13/12/12

12 do 12 do 12 ás 12.12 h.

Por fin chegou o día D e alí estábamos, na biblioteca do IES de melide, as alumnas e alumnos de 1º de BAC, preparados para a lectura de texos clásicos, atendendo á convocatoria do Facebook "Yo conozco mi herencia. ¿Y tu?" Apuntámonos tarde e ás presas, xa que este mesmo día á mesma hora, o noso instituto participaba noutra iniciativa igual de interesante: Recitando a Celso Emilio, que commemoraba o centenario do nacemento do poeta e reivindicaba o dereito a usar a nosa lingua. Xa que ás 12.00 estabamos logo ocupados, comezamos o noso acto, Eu coñezo a miña herdanza. E ti?, ás 12.12 h. (máis ou menos). Non tivemos moito tempo para ensaiar, pero aínda así conseguimos participar no evento con moita ilusión e público. Limos unha selección pequena de textos: O comezo da Odisea de Homero, o famoso poema de Safo Paréceme semellante a un deus, as palabras de Eurípides sobre a nefasta situación da muller na antiga Grecia postas en boca do seu xenial personaxe Medea, os distintos tipos de amos que nos mostra Platón no Banquete, a descripción dos habitantes da lúa que nos fai Luciano de Samósata e, para rematar, a Viaxe a Itaca de Kavafis. Gustounos tanto esta experiencia que seguramente repitiremos, pero con máis ensaios. Mil grazas á organización e noraboa a Lorena Lorente, organizadora do evento, unha auténtica Praxágora. Con este acto queremos reinvincar o noso dereito a unha fomación integral, humanística e completa, que non exclúa a esinanza da tradición clásica. No artigo de abaixo tedes máis información sobre a LOMCE e ligazóns para súa retirada.

11/12/12

EU COÑEZO A MIÑA HERDANZA. E TI?

Por fin o departamento de grego do IES de Melide se decicidiu, xa na última hora, a apuntarse ao evento convocado en facebook: Yo conozco mi herencia. ¿Y Tu? Esta é unha estupenda inciativa dun grupo de profesoras/es de Murcia da asociación AMUPROLAG e da SEEC para tentar frenar a exclusión das linguas clásicas que se reflicte no anteproxecto da LOMCE. En moitos centros de España de varios paises europeos, que podedes ver neste mapa, estaremos lendo textos clásicos ou textos relacionados co mundo clásico o 12 do 12 do 12 ás 12. No noso centro será ás 12.12, xa que ás 12.00 temos un recitado de Celso Emilio, o noso gran poeta no centenario do seu nacemento.
Se queredes, podedes ler aquí o borrador da LOMCE, a nova lei de educación que será en breve aprobada polo congreso de deputados e, si vos parece oportuno, asinar as seguintes peticións:
- Al gobierno de España: Que se cuente con la lenguas clásicas en la LOMCE
- Sr. Wert: No excluya a las Lenguas Clásicas de la enseñanza
- Ministro de Educación José Ignacio Wert: Retirada anteproyecto Ley LOMCE y diálogo con comunidad educativa

10/12/12

VIAXE A SICILIA 2013

Despois de moito agardar, por fin temos un plan provisional (e prezo tamén provisional) da viaxe a Sicilia. Agora cómpre que nos vaiamos decidindo para comezar a traballar, polo que non o esquezades:
VENRES 14 DE DECEMBRO REUNIÓN NA AULA 106. 
Deixamos de novo as imaxes para acabar de convencer aos que aínda dubidan.

21/09/12

OUTRO SETEMBRO MÁIS

O supernumeroso 3º de ESO

As/os valientes de 1º de BAC- humanas
Como non podía doutro xeito, retomamos a nosa actividade despois da parada estival. E non é que no verán non haxa cousas que contar..., pero é ben certo que o calor, as viaxes e, para moitos de nós, a abundacia doutras obrigas fannos aparcar o blog durante un par de meses. As clásicas seguen presentes e ben vivas no IES de Melide neste curso 2012-13. Imos facendo reconto. O departamento de grego faise cargo dun grupo de cultura clásica de 3º de ESO con 27 alumnos, nunca tantos fumos nun aula até o de agora. Nun principio desbotamos a posibiliade de facer un desdobre, pensando que o número de alumnos/as non pasaría de 25... para o ano que ven terémolo en conta e faremos as cousas mellor. En 1º de BAC hai 15 alumnas/os matriculados, superando en número aos ciencias, que son só 9 (a opción que arrasou en Melide no bacharelato foi a de Ciencias Sociais). En segundo de BAC 8 alumnas escolleron o grego como propio de modalidade, convencidas xa de entrada de que van atacar duro e sacar unha boa nota na selectividade, coa axuda dos deuses. Non conseguimos recuperar a cultura clásica de 4º, pero seguiremos pelexando para recuperarla. O departamento de grego completa horario con dous reforzos de 1º e 2º de ESO, apoios, club de lectura e o que vai xurdindo por aí. Folga dicir que en reforzo traballaremos con materiais de cultura clásica, xa estamso a voltas coa Odisea, a ver si non tardamos en poder ensinar os froitos do nosos traballo.
O departamento de latín asume un latín de 4º de ESO con 16 alumnos, o 1º de BAC de humanas con 16 alumnos e, atención, outro latín de 1º de BAC optativo, con alumnos de ciencias sociais e algún de ciencias e un latín de 2º de BAC tamén con 8 alumnas. Este ano tentaremos ir introducindo novidades e tentaremos estudar o grego antigo de 1º de BAC como se estudian os idiomas modernos. Para elo seguiremos o método Ἀθήναζε, que nun principio coñecéramos a través de Sito Yelas. Pero a maior parte do material que empregaremos será o preparado por Ana Ovando, unha superprofe de clásicas da Comunidat Valenciana, que podedes atopar nas nosas ligazóns imperscindibles: Un neno grego en casa.
As 8 musas de 2º de BAC (9 coa profe a modo de Velázquez)
Como todos os anos tentaremos facer unha viaxe longa na primavera. Este ano pensamos en novos destinos, lugares claves da cultura grega no Mediterráneo como Sicilia, como posible alternativa a Grecia. Pero se a crise nos impide saír da península, sempre poderemos asisitir aos Ludi Saguntini, facendo un percorrido pola Comunidat Valenciana, paraíso da ensinanza das clásicas para calquera profesor que se precie.

20/06/12

Un mapa entre tod@s para rematar o curso

A modo de despedida, en 3º de ESO (A e B) elaboramos entre tod@s (ou case) un mapa dos lugares mitolóxicos que nos foron saíndo ao longo do curso. Este ano non puidemos traballar tanto como nos gustaría na aula de informática debido a coincidencias no horario con outras optativas que tiñan preferencia, pero a pesares diso, nesta última semaniña aprendemos a manexar google docs e google maps, que é algo moi sinxelo. Felices vacacións e a soñar con este mapa de Grecia para o curso que ven. E non esquezades coller uns cantos libros para o verán!!
Ver Lugares Mitolóxicos en un mapa más grande

31/05/12

VIAXE A MÉRIDA E ANDALUCÍA

Por fin, un mes despois do noso regreso temos o vídeo da viaxe a Mérida e Andalucía, organizada polo departamento de grego do 23 ao 29 de abril. Non damos detalles, porque as imaxes valen mási que mil palabras. Parabéns a Jessica Barreiro, que ademais de disfrutar da viaxe, montou este vídeo na aula de TICs, con algunha axuda de Susana Oro.

28/05/12

ADEUS, PROFESOR MORALEJO

O venres 25 de maio faleceu en Compostela Juan José Moralejo, catedrático de grego na USC e profesor da meirande parte das profesoras e profesores actuais de clásicas en Galicia. A moitos de nós sorprendeunos esta noticia, pois hai apenas uns meses asistíamos a unha homenaxe polo seu 70º aniversario e puidemos disfrutar do seu bo humor que parecía descartar calquera problema de saúde.
Non pretendo facer aquí un resumo biográfico ou unha necrolóxica, e tampouco podería recopilar o moito que me transmitiu o profesor Moralejo. Si ben é certo que a miña vocación de filóloga xa era firme cando fun alumna súa, el alimentouna aínda moito máis coas súas clases de lingüística indoeuropea e textos gregos. Daría calquera cousa por conseguir nun só alumn@ meu esa emoción e ansiedade por saber que el provocaba en min coas súas clases de indoeuropeo. Pero máis que coñecementos, un profesor sempre ensina actitudes, todos percibíamos e nos beneficiábamos do seu pracer por ensinar. Esa frase que moitas veces emprego "eu debería pagar por dar clases" aprendina e copieina de el.
Nun principio parecíanos un profesor distante, que inspiraba un respeto que rozaba o medo, pero pouco a pouco a súa retranca e o seu agudo sentido do humor descubríronnos unha persoa entrañable. Sirva como mostra esta autodefinición "licenciado en trucholoxía e profesor de grego en temporada de veda", porque ademais da súa profesión soubo apaixoarse polas pequenas e grandes cousas da vida que merecen a pena.
Χαῖρε, δάσκαλε que os deuses lle concedan unha última travesía favorable, sabio e rico con canto gañou no camiño.

16/05/12

Viaxando a Itaca de novo

Como é habitual nesta época do ano, comezamos as despedidas en 2º de bacharelato. É certo que aínda nos queda traballo por facer e, ademais duns textiños de Xenofonte para redondear a nota, temos as clases de preparación de selectividade (si, imos todas a selectividade, a poder ser en xuño!).
Como dábamos conta a principio de curso, este ano cinco alumnas cursaron Grego II no IES de Melide: Cristina Corral, Ángeles Santos, Lorena Labandeira, Cristina Conde e Raquel Vázquez. Compartimos  moitas horas no departamento, pelexándonos con verbos, textos de Xenofonte, temas de literatura e historia... pero tamén momentos de agobio, cansanzo dos venres (ou dos luns), problemas e problemiñas, alegrías esperadas e inesperadas e, sobre todo, bo humor. Ademais desta convivencia do día a día, o noso achegamento viña currado do ano anterior coa titoría de 1º B de BAC.
Á parte de grego, aprendimos a tolerarnos, repectarnos, valorarnos e, como é lóxico, coñecernos e querernos.
A boa sintonía  nunha aula pode facela propensa a convertirse nun caixón de satre, no que se fala de todo un pouco, incluída a materia que se imparte. Non foi este o noso caso, xa que en todo momento estas cinco alumnas souberon respectar sempre os tempos de clase e buscar momentos para arranxar o mundo ou o que cadrase.
Que máis pode pedir unha profesora a quen, ademais, encántalle impartir a súa materia? Unha considérase privilexida por poder traballar nestas condicións e case lle dan ganas de pagar por traballar. Eu vou calar xa, que isto de pagar por traballar pode ser o seguinte recorte que nos apliquen... O certo é que por moito que saqueen o ensino público, nunca poderán recortar satisfaccións coma estas. Que será de nós o próxmo ano? poderemos ter un grupo de cinco alumnas?
Agárdannos tempos difíciles, pero máis aínda para os que se embarcan para Itaca, como ás dúas Cristinas, Lorena, Raquel e Ángeles. Grazas por compartir tantas cousas, grazas pola frescura, atención, sinceiridade, grazas polo voso afecto. Espero que partades con forzas e que a noite de pedra que temos por diante non sexa tan longa e cheguedes a bo porto, que os deuses vos proporcionen unha viaxe favorable!

21/03/12

Poñendo a punto a nosa viaxe

Xa temos case todo listo para a nosa viaxe a Mérida, Sevilla e Córdoba. Só nos falta sobrevivir a esta semana de avaliacións e exames, para xa dentro de tres días estar percorrendo a Ruta da Prata camiño a Mérida. Entre tanto, aí vai a nosa unidade didáctica para que vaiamos preparando o terreo.


Teatro clásico en Lugo

Un ano máis acudimos á nosa cita co festival de teatro Grecolatino que organiza a SECC galega (Gracias Teresa Amado, pola túa eficiencia e paciencia).
Comezamos a nosa xornada visitando a exposición Romanorum Vita, que instalada nunha carpa simulaba unha cidade romana. As explicacións dos paneis e as montaxes visuais foron fantásticas, facendo dalgun xeito resucitar esa pequeña cidade de cartón pedra, ao proxectar escenas da vida cotiá nas paredes das casas. Pero sen dúbida o que máis nos impresionou foi o realismo olfativo, o cheiro das latrinas non era virtual. Tamén nos gustou moito o interior da casa romana co seu triclinium, tablinium, cociña... Esta exposición seranos de grande axuda na nosa viaxe a Mérida e Andalucía, onde veremos casas romanas reais.
Xa no auditorio Gustavo Freire, vimos Medea de Eurípides e o Miles Gloriosus de Plauto, a cargo do veterano grupo galego "Parrocha", herdeiros do quasi  mítico grupo "Sardiña". Medea, pola mañá, soubo cautivarnos e dalgún xeito causou en nós ese πάθος ou paixón que sentía o espectador grego cando presenciaba unha traxedia. Estamos a estudiar esta obra na clase e despois da representación  valoramos aínda máis a intemporalide desta obra, que nos retrata a unha muller humillada, dominada polo desexo de vinganza contra o seu marido. Tan absortos e concentrados estabamos que non nos percatamos das gamberradas que fixeron nalgún sector do público.
Pola tarde rimos un montón coa montaxe do Miles Gloriosus e aplaudimos as espléndida interpretación dos actores, especialmente da rapaza que interpretaba a Palestrión, ese escravo listiño que sempre apaña a situación nas comedias de Plauto.
En resumo, pasamos un día estupendo: bo clima, estupendas funcións e mellor compañía... e que con alumnas e alumnos coma estes o traballo parece máis ben un premio!
Buscando información sobre as nosas obras obras, gracias ao blog Filohelenismo, atopamos un vídeo moi interesante, no que un poema de Ch. G. Papadopoulos con música de fondo de M. Hatsidakis, compara á Grecia actual cunha Medea que mata aos seus propios fillos. Debaixo tedes o poema traducido ao galego.



MIÑA GRECIA
Grecia, Medea,
Virxe Santísima,
vida terrea
e celeste sabiduría,
fillos desherdados,
devóraos ou crucifícalos.
¿Onde non viaxei
que non me doas?*
 Grecia de todo o pobo
e celeste Afrodita,
pequeno amor meu
e a miña vitoria pírrica
miña coroa de espiñas,
meu sucio cravo dourado,
miña ferida, meu sangue,
miña asasina e meu Xasón Grecia,
miña Grecia,
meu tesouro perdido,
meu lume e miña lava,
miña aguia sen cabeza,
oxalá poideses regresar,
Cariátide secuestrada,
anciá co miolo seco
e maquillada.
* Referencia a un verso de Iorgos Seferis que di: "Onde quiera que viaxe Grecia dóeme".

27/02/12

Aprendendo a ser profe

Hoxe teño unha pequena charla na facultade de ciencias da educación da USC con futuros profes de secundaria (se a crise non o impide). Non me fixen de rogar e aceptei, porque deixeime contaxiar de contado polo entusiasmo de Zeltia Laya, ex-alumna do IES de Melide e compañeira de prácticas na materia de filosofía, que foi quen mo propuxo. Sinto certo pudor ao publicar este post coa presentación que segue, porque penso que eu non podo ensinar nada sobre didáctica e bastante teño con superar as propias frustracións. Como moito, poido compartir a miña experiencia e, se cadra, a moita ilusión que aínda me queda a pesares dos fracasos de cada día.

09/02/12

Ánimo viaxeiros/as de Odisea 2012

Canto boto de menos non poder estar en Melide nestes días do concurso Odisea! É a primeira vez, dende que se celebra o concurso que non podo estar na aula, participando da vosa emoción, nerviosa moitas veces vendo como vos afanades na busca.
En Melide hai uns cantos equipos que ata agora levan a puntuación completa: As Medeas, cun tempo récord, (parabéns a Irune e Sandra) e logo case todos os grupos de 3º de ESO, que xa ten mérito: As Ninfas, As RIM, Pérdete na Mitoloxía, Os Mataceos e Alter Ego. Recordade que nesta fase o tempo non conta. Se algún equipo consigue clasificarse para o desempate, aí si contará o tempo e xa estarei eu de volta para vivilo con vos.

Hoxe xoves co preguntón estarei todo día facendo ofrendas á deusa Atena para que vos inspire. Non esquezades que na biblioteca tedes manuais moi interesantes que vos poden axudar. Como suporedes, estes libros están na sección de clásicas, que está case debaixo da escaleira de caracol. Recoméndovos algún que axudou moito en anos anteriores:
- Historia de la literatura Griega, López Eire, ed. Cátedra: ao final do libro tedes un glosario completísimo no que están por orde alfabética autores gregos de todas as épocas e outro de todas as obras tamén por orde alfabética. Isto é moi práctico cando controlades o preguntón e tedes que buscar as preguntaas pistas sabendo a inicial.

- Diccionario de la literatura clásica, Howatson, Alianza Editorial. É un diccionario no que podedes atopar personaxes, títulos de obras, apelidos de familias e incluso lugares xeográficos que teñan que ver coa miltoloxía.
- Diccionario de mitología griega y romana, P. Grimal, ed. Paidós: é o mellor diccionario de mitoloxía que existe, en clase xa o temos usado algunha vez, creo...
Moito ánimo miña xente, sígovos na rede!

12/01/12

VOLVE O CONCURSO ODISEA

Unha das mellores formas de comezar a 2ª avaliación e de recuperarnos do parón de Nadal é apuntarnos ao concurso Odisea, xa na súa 7ª edición, que organiza a sección galega da SEEC (Sociedad de Estudios Clásicos). Este concurso, de patente galega, conta este ano coa participación doutras dúas comunidades autónomas: Valencia e Cataluña, o cal fai máis emocionate o desempate e máis xugoso o premio.
Aínda que os máis veteranos xa coñecen ben as bases e normas, non estaría demais botar unha ollada de novo e sobre todo, entrenar coas preguntas de anos anteriores. Quen queira comprobar ous seus atinos e desatinos pode consultar tamén as respostas.
Este ano a temática son as viaxes no mundo antigo, polo que compre que comecemos repasando as viaxes na mitoloxía: a dos Argonautas, a Odisea de Ulises, a expedición a Troia, as viaxes de Heracles... para logo pasasr as viaxes na vida cotia, nas institucións e na historia.
Desta vez, por problemas familiares, eu non vou poder acompañarvos, pero estarei dándovos ánimos a través do blog e controlando os resultados por Internet. Ademais, seguro que substituta/o que veña engánchase ao concurso e vos facilita poder responder as preguntas na aula. Pero non esquezades que os profes non somos máis que os que marcan o ritmo dos remeiros e os que teñen que mover o barco dándolle ao remo sodes vós. Así a vosa travesía será mérito propio e seguro que chegades a bo porto. Καλό ταξίδι!


11/12/11

APRENDENDO A RESUMIR

Na clase de reforzo, en 1º de ESO C, estamos aprendendo a resumir libros. Como aínda non limos todo o libro, imos resumir os dous primeiros capítulos ou "rollos". Despois de ver unha presentación deste blog, xa todos sabemos o que son os rolos. Pois ben, este foi o noso esquema:

02/12/11

Preparando a nosa viaxe

Tal como anunciabamos a comezo de curso, este ano toca viaxe por terras Hispanas. Como a proposta incial de viaxar pola Tarraconensis, Empùries e Barcelona, incluíndo visita ao Salón do Cómic de Barcelona, non tivo unha calurosa acollida (moi a pesar da profe); cambiamos o noso intinerario polo sur: Lusitania e Baetica. Repetimos o itenerarios que case tres anos atrás fixeramos con aquela titoría de 4º C da ESO. Agora son todos eles e elas exalumnos do instituto. Bota unha ollada e ao final da presentación pulsa nas ligazóns para obter máis información.

27/11/11

Chiron en Compostela 2011: Os profes tamén necesitamos aprender

Hai tres anos nacía este blog gracias a un curso de Chiron, o gran espazo colaborativo para profesoras e profesores de clásicas, que nos alimenta a todos e ao que algúns tentamos alimentar de cando en vez. Si naquel momento Chiron foi quen de que o departamento de grego do IES de Melide abrise unha ventá ao mundo, hoxe sigue sendo elemento indispensable de formación, continua fonte de aprendizaxe e recurso imprescindible para o noso traballo na aula. Non hai dúbida de que Chiron, esta gran comunidade do centauro ocupa un lugar moi destacado no noso PLE, un dos novos concepto que aprendemos que non é outra cousa que unha reflexión sobre como é o noso proceso de aprendizaxe.
No breve tempo da fin de semana, tivemos oportunidade de aprender dos grandes centauros en directo. Por moitas marabillas que faga a rede, nunca poderá suplir o calor da presenza físca coa virtualidade omnipresente. Así disfrutamos de Sebastià Giralt (Labyrinthus, Els dies de Dèdal) que nos ensinou trucos para o tratamento de imaxes. Para moitos de nós a súa macrogalería de Flickr é un pracenteiro paseo por todos aqueles museos aos que nonpuidemos ir. Con Carlos Cabanillas (ExtremaduraClásica), o pai dos centauros, e @ubibene en twiter, moitos de nós comezamos a twitear e facer círculos en Google +. Se poñemos neste post todos os sitios de Margalida Capellà (El Fil de les Clàssiques, Aracne fila i fila ....) non acabaríamos. Con ela coñecimos novas ferramentas para a tradución e importantes bibliotecas virtuais que nos axuden na árdua tarefa de escoller textos.
Luis Inclán (http://doceoetdisco.blogspot.com)  achegounos novas ferrramentas para publicar na web, ademais de blogs e wikis que xa coñeciamos. Así naceron tímidos intentos en scoop.it para recoller e almacenar novas que teñan que ver coa cultura clásica. Álvaro P. Vilariño (http://divesgallaecia.blogspot.com), o mega centauro galego, e Olga Díez (http://labryx.blogspot.com) descubríronos como facer de xeito rápido e sinxelo pasatempos e como mellorar as nosas aulas virtuais con cuestinonarios.
Falar de Ana Ovando (http://voxgraeca.blogspot.com) e o seu traballo requeriría un post á parte. Algúns dos enlaces imprescindibles deste blog son obra dela. No curso só nos amosou un chisco do seu bo facer e como seleccionar a información que nos chega mediante marcadores sociais, google reader e outros. A pesares de todos estes filtros, ás veces é difícil evita a "infoxicación".
E xa para rematar, Juanvi Santa Isabel (http://assessoria.zoomblog.com/) espúxonos o labor da Domus Baebia Saguntina e o traballo dos talleres de Sagunt, que nós tivemos a fortuna de disfrutar. Por si esto non fose pouco, organizou unha auténtica festa cos seu talleres: fixemos fíbulas, bulas, abanos, mosaicos... bebimos auténtico mulsum de fabricación propia. É un pracer poder escoitar en directo a Juanvi, é imposible non contaxiarse co seu entusiasmo.
Pero o mellor destas xornadas non foron as moitas ferramentas que aprendemos nin os moitos recursos que coñecimos, senón a transmisión da necesidade de aprender. É imposible ser boa profesora e tentar comunicar aos nosas alumnas a alumnos esta necesidade de aprender si nós mesmos non amosamos esa actitude de continua aprendizaxe. Ensinamos actitudes, máis que contidos. Por elo, gratias plurimas a todos os centauros pola súa xenerosidade e polo seu traballo, en especial a Álvaro P. Vilariño, que fixo posible encontro.

24/10/11

A orixe do mundo noutras relixións ou mitoloxías.

Despois de estudar a cosmogonía segundo Hesíodo, que nos narra a orixe do mundo segundo a mitoloxía grega, compre que revisemos outras explicacións mitolóxicas deste mesmo feito. É obrigado empezar pola tradición xudeo-cristiana, que recolle a creación do mundo no primeiro dos libros da Biblia, o Xénese, palabra grega que significa orixe. Para que nos sexa máis doada a lectura imos valernos da imaxe. En primeiro lugar temos unha versión en anime de O. Tezuka, debuxante considerado o "pai do manga".
Pero esta historia non estaría completa senón explicásemos con detalle o castigo de Deus aos hoems por desobedecer, a famosa maldición bílblica. O texto está literalemnte sacado da biblia e os deuxos son obra do xenial Robert Crumb, na súa obra Génesis
E agora reflexiona un pouco e recorda como era a creación do mundo na mitoloxía grega e trata de ver semellanzas e diferenzas entre as dúas mitoloxías ou relixións. Céntrate nos seguintes puntos:
- Orde dos elementos creados.
- creación do home e amuller.
- papel da muller na creación.
- o diluvio
- a relación home-deus.

07/10/11

De paseo por Atenas lendo Grego

Para practicar o recén aprendido alfabeto grego, imos dar un paseo polas rúas de Atenas. Algúns recordarán a viaxe que hai poucos meses fixeron a Grecia e todas e todos poderemos poñer a proba a nosa cultura xeral e tomar nota dalgúns datos.

03/10/11

De onde vimos?

Os antigos gregos tamén se facían esta pregunta, pero non coñecían a teoría de Darwin ou o Big Bang, polo que buscaban a resposta na mitoloxía. Hesíodo, o gran poeta grego do s. VII a. C., foi o primeiro que escribiu e ordenou as crenzas mitolóxicas que ata a súa época se transmitían de forma oral. Na súa obra Teogonía, describe a orixe do mundo (cosmogonía) e o nacemento dos deuses (teogonía en sentido estricto). Velaí un pequeno resumo ilustrado.

02/10/11

Comezamos o curso recortados

Despois de dúas semanas de clase, entre o pequeno caos do comezo e as mobilizacións do profesorado contra os recortes do ensino público, comezamos a actividade en Aspasia.
Como vimos facendo nos últimos anos, a imitatio de outros pasamos revista aos nosos efectivos deste ano: Temos dous terceiros de ESO de Cultura Clásica, 3º C con 14 alumnos e alumnas a cargo do departamento de latín e 3º A e C con 20 a cargo do departamento de grego. Temos a sorte de ter entre as novas xeracións estupendos lectores e lectoras e grandes afeccionados á mitoloxía clásica, isto promete!
Un dos recortes que sufrimos este curso foi en 4º de ESO, onde non foi posible facer grupo. Sentímolo por persoas como Yuri e Pedro, que escolleron a cultura clásica como primeira optativa. Pero isto non tería importancias si non fose porque no próximo ano xa non se poderá escoller Cultura Clásica en 4º de ESO, nivel no que contabamos con tres horas de docencia, que nos permitían esenvolver un programa máis completo que en 3º de ESO. Imos vendo como a presencia da nosa materia vai minguando, ai aqueles tempos nos que a cultura clásica se podía elixir en 3º e 4º!!. No IES de Melide esta restrición foi tremenda, xa que gran parte do alumnado que se introducía no mundo clásico en 3º, collíalle gusto e recuncaba en 4º.
Pero imos deixar de lamentarnos e pasamos ao alumnado de grego. En 1º de BAC temos 19 valientes que estes días están aprendendo o alfabeto a ritmo de rap e loitando con esprítos e acentos, todos eles son de humanidades e cursan tamén latín. En 2º BAC 5 heroínas atrevéronse a escoller grego e estes días están a desoxidarse con textos faciliños.
Para este temos novos plans nas nosas extrescolares. Nun principio programáramos repetir a experiencia de Sagunt, pero visto que en 1º de BAC tíñamos a moitos dos participantes naquela expedición, decidimos cambiar o noso destino e viaxar a Empùries, a coñecer o xacemento grego por excelencia da Península Ibérica. Aínda non temos ben perfilada esta viaxe e non sabemos si facela coincidir con outros eventos (Salón do Cómic de Barcelona...) e/ou con outras actividades (sendeirismo no Pirineo...) neste mes de outubro sacaremos o noso plan provisional.

E por último, queremos celebrar nós tamén o V aniversario da fundación de Chiron, a web colaborativa onde os profes de clásicas atopamos todo tipo de materiais e aportamos o nos graniño de area. Este ano, ademais, temos a oportunidade de celebrar este lustro de existencia cun curso de luxo que se celebrará no mes de novembro en Compostela. Preparádevos... que temos un outono cheo de actividade.