Un días antes de Nadal recibín un paquetiño no instituto e pensei que sería, como de costume, un libro promocional dalgunha editorial. Cal non sería a miña sorpresa cando ao abrir o sobre atopei o libriño
De la Ilíada de Rachel Bespaloff, en editorial Minúscula, acompañado dunha pequena carta de Zeltia; entrañable compañeira, exalumna e estudiante de filosofía na Autónoma de Barcelona. Que sorte a nosa, a dos profes, que sempre estamos aprendendo cousas novas e que satisfacción tan grande cando é dos nosos propios alumnos!!. Ademais, o feito de que a alguén lle sigan interesando os clásicos anos despois de telos visto no instituto é o mellor premio que pode recibir unha profe de grego.
E despois desta introducción, imos deixar gabarnos para falar do libro.
Rachel Bespaloff (1895-1949) naceu en Bulgaria no seno dunha familia de intelectuais xudeus. Despois de pasar a súa infancia en Kiev e cursar estudios de música e danza en Xenebra, instalouse en París, onde frecuentou ao filósofo Léon Chestov, e comezou a escribir baixo a influencia do seu pensamento. Publicou estudios sobre Heideger e Kierkegard na
Revue Philosophique. En 1942, fuxindo da invasión nazi de Paris, exiliouse coa súa familia a EEUU, onde morreu en 1949.
De la Ilíada é un pequeno ensaio onde Bespaloff móstranos a súa visión da guerra, destacando o papel da poesía, única forza reparadora da xustiza e capaz de humanizar aos adversarios que van enfrontarse. O estudo que fai dos trazos heroicos dos principais personaxes (Héctor, Aquiles, Helena...) é verdadeiramente interesante e ameno, e pode ser unha importante fonte bibliográfica para o estudio da épica homérica en 2º de BAC. A nosa autora fai tamén un estudo comparativo da Ilíada con grandes obras épicas da literatura universal como
Guerra e Paz de Tolstói ou con textos sagrados como a Biblia.
En fin, magnífico regalo, grazas Zeltia