29/11/13

HIPATÍA DE ALEXANDRÍA EN MELIDE

Hoxe, en lugar da nosa clase habitual de cultura clásica na aula 205, tivemos a sorte de recibir unha das leccións maxistrais de Hipatía, a famosa matemática, astrónoma, filósofa... que viviu na Alexandría dos s. III-IV d. C.
Para poder asistir a esta clase tivemos que prepararnos antes. En primeiro lugar, o alumnado de 3º ESO de física e química  investigou coa súa profe Raquel sobre esta científica e redactou unha pequena biografía. As alumnas e alumnos  de 3º A e parte de B continuamos na clase de cultura clásica estudiando o vestido antigo  e aprendimos a facernos traxes en cinco minutos con telas e imperdibles. Vimos  tamén un fragmento da película Ágora, de A. Amenábar, onde se recrea algunha das clases de Hipatía cos seus alumnos e tomamos nota de como eran os libros ou volumenes e que material "escolar" se usaban naquela época. O ciclo de madeira colaborou con nós aportando as taboiñas (tabellae ceratae) para poder tomar apuntes de tan ilustre mestra. O noso fotógrafo excepcional foi David Canoura, o profe de música e "retratista" oficial deste tipo de eventos.
E a que se debe semellante acontencemento? No presente curso, o tema de traballo monográfico do noso IES, coordinado pola biblioteca, céntrase no cine, baixo o lema Un ano de película. Unha das moitas actividades que realizamos os departamentos didácticos é a elaboración dun calendario para 2014 onde en cada mes recreamos unha película, os actores son as nosas alumnas e alumnos e os escenarios o instituto ou a vila de Melide. Anticipamos que algunas destas películas son Casablanca, A lingua das bolboretas, Braveheart, A lista de Schindler, Os nenos do coro, Men in black, Evasión o victoria, Harry Potter, O exorcista...
Nós, como é natural, escollimos unha película de tema clásico,  Ágora, de A. Amenábar, e fixemos unha versión da clase na que Hipatía trata de explicar aos seus discípulos a gravidade terreste mediante un pano. Decidimos que as escaleiras de Calvo, no centro de Melide, poderían transformarse nunha estancia da famosa Biblioteca de Alexandría. Aínda que aproveitamos o sol desta última semana de novembro, moito frío pasaron algúns/as mentres posaban. Arriba tedes o resultado e abaixo un fotograma da película.

06/11/13

VIAXE A GRECIA

Por fin unha das actividades máis esperadas, a nosa mega viaxe a Grecia. O itinerario deste ano é todo un luxo: Atenas, Creta, Delfos e  como novidade deste ano, Istanbul; xa que o noso voo fai escala aí. Istanbul, aínda que pertence a Turquía ten un gran pasado grego, a antiga Bizancio do estreito do Bósforo foi rebautizada como Constantinopla para ser capital do Imperio Romano de Oriente,ou Bizantino, durante máis de mil anos.
Temos xa un presuposto e temos que decidir se nos apuntamos e pagar a nosa reserva de 150 € antes de este venres 8 de novembro ás 11.45 h. Andamos algo xustos de tempo, pero xa estamos acostumados a reaccionar con rapidez nos temas de viaxes. Hoxe tamén comezamos a traballar na recaudación de fondos e xa temos toda unha brigada de vendedores de doces Casal Coton, que están realmente bos. Xa sabes como podes colaborar con nós. Ánimo e a traballar!!

23/09/13

UN NOVO CURSO CON MOITA XENTE

Costa arrancar e parece que de un ano a outro esquecemos como son os comezos de curso. Despois dun verán cheo de bos propósitos, prometéndome un traballo ordenado e previo para ter unha entrada ordenada, véxome por enésima vez envolta no caos inicial, o despiste ante tanto desdobre, cambios de aula, recursos que non funcionan, material que aínda non está listo...
Pero todo isto lévase con alegría ao comprobar como resisten as clásicas en Melide, cal aldea gala de Asterix, citando á nosa admirada Ana Ovando. Imos por partes:

- En 3º de ESO escolleron Cultura Clásica nada menos que 49 alumnas/os!!. O departamento de grego
faise cargo dun grupo de 25 e o de latín do outro de 24. Foi a optativa maioritaria, escollida polo 70% do alumnado.
Parte da lexión de Cultura cClásica de 3º

- En 4º de ESO non se fixo grupo de cultura clásica, xa que só 8 alumnos a escolleron. Ante as protestas dos alumnos e a solicitude da profesora, estudiarase na próxima CCP facer grupos na ESO con menos dos 10 alumnos que marca a lei, sempre e cando haxa disponibilidade horaria do profesorado. Non obstante, o departamento de latín asume a docencia dun grupo de latín con 15
Os Argonautas de 1º de BAC
alumnos/as en 4º.

- En 1º de BAC temos un grupo amplo de humanidades. !9 alumnas/os escolleron latín e grego.

- E xa rematando en 2º de BAC matriculáronse en grego II 10 alumnas/o. Ademais neste nivel hai dous grupos de latín, uns 8 na propia de modalidade e uns 5 con Latín II optativo.

En grego seguiremos intentando renovarnos un pouco, botando man do neno grego e tamén, como xa fixemos o ano pasado, das presentacións, textos e xogos de Lingua Graeca per se illustrata;
pero sen deixar de combinar algo de gramática e outros textos máis tradicionais, para que o salto a  2º de BAC non sexa tan traumático e sigamos sacando boas notas en selectividade.
Apolo e as nove musas de 2º de BAC
A ver se este curso, apesares da crise, conseguimos levar a cabo algúns proxectos pendentes, como a nosa institucionalizada viaxe a Grecia e algunha outra escapada, sobre todos cos alumnos da titoría de 3º A.

10/09/13

Un novo curso sen o noso Hermes

Hoxe hai un mes que nos deixou o noso Hermes. Non pretendemos facer aquí unha reseña biográfica, pero só indicar para os despistados ou profanos que o seu nome mortal era Juanvi Santa Isabel, profesor de clásicas na Comunidad Valenciana. Coñecimos o seu magnífico traballo no CEFIRE da súa comunidade a través da Domus Baebia Saguntina, e vímolo en directo nos Ludi Saguntini de 2010, aos que tivemos a sorte de asistir. Non deixábamos de ler no seu blog Los sueños de Hermes as crónicas semanais que escribía cada mércores, día de Hermes-Mercurio.
A profe que abaixo asina tivo o privilexio de ser a súa alumna nas xornadas de Chiron en Compostela de 2011. En menos de dúas horas de exposición foi quen de ensinarnos o seu bo facer, contaxiar o seu entusiasmo e, sobre todo, gañar a nosa simpatía do xeito que só saben facelo as boas persoas.
Costa traballo asimilar a ausencia dunha persoa tan vital, pero tamén costa traballo recoñecer como as relacións virtuais poder chegar a ser poderosas até o punto de facer sentir tan de cerca a perda dun compañeiro tan distantante xeográficamente. Coa partida do noso Juanvi, sentimos máis que nunca a pertenza a esa rede que forte que é Chiron.
Só nos queda suplicar aos inmortais que o noso Hermes nos siga guiando dende o Olimpo, onde sen dúbida estará. Ὅν οἱ θεοὶ φιλοῦσιν, ἀποθνήσκει νέος.

26/06/13

ARTE PARA REMATAR O CURSO


Despois da nosa "performance" co canto das sereas, o departamento de grego foi agasallado con esta magnífica obra de arte, realizada por Sarai Segade e Tamara Rguez Vila, de 3º de ESO C e A respectivamente. Nela represéntase a Caribdis, o terrible remuíño marino que engulía naves e no que Ulises destrozou a súa, a pesares de ser advertido polo adiviño Tiresias. Este óleo encántanos pola súa temática e, sobre todo, pola súa calidade. O vórtice consegue tan ben o efecto de profundidade, que parece que nos vai tragar a nós. Como ano dedicado ás viaxes, non saímos da viaxe estrela, a Odisea. Feliz verán, cheo de viaxes de todo tipo.

21/06/13

DESPEDIMOS O CURSO ESCOITANDO O CANTO DAS SEREAS



Así como algún ano despedimos o curso cantando, nesta ocasión en grego de 1º de BAC preferimos escoitar o canto das sereas. Dado que este foi un ano dedicado ás viaxes e dende a biblioteca fixemos un traballo interdisciplinar titulado A viaxe e a migración, entre búsqueda e a necesidade, pareceunos de necesidade recrear algunha escena da Odisea, a viaxe das viaxes.
Velaí a famosa escena na que Ulises (Yuri), resiste como un campeón. As nosas sereas, Iris e Montse, tratan de engaiolar ao héroe, pero canto máis se remexe este, máis apreta as cordas a comandante Lorena. Os remeiros, Wellington, Diego, Celtia, Eva, Sara, Aitana, María, Denís e Noelia, reman inmunes ao fetizo, pois o sabio adiviño Tiresias aconsellara a Ulises tapar os oídos con cera.
Esta escena non sería posible sen a estupenda instalación que temos montada este ano no xardín do IES de Melide. Que pinta este veleiro en terra firme? Todo foi idea de Xosé Couso, profe de educación física do noso IES e auténtico experto nos grandes veleiros do s. XVIII, tal como nos demostrou na charla que nos impartiu na biblioteca. Pero o noso contramestre non podería facer o seu traballo se non contase coa man de obra do alumnado e profesorado do ciclo de madeira, que traballaron nesta ocasión como carpinteiros da ribeira, a pesares de ser de interior. Gloria, a nosa capitana da biblioteca, encargouse de tinxir con té as sabas vellas que lle levamos para darlles un aspecto envellecido (aínda que foi máis ben a nosa climatoloxía de inverno perpetuo a que deu esa pátina). Velaí ao alumando de madeira termando do mastro, nunha pose que a algúns nos trae a memoria outra famosa escena da Odisea, na que Ulises e os seu homes cegan ao Cíclope.
O departamento de música non foi capaz de reconstruír o máxico canto das sereas, pero prestounos estes estupendos remos, que eles utilizan para facer magníficas percusións.
Grazas a todas estas axudas poidemos revivir este archicoñecido episodio e dende o noso barco desexámosvos un bo verán, aínda que chova.
(E ollo co canto das sereas, que algún/a aínda ten pendente unha recuperación de grego...)

20/06/13

VIAXE A VALLADOLID E SEGOVIA

Por fin conseguimos rematar o noso vídeo da viaxe a Valladolid e Segovia que realizamos os alumnos/as de cultura clásica co club de lectura Papalibros. Foi unha viaxe moi variada, pois ademais de visitar importantes recintos arqueolóxicos relacionados coa romanización, como a Villa Romana de la Olmeda o o acueduto de Segovia, asistimos ao TAC (Teatro y Artes de Calle) que nos deixou alucinadas/s e revolucionou a idea de teatro que moitas/os levaban. A ver se o ano que ven somos capaces de organizar unha viaxe a Grecia dunha semana, como nos vellos tempos.

EL LADRÓN DEL RAYO. PERCY JAKSON Y LOS DIOSES DEL OLMPO I

Sarai Segade Casal, 3º C de ESO

Rick Riordan cóntanos a historia de Perseus Jackson (Percy), un adolescente de 12 anos que padece THDA e dislexia, que foi expulsado de seis escolas nos últimos anos. A última é a academia Yancy, onde descubre algo que lle vai cambiar a vida.
Nunha excursión coa escola descubre que a súa profesora é unha Furia e o quere matar por ser un semideus. Para poñelo a salvo, a súa nai, Sally, e o seu mellor amigo Grover (que é un sátiro) lévano até o Campamento Mestizo, lugar no que os semideuses se refuxian e adestran. Pero antes de entrar atácalles o Minotauro, Percy logra vencelo, pero antes o monstro consegue que Sally se disolva nunha chuvia dourada de luz. Unha vez dentro, Percy atopa a Quirón (ao que coñecía por ser o seu profesor na academia Yancy); a Annabeth, filla de Atenea coa que despois fai amizade; a Luke, fillo e Hermes, e a Clarisse, filla de Ares. Tamén coñece ao señor D (Dioniso), o director do campamento. Alí descubre que os mestizos son fillos de un deus e un mortal e que el é fillo de Poseidón, un dos tres grandes, e que Zeus acúsao de roubar o seu raio, pero el está convencido de que foi Hades. Por iso encoméndaselle unha misión: atopar ao ladrón do raio e devolverllo a Zeus. Un dos lugares de destino é o Inferno, que está ao outro lado do país, en Los Ángeles.
Xunto con Annabeth e Grover, Percy vese envolto nunha arriscada aventura na que topará con grandes perigos como as Furias, as Parcas ou Medusa, a quen derrota. Entrará nun parque acuático abandonado, onde cae por una trampa feita por Hefesto para Ares e Afrodita, poderá falar con animais de circo e chegará a ser asesorado por un cadelo. Entrará nun hotel fabuloso onde o prato principal é a flor de loto, atoparase cunha nereida montada nun hipocampo, entrará nunha tenda de camas de auga onde os ataca o xigante Procrustes... e ao final conseguirá entrar no Inferno baixando por un ascensor que ao final convértese na Lagoa Estixia. Cando chega ao palacio de Hades, este acúsao de roubarlle o seu helmo da escuridade e Percy decátase de que o deus do Inferno é inocente. Grazas ao seu pai logra saír do inferno mediante unhas perlas mariñas. Logo enfróntase a Ares, a quen vence golpeándoo no nocello.
Percy consegue o raio e o helmo de escuridade, roubados por Ares e Luke, e chega a NY, ao Empire State, ao piso 600 onde está o Olimpo, e devólvelle o raio a Zeus na presenza do seu pai e explícalles o ocorrido.
Ao volver ao campamento, Luke invoca a un escorpión velenoso para que pique a Percy, pero este logra salvarse grazas a Quirón, que o cura.
Ao final Annabeth volve co seu pai, Grover vai na busca de Pan e Percy volve coa súa nai, desfacéndose os dous de Gabe, o seu maltratador padrastro, ao que Sally aturaba porque co seu cheiro noxento afastaba
aos monstros, tapando o recendo de mestizo de Percy.

18/06/13

La Odisea, adaptación ao cómic de Pérez Navarro con debuxos de Martín Saurí.

Aitana Castro Coego, 1º BAC A
Esta obra é unha adaptación ao cómic de A Odisea o poema épico composto por Homero no s. VII a. C., unha das obras máisimportantes da literatura universal.Normalmente nas adaptacións de calquera clásico o autor pode darlle á súa obra o carácter que el mesmo queira, polo que debe documentarse ben, xa que ás veces confúndese realidade e ficción, historia con mitoloxía e, na miña opinión, Pérez Navarro soubo facer un bo traballo.
O texto orixinal da Odisea, estruturado en 24 cantos,é moi extenso xa que conta a historia dos dez anos de viaxe do heroe Ulises,nesta adaptación a acción é moi fluída, condensada en tan só sesenta páxinas. O tema central é o regreso de Ulises a Ítaca, volvendo da longa guerra de Troia, tras o naufragar o seu barco pola furia de Poseidón, que cargou contra Ulises porque este deixou cego a un dos seus innumerables fillos.
Poderiamos dicir que a acción comeza in media res, é dicir, cando Ulises chega á corte do rei Alcinoo, xa case ó final da súa viaxe. A acción comeza mentres Nausicaa, filla de Alcinoo, descansa e xoga coas súas escravas nun río. Entre xuncos, atópase o noso viaxeiro que é axudado polas mozas que lle indican que vaia xunto o rei. Ulises así o fai, é convidado a un banquete na corte durante o cal Demódoco, canta historias sobre a guerra dos dez anos. Ulises non pode conter a emoción, rompe a chorar, desvela a súa identidade e comeza a narrar a súa historia.
Ulises inicia o seu relato cos Lotófagos, un pobo que se alimentaba de flores, até chegar ao seu encontro co cíclope Polifemo ó que debeu cegar para poder escapar del. Como consecuencia, este feito enfurece ao seu pai Poseidón, que castiga a Ulises facendo que se perda polos mares. Unha vez reuniron todas as naves tras o incidente co cíclope, Ulises e a súa tripulación chegaron á isla de Eolia, onde vive Eolo, deus dos ventos. Este deulle a Ulises unha bolsa que contiña todos os ventos, coa condición de que non a abrira até chegar á casa. Pero os seus camaradas tiñan moita curiosidade por saber qué contiña a bolsa e un día durante a travesía abrírona, os ventos desatados pola bolsa fixeron que se afastasen máis aínda da súa patria. A continuación chegan á illa dos Lestrigóns, uns xigantes que se comeron a case toda a tripulación. Escapando de alí chegan á illa de Eea, onde vive Circe unha meiga que transformaba en animais ós seus inimigos. A muller namórase de Ulises e reteno durante un ano, até que un día os seus compañeiros comezan a querer volver para a casa. Circe enténdeo, pero advirte a Ulises que debe baixar ós infernos xa que Tiresias, o adiviño que lles pode indicar o camiño de regreso, atópase alí. Cando por fin chegan ao Hades, atopan a Tiresias,que tras beber sangue dun sacrificio, profetiza que Ulises terá un longo regreso á casa e que a súa familia está ben. Volveron xunto a Circe, como despedida, e de volta no mar o viaxeiro ten que enfrontarse a unhas sereas atándose ó mastro do barco para non sucumbir ás voces dos fermosos híbridos de muller e paxaro. Máis tarde, tivo que enfrontarse a Caribdis e Escila, dous monstros mariños que vivían nun paso de rochas no mar. Moitos mariñeiros morreron, pero Ulises conseguiu chegar á illa do deus Sol onde tiñan unha soa condición, non matar animais. Tras moitos días sen comer, os mariñeiros remataron por matar unha vaca, provocando a furia de Helios, quen de novo no mar desatou unha tormenta á que tan só sobreviviu Ulises. Tras dez días agarrado a uns táboas de madeira, Ulises chegou ante Calipso, onde estivo sete años. Durante este tempo, Ulises e a filla de Atlante tiveron dous fillos, pero chegado o momento Ulises partiu de novo.
A acción sitúase de novo no palacio dos feacios, onde Ulises é axudado para volver á casa. Unha vez na terra, a deusa Atenea disfraza a Ulises de vagabundo para que se poida vingar dos pretendentes da súa muller sen ser descuberto. Conta coa axuda de Eumeo, fiel criado e amigo seu. Mentres o noso viaxeiro estaba na casa deste amigo,entra o seu fillo Telémaco, a quen lle revela a súa verdadeira identidade. Xa ao final do relato, Ulises entra no palacio como mendigo e por orde de Penélope, é bañado pola esclava Euriclea que o recoñece por unha cicatriz feita durante a infancia cun xabaril, pero esta non di nada para que o rei poida levar a cabo a súa vinganza. De novo na sala, Penélope anuncia que casará co home que tense e dispare o arco de Ulises pero ninguén o logra. Ulises, disfrazado aínda de mendigo, tamén o intenta e ante o asombro de todos lógrao e prepárase para derrotalos. Tras unha sanguenta matanza na que Ulises mata a todos os seus opoñentes, a súa muller recoñéceo cando este lle conta como e onde se fixo a súa habitación. En conclusión, tanto o guión coma o debuxo fan que este cómic reflicta a esencia da verdadeira Odisea.

30/04/13

A ASASINA, NOVELA DE ALEXANDROS PAPADIAMANDIS

A editorial Hugin e Munin ven de publicar A Asasina, de A. Papadiamandis, autor grego que viviu o final
do s. XIX e comezos do XX. Esta editorial ten como obxectivo as traducións ao galego de obras en todas as linguas (agás portugués e castelán), primando as literaturas minorizadas. Neste senso podemos dicir a A Asasina ten perfecta cabida neste proxecto, pois a literatura grega moderna é unha gran descoñecida para unha a maioría de lectores e son practicamente inexistentes as traducións ao galego, exceptuando a Kavafis, traducido e editado en Rinoceronte.

Alexandros Papadiamandis pertenceu a xeración de 1880 ou a Nova Escola Ateniense, que se caracterizou pola súa reacción ao romanticismo anterior. Era natural de Skiathos, fillo dun sacerdote ortodoxo, viviu sempre na escaseza, non puidendo rematar os seus estudos en Atenas por motivos económicos. Tiña un carácter introvertido, gostaba da soidade e aínda que o seu coñecemento do mundo feminino parecía limitarse á súa familia, foi quen de percibir as penalidades da condición feminina que deixaban a muller no eslabón máis baixo da miseria. Nesta novela denúnciase o inxusto costume do dote que debían aportar as mulleres ao matrimonio da Grecia da súa época. Este dote era desorbitado e inalcanzable para moitas familias, condenando á soltería a aquelas mulleres que non podían aportalo (tres das catro irmáns do propio Papadiamandis quedaron solteiras...)
A Asasina (1903) desenvólvese na illa grega de Skiathos, onde Khadula Frangoianú, unha viúva duns sesenta anos, trata de sobrevivir coidando a outros nunha sociedade pobre, dura e miserenta. Nas súas propias palabras "recapitulando a súa vida, vía que non fixera nada máis que servir aos demais". A nosa protagonista, nun intento de rebelarse contra a miseria, que oprimía sobre todo as mulleres, levará a cabo accións terribles e extremas, entrando nunha voráxine homicida que ao mesmo tempo a atormenta. Frangoianú pronto levantará sospeitas e verase obrigada a fuxir. Tenta tamén a fuxida física, imposible nuhna illa, pero tenta escapar dos seus remorsos. Ao igual que na traxedia grega a nosa "heroína" excédese e sofre por elo un castigo, o que non sabemos e se este castigo consegue restablecer a harmonía.
Podemos considerar A Asasina como obra cume do naturalismo grego. O narrador expón os feitos de manera aséptica, non xulga, escolle a personaxes rudos, de baixa extracción social, como protagonistas; sitúa a súa acción nunha terra de beleza abraiante, pero ingrata e inhóspita para o home, unha terra que acaba converténdose en cárcere e tumba da protagonista.
Quen quera coñecer máis de cerca as terribles andanzas de Frangoianú e as fermosas paisaxes da illa de Skiathos, pode consultar esta presentación. Tedes varios exemplares á vosa disposición nos andeis da nosa biblioteca.


21/04/13

LAS ÁGUILAS DE ROMA

O primeiro volume da serie en cómic Las Águilas de Roma,  foi a lectura escollida por Mariano e un dos poucos libros comentados na clase de Cultutra Clásica de 3º de ESO até o de agora. Dado que o noso presentador non seguiu os consellos que publicamos hai algúns meses, imos completar algúns datos e tratar de resumir e comentar a exposición.
A serie Las Águilas de Roma consta até o momento de tres volumes publicados pola Editorial Norma. O seu autor é E. Marini, autor tamén de El Escorpión, unha serie de "capa e espada" ben coñecida por algúns lectores de cómic do IES de Melide.
Las Águilas de Roma está ambientada no tempo do emperador Augusto, recén inaugurado o Imperio, e ten por escenario Roma e Xermania. Despois de conseguer unha vitoria sobre os pobos xermanos, o xeneral romano Druso sela alianzas cos vencidos levando fillos dos seus caudillos como reféns a Roma para garantir a paz. Entre eles está Ermanamer, fillo do príncipe querusco Sigmar, que é entregado a Tito Valerio Falco, un severo xeneral retirado, para ser educado coma un romano. Arminio, nome romanizado de Ermanamer, educarase xunto con Marco, fillo de Falco e a súa esposa xermana Albinia. Arminio e Marco enfrontaranse á dureza da educación imposta por Falco e iniciaranse na vida adulta, propia dun noble romano, nunha relación de rivalidade nun principio e de amizade e irmandade de sangue máis tarde.
Un dos apectos máis valorados neste cómic é a perfección do debuxo que nos ilustra de diferentes aspectos da cultura romana: as guerras contra os xermanos, a vida nas villae, a vida na gran urbe romana... Sorprenderon  e fixeron as delicias de algúns/as o explícito das imaxes eróticas e de acción (doma dun cabalo, cacería dun oso...).
A outras/os gustounos especialmente a recreación do foro romano, a vida nunha villa: o triclinium e outras partes da domus, o traballo dos escravos, o labor do paedagogus, a instrución física dos mozos, as panorámicas de Roma, dun campamento romano...

E non remata aquí a historia, os volumes II e III están agardando por vos na biblioteca.


10/03/13

En Lugo, vendo teatro clásico un ano máis... e reflexionando.


Como todos os anos, non podíamos faltar a nosa cita co Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC. Asistimos o primeiro día ás representacións de Agamenón de Esquilo e As Tesmoforiantes de Aristófanes, a cargo do grupo El Ruiseñor. Como é costume no IES de Melide, estas obras son de lectura obrigatoria para os alumnos de Grego e os de Cultura clásica, contando sempre coa axudiña dunhas guías de lectura.
As representacións foron magníficas. Pola mañá os actores foron quen de facernos vivir o ambiente de crimes e violencia da casa de Atreo e as ansias de vinganza de Clitemnestra coa desaprobación dun coro ben sincronicado e cunha boa dición. Pola tarde, xa máis relaxados, rimos un bo cacho ante os apuros de Eurípides e o seu parente por librarse da vinganza das mulleres, sempre vilipendiadas nas obras do tráxico e de paso tamén nas de Aristófanes, que as utiliza constantemente como recurso cómico.
A actitude das rapazas e rapaces do IES de Melide foi, como sempre, excelente, o que anima a seguir realizando actividades extraescolares.
Sempre aproveitamos a xornada de teatro para visitar algún pequeno recinto arqueolóxico ou museo, pero este ano non foi posible, xa que o luns é o día universal de peche de tales lugares. Aproveitamos para dar un paseo pola magnífica muralla de Lugo e estudiar un pouco a súa historia.
Facendo un pequeno balance desta actividade ao longo destes trece anos de vida, podemos afirmar con rotundidade que é sumamente proveitosa, que seguiremos asistindo a este festival e queremos agraceder tanto a SEEC como ao Concello de Lugo a súa organización. Non obstante, imos facer un pouco de crítica construtiva:
- A SEEC pediríamoslle o esforzo de presentar, polo menos, o Festival na lingua do país, xa que parece que non temos posibilidade ningunha de ver algunha representación en galego. Nestes trece anos a presentación foi sempre en castelán e estamos seguros de que os profes de clásicas, expertos en non deixar morrer linguas e políglotas todos eles, son quen de non deixar falecer a súa propia.
- Ao Concello de Lugo pediríamoslle que faga un esforciño máis durante esta semaniña, ampliando horarios de recintos e museos que teñan que ver coa romanización para que os miles de escolares que pasan esa semana pola cidade podan aproveitala un pouco máis, sobre todo aqueles que veñen de máis lonxe.
Quen subscribe este artigo tivo a sorte de asistir aos Ludi Saguntini e non deixa de soñar cuns "Ludi Lucenses", nos que os nosos alumnos/as disfrutasen de talleres, xa non todo o ano como os afortunados valencianos que contan coa Domus Baebia Saguntina, senón só unha semaniña ao ano, a do teatro.
E xa postos a pedir, veña que é gratis. Cando organizamos viaxes a outras comunidas autónomas, observamos que nas páxinas de concellos e organismos oficiais impulsan o coñecemento do seu patrimonio e exhiben toda unha galería de material escolar para o seu aproveitamento. Non sería estupendo (e absolutamente necesario) contar con material didáctico, patrocinado polas nosas consellerías, para traballar mellor nas visitas culturais cos nosos alumnos? Moitos de nós, e xa non digamos o profesorado en paro, estamos dispostos a compartir o noso traballo, a correxilo e aumentalo... ás veces compartilo na rede cos compañeiros non é suficiente, é necesario que as institucións se impliquen e "oficialicen" o seu compromiso co patrimonio e cultura propias.
Aquí queda un humilde ofrecemento ou talvez unha proposta de traballo colectivo.

26/02/13

CADRO XENEALÓXICO DOS ATRIDAS

Seguimos preparando a nosa asistencia ao Agamenón de Esquilo o próximo día 4 de marzo en Lugo. Por si a alguén lle resulta longa a historia da casa de Atreo en formato cómic, aquí vai un cadro xenealóxico da familia dos Atridas, tamén chamados Pelópidas ou Tantálidas.
A particularidade deste cadro xenealóxico é que nel reflectimos a cadea de crimes desta familia maldita que continuou até Orestes e rematou grazas a intervención de Atenea, deusa da sabiduría.
Empregamos os aneis para sinalar matrimonios, os corazóns para as unións extramatrimoniais e o coitelo coas frechas vermellas para os asasinatos.


19/02/13

A CASA DE ATREO, UNHA HISTORIA DE VIOLENCIA

Neste curso temos como lectura obrigatoria o Agamenón de Esquilo, tanto en 3º de ESO (aos que lles custará algo máis) como en 1º de BAC. Ao igual que en anos anteriores, as nosas lecturas coinciden coas obras que imos ver representadas a Lugo, dentro do XIII Festival de Teatro Grecolatino.
Agamenón forma parte da Orestíada, triloxía de Esquilo que se centra na cadea de crimes e vinganzas que sofre a familia maldita dos Atridas, descendentes de Tántalo. Agamenón regresa ao seu reino de Argos (ou Micenas) despois de conseguir a victoria guiando aos gregos contra Troia. Pero no seu palacio a súa esposa Clitemnestra tenlle preparado un recibimento moi especial. Sabemos que a traxedia grega céntrase na dor humana e non cabe final feliz. Agamenón pagará polos crimes cometidos, pero os seus asasinos tamén pagarán por este novo crime.
Na última obra desta triloxía Esquilo propón unha solución para romper esa cadea viciada de violencia: a razón e persuasión da deusa Atenea serán quen de restablecer a xustiza e harmonía para os habitantes de Atenas. Ofrecemos aquí unha pequena crónica dos crimes da Casa de Atreo, que ben podía pasar por un terrible "culebrón", baseándonos en dous cómics que temos na biblioteca:

14/02/13

A NOSA ODISEA 2013

Despois de ver as imaxes podemos facernos unha idea de como foi a nosa semana de Odisea 2013. A pesares da convocatoria de folga durante tres días (5,6 e 7 de febreiro) conseguimos ambiente de concurso e encher a aula de informática que o instituto nos tiña reservada. Certo é que algúns grupos xa abandonaron na segunda xornada, pero a maioría continuou pelexando até o final, sen redirse, como auténticos espartanos.
O IES de Melide participaba con 10 equipos:
  1. Set: Sarai, Eva e Tamara de 3º de ESO
  2. La teletienda: Álex, Mario e Sergio, de 3º de ESO
  3. Αἱ Χάριτες: Aitana, Alba e María de 1º de BAC
  4. As Danaides:Lucía Sesar, Yaiza e Raquel (+ Lucía Rodríguez) de 3º de ESO
  5. Circes: Nerea Ramos, Lucía G. Mella e Cristina, de 3º de ESO
  6. Furia de Titáns: Nerea Quintás, Alexis e Xoel, de 3º de ESO
  7. Hefarto: Andrés, Miriam e Andrea, de 3º de ESO
  8. Helénicas: Noelia e Montse de 1º de BAC
  9. Los Churecus: Denís, Diego e Yuri, de 1º de BAC
  10. Dríades: Eva, Lorena e Celtia, de 1º de BAC
Aquí tedes a clasificación xeral dos equipos. Se case todos os grupos teñen un mérito incrible, non queremos deixar de mencionar aos de 3º de ESO, que tiveron que superar moitas máis dificultades que os de 1º de BAC. De 3º de ESO destacamos en particular ao grupo Circes, que traballaron duro e até quedaron a comer algún día, á parte do día do preguntón, para poder responder ben as preguntas. Tamén estiveron en primeira liña de combate as Danaides e SET. Seguro que estes "aprendices" de 3º arrasan dentro dun ano ou dous nos próximos concursos Odisea.
Αἱ Χάριτες tamén son dignas de mención, porque a pesares de ter un erro xa o primeiro día continuaron con todo o seu entusiasmo até o final.
E non podemos deixar de felicitar ás Dríades e aos Churecus, que estiveron a puntiño de quedar clasificados e decidiron traballar xuntos, aínda que sabían que só un deles podería ir ao desempate no caso de conseguir a máxima puntuación.

Como todos os anos, ademai de divertirnos aprendemos un montón, este ano en particular tomamos nota dos seguintes erros, algúsn dso cales vimos arrastando todos estes anos:
- Non lemos ben o enunciado e ás veces non buscamos o que se nos pregunta.
- Danos perguiza ler un texto longo con atención, moitas veces temos a resposta na pantalla do ordenador, pero non a vemos.
- Seguimos sen saber usar os índices dos libros, os glosarios... e xa nos decatamos de que algúns manuais son de moita axuda neste concurso.
- NON LEMOS BEN AS BASES!! e cometemos erros como poñer unha palabra en latín cando non se nos pide ou ao revés.
O ano que ven melloraremos aspectos organizativos e tácticas de búsqueda de información. Copiaremos algunhas boas ideas como chamar á prensa e estableceremos algún premio internos para os equipos do IES de Melide. Ou por que non xa dar premios este ano? Estade atentos/as

14/01/13

DE NOVO EMBARCANDO EN ODISEA 2013

Como é ben sabido, ao chegar estas datas estamos pendentes dun gran evento para os alumnos/as de clásicas de (case) media España: o concurso Odisea, que vai xa pola súa octava edición. No IES de Melide tivemos a sorte de poder participar fielmente en todas as edicións anteriores, xa que foi Galicia a comunidade pioneira, grazas ao traballo da sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos. No menú da dereita deste blog atoparás un acceso directo ao concurso.
Xa temos inscritos unha chea de equipos, uns con nomes clásicos e outros non tanto. Aínda hai algúns remolóns sin espírito aventureiro que non embarcaron co resto da tripulación. Se non o fan, sabemos que lles vai dar tanta envexa, que non lles vai quedar outro remedio máis que axudar ou reforzar a algún equipo.
Este ano temos algunhas novidades nas bases. A máis importante é que no caso de empate só un equipo de cada centro poderá ir á final. No IES de Melide non tivemos ese problema nos últimos anos, pero se cadra este ano temos que desempatar no centro. Xa miraremos a maneira de facelo da forma máis xusta posible. Por outros anos xa sabemos que o máis importante non é quedar clasificado, senón o ben que o pasamos participando e o moito que aprendemos.
O tema deste ano é a educación no mundo clásico. Aproveitaremos estes días para ver algúns dos documentos que os compañeiros de Chiron compartiron xenerosamente con nós en Google Drive e poñernos un pouco ao día. Tamén buscaremos información na rede, aprenderemos a manexar os manuais da biblioteca e practicaremos coas preguntas de anos anteriores. Ánimo, Audaces Fortuna iubat!!. Quedan alquí algunas ligazósn nas que fumos reunindo material.

09/01/13

COMO EXPOÑER UN LIBRO

Feliz aninovo a todas e todos!!. Para comezar ben o ano, algúns temos como traballo pendente facer unha exposición das lecturas que escollemos para Nadal. Na seguinte presentación tedes unha serie de ideas e pequenos consellos para poder facelo correctamente. Botade unha ollada.