Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte. Amosar todas as publicacións

26/03/14

VIAXE A GRECIA, MARCHAMOS XA

Por fin chega o acontecemento máis esperado do curso, a nosa viaxe a Grecia. Sairemos o xoves 3 de abril de Santiago, con destino Atenas, onde faremos o noso percorrido clásico. Como sempre, viaxeremos a unha illa e este ano toca o mundo minoico de Creta. De volta no continente peregrinaremos a Delfos, a ver que oráculos nos depara o deus Apolo. Xa para rematar, faremos unha última parada en Istambul, a antiga Bizancio e Constantinopla, onde andaremos a todo correr para tratar de ver algunas das marabillas desta cidade en tan só 24 horas. O 11 de abril estaremos de volta, e teremos as vacacións de semana santa para repoñer forzas e asimilar todo o que vimos, escoitamos, ulimos, probamos e tocamos, porque se viaxa cos cinco sentidos. Na parte superior temos a nosa guía de viaxe con información de todos os recintos arqueolóxicos e na inferior a nosa axenda de peto, con notas prácticas sobre itinerario, gastronomía, idioma e diario de viaxe. Talvez este sexa o último ano que as imprimamos en papel, as tabletas mandan!!

17/03/14

UNHA ARTEMISA MANGA


Esta é a magnífica versión manga de Artemisa que nos fixo Li Wei, de 3º PDC de ESO. Podemos distinguila ben por algúns dos seus emblemas: o arco, a vestidura curta e o seu carácter agreste neses corniños que lle sobresaen na cabeza, case estilo fauno. Parabéns e só nos queda animar a Li Wei a que se lance a facernos algunha viñeta de cómic. A ver se se inspira coa versión manga da Ilíada e Odisea que está a ler.

26/06/13

ARTE PARA REMATAR O CURSO


Despois da nosa "performance" co canto das sereas, o departamento de grego foi agasallado con esta magnífica obra de arte, realizada por Sarai Segade e Tamara Rguez Vila, de 3º de ESO C e A respectivamente. Nela represéntase a Caribdis, o terrible remuíño marino que engulía naves e no que Ulises destrozou a súa, a pesares de ser advertido polo adiviño Tiresias. Este óleo encántanos pola súa temática e, sobre todo, pola súa calidade. O vórtice consegue tan ben o efecto de profundidade, que parece que nos vai tragar a nós. Como ano dedicado ás viaxes, non saímos da viaxe estrela, a Odisea. Feliz verán, cheo de viaxes de todo tipo.

13/03/11

Preparándonos para a nosa viaxe a Grecia

Se hai pouco máis dun mes estabamos a participar unha vez máis no concurso Odisea, agora estamos a preparararnos para a nosa odisea particular en Grecia. Faltan xusto dez días para que aterricemos en Atenas e é hora de ir preparando a equipaxe: documentación o primeiro, roupa de abrigo, que vai facer frío, e sobre todo unha boa documentación do que imos ver.
Velai a guía de viaxe que imos levar, para que as aplicadas e aplicados vaian preparando o terreo. Esta guía, en formato A4, levaremola en todas as visistas e iremos léndoa por quendas e pobre do que se esqueza dela.Tamén levaremos unha pequena axenda en formato máis pequeno para levar no peto e ter a man datos úteis coma teléfonos, vocabulario grego, breves aclaracións sobre gastronomía e, incluso, un pequeniño plano para non perdernos en Atenas. Καλό ταξίδι!

16/03/10

OS MÁRMORES DO PARTENÓN NO MUSEO BRITÁNICO

Hoxe saiu para Londres un grupiño de alumnas do IES de Melide acompañadas por Natalia, a profe de plástica, e David, profe de música ademais de xefe de estudios. O programa de actividades está moi apretado: museos, un montón de exposicións, musicais, concertos... Pero dende o recuncho das clásicas trataremos de convencelos para que fagan un oquiño e vaian ao British Museum a ver, entre outros mil tesouros arqueolóxicos, os mármores do Partenón. Esta visita suporía un final de percorrido para algúns dos participantes como Patricia, David ou Natalia, que estiveron en Atenas e viron o Partenón cos mármores que se salvaron do robicio de Lord Elgin. Para os outros pode supoñer un comezo e ver o que falta en Atenas o próximo ano.
Como chegaron estes mármores ao museo británico é parte da historia do Partenón, chea de guerras, ocupacións e expolios, que podedes ler con detalle no documento que adxuntamos e que nos ilustra neste vídeo Kostas Gavras

Tamén podedes visitar a web Marbles Reunited, que vos dará máis información sobre este tema.
Ánxela, Raquel e Cristina, alumnas de cultura clásica este ano, son as encargadas de repartir material para visitar estas esculturas no museo e despois poderán facer un post en Aspasia contándonos as súas experiencia. Disfrutade moito!!!
Os mármores do Partenón no Museo Británico

29/01/10

O CULTO AO SEXO NOS TEMPOS DE HOMERO

Con este título sensacionalista o xornal El País infórmanos, na súa sección de cultura, dunha exposición sobre Eros ( Ἔρως, o amor) que acolle o Museo de Arte Cicládica en Atenas ata o 5 de abril. En realidade o título da exposición é "Eros dende a Teogonía de Hesíodo ata a antigüidade tardía". O título do xornal pretende ter tirón (e o certo é que servidora acudiu enseguida) porque xunta dos termos ben coñecidos: sexo, sobre todo, e Homero, que debe ser o escritor grego máis coñecido pola maioría (ou minoría...); aínda que é certo que as obras homéricas non destacan, precisamente, polo seu culto ao sexo. Hesíodo é un poeta posterior a Homero, e na escolla do título os organizadores da exposición mostran un matiz cronolóxico importante en canto á documentación dos 280 obxectos que se nos amosan, datados entre os s. VI a IV a. C.
Os antigos trataban os temas amorosos cunha tolerencia e naturalidade descoñecidas en moitas sociedades actuais. O amor físico representábase frecuentemente de forma explícita, sen ter por elo carácter pornográfico. Na exposición podemos ver, polo tanto, todo tipo de escenas amorosas e xogos eróticos, e por este motivo os menores de 16 anos deben ir acompañados por un tutor ou profesor. O día dos namorados falaremos máis deste deus Eros tan poderoso, arrollador, invencible..., pero mentres, podes ver un resumo da exposición premendo na imaxe.


08/06/09

UN POUCO DE HISTORIA

Aínda que estamos case no final de curso, en cuarto de ESO imos asomarnos un pouco á historia de Grecia e Roma. Empezaremos botando unha visual á historia e a arte gregas e, se todo sae ben, completaremos o noso traballo en arte coas actividades da aula virtual. Polo de pronto, aquí vai unha presentación sobre os aspectos máis importantes da cultura grega.