Este ano, se cadra algo antes que os anteriores, despedimos unha vez máis ao alumnado de 2º de BAC. Seis anos xuntos é moito tempo, e sobre todo tempo de grandes cambios. Recordo a aquelas nenas e nenos que empezaron no club de lectura polo 2013, que foron pasando da adolescencia en cultura clásica a (case) idade adulta, polo menos iso é o que podo dicir das miñas alumnas e alumnos de bacharelato.
Fago un repaso deste tempo, saídas ao cine, teatro clásico en Lugo, os primeiros Ludi Compostellani que organizamos, canto traballo e canto medo!. O concurso Odisea e ese primeiro premio de Galicia que gañaron Yara, Adrián e Ainhoa, a viaxe a Grecia á que so viñeron uns poucos... Pero o máis importante de todo, a convivencia do día a día nas aulas que me permitiu coñecer mellor a unhas persoas marabillosas que me engaiolaron. Subscribo todo o que di a profe de filosofía, Marga Quintela, e mesmo lle roubo (ou reciclo) a súa frase "seguinde namorando a xente como me namorastes a min".
Yara, que aínda que en 2º de BAC escolleu outras optativas máis axeitadas aos seus futuros estudos, deixoume o recordo dunha mente lúcida e da súa honestidade. Uxía, aquela calada alumna de cultura clásica que se convertiu nunha brillante estudante de 2º de BAC, talvez con vocación filolóxica, coa súa mirada atenta e aguda, e doce como non, para non perderse nada. Marta co seu bo humor, sempre disposta a buscar a distensión do grupo e alegrarnos a clase, igual que Nuria, que neste curso aprendeu a ver a vida con tranquilidade e a disfrutar do momento (carpe diem!), que non está rifado con tomarse as cousas en serio. Ainhoa, sempre preocupándose polos demais, sensible e chea de empatía. Por que será que se convertiu en Santa Rela de Toques? por suposto que Marta está detrás desta beatificación. Adrián, o único rapaz da clase, o noso experto en temas de Historia, aparentemente máis serio, coa súa discreción característica, a súa constancia e boa organización.
Fixestes que as clases de bacharelato fosen unha terapia para min. Se entraba cansada, desanimada, ou enfadada ás veces, cinco pares de ollos atentos e sorrisos serenos facían que me esquecese de todo, que disfrutase do pracer que para min é dar clase de grego. Fostes os meus coelliños de indias, sen a vosa confianza e seguridade non sería quen de experimentar un novo método, seguindo a Santi Carbonell, menos baseado na gramática e máis na intuición, e de cambiar a pronunciación erasmiana pola histórica. Espero con ansia que os resultados das ABAU sexan bos para acabar de testar este cambio metodolóxico.
Pola miña parte, eu só agardo ter estado a vosa altura e ter contribuído un pouco a dotarvos de ferramentas para o futuro, non só para triunfar nos estudos e na vida, senón tamén para ser felices, que é o máis importante e sen dúbida o maior triunfo de todos.
Só me queda desexarvos que a vosa "viaxe a Ítaca" sexa longa, como di o poeta, chea e coñecemento, e que vos enriqueza como vos me enriquecestes a min.
Titoría
-
1.- Kitbull.
2.- 5 consejos para la vuelta al cole.
3.- Berlín y Postdam (españoles por el mundo).
4.- La puerta de Brandenburgo.
5.- Altar de Pér...
Hai 4 anos