15/11/21

E VIMOS ESTRELAS!!

 A Noite de Estrelas de 2021, que anunciabamos máis abaixo, foi todo un éxito de afluencia de xente e poidemos superar o aforo permitido, 100 persoas, porque a actividade desenvolveuse totalmente no exterior.

Despois dun fermoso día de Veraniño de San Martiño, o ceo cubriuse de nubes ao anoitecer, polo que o astrónomo que dirixía a actividade, Pedro Pablo Campo, decidiu comezar directamente coa observación. Mentres agardábamos a nosa quenda no telescopio, Pedro Pablo explicounos cousas relacionadas co que iamos ver: Xúpiter e tres dos seus satélites, Saturno, a Lúa, Albireo, unha estrela dobre, e as Pléiades. A medida que avanzaba a noite, o ceo foi despexando e a observación mellorou moito. Avistamos tamén moitas constelacións a simple vista.

O público maioritario foron rapazas e rapaces do instituto e dos colexios que acudiron ao centro coas súas familias. Descubrimos entre eles un grupiño de auténticos astrónomos amateurs que sabían distinguir moitas constelacións e que fixeron preguntas moi interesnates a Pedro Pablo Campo.

Deixamos aquí fotografías do evento, cedidas por xentileza de Rodrigo Vázquez, de Turismo Melide.

Noite de Estrelas 2021 (Fotos de Rodrigo Vázquez)

10/11/21

NOITE DE ESTRELAS


O club de ciencias, do que forma parte activa o departamento de grego, como non podería ser de outro xeito, organiza esta noite unha actividade de observación de estrelas, coa colaboración do OARMA (Observatorio Astronómico Ramón María Aller) da USC. Esta actividade xa se realizou en ocasións anteriores e está aberta a calquera persoa da Terra de Melide que quera achegarse. Con ela inauguramos as actividades estraescolares do curso 21-22 e tentamos recuperar un pouco o ritmo anterior a pandemia (crucemos os dedos para que sexa posible unha relativa normalidade).

Por que nos interesan tanto as estrelas? Á parte do pracer de contemplalas, están estreitamente ligadas á mitoloxía clásica. Bota unha ollada.

25/06/21

RECOLLEMOS UN PREMIO!

O pasado martes 22 de xuño un pequeno grupo de alumnado de 3º de ESO acudimos á Facultade de Filoloxía a recoller un pequeno premio, un accésit do Concurso A máscara que inspira, dentro da modalidade de podcast, polo noso programa de radio Hécuba, a raíña do Ilión, do que dábamos noticia máis abaixo.

No acto fixéronse tamén entrega dos premios do Concurso Odisea e da VI Olimpíada de tradución, concursos nos que tamén participou o IES de Melide. Durante o acto poidemos ver e escoitar os outros traballos premiados en todas as modalidades e disfrutar da súa calidade.

No pouco tempo que nos quedou libre, dimos un pequeno paseo pola zona monumental, facendo un pequeno roteiro mitolóxico e disfrutando das vistas da catedral sen andamios e coas súas fachadas limpas e restauradas. 

Foi unha pequena viaxe que nos resultou moi apeticible nun ano de "sequía" de actividade extraescolares.



18/06/21

FIN DE CURSO NO MUSEO TERRA DE MELIDE

 


O alumnado de 3º de Cultura Clásica rematou o curso este mércores 16 cunha visita ao Museo Terra de Melide. Nestas dous últimas semanas no Museo houbo unha actividade frenética, con visitas de escolares todos os días, e non é de estrañar, non só porque nel gardemos os nosos tesouros, o patrimonio da Terra de Melide, senón tamén porque a amabilidade e o bo facer de Cristina convidan a a elo.

O noso percorrido foi rápido porque non tiñamos moito tempo. Centrámonos na época castrexa e na romanización, que era o que máis nos interesaba. Así vimos bifaces, puntas de lanza, moitos pondera ou pondus e fusaiolas, pezas singulares como un protector de arqueiro o unha pequena ara de Mercurio. Á vista de todos os castros da nosa comarca, reparamos unha vez na inmensa riqueza arqueolóxica da terra de Melide.

Rematamos cunha rápida ollada ao telar tradicional que está na última planta, que nos recordou bastante ao telar de Penélope que o día anterior nos caeu no exame, nunha famosa representación en cerámica. Despedímonos recitando o fermoso poema de J. M. Díaz Castro: 

Penélope

Un paso adiante i outro atrás, Galiza, 
i a tea dos teus sonos non se move. 
A espranza nos teus ollos se esperguiza.  
Aran os bois  e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos  
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,  
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.   

Desorballando os prados coma sono,  
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

01/06/21

VI OLIMPÍADA DE TRADUCIÓN DE TEXTOS CLÁSICOS

 Tal como anunciabamos máis abaixo, esta semana participamos na VI Olimpíada de tradución de textos clásicos, organizada pola Sección Galega da SEEC. Os únicos que se animaron foron Pablo Quintela e Iago García Carregal, de 2º C de BAC.

Comezamos ás 16.00 h. coa proba de grego. Tiñamos para elexir un texto de Xenofonte, do libro Ι das Helénicas e un texo de Platón, da Apoloxía de Sócrates. Como era de agardar, tanto Pablo como Iago escolleron Xenofonte, pois foi o autor que traballamos na clase. O texto non era nada fácil, unha parte del estaba incluída na selecta de textos obxecto de ABAU e para moitos profesores era o texto máis complexo dos trinta e tres de Xenofonte. Certo que a parte complicada non entrou, porque era dun nivel moi superior a 2º de BAC. 

A proba de latín comezou ás 18.00, media hora despois de que rematase a de grego. A esta proba presentáronse máis alumnas e alumnos. Os textos a elixir eran de Eutropio e Fedro. Iago e Pablo escolleron Eutropio, un texto sinxelo que falaba do emperador Domiciano e que ademais estaba incluído na selecta de textos de latín para ABAU.


Esta proba foi un entrenamento estupendo para selectividade. A pesares de que foi unha tarde de traballo, pasámolo moi ben vendo a outros compañeiros e visitando a facultade de filoloxía donde algunhas e algúns dos participantes nesta olimpíada comezarán os seus estudos o curso que vén. Como detalle da xornada, SEEC Galicia agasallounos cunhas máscaras serigrafiadas con Eu 💓 Clásicas. Oxalá poidamos deixar de usalas pronto!

28/05/21

TÁBOA PERÍODICA

 O departamento de grego xunto co alumnado de grego 1º de BAC formaron parte do Club de Ciencias


durante este curso e o pasado. Estamos no club de ciencias porque pensamos que o saber non se divide en ciencias e letras e precisamos de todo para a nosa formación.

Cremos no traballo interdisciplinar e pensamos que dende a nosa materia, grego, podemos aportar cousas interesantes en calquera campo de traballo. Na confección desta táboa periódica partiparon os departamentos de física e química, matemáticas, bioloxía e xeoloxía, plástica, inglés e grego.

O alumnado de grego de 1º de BAC encargouse da etimoloxía de todos os elementos. Moitos dos 118 elementos actuais teñen nomes relacionados co latín, o grego ou as mitoloxías clásica e nórdica. Estivemos traballando durante o primeiro trimestre e para nós foi de moita ulitilidade  a táboa periódica interactiva realizada polo departamento de Física e Química e alumnado do IES de Melide e Guía dos elementos químicos, historia, propiedades e aplicacións. Manuel Rafael Bermejo Patiño, Ana Mª González Noya, Marcelino Maneiro Maneiro, Xunta de Galicia 2018.

14/05/21

FACEMOS RADIO NA BIBLIO

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO de cultura clásica tivo a sorte de poder facer un curso express de radio no IES de Melide, dentro do programa Radio na Biblio, que impulsa Bibiotecas Escolares. A nosa formación estivo a cargo de Luis Pardo, xornalista da Cadea SER, que nos introduciu no mundo da radio, falándonos dos principais elementos dunha emisón radiofónica e das súas características.

Aínda que no IES de Melide somos pioneiros en radio escolar, tendo en funcionamento a nosa emisora FALAMELIDE dende 1993, unha parte significativa das nosas rapazas e rapaces non coñece este medio e non o escoita salvo contadas excepcións,  cando van no coche cos pais, no bus do transporte escolar, ou  na casa dos avós... como moi ben di Luis Pardo, cando están "secuestrados".

Despois de explicarnos os principais elementos dunha emisión -voz, música, silencio e sons- e compartir con nós ligazóns onde podemos atopar recursos, Luís amosounos diferentes tipos de podcasts onde descubrimos as inmensas posibilidades que ten a radio como medio de comunicación.

Unha parte fundamental no proceso de creación dun podcast ou programa de radio é o guión. Luís explicounos as características dunha mensaxe radiofónica e entre todos fomos capaces de transformar un texto, máis ou menos complexo, nunha noticia de radio.

Por último, acabamos facendo prácticas de locución. Probamos con noticias deportivas e cun guión de radio que tiñamos medio amañado para presentar no concurso A máscara que inspira, organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos). Cos bos consellos de Luís, fomos capaces de gravar o podcast Hécuba, a raíña do Ilión, inspirada na traxedia Hécuba de Eurípides, coas voces de Carmen Bitelmal, Xana Castro, Erick Conde e José Luís Otero, de 3º C de ESO, que se revelaron como auténticos artistas. Algunha delas  descubriu unha posible vocación ao facer este programiña. Aquí volo deixamos, a ver que vos parece.

11/05/21

Χαίρετε, παιδιά! ADEUS, RAPACES

 


Despois de despedir ao alumnado do ano pasado, estaba convencida que me ía tocar un tempada de sequía. O curso fora complicado e as cousas non saíron como me gustaría. Estaba resignada a non ter alumnado en 2º de BAC, e tiña como consolo o marabilloso recordo da promoción 2016-2020.

Comezou o curso e en 2º de BAC tiña dous alumnos matriculados, Pablo Quintela Sesar e Iago García Carregal, a miña alegría foi inmensa. Só dous, pero que dous! Pasei todo o curso vendo só as súas miradas por riba da máscara e con iso abondoume. Pablo, sempre atento, cunha mirada cálida e agarimosa, sempre de bo humor e tranquilo, aínda que o forno non estivese para bolos. Iago, coa súa mirada de sorpresa ante cada descubrimento dunha etimoloxía, dun texto...iluminaba a nosa minúscula aula. Ese asombro, ese marabillarse ante o que se aprende, ante a natureza, θαυμάζειν en grego,  foi o que provocou o nacemento da filosofía na Antiga Grecia. Esta alegría por aprender, que eu tiven a sorte de ver neste dous pares de ollos cada día, foron as pilas que me deron a enerxía necesaria para afrontar este ano difícil.

Foi un ano difícil, pero non só pola situación de pandemia que nos atenaza a todos, que non nos permite facer case ningunha das cousas que nos gustan e coas que se aprende de verdade: obradoiros, saídas, viaxes... Paradoxicamente este curso, no que as cousas deberían ser máis fáciles, tivemos que afrontar un traballo maior que o de outros anos, porque os textos propostos pola CIUG para as ABAU de Grego II tiñan un alto nivel de dificultade. Pero Pablo e Iago estiveron a altura e traballaron duro. Aínda nos quedan días de esforzo, presentarémonos a VI Olímpíada de Tradución de Textos Clásicos e despois a ABAU, que Atenea nos axude!

Quédame unha mágoa inmensa de non poder ter feito a nosa viaxe a Grecia, que xa estaba preparada para marzo de 2020 e na que Iago e Pablo ían participar con case 30 rapazas e rapaces máis. Coa declaración do estado de alarma adiámola a setembro, pero a situación sanitaria obrigounos despois a anulala. Cantas veces na clase, explicando calquera cousa, acordábame de todo o que podíamos ter visto en directo! Pero non quero que isto pareza un Diario dun mal ano, como a novela do meu admirado J.M. Coetzee. Con todas as restricións que nos impuxo a pandemia, este foi un curso estupendo grazas a Iago a Pablo. Foi un auténtico pracer ir a clase, facer textos, etimoloxías, explicar literatura... e acabar falando de libros, de películas ou simplemente da vida. Nunca escoitei unha mala palabra, nin sequera apreciei unha mirada cansa. Se algún día Iago ou Pablo fosen profes desexaríalles que tivesen tan bos alumnos como eles mesmos o foron para min.

 Si, xa sei que me repito, que outros anos dixen o mesmo ou parecido, pero é que son unha persona moi afortunada polo feito mesmo de poder repetirme. Só me queda desexarlle esa mesma fortuna, da que eu disfrutei ata agora, a Pablo, Iago e todas as compañeiras e compañeiros da súa promoción.

29/03/21

SEMANA DA POESÍA, RECITAMOS EN GREGO!!

 Coincidindo coa chegada da primavera, celebramos o día da poesía o 21 de marzo. Como no IES de Melide son tantas os e as poetas que nos gustaría ler, fixemos recitais nos recreos de toda esta semana de marzo. Limos poesía en galego, en castelán, en inglés, en portugués, en francés, en rumano, en árabe e como non podía ser menos, en grego antigo.

Aproveitamos que en 2º de BAC estamos a estudar a poesía lírica e así Pablo Quintela recitou en grego antigo o famoso poema de Safo Parece un deus ese home que senta fronte a ti..., soando como fondo a versión musicada deste mesmo poema a cargo do grupo Trinovox. Iago García Carregal recitou o tamén famoso Ítaca de Cavafis en grego moderno, un dos seus poemas favoritos cun fondo musical da coñecida versión deste poema de Luís Llach. Por suposto, despois do recitado en grego viñeron as traducións ao galego de ambos poemas.

O broche de ouro da semana foi o recitado de Os Pinos, o famoso poema de Eduardo Pondal que serviu de letra ao noso himno galego, ao tempo que Lola Corzo o interpretaba en lingua de signos, mentres sonaba a versión interpretada por Lucía Pérez. Pura poesía.


25/03/21

CONCURSO ODISEA 2021

 Unha das poucas actividades que podemos facer nestes tempos de pandemia é o sempre tan agardado e desexado Concurso Odisea, organizado por SEEC Galicia.

Este ano, como non podía ser de outro xeito, o tema foi "A saúde e a enfermidade en Grecia e Roma". Non o traballamos tanto como outros anos porque coincidiu xusto co final da avaliación e cos exames. Aínda así, contamos cunha sinxela presentación nas aulas virtuais, e que agora compartimos, que puido ser de gran axuda a quen soubo consultala e ler. Cometimos erros, que xa veñen de vello, como non ler ben as bases e sobre todo, o erro máis importante é non ler e entender correctamente as preguntas, que son ben retortas e se asemellan bastante aos oráculos de Delfos.

Hoxe foi o día máis duro, comezamos ás 9.30 co preguntón e a iso das 14.00 horas casi todos os grupos conseguiran enviar as súas respostas. Houbo equipos que traballaron moito e fixeron un gran esforzo, que será recompensado na nota da 3ª avaliación. Agora só nos queda agardar a clasificación, Que os deuses repartan sorte!!


Odisea 2021