22/05/15

DE NOVO DESPEDINDO A SEGUNDO DE BAC

Como soe ser habitual por estas datas, toca despedir ao alumnado de 2º de BAC que, parafraseando a Kavafis, continúa a súa viaxe a Ítaca na busca de novos portos nos que recalar. En ocasións coma esta escollo a primeira persoa de singular, algo pouco frecuente neste blog, para non enmascarar os propios sentimentos, e dun tempo a esta parte, talvez debilidades da idade, axúdome de poemas ou textos de outros e outras que escribiron moito mellor ca min. O texto seleccionado este ano é un fragmento de Kazanzakis que nos fala da forza e a inconsciencia da xuventude, que non se decata do tesouro que posúe até que o perde na vellez. Se cadra isto é algo moi manido, case convertido nun tópico, pero compre facer unha relectura nestes tempos que corren. Hai pouco lía en El País, un artigo de Elvira Lindo do que destaco un par de párrafos:
"Estamos silenciando a los que vienen detrás, a los que tienen la edad de ser nuestros hijos, a fuerza de pagarles sueldos miserables, de mantenerlos como eternos becarios, de impedir que se independicen, de negarles el derecho a ser madres o padres cuando toca serlo y no cuando las hormonas comienzan a fallar. No es sólo que la población española esté envejeciendo, es que la vida pública destila un sabor a rancio. Incluso aquello que nos venden como novedad es algo que tenemos muy visto. Los partidos no han entendido que no habrá regeneración real si los que llevan años en primera línea no pasan a la retaguardia"
"Hay toda una generación que corre el peligro de entrar en la madurez sin que le hayamos permitido alcanzar los logros de una vida plenamente adulta. No mandan, no publican, no lideran, no tienen hijos, no tienen casa o han de compartirla, viven subvencionados por sus padres, y lo terrible es que nosotros los educamos para que aspiraran a todo".
Xa que, afortunadamente, os profes que impartimos optativas nunca somos seleccionados para dar discursos nas glamourosas (e xa inevitables) festas de graduación, aproveito este humilde blog para lanzar a miña mensaxe ás mozas e mozos que rematan segundo de BAC. Como profesora, o meu maior desexo sería que a vosa etapa no instituto vos servise para adquirir ferramentas coas que poder enfrontarvos ao mundo e poder seguir completando a vosa formación. Gustaríame ter contribuído a formar persoas responsables e comprometidas, activas na defensa dos seus dereitos e da súa identidade. Persoas que loiten por un ensino público de calidade, cidadáns do mundo que non renuncien a súa cultura, militantes da xustiza e da igualdade que impidan que ninguén lles roube o seu  futuro. Gustaríame que cando vos vexa pola rúa dentro duns anos non teña que forzar a miña conversa, como fago agora, para non preguntar se estades no paro. Saíde a rúa, loitade, facede vosa esa fera da que fala Kazanzakis.

E deixando a arenga, quero despedirme dunha espléndida xeración de rapazas e rapaces, comezando polas alumnas de 2º de BAC de grego. Empezamos sendo cinco, pero xa no primeiro trimestre Irene non puido soportar a presión dun curso que remataba nunha selectividade e no que se xogaba o futuro. O noso alento non foi suficiente e Irene preferiu seguir a outro ritmo, moito ánimo, princesa!. En que se convertirá o ensino cando teñamos unha reválida a cada pouco?
As clases seguiron con Patricia, Cristina, Melani e María que só faltaron a clase por causas de forza maior e, con moito ánimo e algo de desesperación ás veces, foron quen de traducir textos de Xenofonte, controlar o temario e obter bos resultados. Pero máis que ser boas alumnas, foron excelentes persoas, nunca houbo malas caras nin mal humor, a pesares do pouco que se durmira pola noite ou da angustia por algún exame. Era entrar na nosa aula pequeniña e topar o seu sorriso en primeira liña, aínda que despois compartíramos algunha pena e liberasemos adrenalina, sempre respectando o tempo do traballo. Grazas a Cristina, polo seu sentido crítico e análise da realidade, xa lle gostaría a moitos adultos (que saen pola tele e todo), a Patricia, pola súa sensatez e discreción, a Melani polo seu agarimo e a María, polo seu sentido do humor e por facernos rir tantas veces. Grazas por tantas horas agradables, grazas por ensinarme tanto coa vosa honestidade e espontaneidade. Se  algunha de vos chega a ser profe algún día só lle desexo alumnas coma vos.
Quero recordar ao alumnado de humanidades que fixo Grego I o ano pasado. É inesquecible esa foto na que estamos a bailar un sirtaki no entroido, que ben o pasamos!, como foi tan fácil convencervos desa tolemia? Álex, que tamén nos deixou a principio de curso, Jose, Diego, Cynthia, Alba, Marta, Uxía, Aroa, Nuria, Miriam, Manuel e Lorena grazas por ese ano tan estupendo, boteivos moito de menos este curso!
E por último, a todas as alumnas e alumnos de ciencias e ciencias sociais, especialemente aos meus exalumnos de cultura clásica, á xente de club de lectura e a todos aqueles cos que tantas veces falei na biblioteca e corredores ou compartimos viaxes: Belén, María, Alba, Cristina, Uxía, Alberto, Brais, Adrián, Diego, Marta, Rocío, Carlos, Manuel, Naiara, Pablo, Laura... e tantos e tantas que me esquecen... Que a sorte vos acompañe e, seguindo con Kavafis, que cheguedes a portos que vedes por primeira vez, adquiride fermosas mercadorías, facede que a vosa viaxe sexa longa, chea de aventuras, chea de coñecemento.

26/04/15

DÍA DO LIBRO NA DOMUS BAEBIA

Así celebramos o día do libro o alumnado de clásicas de viaxe en Tarragona e Valencia, asistindo a un taller de escritura impartido na Domus Baebia Saguntina, nesta semana de Ludi á que asistimos. Escollemos este taller por ser a escritura unha faceta imoi importante do Homo Habilis,o noso tema de traballo deste ano na biblioteca do IES de Melide. Todo un luxo, volver a estar nas estancias desta domus escribindo cun calamus nun papiro, rodeados de obxectos que nos trasladan ao mundo antigo.

23/04/15

DÍA DO LIBRO

Para conmemorar o día do libro, esta ano decidimos traballar co alumnado de 2º e 3º de ESO a escritura, como unha unha manifestación evidente do Homo Habilis, o nos tema de traballo de bibloteca para este curso. O alumnado de reforzo traballou os distintos sistema de escritura e tipos soportes, o de matemáticas os distintos sistemas numéricos e o de música a evolución da anotación musical. Deixamos aquí o traballiño sobre o alfabeto grego que fixo o alumnado de reforzo de 2º A de ESO. Nos outros curos de 1º e 2º de ESO estamos a aprender o alfabeto grego para ser capaces de escribir o noso nome en cartolinas de cores.

17/04/15

Preparando a nosa viaxe a Tarraco e Saguntum

Como este ano non conseguimos xente suficiente para unha nova expedición a Grecia, decidimos repetir a experiencia de hai cinco anos, participar nos Ludi Saguntini, visitando, ademais de Sagunt, Valencia e Tarragona.En Sagunt teremos a sorte de poder realizar dous talleres na Domus Baebia Saguntina: escritura e hixiene e coidado persoal e, se fose posible, participarímos nun terceiro para practicar un pouco de latín vivo. O noso periplo culminará coa asistencia á representación do Miles Gloriosus de Plauto no teatro romano de Sagunt, vestidos de romanas e romanos. A estas alturas estamos todas nerviosas/os, acabando de facer a nosa equipaxe e dando os últimos toques ao noso traxe de romanos. Deixamos aquí a nosa guía de viaxe, unha versión correxida e aumentada da anterior de 2010.

13/03/15

VENDO TEATRO CLÁSICO EN LUGO

Un ano máis, o alumnado de clásicas do IES de Melide asistiu a súa cita co Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola sección galega da SEEC. Podemos dicir que no IES de Melide esta é xa unha tradición arraigada, pois dende que se empezou aa celebrar, no ano 2001, non faltamos a ningunha edición.
As obras que escollemos este ano foronr Edipo Rei, de Sófocles,  e A Cestiña, comedia de Plauto. A nosa escolla estivo motivada, como tantas veces, polo temario de selectividade, que inclúe estas lecturas obrigatorias nas materias de latín e grego. Hai varios anos, xa viramos estas mesmas obras representadas pola mesma compañía, SV Producciones, de Madrid e aínda que en xeral gustaron bastante, algunhas botamos de menos a forza drmática e o πάθος daquela Iocasta de hai uns cinco anos e segue sen convencernos moito ese escravo Lampadión que dá unha imaxe de amanerado algo parvo, cando o servus plautino é listo como un allo e é o que resolve con éxito os enredos.
Seguimos botando de menos unha mellor organización por parte do concello de Lugo, que non é quen de ampliar a súa oferta cultural e museística nunhas datas concretas nas que a cidade rebosa de estudantes de clásicas, con cousas tan sinxelas como abrir ao público cun amplo horario os seus momumentos romanos, saltándose durante tres dáis os seus propios horarios, xa de por si limitado, para poder pormocionarse e atraer aos amantes das clásicas.
O mellor da xornada, como sempre, a boa compaña do alumnaado do IES de Melide, que unha vez máis demostrou o seu saber estar nunha actividade cultural.

01/02/15

CONCURSO ODISEA

Este era o panorama en isntitutos de toda España a mañá do xoves 26 de xaneiro.
No IES de Melide conseguimos que tres equipos se clasificasen: Αἱ καλαὶ καὶ ἀγαθαί (Cristina, Lucía Varela e Lucía Sesar, de B1B), As discípulas de Atenea (Antía, Andrea e Raquel, de B1B) e Pegasusunlimited (Luís, S3B). Pero outros dous equipos estiveron moi moi cerca, como Tres Gratiae (Paula, Ángela e Virginia de S3B), Tributo a Bob (Iria e Mariña, S3B) ou Ceres y Plutón (Andrea e Elena) quedaron nas portas por erros moi pequeniños. CAse todos os equipos traballaron duro e o máis importante é o ben o que o pasamos e o moito que aprendimos.
Agora só nos queda consensuar que equipo representará ao IES de Melide no desempate o próximo mércores 4 e enfrontarnos ao próximo reto.

26/01/15

COMEZAMOS A NOSA TRAVESÍA, ODISEA 2015

Hoxe comezamos a nosa Odisea, e para conxurar todos os perigos, transmitimos unha menxase de benvida da organización:
Hoxe comeza a vosa singradura. Sen que teñades que descender ao Hades para consultar a Tiresias podémosvos adiantar algúns consellos.Durante tres días o apacible Euro guiaravos por augas en calma. Gozade, sen abafos de tempo, coas preguntas que se vos propoñan e asegurade as respostas, pero, coidado! FESTINATE LENTE, σπεύδετε βράδεως!O xoves verédesvos azoutados por Bóreas implacable e teredes que afrontar terribles momentos de desfalecemento ante as esquivas pistas do "preguntón" que, semellantes a Escila e Caribdis, axitarán o vinoso ponto para que se decanten os mellores. Sede prudentes como o paciente Odiseo, CAVETE, προσέχετε σαυτοῖς!Os organizadores e organizadoras deste concurso desexámosvos moito éxito:ἀγαθῇ τύχῃ, FORTUNAM SECUNDAM VOBIS!

Tamén estaremos presentes no Twitter co hashtag #odisea2015. Ánimo, que as preguntas de hoxe son moi faciliñas, e boa sorte!!

12/01/15

CONCURSO ODISEA 2015, VIVA O AMOR!

Como é tradición no IES de Melide, comezamos o ano con moitas ganas de participar no Concurso Odisea, que anda xa pola súa décima edición en Galicia. Este concurso, organizado pola Sección Galega da  SEEC (Sociedade Española de Estudios Clásicos) é xa toda unha insitución e tradición no IES de Melide, que até o de agora, participou en todas as convocatorias, con maior ou menor sorte.
Nos últimos anos o concurso centrouse e diferentes temas como as viaxes ou a muller no mundo antigo e neste ano 2015 o tema elexido é O amor en Grecia e Roma, como non podía ser menos. Ai, o amor, esa forza que move o mundo, aínda que moitas veces o Eros teña que competir do Thánatos...
E mentres imos pensado no nome do noso equipo, imos facendo un repasiño dalgúns aspectos dese Eros tan poderoso, cunha vella presentación:

24/10/14

HOMO HABILIS

Por fin comezamos a nosa andaina no blog este curso, máis retrasados que outras veces, talvez por perguiza, talvez por desánimo... O caso é que dende que comezou o curso fomos collendo forzas e xa estamos outra vez con ganas de facer cousas, aínda que o alumnado de grego descendese sensiblemente con respecto ao curso anterior.
Este curso o tema da biblioteca é Homo Habilis, que co seu toque clásico pretende centrar o noso traballo arredor da importancia da habilidade manual na nosa cultura. Reflexionaremos non só sobre o que o dominio das ferramentas supuxo para a mellora das condicións de vida do home, senón sobre como esa capacidade manual permitiu desenvolver a creatividade e fantasía mediante as artes plásticas, a música, e como non, a literatura a través da escritura. Non sen motivo dicía o filósofo grego Anaxágoras que o home é o máis intelixente dos animais por ter mans.
Aproveitando logo o noso necesario período de práctica de escritura en grego de 1º de BAC, elaboramos unha pancarta en grego coa súa tradución ao galego desta frase de Anaxágoras e colocámola nas inmediacións da biblioteca, como pauta primeira do noso traballo. Velaí o noso traballo

20/06/14

PENÉLOPE E AS DOCE CRIADAS, DE MARGARET ATWOOD

Esta obra ten lugar en Ítaca, onde Penélope espera a chegada de Ulises. A historia transcorre antes, durante e despois da guerra de Troia. Penélope, a protagonista, conta a súa versión do acontecido durante este período, o que sabemos da súa vida e da e Ulises, engadindo novidades. Recorda a súa espera con tristeza, desengano, arrepentimento, usando un ton compasivo. De cando en vez interveñen as súas doce criadas, quen fan mais desgarrador o argumento a historia.
Esta historia cóntanos o mito da Odisea dun xeito diferente ao que estamos acostumados a escoitar. Penélope conta todo o que sabe unha vez xa morta, non pensa gardar ningún segredo. Comeza contando a súa infancia, a sombra do seu pai, e de seguido pasa a contar como chegou Ulises a ser o seu marido, ao parecer el gañaría a carreira coa axuda da súa prima Helena, a que a nosa protagonista odia. Así, unha vez que os dous están vivindo en Ítaca, Ulises terá que marchar a guerra de Troia, onde o seu bando quedará vencedor grazas a súa idea de meter o cabalo en Troia, enganando os troianos.
Na súa espera á chegada de Ulises de novo a Ítcaca, a xente comezará a dalo por morto, desta maneira comezarán a chegar novos pretendentes de Penélope, interesados nas riquezas das que esta dispón. Para alargar a elección do seu novo marido enganará os pretendentes coa axuda das súas doce criadas, das que algunhas se acaban namorando dalgún dos admiradores. Ao cabo dun tempo, Ulises chega facéndose pasar por un señor maior e así entérase de todo o que acontecera mentres el estivera fora, aínda así, a súa muller deuse conta de que era el. Acabará collendo a xustiza pola súa man matando a todos os pretendentes de Penélope, ademais mandará ao seu fillo matar as doce criadas debido ao insultos e demais cousas que lle contaría a muller que o coidara de neno. O que esta non sabía é que fora Penélope quen lle pedira que actuaran así para enganar os seus pretendentes e enterarse do que este falaban e planeaban.
Así, as doce criadas acabarán aforcadas. É durante toda a obra cando vemos o sufrimento das criadas, intervindo na historia a modo de coro. Nestas intervencións desafogaranse, contarannos dun xeito cruel todo o que viviron de pequenas ata ser criadas, sempre tratadas como se non fosen nada, dando igual que foran vendidas ou que lles pasase algo, non eran persoas das que a xente se preocupara. Así, tamén transmite o odio que lle teñen a Ulises por mandalas matar despois de sufriren violacións, insultos e demais situacións non agradables.
A propia autora dinos ao final da obra que está basada no mito da Odisea de Homero. Así é, aínda que neste caso é Penélope quen nos conta a súa versión do que todos falan pero ninguén realmente coñece. A autora tomase a liberdade de falar pola boca de Penélope contando a súa propia historia.
Aínda que lin poucos libros de mitoloxía, podo afirmar que este paréceme un excelente libro para coñecer o mito da Odisea dun xeito innovador, non segundo a tradición, onde podemos ver outra versión con outros puntos de vista, o de Penélope e as criadas, e outros sentimentos diferentes dos que normalmente estamos acostumados a escoitar na Odisea. Paréceme incrible como a autora toma a voz de Penélope con toda a liberdade e fai que nos metamos na historia, vivindo o sufrimento dela e das súas criadas intensamente.
Miriam Mellid Fernánde, 1º Bach. A
 

19/06/14

A ODISEA DA EDITORIAL MARVEL

Esta adaptación do poema épico de Homero de Roy Thomas e Greg Tocchini relata o acontecido uns anos despois da guerra de Troia entre troianos e gregos.
O cómic comeza describíndonos a situación na que se atopan os parentes máis próximos a Odiseo, como a súa muller, Penélope e o seu fillo Telémaco, despois de varios anos sen ter noticias del. Despois de tanto tempo todos o dan por morto, porén, lonxe da realidade que os rodaba, Odiseo segue vivo, aínda que por mor de todos os obstáculos que lle impuxera Poseidón, o deus do mar, non conseguira chegar á súa casa. Coa axuda de Atenea, deusa da sabiduría, logrará sobrevivir a todos eles.
Logo de pasar diferentes perigos no mar, Odiseo atopábase nunha illa ao carón da ninfa Calipso. Con ela estivo durante sete anos sen poder escapar do seu lado, facéndolle esquecer ao seu país natal. Mais iso rematou no día no que Atenea lle pediu a Zeus que o liberase dela.
Por outra parte, Telémaco decidirá ir na busca de seu pai, xa que non podía seguir sen novas del. Asemade, o seu fogar estábase a converter nunha casa de tolos, xa que estaba chea de pretendentes da súa nai. Penélope, para non ter que casar con ningún deles fixera a promesa de que cando rematase de tecer unha enorme tea, escollería marido. Porén a muller de Odiseo tecía polo día e pola noite desfacíao. Durante tres anos puido enganalos, pero a súa mentira non permaneceu máis e un pretendente descubriuna.
Mentres lle acontecía isto a Penélope e Telémaco, Odiseo tivo que vivir aínda máis aventuras na viaxe de volta ao seu fogar, pero coa axuda de personaxes como o rei Alcinoo e raíña Arete foi máis doado sobrevivilas. Na corte destes reis Odiseo refire algunhas desas peripecias como a do do cíclope, na que perderon a vida moitos dos seus compañeiros, a da illa Eea ou a casa de Hades e Proserpin, onde puido informarse de que súa nai morrera a causa do sufrimento que lle causara a súa ausencia.
Despois de todo isto, Odiseo conseguiu chegar a Ítaca. Disfrazado de vello, comunicoulle ás agachadas o seu regreso a Telémaco e, cando este lle contou todo o que estaba a acontecer na súa casa, planificaron e levaron a cabo un plan para desfacerse de todos os pretendentes de Penélope e deste xeito volveron ser felices como o eran antes.
Por último, dicir que o autor desta adaptación, Roy Thomas, un guionista e editor de cómics
estadounidenses, fixo unha gran labor nesta obra xa que reflicte todo o acontecido na Odisea de Homero sen alterar o contido e facendo que a lectura sexa un pracer e non unha tortura, xa que emprega vocabulario moi axeitado as nosas capacidades. Asemade a colaboración de Greg Tocchini, fai que a lectura sexa moito máis amena, levando ao lector polos mundos da antiga Grecia. Aínda que un aspecto negativo, dende o meu punto de vista, é que os debuxos son demasiado exuberantes, tanto nas mulleres coma nos homes, creando unha figura un tanto irreal. Aínda así, recomendaría este libro, xa que aparte de aprender sobre mitoloxía, tamén podes divertirte e nunca está demais probar cun cómic e deixar de lado por un momento a tradicional novela ou conto narrativo.
Patricia Amboage Santo, 1º Bach A

LA GLORIA DE HERA, de ROSSI & LE TENDRE

La Gloria de Hera es un cómic de Rossi e Le Tendre, publicado en Planeta BD, que nos cuenta la historia de un hombre llamado Alceo, hijo de Zeus y Alcmena, que es el hombre más fuerte del mundo.
Alceo vive en la ciudad de Tebas con sus tres hijos, su mujer Megara y su hermano gemelo Íficles con sus hijos y su mujer. Alceo está dispuesto a recuperar el trono de Micenas, ya que Zeus había prometido ese trono al que primero naciera, pero los celos de Hera hicieron que el primo de Alceo, Euristeo, naciera antes para que así el trono fuera para él.
Alceo, no satisfecho con su vida apaciguada y llena de felicidad con su familia, se ve dispuesto a coger camino hacia Micenas para reclamar su fortuna en esa ciudad. Alceo se va de Tebas sin decir nada a su familia, pero su hermano Íficles, a quién Alceo guarda una relación entre amor y rencor al verlo como un rival en su trono, y este va acompañado de su hijo Iolaos que tiene mucha ansia de salvar a su tío.
Alceo se encontrará con muchas dificultades en su camino hacia Micenas, ya que el odio de Hera le pondrá obstáculos, en el camino se encuentra con Agrios, un centauro bastante bruto, que le ayudará. Se encuentra con problemas como las serpientes marinas de las profundidades gobernadas por Poseidón, las seductoras sacerdotisas del Templo de Afrodita, los montes de Argólida que tiene que atravesar o los sátiros que estaban al servicio del Dios Pan.
Al llegar a Micenas Alceo se encontró con su primo Euristeo, que tenía tropas preparadas para matarlo, pero la fuerza de Alceo pudo con ellos. Allí, Alceo se ve obligado a matar a su primo. Debido a un ataque de locura que le provocó Hera, Alceo mató a su mujer y a sus tres hijos. Su sobrino Iolao y su hermano Ificles le sacaron de allí, y cuando Alceo recobró el sentido se sintió muy mal y decidió irse a vivir a otro lugar, llevando con él a Iolaos.
La Gloria de Hera es un cómic muy entretenido que engancha, con un lenguaje sencillo y asequible. Pero esta historia tiene un trágico final que no se espera. 
Os recomiendo que leáis este cómic ya que contiene mucha información sobre el personaje de Tiresias y también, como bien dije antes, es un cómic muy ameno que hará que entiendas mejor la historia de Heracles.
Aroa García Simón 1 BACH. A

15/06/14

GREEK STREET, UN COMIC CON REFERENCIAS MITOLÓXICAS

Este cómic ambiéntase en Londres, nun barrio chamado Greek Street. Como ben sinala Mike Carey na introdución, o Geek Street de Peter Milligan é intemporal, xa que pertence tanto o pasado como o presente combinando así unha traxedia grega cun cómic actual.
O noso protagonista é Eddie, que se correspondería co Edipo da mitoloxía grega e ao cal a vida non lle deixa ser feliz. O coro da nosa traxedia actual é a striper. Como non podería ser de outra maneira tamén temos á nosa Casandra, Sandy, que foi violada polo seu pai. Aínda que todos pensan que a causa diso quedou trastornada, ela ve o futuro e vive un romance con Eddie. Temos tamén a Agamenón, un depravado aristócrata, Lord Menon, que recolle o que sementou, e As Furias son os xefes de bandas da familia dos Furey.
No medio do cómic hai un relato aparte, “Áyax ”, polo que xa temos dous personaxes gregos máis, ademais do propio Áiax. Alex, que sería Aquiles, xa que está ferido nun pé e perde ao seu amigo Pat (Patroclo) na guerra e a súa morte non tarda moito en aparecer, logo de matar ao que cre que matou a Pat, Héctor, ministro, no cómic.
Todo comeza cando Lord Menon deixa embarazada a Mischa (Unha prostituta do Greek Street) e desfaise dela mandándoa asasinar, pero As Furias resucítana e ela vai matando a todos aqueles que lle importan a Lord Menon , pero non a el, posto que está namorada. Algo que xa predicía Sandy.
Por outra banda, Eddie comete dous erros con súa nai, o primeiro manter relacións sexuais con ela, e o segundo é matala sen querer. Por se isto non abondase, comete outro erro máis ao desafiar á familia Furey, unha mafia na que acabará metido. Non pode máis e comeza a autolesionarse, xa dentro da mafia, cando coñece a nai de Sandy, que o leva a súa casa, onde Eddie atopará a Sandy.
Eddie e Sandy namóranse e escapan xuntos, refúxianse nunha casa na que consomen marihuana (flor de loto) e perden o coñecemento. Cando regresan a Greek Street, Dédalo, un axente da policía, investiga o porqué de tantos asasinatos e eles axúdano, apesares de que a consecuencia diso Eddie acaba no cárcere e posteriormente no hospital. De aqué escapa grazas As Furias, que o “purifican” e víngase do pai de Sandy, a cal acaba no orfanato xa que súa nai se suicidou e seu pai foi asasinado por Eddie.
Para que o “monstro” (Mischa) deixe de sacrificar xente os Deuses sacrifican a unha Furia e lévanse a Mischa e a Eddie a outro mundo. O cómic remata co coro “Aínda son nova para empezar noutra cousa, agrádame unha vida nova, agárdame outra historia”.
Persoalmente gustoume bastante o cómic, os debuxos están moi ben feitos e detallados, o autor sabe ben como trasladar os personaxes mitolóxicos a persoaxes actuais. Este cómic ademais de proporcionarme unha lección sobre o dura que pode ser a vida, ensinoume moitos mitos gregos e axudoume a darme conta que o pasado perdura no presente, volvendo a iniciar outra vez a historia.  
Carlota Casal Ramos, 3º B de ESO

26/05/14

Χαίρετε!... de novo o adeus

Este luns de maio despois da resaca da glamourosa "gala" de graduación, xa sen focos, peiteados de perruquería e traxes para a ocasión... estamos aquí de novo, co noso mono de traballo e coas preocupacións de todos os días (aínda non están postas as notas!!)
Chega o momento polo que unha servidora pasa todos os anos, despedir a unhas alumnas e alumnos cos que compartín centos de horas durante dous, tres o incluso catro anos. Moitas máis horas das que paso con algúns amigos queridos e mesmo con  membros da miña familia, máis queridos aínda. Primeiras horas da mañá medio dormidos, horas angustiosas previas a un exame, sextas horas desexando marchar, explicacións interminables, traducións que non dan arrincado... moitas risas ás veces, algún sermón (que cae en baleiro) de cando en vez... Pero sempre co diálogo, co sorriso, co respecto, co entendemento.
No paso polo instituto cambiaron moitas das nosas vidas.Algúns perderon aos seus seres queridos e tiveron a valentía de sobrepoñerse, de tirar para diante e seguir estudando. Déronnos unha lección de dignidade ao non utilizar a súa desgrazada para obter certas vantaxes. Vai por vos, Noelia e Denís, sodes grandes porque fostes quen de medrar e ser mellores persoas ante as adversidades. Outros, como María, son capaces de estar en primeira liña a pesares de ter unha saúde delicada. Celtia, sempre querendo deixar todo ben atado e pobre dela que quede algo sen entender, sempre de bo humor a pesares dos vaciles múltiples. Aitana e Alba, grazas polo voso sonsriso de primeira fila, pola vosa mirada tranquila, doce. Eva sempre tratando de superarse e sendo boa compañeira sen pensar nos riscos que iso trae ás veces. Yanira, Lorena e Sara co sorriso de última fila e sen enfadarse nunca cando lles boto algunha bronca.
Se cadra non me enterei, pero nestes dous anos nunca percebín un mal rollo entre vós. Creo que soubestes arranxar as vosas diferencias falando. Grazas por ser boa xente. O meu maior desexo sería tervos ensinado algo como compensación ao moito que aprendín con vós.
Viaxamos xuntos a Grecia, a Andalucía, a Valladolid e Segovia... Agora eu fico neste porto ao que podedes voltar sempre, pero a vos agárdavos a viaxe máis importante, a viaxe a Itaca da que fala o gran Kavafis. Desexo que recaledes en fermosos portos, que adquirades "fermosas mercancías, nácaras e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo".

23/05/14

VIAXE A GRECIA 2014, POR FIN O VÍDEO

Velaí a estrea máis agardada da tempada, o vídeo da viaxe a Grecia que o IES de Melide e o IES de Ames realizaron o pasado mes de abril. Vennos de marabilla para refrescar a nosa memoria e poder soportar mellor a recta final. Que disfrutedes.

16/05/14

GALIZA COMA PENÉLOPE, UN PASO ADIANTE E OUTRO ATRÁS


Este ano o dedicatario das letras galegas é Xosé María Díaz Castro, quen escribía o coñecido poema no que comparaba a Galicia coa tea que Penélope tecía polo día e destecía pola noite co fin enganar aos pretendentes que a presionaban para que, dada a prolongada ausencia do seu esposo Ulises, elexise a un deles. Para gañar tempo a fiel Penélope, como muller previsora que era, pedíralles aos cento e pico pretendentes que a acosaban que lle deixasen confecionar un sudario para cando morrese o seu sogro Laertes. Polo día tecía a mortalla do seu sogro e pola noite desfacía o seu traballo e así conseguiu manter o engano varios anos, até que foi descuberta por unha das súas escravas que informou aos pretendentes.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron, Deus é o mesmo.
Suco vai, suco ven ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar o seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

E aínda que este fermoso poema foi escrito hai cincuenta ou sesenta anos, lémolo, por desgraza, coa frescura dun texto recén composto, porque a todos os niveis damos un paso adiante e outro atrás: a normalización lingüística deu dous pasos atrás co decreto de plurilingüísmo, perdemos os dereitos cidadáns que adquirimos, desmantelan os servizos públicos como sanidade e educación que deron calidade ás nosas vidas nos últimos cincuenta anos, limitan o noso acceso a xustiza... A que situación vai volver o país se este goberno consegue levar a cabo todos os seus pérfidos plans? Se Díaz Castro levantase cabeza atoparía eses mesmos bois arando eternamanete baixo a chuva, suco a suco, a todos nós envoltos en sabas de mil anos.

26/03/14

VIAXE A GRECIA, MARCHAMOS XA

Por fin chega o acontecemento máis esperado do curso, a nosa viaxe a Grecia. Sairemos o xoves 3 de abril de Santiago, con destino Atenas, onde faremos o noso percorrido clásico. Como sempre, viaxeremos a unha illa e este ano toca o mundo minoico de Creta. De volta no continente peregrinaremos a Delfos, a ver que oráculos nos depara o deus Apolo. Xa para rematar, faremos unha última parada en Istambul, a antiga Bizancio e Constantinopla, onde andaremos a todo correr para tratar de ver algunas das marabillas desta cidade en tan só 24 horas. O 11 de abril estaremos de volta, e teremos as vacacións de semana santa para repoñer forzas e asimilar todo o que vimos, escoitamos, ulimos, probamos e tocamos, porque se viaxa cos cinco sentidos. Na parte superior temos a nosa guía de viaxe con información de todos os recintos arqueolóxicos e na inferior a nosa axenda de peto, con notas prácticas sobre itinerario, gastronomía, idioma e diario de viaxe. Talvez este sexa o último ano que as imprimamos en papel, as tabletas mandan!!

25/03/14

VISITA A SANTA OLALLA DE BÓVEDA E LUGO

Como cada ano, o alumnado de grego e cultura clásica asistirá este mércores 26 de marzo ao festival de teatro grecolatino que organiza a SEEC de Galicia. Este ano volveremos a ver Troianas de Eurípides, un magnífico alegato contra a guerra onde o autor empatiza coas vítimas da guerra de Troia, e Asembleístas de Aristófanes, onde as mulleres de Atenas, colándose disfrazadas de homes na Asemblea, plantexarán unha solución para sacar á cidade da crise na que se atopa. Dous temas de absoluta actualidade plasmados en dúas obras escritas hai 2500 anos.
Pero antes de chegar a Lugo, faremos unha paradiña polo camiño para ver a igrexa de Santa Olalla de Bóveda, edificada sobre un enigmático santuario de época romana, talvez dedicado á deusa Cibeles. O interior deste templo contén un dos mellores conxuntos de pintura da Hispania romana. No vídeo da parte superior pódese ver un fragmento extraído da magnífica serie Roma da cadea HBO, no que se explica en que consitía o taurobolium, ou bautismo de sangue que formaba parte dos ritos a Cibeles, deusa nai semellante á Rea grega. No documento de abiaxo tes unha explicación  mási detallada deste rito e dos posibles usos deste edificio.
Despois completaremos a nosa visita cun breve paseo polo centro do Lugo antigo, vendo a muralla, catedral... e marcharemos ao auditorio Gustavo Freire para ver teatro clásico.

17/03/14

APRENDENDO A SER PROFE DE CLÁSICAS

Hoxe toca de novo impartir unha charla dentro das xornadas que organiza a SEEC co título "A influencia de Grecia e Roma na cultura occidental".
Ao igual que hai un par de anos cos alumnos do máster de Filosofía, volvo a sentir un pouco de vergoña, porque o meu traballo é moi cativo ao lado dos "imprescindibles" que cito. Espero que o feito de compartir experiencias, dúbidas, medos e proxectos con alumnado de máster, postgrao e outros compañeiros, venza estes reparos meus e nos permita pasar un rato agradable.


UNHA ARTEMISA MANGA


Esta é a magnífica versión manga de Artemisa que nos fixo Li Wei, de 3º PDC de ESO. Podemos distinguila ben por algúns dos seus emblemas: o arco, a vestidura curta e o seu carácter agreste neses corniños que lle sobresaen na cabeza, case estilo fauno. Parabéns e só nos queda animar a Li Wei a que se lance a facernos algunha viñeta de cómic. A ver se se inspira coa versión manga da Ilíada e Odisea que está a ler.