15/11/09

PROXECTOS APETITOSOS

No departamento de grego do IES de Melide seguimos cumprindo promesas, a diferenza dos políticos, a pesares dos tempos de crise. Se a comezo de curso falábamos dunha viaxe a Valencia, agora falamos de dúas viaxes: a de Sagunt (Valencia) e a tradicional a Grecia, que acabamos organizando ante a insistente petición do alumnado. A ver se agora somos quen de levar estas dúas empresas a cabo (contaremos coa axuda dos deuses?).
O que esta claro é que temos que organizarnos xa e deixar os cabos atados antes das vacacións de Nadal. O alumnado e as familias xa tedes un plan detallado, pero aquí queremos ofrecervos unha versión máis visual para axudar a decidirvos.
Comezamos pola viaxe a Grecia, a máis tradicional e veterana. Como ben sabedes é unha viaxe ambiciosa e, por suposto, cara. Se cadra non é máis axeitada para o tempos de crise... recordade que a podedes facer noutro ano. Na última diapositiva tedes un enlace con detalles importantes como o presuposto provisional.

En segundo lugar temos a viaxe a Sagunt (Valencia), que será un mes máis tarde que a de Grecia. Esta si que é unha viaxe máis axeitada de presuposto e non menos atractiva que a de Grecia. Iremos a Sagunt coincidindo cos Ludi Saguntini, unha auténtica festa de cultura clásica na que se representa teatro clásico e se realizan talleres de cultura clásica nas rúas da cidade, a que acuden centos de estudiantes da Comunitat Valenciana e outros lugares. Coñeceremos, ademais, a cidade de Valencia e faremos sendeirismo. A única pega é que son poucos días. Na última diapositiva tedes un enlace para ver máis detalles do plan de viaxe. Con estas opcións, ningún alumno/a de clásicas do IES de Melide, debería quedar sen viaxar.