21/03/12

Poñendo a punto a nosa viaxe

Xa temos case todo listo para a nosa viaxe a Mérida, Sevilla e Córdoba. Só nos falta sobrevivir a esta semana de avaliacións e exames, para xa dentro de tres días estar percorrendo a Ruta da Prata camiño a Mérida. Entre tanto, aí vai a nosa unidade didáctica para que vaiamos preparando o terreo.


Teatro clásico en Lugo

Un ano máis acudimos á nosa cita co festival de teatro Grecolatino que organiza a SECC galega (Gracias Teresa Amado, pola túa eficiencia e paciencia).
Comezamos a nosa xornada visitando a exposición Romanorum Vita, que instalada nunha carpa simulaba unha cidade romana. As explicacións dos paneis e as montaxes visuais foron fantásticas, facendo dalgun xeito resucitar esa pequeña cidade de cartón pedra, ao proxectar escenas da vida cotiá nas paredes das casas. Pero sen dúbida o que máis nos impresionou foi o realismo olfativo, o cheiro das latrinas non era virtual. Tamén nos gustou moito o interior da casa romana co seu triclinium, tablinium, cociña... Esta exposición seranos de grande axuda na nosa viaxe a Mérida e Andalucía, onde veremos casas romanas reais.
Xa no auditorio Gustavo Freire, vimos Medea de Eurípides e o Miles Gloriosus de Plauto, a cargo do veterano grupo galego "Parrocha", herdeiros do quasi  mítico grupo "Sardiña". Medea, pola mañá, soubo cautivarnos e dalgún xeito causou en nós ese πάθος ou paixón que sentía o espectador grego cando presenciaba unha traxedia. Estamos a estudiar esta obra na clase e despois da representación  valoramos aínda máis a intemporalide desta obra, que nos retrata a unha muller humillada, dominada polo desexo de vinganza contra o seu marido. Tan absortos e concentrados estabamos que non nos percatamos das gamberradas que fixeron nalgún sector do público.
Pola tarde rimos un montón coa montaxe do Miles Gloriosus e aplaudimos as espléndida interpretación dos actores, especialmente da rapaza que interpretaba a Palestrión, ese escravo listiño que sempre apaña a situación nas comedias de Plauto.
En resumo, pasamos un día estupendo: bo clima, estupendas funcións e mellor compañía... e que con alumnas e alumnos coma estes o traballo parece máis ben un premio!
Buscando información sobre as nosas obras obras, gracias ao blog Filohelenismo, atopamos un vídeo moi interesante, no que un poema de Ch. G. Papadopoulos con música de fondo de M. Hatsidakis, compara á Grecia actual cunha Medea que mata aos seus propios fillos. Debaixo tedes o poema traducido ao galego.



MIÑA GRECIA
Grecia, Medea,
Virxe Santísima,
vida terrea
e celeste sabiduría,
fillos desherdados,
devóraos ou crucifícalos.
¿Onde non viaxei
que non me doas?*
 Grecia de todo o pobo
e celeste Afrodita,
pequeno amor meu
e a miña vitoria pírrica
miña coroa de espiñas,
meu sucio cravo dourado,
miña ferida, meu sangue,
miña asasina e meu Xasón Grecia,
miña Grecia,
meu tesouro perdido,
meu lume e miña lava,
miña aguia sen cabeza,
oxalá poideses regresar,
Cariátide secuestrada,
anciá co miolo seco
e maquillada.
* Referencia a un verso de Iorgos Seferis que di: "Onde quiera que viaxe Grecia dóeme".