Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións

28/05/21

TÁBOA PERÍODICA

 O departamento de grego xunto co alumnado de grego 1º de BAC formaron parte do Club de Ciencias


durante este curso e o pasado. Estamos no club de ciencias porque pensamos que o saber non se divide en ciencias e letras e precisamos de todo para a nosa formación.

Cremos no traballo interdisciplinar e pensamos que dende a nosa materia, grego, podemos aportar cousas interesantes en calquera campo de traballo. Na confección desta táboa periódica partiparon os departamentos de física e química, matemáticas, bioloxía e xeoloxía, plástica, inglés e grego.

O alumnado de grego de 1º de BAC encargouse da etimoloxía de todos os elementos. Moitos dos 118 elementos actuais teñen nomes relacionados co latín, o grego ou as mitoloxías clásica e nórdica. Estivemos traballando durante o primeiro trimestre e para nós foi de moita ulitilidade  a táboa periódica interactiva realizada polo departamento de Física e Química e alumnado do IES de Melide e Guía dos elementos químicos, historia, propiedades e aplicacións. Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana Mª González Noya, Marcelino Maneiro Maneiro, Xunta de Galicia 2018.

31/01/19

CONCURSO ODISEA 2019

Un ano máis estamos a punto de comezar unha das actividades máis divertidas (e instrutivas) do curso, O Concurso Odisea, que este ano ten como tema central A Ciencia e A Tecnoloxía en Grecia e Roma.
Aínda que apenas tivemos tempo por estar moi atarefad@s cos IV Ludi Compostellani, as profes de latín e grego preparamos a toda presa unha presentación para ter un punto de partida antes de comezar o concurso e como xa acostumamos ultimamente, un kahoot de entranamento.
Bota un ollo á presentación e prepara o teu móbil para o Kahoot. Se queres saber máis mira a esta presentación na aula virtual de latín do IES Pontepedriña, realizada pola profesora Gloria Rguez Leal.



E agora fai o kahoot

 

14/01/18

FACENDO CIENCIA EN GREGO CON TERESA AMADO

O pasado venres tivemos a sorte de ter no IES de Melide a Teresa Amado, profesora de grego da USC, que impartiu unha conferencia sobre a orixe da ciencia na antiga Grecia e a creación de léxico científico ao alumnado de 4º de ESO e, como non, ao de grego de BAC.
Se coñecíamos o bo facer de Teresa Amado en moitas das súas facetas, o seu labor como divulgadora foi un auténtico descubrimento para os que asistíamos a unha das súas charlas por vez primeira.
Grazas á súa explicación entendimos porque xurdíu a ciencia en Grecia, a importancia da escritura e o feito de que unha gran parte da sociedade grega puidese acceder a ela, as distintas vías de formación de léxico... pero, sobre todo, moit@s d@s asistentes descubriron que sabían máis grego do que pensaban.
Agardamos con impaciencia a súa próxima visita, esta vez para falarnos de teatro grego, outra das súas grandes paixóns. Agradecemos enormemente a xenerosidade de Teresa, que a pesar da súa apretada axenda é capaz de buscar tempo para achegarse a Melide e compartir o seu traballo, entusiasmo e saber de forma tan desinteresada.




02/11/16

OUTRA NOITE DE ESTRELAS

Estreamos nova tempada no noso blog para anunciar que hoxe, xoves 3 de Novembro, poderemos observar estrelas no IES de Melide a partir das 19.30 a través de potentes telescopios, da man de astrónomos profesionais do OARMA (Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC), dentro do programa TODOCOSMOS. Agardamos que as nubes non nos impidan ver os ceos e, ao igual que no curso pasado, poidamos disfrutar dunha noite espléndida.
Como é innegable a relación da astronomía coa mitoloxía, deixamos aquí unha presentación feita polo alumnado de cultura Clásica do curso pasado e completada co que estamos vendo estes días na clase de 3º de Cultura Clásica.

29/11/13

HIPATÍA DE ALEXANDRÍA EN MELIDE

Hoxe, en lugar da nosa clase habitual de cultura clásica na aula 205, tivemos a sorte de recibir unha das leccións maxistrais de Hipatía, a famosa matemática, astrónoma, filósofa... que viviu na Alexandría dos s. III-IV d. C.
Para poder asistir a esta clase tivemos que prepararnos antes. En primeiro lugar, o alumnado de 3º ESO de física e química  investigou coa súa profe Raquel sobre esta científica e redactou unha pequena biografía. As alumnas e alumnos  de 3º A e parte de B continuamos na clase de cultura clásica estudiando o vestido antigo  e aprendimos a facernos traxes en cinco minutos con telas e imperdibles. Vimos  tamén un fragmento da película Ágora, de A. Amenábar, onde se recrea algunha das clases de Hipatía cos seus alumnos e tomamos nota de como eran os libros ou volumenes e que material "escolar" se usaban naquela época. O ciclo de madeira colaborou con nós aportando as taboiñas (tabellae ceratae) para poder tomar apuntes de tan ilustre mestra. O noso fotógrafo excepcional foi David Canoura, o profe de música e "retratista" oficial deste tipo de eventos.
E a que se debe semellante acontencemento? No presente curso, o tema de traballo monográfico do noso IES, coordinado pola biblioteca, céntrase no cine, baixo o lema Un ano de película. Unha das moitas actividades que realizamos os departamentos didácticos é a elaboración dun calendario para 2014 onde en cada mes recreamos unha película, os actores son as nosas alumnas e alumnos e os escenarios o instituto ou a vila de Melide. Anticipamos que algunas destas películas son Casablanca, A lingua das bolboretas, Braveheart, A lista de Schindler, Os nenos do coro, Men in black, Evasión o victoria, Harry Potter, O exorcista...
Nós, como é natural, escollimos unha película de tema clásico,  Ágora, de A. Amenábar, e fixemos unha versión da clase na que Hipatía trata de explicar aos seus discípulos a gravidade terreste mediante un pano. Decidimos que as escaleiras de Calvo, no centro de Melide, poderían transformarse nunha estancia da famosa Biblioteca de Alexandría. Aínda que aproveitamos o sol desta última semana de novembro, moito frío pasaron algúns/as mentres posaban. Arriba tedes o resultado e abaixo un fotograma da película.

16/10/09

ÁGORA E HIPATÍA

Tal como prometíamos na nosa primera entrada deste curso no blog, o próximo xoves 22 de outubro imos ver Ágora a Santiago. Para poder disfrutar máis proxección e entender un pouco mellor o que se nos conta, Xabier Garabal, o profe de mates, preparounos esta presentación sobre Hipatía, que como xa sabedes é a filósofa e matemática grega que inspira a película de Amenábar. Na presentación hai unha serie de datos imprescindibles para un bo coñecemento deste personaxe, pero dende aquí queremos propoñerte que investigues sobre a época e o lugar no que se centran os acontecementos. Para elo elaboramos un cuestionario, que está debaixo da presentación e que podes enviar unha vez cuberto. Xa sabes que todas estas actividades sirven para subir nota...
Prepárate, logo, para disfrutar da película e aproveitala ao máximo. Por certo, despois do cine, todas e todos os que queirades podedes vir comer un "kebaq", especie de bocata típico turco que tamén se come moito en Grecia (alí chámanlle gyros), para ir preparando o padal.