26/03/22

SEMANA DA POESÍA

 

Dende que celebramos a Semana da Poesía na biblioteca Xaquín Yebra, o alumnado de grego non falta a esta cita, pois non en van Grecia é berce da poesía. A semana inaugurouse o propio Día da poesía, o luns 21 de marzo, e rematou o venres 25. En todos os recreos desta semana alumnado do IES de Melide, dende 1º de ESO a 2º de BAC, recitou poemas de autoras e autores a antigüidade clásica até os nosos días, incluídas nesta lista alumnas de literatura galega, que recitaron os seus propios poemas. Os idiomas dos nosos poemas foron o galego, castelá, inglés, portugués, latín, grego, rumano... e non podía faltar a lingua de signos, a cargo de Lola Corzo.

O venres 25 de marzo as alumnas de grego de 2º de BAC recitaron dous poemas de poetas líricos gregos que limos e estudamos na clase. Candela Miguélez recitou un poema de Safo, O que unha ama, onde a autora define o seu innovador concepto da beleza. Raquel Miguélez leunos un poema de Anacreonte no que o poeta invoca ao deus Dioniso para que interceda ante o seu amando Cleobulo.


15/03/22

COMEZAMOS A CAMPAÑA SOS CLÁSICAS VENDO TEATRO EN LUGO



Como todos os anos dende que comezou, e só interrompida en 2021 pola pandemia, o pasado 8 de marzo acudimos á nosa cita do Festival de Teatro Grecolatino de Lugo, nesta ocasión para asistir ás representacións de Bacantes de Eurípides e de Anfitrión de Plauto.
Foi un día estupendo porque, como sempre, as representacións a cargo dodo grupo Noite Bohemia non nos defraudaron. Se pola mañá gozamos dun fermosísimo espectáculo visual con Bacantes de Eurípides, pola tarde o Anfitrión de Plauto gañou ao público facendo que o teatro estoupase en gargalladas.
Antes da representación da mañá, non perdemos o tempo e puidemos visitar a Casa dos Mosaicos e ver o mural de Xulio César de Diego As, que vén de gañar importantes premios. Diante deste mural fixemos unha foto coa pancarta que vedes  en varias destas fotos e inauguramos así a campaña SOS Clásicas, na que alumnado e profesorado estamos en pé de loita  para que as clásicas recuperen no ensino e na vida cotiá o espazo que lles corresponde.

Pero o "pistoletazo" oficial de comezo da nosa campaña foi a lectura dun Manifesto en Defensa das Clásicas que leron tres alumnas do IES Eduardo Pondal de Compostela e a súa profesora, Noelia Cendán.
Pola tarde tivemos unha entrevista no programa da RTVG Fun polo vento onde informamos brevemente da nosa campaña. E a partir de aquí as  nosas redes sociais están que fumegan. Únete a nosa campaña!

Aquí podes ver e descargar as fotos da xornada.