06/01/09

A cabeza de Medusa

Con este título de resonancias mitolóxicas, ven de publicarse a última novela de Marilar Aleixandre, premio da Fundación Caixa Galicia 2008. Nela cóntasenos a historia de Lupe e Sofía, dúas estudantes de 2º de Bac que son violadas ao voltar dunha cea de entroido cos seus compañeiros de instituto. Ao igual que Medusa, as dúas rapazas descubrirán como moitos non se atreven a miralas de fronte e sufrirán a súa propia cabeleira de serpes, debaténdose entre denunciar a agresión ante a xustiza ou rendirse ante as presións do entorno, especialmente dos seus propios compañeiros de instituto. Avanzando as súas páxinas atopámonos con situacións familiares: a vida cotiá no instituto, profes, clases, broncas... sen que falten ligues e amores.
A autora fai un acertado tratamento do mito da Medusa, no que, ao igual que en moitas sociedades actuais, castígase á muller agredida e non ao agresor. Marilar segue a versión do poeta latino Ovidio, quen na súa obra Metamorfoses refírenos como Medusa era una fermosa muller castigada por Atenea (Minerva) cando foi violada por Poseidón no seu templo. A deusa fixo que a súa cabeleira se transformase en serpes e que os seus ollos convertesen en pedra a quen a miraba.

A escritora xa se achegara a mitoloxía clásica e, en concreto, ao poeta Ovidio na súa obra "Mudanzas" (Pen Clube, 2007), poemario inspirado nas "Metamorfoses".

Ningún comentario: