11/05/21

Χαίρετε, παιδιά! ADEUS, RAPACES

 


Despois de despedir ao alumnado do ano pasado, estaba convencida que me ía tocar un tempada de sequía. O curso fora complicado e as cousas non saíron como me gustaría. Estaba resignada a non ter alumnado en 2º de BAC, e tiña como consolo o marabilloso recordo da promoción 2016-2020.

Comezou o curso e en 2º de BAC tiña dous alumnos matriculados, Pablo Quintela Sesar e Iago García Carregal, a miña alegría foi inmensa. Só dous, pero que dous! Pasei todo o curso vendo só as súas miradas por riba da máscara e con iso abondoume. Pablo, sempre atento, cunha mirada cálida e agarimosa, sempre de bo humor e tranquilo, aínda que o forno non estivese para bolos. Iago, coa súa mirada de sorpresa ante cada descubrimento dunha etimoloxía, dun texto...iluminaba a nosa minúscula aula. Ese asombro, ese marabillarse ante o que se aprende, ante a natureza, θαυμάζειν en grego,  foi o que provocou o nacemento da filosofía na Antiga Grecia. Esta alegría por aprender, que eu tiven a sorte de ver neste dous pares de ollos cada día, foron as pilas que me deron a enerxía necesaria para afrontar este ano difícil.

Foi un ano difícil, pero non só pola situación de pandemia que nos atenaza a todos, que non nos permite facer case ningunha das cousas que nos gustan e coas que se aprende de verdade: obradoiros, saídas, viaxes... Paradoxicamente este curso, no que as cousas deberían ser máis fáciles, tivemos que afrontar un traballo maior que o de outros anos, porque os textos propostos pola CIUG para as ABAU de Grego II tiñan un alto nivel de dificultade. Pero Pablo e Iago estiveron a altura e traballaron duro. Aínda nos quedan días de esforzo, presentarémonos a VI Olímpíada de Tradución de Textos Clásicos e despois a ABAU, que Atenea nos axude!

Quédame unha mágoa inmensa de non poder ter feito a nosa viaxe a Grecia, que xa estaba preparada para marzo de 2020 e na que Iago e Pablo ían participar con case 30 rapazas e rapaces máis. Coa declaración do estado de alarma adiámola a setembro, pero a situación sanitaria obrigounos despois a anulala. Cantas veces na clase, explicando calquera cousa, acordábame de todo o que podíamos ter visto en directo! Pero non quero que isto pareza un Diario dun mal ano, como a novela do meu admirado J.M. Coetzee. Con todas as restricións que nos impuxo a pandemia, este foi un curso estupendo grazas a Iago a Pablo. Foi un auténtico pracer ir a clase, facer textos, etimoloxías, explicar literatura... e acabar falando de libros, de películas ou simplemente da vida. Nunca escoitei unha mala palabra, nin sequera apreciei unha mirada cansa. Se algún día Iago ou Pablo fosen profes desexaríalles que tivesen tan bos alumnos como eles mesmos o foron para min.

 Si, xa sei que me repito, que outros anos dixen o mesmo ou parecido, pero é que son unha persona moi afortunada polo feito mesmo de poder repetirme. Só me queda desexarlle esa mesma fortuna, da que eu disfrutei ata agora, a Pablo, Iago e todas as compañeiras e compañeiros da súa promoción.

Ningún comentario: