Coincidindo coa chegada da primavera, celebramos o día da poesía o 21 de marzo. Como no IES de Melide son tantas os e as poetas que nos gustaría ler, fixemos recitais nos recreos de toda esta semana de marzo. Limos poesía en galego, en castelán, en inglés, en portugués, en francés, en rumano, en árabe e como non podía ser menos, en grego antigo.
Aproveitamos que en 2º de BAC estamos a estudar a poesía lírica e así Pablo Quintela recitou en grego antigo o famoso poema de Safo Parece un deus ese home que senta fronte a ti..., soando como fondo a versión musicada deste mesmo poema a cargo do grupo Trinovox. Iago García Carregal recitou o tamén famoso Ítaca de Cavafis en grego moderno, un dos seus poemas favoritos cun fondo musical da coñecida versión deste poema de Luís Llach. Por suposto, despois do recitado en grego viñeron as traducións ao galego de ambos poemas.O broche de ouro da semana foi o recitado de Os Pinos, o famoso poema de Eduardo Pondal que serviu de letra ao noso himno galego, ao tempo que Lola Corzo o interpretaba en lingua de signos, mentres sonaba a versión interpretada por Lucía Pérez. Pura poesía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario