Escorpión, unha serie de "capa e espada" ben coñecida por algúns lectores de cómic do IES de Melide.
Las Águilas de Roma está ambientada no tempo do emperador Augusto, recén inaugurado o Imperio, e ten por escenario Roma e Xermania. Despois de conseguer unha vitoria sobre os pobos xermanos, o xeneral romano Druso sela alianzas cos vencidos levando fillos dos seus caudillos como reféns a Roma para garantir a paz. Entre eles está Ermanamer, fillo do príncipe querusco Sigmar, que é entregado a Tito Valerio Falco, un severo xeneral retirado, para ser educado coma un romano. Arminio, nome romanizado de Ermanamer, educarase xunto con Marco, fillo de Falco e a súa esposa xermana Albinia. Arminio e Marco enfrontaranse á dureza da educación imposta por Falco e iniciaranse na vida adulta, propia dun noble romano, nunha relación de rivalidade nun principio e de amizade e irmandade de sangue máis tarde.
Un dos apectos máis valorados neste cómic é a perfección do debuxo que nos ilustra de diferentes aspectos da cultura romana: as guerras contra os xermanos, a vida nas villae, a vida na gran urbe romana... Sorprenderon  e fixeron as delicias de algúns/as o explícito das imaxes eróticas e de acción (doma dun cabalo, cacería dun oso...).
A outras/os gustounos especialmente a recreación do foro romano, a vida nunha villa: o triclinium e outras partes da domus, o traballo dos escravos, o labor do paedagogus, a instrución física dos mozos, as panorámicas de Roma, dun campamento romano...

E non remata aquí a historia, os volumes II e III están agardando por vos na biblioteca.