12/01/14

NON DIGNE, OSCAR, CITO VITAM CARUISTI...

Con esta adaptación de epitafio latino, "Non é xusto, Óscar, que te privases da vida tan rápido", comezamos tristemente este ano 2014. No 2013 as Parcas foron especialmente crueles cos filólogos clásicos e nos últimos días levaron ao noso amigo Óscar Sánchez Vidal.
Óscar era profesor de latín no IES As Lagoas de Ourense, o mesmo instituto no que eu xa fora alumna da latín do seu pai, Julio Sánchez, quen tamén nos deixou prematuramente. Era autor do blog In proverbiis, veritas, que figura na nosa lista de blogs dende a súa creación. Gústaballe o seu traballo e facíao en silencio, a penas nos enterabamos dalgún premio de innovación pedagóxica e publicacións en diversas revistas. Atopábamonos moitos anos no Festival de Teatro de Lugo e, como moitos de nós, procurou sempre manter a súa formación ao día implicándose no uso das novas tecnoloxías. Na imaxe vémolo facendo o curso de Chiron en Compostela 2008.
Pero máis que méritos profesionais, Óscar distinguíase por ser un bo amigo, un excelente compañeiro e unha mellor persoa. Era  simpático e divertido, moitos dos meus mellores recordos da facultade son compartindo con el un cacho de mesa na nosa cutre biblioteca de filoxoxía, na praza de Mazarelos, saíndo de viños polo Franco despois dos exames cargados de dicionarios ou, xa descargados, indo de copas polos pubs da zona vella con toda aquela panda de amigos da nosa promoción 1983-1988 e "adlateres". Seguiu conservando o seu bo humor a pesares das dificultades que lle foron xurdindo na vida e soubo desfrutar das cousas pequenas.
Aínda que Menandro di  Ὅν οἱ θεοὶ φιλοῦσιν, ἀποθνήσκει νέος (A quen os deuses aman, morre novo), eu prefiro continuar o epitafio de arriba "vivere debueras, annis fere centum licebat", "deberías estar vivo, deberías vivir cen anos". A perda dunha persoa así é irreparable para todos seus amigo e compañeiros, pero, ao igual que os heroes clásicos, Óscar seguirá sempre vivo na nosa memoria.
Dende aquí queremos enviar unha forte aperta á súa familia, especialmente a Eva, a súa muller e amiga nosa, e aos seus fillos.

Engadimos aquí outros comentarios de amigos que nos chegaron por correo:
Levamos unha semana en silencio, sen palabras. Á nosa memoria acoden aqueles anos que pasaron fugaces en medio de tanta alegría e amizade. Naquela biblioteca soterrada de Mazarelos, Oscar estaba sempre connosco para alegrarnos e darnos chispa. Que comentarios e bromas tan atinadas, que consellos e ánimos, que sonriso e mirada tan alegre e cómplice...que compañeiro...foi unha sorte terte coñecido. Grazas Oscar. A ti Eva unha gran aperta.
 Flor e Suso
Non teño palabras, e menos, as palabras precisas... Só sei que sinto unha enorme pena. Unha desgraza brutal. Unha infinita pena. Agora pasa a habitarme Óscar para sempre nos mellores eidos da miña memoria, por tanto e tan bo que compartín con el... Foi un auténtico e imborrábel luxo telo coñecido, ter aprendido del, ter rido e sonrido, partillar vivencias...
Ata sempre compañeiro!!!
Abi.
Artigo de Serafín Váquez no seu blog Folerpas de luz.
Artigo na páxina da SEEC Galicia


10 comentarios:

Álvaro P. Vilariño dixo...

Fermosa entrada para a despedida dun compañeiro de carreira e un amigo.
Non podo engadir nada máis neste annus horribilis que xa nos levou a dous colegas, en Sagunt e en Ourense.
Sit Tibi Terra Levis

Fendetestas dixo...

Entereime esta fin de semana e aínda non me dei recuperado. Como lle comentaba a un compañeiro noso e bo amigo de Óscar que coma min era tamén un deses "adlateres" da vosa promoción, supoño que estamos chegando a un tempo no que estas cousas teñen que comezar a ocorrer, pero resulta tam complicado e doloroso acostumbrarse...

Fendetestas dixo...
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.
Beni dixo...

Seguro que non atopo as palabras exactas para lembrar ao meu irmán Óscar. Un nunca espera que pasen estas cousas, e iso que a pallida mors xa me levu a un irmán na plenitude da súa vida. Identifícome totalmente con todo o dito por Susana, por eu estaba nese grupo de percorredores de pubs. Con Óscar compartimos una parte fundamental da nosa vida, aprendemos moito xuntos e aprendemos moito del, sobre todo aprendemos da súa maneira boa de ser e da súa fina observación da realidade cando moitos aínda eramos uns pardillos. Tamén compartimos viaxes, e non esqueceremos nunca esa viaxe a Grecia, na que, nocturnos, saímos a buscar á nosa compañeira perdida, a outra compañeira que tampouco está xa con nós, Mari. Alá onde esteades, amigos queridos, estou seguro de que de que vos reencontraredes. Todo o noso cariño, meu e de Nieves, nestes momentos vai para Eva. Un abrazo a todos, compañeiros.

Anónimo dixo...

hai dous días que me enterei desta gran desgraza. Non dou crédito. É unha profunda pena a que sinto. A vida é así, sen dúbida, pero hai situacións que son difíciles de concebir, e esta é unha delas. Queda Óscar para sempre no máis selecto da nosa memoria, e só podo dicir que foi para min un gran luxo telo coñecido, ter compartido con el tanto e tan bo, tanta vivencia que agora se manterá nos recordos...
Ata sempre, compañeiro!
Abi.

Serafín Vázquez dixo...

Cando souben da noticia non daba creto. Non é xusto que unha persoa tan nova e vital, con tantas ganas de facer unha morea de cousas, nos deixe de repente e para sempre.
Había tempo que non tiña contacto con el, pero non por iso o esquecera. Un amigo nunca se esquece. Creo recordar que a última vez que nos vimos fora alá polo 2010, nun curso que organizara eu no CFR de Ourense para profesores de latín.

Todos estes últimos días non deixo de lembrar aqueles anos en Compostela. El foi dende que comezamos na facultade en Mazarelos o meu amigo. Conectamos dende o primeiro momento. Cando digo o meu amigo, non quero molestar a outros que tamén o foron e a moitos máis compañeiros cos que compartimos aulas durante seis anos (incluído o CAP) e que acabaron sendo e considero tamén amigos. Pero el e mais eu fomos compañeiros de aula, compañeiros de mesa na biblioteca, o que lle pasaba os apuntes un ao outro, os que se axudaban a preparar os exames, colega con outros, dende primeiro, nos viños de mediodía na facultade de Historia e do Franco, colega de copas despois dos exames nas noites compostelás. Despois de dous ou tres anos xuntos, creo que xa todos os da clase, moi pequena, eramos amigos. Houbo un acontecemento que realizamos xuntos e que nos uniu fortemente en 4º: un Congreso en Madrid. Aquela semana na capital fixo que os lazos entre nós nos atara para sempre. Aparte daquelas sesións intensas, fixemos moitas máis cousas. Visitamos museos, o Museo do Prado e outros máis, o Retiro, fomos a Aranjuez e Toledo, incluso me acordo de ir ver o partido no Bernabeu entre o R. Madrid e o Bayern de Munich da Copa de Europa (ano 87), tamén coñecemos algo das noites da movida madrileña dos 80. (non puiden evitar remover nos álbums de fotos e mirar as que conservo daquela viaxe. Tamén está outra boa amiga, Mari, que tamén nos deixou).

Lembro nitidamente cando nun verán o meu amigo apareceu sen avisar nas festas do 15 de agosto do ano 85 en Entrimo, ou mellor, na miña aldea, Venceáns, para pasar dous días na miña casa. (tamén teño unhas fotos). Qué sorpresa máis agradable! Creo que foi o único dos compañeiros que visitou a miña aldea e “excursionamos” xuntos por varios lugares do Xurés.

Despois de acabar a carreira, no seguinte ano seguimos todos xuntos, durante o curso do CAP. Eu ese ano compaxínabao con varias materias de 3º e 4º de Filoloxía galega, algo que xa me roldaba pola cabeza dende dous ou tres anos antes. Os compañeiros preparaban a oposición, eu seguía estudiando. A partir de aí, cada un foi indo polo seu camiño e en poucas ocasións se cruzaron. Uns como profes de latín, outros de grego. Eu cambiara as declinacións por cláusulas e oracións; a Virxilio, Horacio, Sófocles, Cicerón, ..., por Rosalía, Otero, Castelao, .... Isto fixo que en moi poucas ocasións coincidira cos meus amigos de clásicas. Ademais, o feito de vivir no retiro apartado de Monterrei, fai que haxa menos puntos para encontrarnos. Así e todo, nos primeiros anos coincidín co meu amigo, Óscar, en diferentes reunións cando el visitaba os centros da comarca e tamén compartimos algún que outro café. Toda ocasión era boa para falar, botar unhas risas e lembrar entrañables momentos en Compostela e amigos de carreira.

Podería estar escribindo páxinas e páxinas; podería seguir contando feitos, anécdotas, bos momentos que pasamos xuntos durante horas e horas. Mais só quero dicir que dende agora me falta unha persoa, das mellores, que coñecín e coa que compartín unha gran etapa da miña vida, sobre todo da miña inesquecible etapa compostelá. Non lembro ningún mal momento, enfado, discusión con el. Só conservo bos recordos da nosa vida común. Sempre contei co seu apoio. Sempre tiven a súa axuda nos momentos que o precisei. Graciñas, onde esteas e se podes vernos e escoitarnos, por ser MEU AMIGO.
Unha forte aperta e moito ánimo, Eva.
Serafín

Beni dixo...

Serafín, non podo deixar de emocionarme lembrando todos eses momentos dos que falas,desa amistade que nos uníu nos mellores anos das nosas vidas, desa viaxe a Madrid inesquecible... e lembrando que, efectivamente, Óscar nunca tivo unha mala palabra ou acción para ningún de nós, nin siquera cando xogabamos ao fútbol. Sempre pensei que el foi o "pegamento" do noso grupo. E tamén se plantou na miña casa cando naceu o meu primeiro fillo... Que razón tes, ¡vaia amigo era! Por iso facía eu fincapé no feito de que aprendemos da súa maneira boa de ser. Ese oco non se vai encher nunca, pois o espazo que ocupou nas nosas vidas foi inmenso.

Anónimo dixo...

Hace dos semanas caían en mis manos fotos de aquel congreso de Estudios Clásicos en Madrid. ¡Cuántos recuerdos de alegres momentos compartidos en Santiago me vinieron a la mente! Casualmente, días después, el fiel Beni me comunicaba la tristísima noticia de tu partida.
Querido Oscar: amigo, compañero -como tan acertadamente escribe Susana- de estudios, de biblioteca, de apuntes tan claramente redactados, de vinos y risas… y del -¿cómo olvidarlo?- premio de fin de carrera: ¡el intenso periplo por tierras griegas descubriendo monumentos y parajes anhelados y creciendo en relaciones humanas…!
Entonces visitamos y fuimos felices en Delfos. El oráculo permaneció en silencio. Quizás mejor así…
Tu tranquilidad, saber estar y simpatía ponían siempre la nota de equilibrio en todas las reuniones. Un lujo tenerte con nosotros. Y además siempre mencionando a Eva y recordándonosla discretamente como parte esencial en tu vida.

La experiencia me ha enseñado que, de un momento a otro, la vida puede cambiar y decide por sí misma, sin tener en cuenta nada.
No puedo añadir nada más a las admirables palabras de mis compañeiros, a cuya aflicción me uno.
Estoy triste, Óscar, muy triste. Pero especialmente agradecida por todo lo que compartiste con nosotros y por el legado personal que nos dejas. Seguro que Mary se estará riendo contigo ahora en algún rincón del Párnaso …
Eva, para ti y los vuestros vaya mi más fortísimo abrazo lleno de cariño y comprensión,
Imma desde Barcelona

Susana Losada dixo...

Grazas polas vosas palabras e comentarios. Creo que entre todos podemos levar mellor a nosa pena. XA hai case un mes que nos deixou e eu sigo sin poder asimilalo. Xa non sei se é dor ou rabia polo inxusta que pode ser a vida

Anónimo dixo...

Grazas a todos e todas polas vosas verbas. Todavía espero que nalgún momento entre pola porta da nosa casa, encontralo pola rúa... non podo nin quero pensar que non está aquí porque o necesito ó meu lado. Sempre estivemos xuntos en todas as putadas qué á vida nos tiña preparadas, pasámolo mal, pero superámolo todo e fumos e somos moi felices. Grazas. Eva.