Chega o momento polo que unha servidora pasa todos os anos, despedir a unhas alumnas e alumnos cos que compartín centos de horas durante dous, tres o incluso catro anos. Moitas máis horas das que paso con algúns amigos queridos e mesmo con membros da miña familia, máis queridos aínda. Primeiras horas da mañá medio dormidos, horas angustiosas previas a un exame, sextas horas desexando marchar, explicacións interminables, traducións que non dan arrincado... moitas risas ás veces, algún sermón (que cae en baleiro) de cando en vez... Pero sempre co diálogo, co sorriso, co respecto, co entendemento.
Se cadra non me enterei, pero nestes dous anos nunca percebín un mal rollo entre vós. Creo que soubestes arranxar as vosas diferencias falando. Grazas por ser boa xente. O meu maior desexo sería tervos ensinado algo como compensación ao moito que aprendín con vós.
Viaxamos xuntos a Grecia, a Andalucía, a Valladolid e Segovia... Agora eu fico neste porto ao que podedes voltar sempre, pero a vos agárdavos a viaxe máis importante, a viaxe a Itaca da que fala o gran Kavafis. Desexo que recaledes en fermosos portos, que adquirades "fermosas mercancías, nácaras e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo".