08/05/09

Eneas e a súa viaxe.

Para ir pechando o ciclo Troiano e os contidos de mitoloxía deste ano presentamos a Eneas, un heroe máis ligado a mitoloxía romana que á grega. Eneas, fillo dun mortal e da deusa Afrodita, é un dos poucos troianos que consigue escapar á destrucción de Troia. Cuns poucos homes homes embárcase cara a Occidente e acabará fundando unha cidade no Lacio (centro de Italia). O seu fillo, Ascanio ou Iulo, fundará Alba Longa, da que varias xeracións máis tarde sairán Rómulo e Remo para fundar Roma.
Coñecemos as aventuras de Eneas a trevés de distintas fontes, pero a principal é Virxilio. Este foi un poeta romano do s. I a. C., que por encargo do emperador Augusto escribiu un poema épico para enxalzar as orixes de Roma. O poema, titulado a Eneida, entroncaba aos romanos co pasado heroico dos gregos por medio de Eneas e outorgaba ascendencia divina e prestixio á cidade facéndoos descender dos deuses Venus e Marte. Ademais, a familia Iulia, á que pertencía Augusto, aparecía como descendente do mesmo Iulo ou Ascanio. Virxilio quiso destruír o poema antes de morrer porque non estaba revisado, pero Augusto conseguiu salvalo e fíxoo publicar, chegando ata nós.

04/05/09

LISÍSTRATA EN KENYA

O pasado 1º de maio, lendo El Público, un dos meus xornais favoritos, vin un pequeniño artigo que me chamou a atención: "Huelga de sexo para forzar un acuerdo", que falaba sobre a situación política de Kenia. Este país está gobernado por un primeiro ministro, Raila Odinga, e un presidente, Mwai Kibaki, que firmaron un goberno de coalición para poñer fin ás eleccións fraudulentas de 2007 e á posterior onda de violencia. O goberno parece facer augas por un problema de reparto de poderes, mentres a poboación sofre un paro xeneralizado, grande inseguridade cidadá e carencia dos servizos máis básicos.
Fartas desta situación, as mulleres, lideradas por un grupo autodenomindao G-10, decidiron actuar facendo unha folga sexual de sete días para forzar un acordo entre as dúas partes. A última en engadirse foi Ida odinga, a esposa do primeiro ministro e o G-10 agarda que en breve se sume Lucy Kibaki, a esposa do presidente.
Parece como si as nosas compañeiras kenyanas lesen Lisístrata de Aristófanes e decidisen empregar o mesmo método que na comedia tería servido a atenienses e espartanas hai 2.500 anos para conseguir parar a guerra do Peloponeso. Terá o grupo G-10 e outras organizacións feministas de Kenya o poder de convocatoria da nosa Lisístrata, a "que disovía os exércitos"?
Máis información en: ABC, El Periódico, ELESPECTADOR.COM.