29/06/10

A ODISEA NUNHA IMAXE


Se unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí podemos ver un magnífico resumo dos miles de versos da Odisea de Homero. César Fdez, o autor do debuxo, cursa 2º de Primaria no CEIP A Barquiña, de Noia (A Coruña) e será, supoñemos, un futuro alumno de cultura clásica nalgún instituto de Noia. Ademais da pintura, a César encántalle a mitoloxía clásica e aos seus oito anos coñece moitas historias e mitos con detalles que non saben os maiores.
Velaí este debuxo, que aínda que se titula "La Ilíada y La Odisea", refírese a Odisea. Por si nos pasa como ao autor do Principiño que facía debuxos que os maiores non entendían, explicamos algún pequeno detalle. O Cíclope á esquerda e Odiseo en pe no seu barco, aguantando coma un campeón o canto das sereas, non necesitan moita explicación (nótese que as Sereas adquiren forma de diferentes aves e seres alados). Seguramente a resistencia de Odiseo explícase polo seu pensamento, recorda a Penélope e Telémaco e no medio pululan tamén os recordos de Circe (frasco de pócima e variña máxica) e de Calipso (flocos dourados, que seguramente formaban parte dalgún fabuloso vestido seu). Un pouco máis á dereita, enriba dunha onda, temos a Ino ou Leucotea que co seu velo salvou ao noso heroe de non morrer afogado na tempestade que provocou Poseidón cando marchou da illa de Calipso. Enriba do monte pace tranquilamente unha vaca de Helios, o Sol, que os famentos homes de Odiseo mataron, causando deste xeito a súa morte. E, á dereita, as terribles Escila e Caribdis agardan a súa quenda para causar aínda máis desgrazas ao noso heroe.
Con esta imaxe desexámosvos un bo verán, con tantas viaxes e aventuras coma as de Odiseo (aforramos as tempestades e naufraxios, que estamos en crise). A César desexámoslle que lea moitos libros de mitoloxía, de Gerónimo Stilton e do que lle cadre, que xogue moito e que pinte moitos debuxos coma este.