17/06/22

FACEMOS OBRADOIROS DE MODA E ESCRITURA

 Despois de dous anos sen facer obradoiros por mor da pandemia, puidemos pro fin este curso retomar esta actividade que tanto nos divirte.

Estas semanas, nas que a maioría do alumnado xa ten aprobada a materia foron as ideais para facer obradoiros de moda e escritura.

En 3º de ESO, como só temos dúas horas semanais, só puidemos facer o obradoiro de moda, pero en 1º de BAC, deunos tempo a probar un pouco os dous. Incluso hoxe tivemos convidados de outras materias que non puideron resistir a tentación de vestirse de hoplitas e simular unha loita. Velaí.


OBRADOIROS 2022

16/06/22

VOLVEMOS RECOLLER PREMIO EN FIN DE CURSO

 Se case por estas mesmas datas o curso pasado marchabamos a Compostela a recoller un premio, este curso repetimos a xogada: hoxe recollimos o 2º premio do Concurso Odisea, que lles foi entregado a Belén Agra, Brais Lugrís e Diego Pintor na Facultade de Filoloxía. Belén, Brais e Diego eran os compoñentes do equipo Apeles, nome moi axeitado este ano no concurso Odisea, que tiña a Arte nas antigas Grecia e Roma como tema central.

Aproveitamos estes días nos que a maioría ten aprobada a materia para pasr todo o día en Compostela e facer un pequeno itinerario mitolóxico pola zona momunmental. Percorrimos o Hostal dos Reis Católicos, a Catedral, a casa dos Fonseca, a Facultade de Historia e rematamos contemplando o Atlas da praza do Toural. Tamén aproveitamos para visitar outros lugares como a Praza de Abastos ou a libraría Couceiro, onde nos mostraron o traballo artesanal de encadernación.

Esta viaxe modesta será a última co IES de Melide, despois de vintenove anos con viaxes a todas partes: viaxamos a moitas as cidades e vilas galegas repetidas veces, fomos a Andalucía en dúas ocasións, a Tarragona e Sagunt outras dúas veces, a Grecia unhas quince veces polo menos (ou máis?), a Sicilia e a Berlín. Quedounos pendente unha última viaxe a Grecia que estaba totalmente organizada e pagada en 2020 e a pandemia impediunos facer.

Agora, dende o meu novo destino, o IES Eduardo Pondal de Compostela, seguirei programando viaxes a Grecia co meu querido IES de Melide.


Recollemos o 2º premio de Odisea 2022

26/03/22

SEMANA DA POESÍA

 

Dende que celebramos a Semana da Poesía na biblioteca Xaquín Yebra, o alumnado de grego non falta a esta cita, pois non en van Grecia é berce da poesía. A semana inaugurouse o propio Día da poesía, o luns 21 de marzo, e rematou o venres 25. En todos os recreos desta semana alumnado do IES de Melide, dende 1º de ESO a 2º de BAC, recitou poemas de autoras e autores a antigüidade clásica até os nosos días, incluídas nesta lista alumnas de literatura galega, que recitaron os seus propios poemas. Os idiomas dos nosos poemas foron o galego, castelá, inglés, portugués, latín, grego, rumano... e non podía faltar a lingua de signos, a cargo de Lola Corzo.

O venres 25 de marzo as alumnas de grego de 2º de BAC recitaron dous poemas de poetas líricos gregos que limos e estudamos na clase. Candela Miguélez recitou un poema de Safo, O que unha ama, onde a autora define o seu innovador concepto da beleza. Raquel Miguélez leunos un poema de Anacreonte no que o poeta invoca ao deus Dioniso para que interceda ante o seu amando Cleobulo.


15/03/22

COMEZAMOS A CAMPAÑA SOS CLÁSICAS VENDO TEATRO EN LUGO



Como todos os anos dende que comezou, e só interrompida en 2021 pola pandemia, o pasado 8 de marzo acudimos á nosa cita do Festival de Teatro Grecolatino de Lugo, nesta ocasión para asistir ás representacións de Bacantes de Eurípides e de Anfitrión de Plauto.
Foi un día estupendo porque, como sempre, as representacións a cargo dodo grupo Noite Bohemia non nos defraudaron. Se pola mañá gozamos dun fermosísimo espectáculo visual con Bacantes de Eurípides, pola tarde o Anfitrión de Plauto gañou ao público facendo que o teatro estoupase en gargalladas.
Antes da representación da mañá, non perdemos o tempo e puidemos visitar a Casa dos Mosaicos e ver o mural de Xulio César de Diego As, que vén de gañar importantes premios. Diante deste mural fixemos unha foto coa pancarta que vedes  en varias destas fotos e inauguramos así a campaña SOS Clásicas, na que alumnado e profesorado estamos en pé de loita  para que as clásicas recuperen no ensino e na vida cotiá o espazo que lles corresponde.

Pero o "pistoletazo" oficial de comezo da nosa campaña foi a lectura dun Manifesto en Defensa das Clásicas que leron tres alumnas do IES Eduardo Pondal de Compostela e a súa profesora, Noelia Cendán.
Pola tarde tivemos unha entrevista no programa da RTVG Fun polo vento onde informamos brevemente da nosa campaña. E a partir de aquí as  nosas redes sociais están que fumegan. Únete a nosa campaña!

Aquí podes ver e descargar as fotos da xornada.

16/02/22

UN ANO MÁIS EMBARCÁNDONOS EN ODISEA

 


Fieles ao Concurso Odisea dende a súa creación, as alumnas e alumnos do IES de Melide non faltaron a convocaoria deste ano.

Nesta ocasión o tema era a Arte nas antigas Grecia e Roma, un tema precioso, pero amplísimo. Adestramos duramente con este material, elaborado polos departamentos de latín e grego e practicamos facendo un montón de preguntas na aula virtual.

Pasamos unha semana moi emocionante e nada menos que catro equipos de Melide, conseguiron a puntuación máxima, 73 puntos. O equipo que empregou menos tempo o día do preguntón, o equipo Apeles de 1º B de BAC, pasou ao desempate autonómico.

O pasado mércores 9, o equipo APELES, formado por Belén Agra Parrado, Brais Lugrís e Diego Pintor Barallobre, conseguiu clasificarse como 2º campeón de Galicia, na fase desempate local que tivo lugar en varias sedes, unha delas o IES Eduardo Pondal de Compostela. Recollerán o seu premio o vindeiro martes 8 de marzo durante o Festival de Teatro de Lugo.

Bravísimo por Belén, Brais e Diego e por todas e todos os participantes. Pasámolo estupendamente e aprendimos un montón, e iso é o mellor premio.

Deixamos aquí a clasificación dos equipos do IES de Melide entre case 200 de toda Galicia.

Orde

Nome do Grupo

Centro

Localidade

Tempo empregado en preguntón

Puntuación Total

APELES

IES DE MELIDE

MELIDE

2 horas, 8 minutos e 28 segundos

101

14º

FRINÉ

IES DE MELIDE

MELIDE

2 horas, 26 minutos e 44 segundos

73

15º

DIONE

IES DE MELIDE

MELIDE

2 horas, 52 minutos e 57 segundos

73

17º

DORÍFORO

IES DE MELIDE

MELIDE

3 horas, 32 minutos e 31 segundos

73

23º

XÚPITER, XUNO, MINERVA

IES DE MELIDE

MELIDE

1 horas, 39 minutos e 20 segundos

71

31º

ESPARTANAS

IES DE MELIDE

MELIDE

2 horas, 54 minutos e 58 segundos

71

35º

OS JAIMES

IES DE MELIDE

MELIDE

1 horas, 51 minutos e 24 segundos

69

94º

ΑΝΕΔΑΒΤΟΝ

IES DE MELIDE

MELIDE

1 horas, 38 minutos e 37 segundos

61

147º

PRAXÍTELES

IES DE MELIDE

MELIDE

3 horas, 27 minutos e 49 segundos

43

148º

MAD-LIONS

IES DE MELIDE

MELIDE

3 horas, 31 minutos e 18 segundos

43