Nestes días está tendo lugar en Santiago a II Liga de Debate, na que participan 48 equipos de toda Galicia. O ano pasado o equipo do IES de Melide chegou aos cuartos de final, e volvemos tentalo este ano cun equipo composto por Carlota, David, Manuel e Xisela, capitaneados outra vez por Lidia.
Este ano o tema a debatir é Axuda ao desenvolvemento: ¿o peixe ou a cana?, aínda que para fase final haberá outro tema diferente: Están as Administracións Públicas afrontando eficazmente o problema do consumo de drogas (legais e ilegais) nos adolescentes?.
O equipo gañador será aquel que sexa capaz de argumentar mellor sobre calquera das dúas opcións que lle toque defender. Polo tanto, o que se pretende e fomentar o debate competitivo e o enfrontamenteo dialéctico entre os nosos estudiantes, que saiban convencer coa palabra independentemente da súa postura persoal sobre un tema calquera.
A importancia do dominio da palabra no mundo actual é indiscultible, senón que lle pregunten a Obama. Os gregos, en concreto os democráticos atenienses, tiñan isto moi claro e crean a retórica, definida como a arte do ben falar para conseguir a persuasión do destinatario. Os primerios mestres de retórica foron os sofistas, que eran ensinantes profesionais deste "ben falar". Os seus discípulos, que con frecuencia buscaban o triunfo na política, serían os futuros dirixentes da polis si conseguían convencer coa palabra na Asemblea. Tamén recibían unha boa formación en retórica aqueles que se dedicaban a defender causas nos tribunais de xustiza.
Algúns recordarán As Nubes de Aristófanes, comedia que limos e vimos representada en Lugo o ano pasado. Nela o autor arremete contra Sócrates, a quen identifica erroneamente cos sofistas, colocándoo ao fronte dunha escola que ensina aos mozos a defender argumentos inxustos. Aquí recurre o protagonista, un vello agobiado polas débedas causadas pola afición do seu fillo ás carreiras de cabalos. O noso protagonista sabe que só un argumento inxusto o poder librar dos tribunais, polo que pon ao langrán do seu fillo a estudar a súa propia defensa. A cousa sae ben e consegue librase das débedas grazas á labia do rapaz, pero tan ben aprende este o argumento inxusto, que nel atopa boas razóns para zouparlle ao pai. O pai, desesperado, queima a escola socrática.
A pesares destes "perigos" da retórica, dende aquí facemos unha forte aposta polo noso super equipo e desexamos que atopen os mellores argumentos para derrotar ao contrario. Mentres sexan as palabras e non as bombas as que convenzan, todo vai ben.